Soutelinho da Raia, Calvão e Soutelinho da Raia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°49′45.5″N 7°34′37.71″O / 41.829306, -7.5771417

Soutelinho da Raia
Soutelinho da Raia2.JPG
Casa dividida pola fronteira anterior a 1868. A porta da dereita estaría en antigo territorio galego.
FreguesíaCalvão e Soutelinho da Raia
ConcelloChaves
PaísPortugal Portugal
Poboación150 hab. (2011)

Soutelinho da Raia, tamén coñecido coma Souteliño da Raia ou simplemente Souteliño, é un lugar portugués da freguesía de Calvão e Soutelinho da Raia, no concello de Chaves. Unha aldea de Trás-os-Montes que está situada na Raia con Galiza. No ano 2011 tiña 150 habitantes.

Até 1868 era considerado ―canda Cambedo e Lamadarcos― un dos tres pobos promiscuos, por estar situado na propia fronteira, entre Galiza e Portugal. A parte portuguesa constituía freguesía de seu mentres a galega pertencía á parroquia de Videferre.[1] Nese ano, a parte galega foi anexada a Portugal coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864.

A mediados do século XIX tiña unha poboación de 12 veciños galegos e 80 portugueses.[2] Así mesmo, tiña en 1857 16 veciños galegos que equivalían a 70 habitantes.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O lugar de Souteliño era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[4][5] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[2]

En 1864, España e Portugal, após anos de negociacións, asinaron o Tratado de Límites de Lisboa, polo cal Souteliño, xuntamente con Cambedo e Lamadarcos, sería anexado a Portugal. A troco dos denominados pobos promiscuos, o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal,[6] sería incorporado a España ―e por tanto a Galiza―. Este tratado xustificado pra dificultar o contrabando tiña como albo a «anomalía» do Couto Mixto, un territorio soberano desligado da autoridade de ámbolos estados e cuxa desaparición era de interese común pra eles.[5] Ademais, as desprezábeis hectáreas de boa calidade atribuídas ó lugar de Souteliño (5 de 600), tamén a Cambedo e Lamadarcos, puido ser unha maneira de xustificar en España a perda dos pobos promiscuos.[7]

Deste xeito, o 27 de xuño de 1868 realizouse en Souteliño o acto oficial de entrega a Portugal. Igualmente se fixo o día seguinte en Cambedo e Lamadarcos. Algunhas autoridades aínda se mantiveron algún tempo, polo que tras dunha queixa do goberno portugués, o 9 de abril do ano seguinte, o Gobernador de Ourense tivo que ordenar ás «autoridades españolas» que ficaban alí que abandonasen os lugares.[8]

A mudanza dos límites administrativos en 1868 non modificou os eclesiásticos, polo que a parte galega seguiu a pertencer á freguesía de Videferre e por tanto á diocese de Ourense. En 1882, co obxectivo de facer coincidir os límites civís cos relixiosos, executouse unha bula do ano anterior pola cal se incorporaron á arquidiocese de Braga as parroquias do bispado ourensán situadas en territorio portugués: Lamadarcos e Tourém.[9] No entanto, non foron tratados os casos de Souteliño nin de Cambedo, cuxas partes galegas seguirían dentro dos límites eclesiásticos de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Souteliño e Cambedo acabaron sendo incorporados tamén ó arcebispado bracarense o 27 de novembro de 1914.[10]

En 2013, trala reorganización administrativa portuguesa, deixou de formar freguesía de seu e foi incorporada á de Calvão, formando unha nova freguesía denominada Calvão e Soutelinho da Raia coa sede en Calvão.[11]

Lugares e freguesías[editar | editar a fonte]

Lugares de Calvão e Soutelinho da Raia[editar | editar a fonte]

Freguesías de Chaves[editar | editar a fonte]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Madoz, Pascual (1850). Vide-ferri (Sta. Maria). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) XVI (Madrid). p. 37. 
  2. 2,0 2,1 Hernández Figueiredo 2014, p. 233.
  3. Nomenclátor de los pueblos de España (en castelán). Madrid. 1858. p. 632. 
  4. Fulgosio, Fernando (1868). Crónica de la provincia de Orense (en castelán). Madrid. p. 9. O estado dos pobos promíscuos non era menos singular: postos cabalmente na raia de ámbalas nacións, parte dunha casa adoitaba pertencer a España e outra a Portugal. Dese xeito, o veciño perseguido polas autoridades españolas, por exemplo, sen saír da súa morada e con só se presentar na porta, que todas ou case tódalas casas tiñan polas costas, achábase en Portugal e a salvo de todo castigo. Grandes folgos ó crime e á impunidade! 
  5. 5,0 5,1 Cadenas, Delfim (17.6.2014). "A Aldeia do Cambedo e o Couto Mixto". Jornal Mapa. 
  6. Alonso, Antón (4.7.2014). "El Couto Mixto (Ourense) Caso único en Europa" (PDF). Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera (ACPE) (en castelán). 
  7. Salinas Valencia, Máximo (2002). O Couto Mixto: o seu contorno arraiano e os Pobos Promiscuos. Descrición socioeconómica. Asociación de Amigos do Couto Mixto. p. 21. ISBN 84-7680-388-5. 
  8. García Mañá, Luís Manuel (xullo/decembro 2001). "Couto Mixto, unha república esquecida". IGADI. Consultado o 4-6-2016. 
  9. Hernández Figueiredo 2014, pp. 227-229.
  10. Hernández Figueiredo 2014, pp. 231-240.
  11. "Lei n.º 11-A/2013" (PDF). Diário da República. 1.ª serie (19): 38. 28 de xaneiro de 2013. Consultado o 19.1.2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]