Soutelinho da Raia, Chaves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°49′43″N 7°34′29″O / 41.82861, -7.57472

Soutelinho da Raia
Soutelinho da Raia1.JPG
Rua da Alfândega
Freguesia de Soutelinho da Raia.svg
ConcelloChaves, Portugal
PaísPortugal Portugal
Superficie8,57 km²
Poboación150 hab. (2011)
Densidade17,5 hab./km²
Entidades de poboación1

Soutelinho da Raia foi unha freguesía portuguesa de 8,57 km² de área[1] que se localizaba no municipio de Chaves, na Raia con Galiza. No ano 2011 tiña 150 habitantes.

En 2013 pasou a formar parte da nova freguesía de Calvão e Soutelinho da Raia.[2] Porén, eclesiasticamente segue a existir, pertencendo ó arciprestado do Alto Tâmega na diocese de Vila Real.[3]

Estaba formada por un único lugar homónimo, que até 1868 foi considerado ―canda Cambedo e Lamadarcos― un dos tres pobos promiscuos, por estar situado na mesma fronteira, entre Galiza e Portugal, pertencendo a parte galega á parroquia de Videferre. Nese ano, a parte galega foi anexada a Portugal e incorporada á freguesía de Soutelinho da Raia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Soutelinho sitúase no extremo noroccidental do concello de Chaves, a 18 km da súa capital. Limita ó leste coa freguesía de Ervededo, ó sur coa de Calvão, ó oeste co concello de Montalegre e ó norte con Galiza.

Áchase nas alturas da Serra da Panadeira, na súa zona de transición á serra do Larouco. A súa altitude elevada (entre 750 e 850 msnm) determina o seu clima rigoroso, con invernos moi fríos e de abondosas nevaradas.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Freguesía de Soutelinho e mais a parte galega do lugar homónimo na Carta Xeométrica de Galiza de Fontán (1845).

A freguesía de Soutelinho, co seu lugar do mesmo nome, era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[5][6] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[7]

Até 1836 pertenceu ó concello de Chaves. Despois formou parte do antigo concello de Ervededo desde a súa creación en 1836 até a súa extinción en 31 de decembro de 1853, cando pasou de novo para o de Chaves.[8][9]

En 1868, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, en troco do Couto Mixto foron anexados a Portugal as partes galegas dos chamados pobos promiscuos. Deste xeito, foille incorporada a outra parte de Soutelinho, que pertencía á parroquia de Videferre.[10][11] Eclesiasticamente seguiu a pertencer á freguesía galega e por tanto á diocese de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, a parte galega acabou sendo incorporada tamén á arquidiocese de Braga o 27 de novembro de 1914.[12]

A freguesía eclesiástica pertencía ó arcebispado bracarense até que en 1922 pasou a formar parte da nova diocese de Vila Real, igual cás demais freguesías do distrito homónimo.[13]

Foi extinta en 2013, no ámbito da reforma administrativa portuguesa, ó se unir á freguesía de Calvão para formar unha nova freguesía denominada União das Freguesias de Calvão e Soutelinho da Raia coa sede em Calvão.[2]

Demografía[editar | editar a fonte]

1801[8] 1849[14] 1864 1878 1890 1900 1911 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2011
Habitantes 217 330 481 500 551 483 461 478 480 535 559 493 485 342 237 192 150
Gráfica de evolución demográfica de Soutelinho da Raia entre 1864 e 2011
Fonte: Instituto Nacional de Estatística.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Marco fronteirizo n.º 198 da Raia. 

Lugares e freguesías[editar | editar a fonte]

Lugares de Soutelinho da Raia[editar | editar a fonte]

Freguesías de Chaves[editar | editar a fonte]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Carta Administrativa Oficial de Portugal (CAOP), versão 2012.1". Instituto Geográfico Português. 2012. Arquivado dende o orixinal (XLS en ZIP) o 9.11.2013. 
  2. 2,0 2,1 "Lei n.º 11-A/2013" (PDF). Diário da República. 1.ª serie (19): 38. 28 de xaneiro de 2013. Consultado o 19.1.2019. 
  3. "Paróquias do Alto Tâmega". Diocese de Vila Real. Consultado o 20.1.2019. 
  4. "Soutelinho da Raia". Chaves. 30.11.2008. Consultado o 3.2.2019. 
  5. Fulgosio, Fernando (1868). Crónica de la provincia de Orense (en castelán). Madrid. p. 9. O estado dos pobos promíscuos non era menos singular: postos cabalmente na raia de ámbalas nacións, parte dunha casa adoitaba pertencer a España e outra a Portugal. Dese xeito, o veciño perseguido polas autoridades españolas, por exemplo, sen saír da súa morada e con só se presentar na porta, que todas ou case tódalas casas tiñan polas costas, achábase en Portugal e a salvo de todo castigo. Grandes folgos ó crime e á impunidade! 
  6. Cadenas, Delfim (17.6.2014). "A Aldeia do Cambedo e o Couto Mixto". Jornal Mapa. 
  7. Hernández Figueiredo 2014, p. 233.
  8. 8,0 8,1 Espinha da Silveira, Luís Nuno (2001). Os Recenseamentos da População Portuguesa de 1801 e 1849 I. Lisboa: Instituto Nacional de Estatística. p. 349. ISBN 972-673-491-6. 
  9. "Paróquia de Soutelinho da Raia". Arquivo Distrital de Vila Real. Consultado o 3.2.2019. 
  10. Madoz, Pascual (1850). Vide-ferri (Sta. Maria). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) XVI (Madrid). p. 37. 
  11. García Mañá, Luís Manuel (xullo/decembro 2001). "Couto Mixto, unha república esquecida". IGADI. Consultado o 4.6.2016. 
  12. Hernández Figueiredo 2014, p. 231-240.
  13. "A diocese". Diocese de Vila Real. Consultado o 30.12.2018. 
  14. Espinha da Silveira, Luís Nuno (2001). Os Recenseamentos da População Portuguesa de 1801 e 1849 III. Lisboa: Instituto Nacional de Estatística. p. 783. ISBN 972-673-491-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]