Plans quinquenais da URSS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os plans quinquenais para a economía nacional da Unión Soviética (Ruso: пятилетка, pyatiletka) foron unha serie de proxectos nacionais centralizados para o desenvolvemento da economía soviética. Os plans eran deseñados por un comité estatal de planificación que se baseaba teoría das forzas produtivas, unha das principais normas xerais do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) para o desenvolvemento económico. Este método de planificación foi adoptado pola maioría dos países comunistas, incluída a República Popular de China. A Alemaña nazi emulou estes plans no seu Vierjahresplan, destinado a preparar o país para a inminente guerra.

Algúns dos plans quinquenais non cumpriron co período asignado: uns completáronse con éxito antes do previsto, en canto que outros fracasaron e foron abandonados. En total aprobáronse trece plans quinquenais. Os plans iniciais creáronse para a rápida industrialización da URSS, e polo tanto, estaban enfocados cara á industria pesada. O primeiro foi aprobado en 1928 e estaba fixado para o período de 1929 a 1933, mais completouse un ano antes. O último plan quinquenal estaba fixado de 1991 a 1995 e non puido completarse debido á disolución da Unión Soviética en 1991.

Contexto[editar | editar a fonte]

Iósif Stalin herdou a Nova Política Económica (NPE) de Vladimir Lenin e continuou coa súa aplicación. En 1921 convencera o X Congreso do PCUS para aprobar a NPE como substituta do comunismo de guerra implantado durante a guerra civil rusa. No comunismo de guerra, o estado asumira o control de todos os medios de produción, intercambio e comunicación. Ademais, mediante o Decreto sobre a terra, todas as terras foron nacionalizadas e co Código de terras fixouse a colectivización coma un obxectivo a longo prazo. Aínda que os campesiños foran autorizados a traballar as súas terras, o excedente de produción para as súas necesidades era comprado polo estado (segundo as normas deste), polo que os campesiños deixaron de producir e como consecuencia, a produción alimenticia foi requisada. Pouco a pouco o diñeiro foi sendo substituído polo troco e un sistema de cupóns.

A NPE superou os erros do comunismo de guerra. Durante este período o estado controlaba toda as grandes empresas (por exemplo as fábricas, minas, ferrocarrís...) así como as empresas de tamaño medio, mais as pequenas empresas privadas con menos de 20 empregados estaban permitidas. A requisa da produción agrícola foi substituída por un sistema de impostos (unha proporción fixa da colleita) e os campesiños tiñan a liberdade de vender os seus excedentes a un prezo regulado polo estado. Porén, os campesiños eran alentados a unirse ás granxas estatais, os sovjoses (establecidos en terras expropiadas aos nobres tras a revolución de 1917), onde traballaban por un salario fixo, igual ca os traballadores dunha fábrica. Novamente foi posto en circulación o diñeiro coa emisión de novos billetes e respaldados por ouro.

Plans[editar | editar a fonte]

Cada plan quinquenal trataba todos os aspectos do desenvolvemento económico: bens de capital (aqueles utilizados para producir outros bens, coma fábricas e maquinaria), bens de consumo (por exemplo: cadeiras, alfombras, ferramentos), agricultura, transporte, comunicacións, saúde, educación e prestacións sociais. En cada plan enfatizábase máis ou menos un aspecto, mais en xeral, o que máis se enfatizaba era a enerxía (electricidade), os bens de capital e a agricultura. Así mesmo, tamén había obxectivos básicos e óptimos. Especialmente no terceiro plan, fíxose un gran esforzo para trasladar a industria ao este do país para protexela dos ataques durante a Segunda Guerra Mundial. O cumprimento dos obxectivos dos plans quinquenais tiña máxima prioridade como unha medida de progreso cara a un país comunista. O intento de converter unha sociedade campesiña e analfabeta nunha potencia económica nunha década levou consigo un intenso sufrimento, mais o pobo toleraba as dificultades, pois como dixo un traballador: “Os traballadores soviéticos crían na necesidade da loita constante para acadar unha sociedade comunista.

Primeiro plan, 1928–1932[editar | editar a fonte]

Durante este período, Stalin levou a cabo a política de colectivización na agricultura para facilitar un rápido proceso de industrialización mediante a creación de granxas colectivas nas cales os campesiños traballaban conxuntamente a mesma terra coa mesma maquinaria.

Este proceso tiña como obxectivo mellor a eficacia da agricultura e eliminar aos terratenentes ou “kulaks” que non se mostraban favorables cara o réxime soviético, ao mesmo tempo que pretendía mellorar as condicións de vida dos campesiños pobres. Esta desorde foi unha das causas da fame de 1932. De 1928 a 1940 o número de traballadores da industria, construción e transporte incrementouse de 4,6 millóns a 12,6 millóns e a produción fabril disparouse. O primeiro plan quinquenal de Stalin axudou á URSS a converterse nunha destacada nación industrial.

Segundo plan, 1933-1937[editar | editar a fonte]

Despois de ver os éxitos acadados co primeiro plan, Stalin non dubidou en continuar cos plans sucesivos en 1933. O segundo plan otorgoulle gran prioridade á industria pesada, o que situou á Unión Soviética preto de Alemaña coma un dos principais países produtores de aceiro a nivel mundial. Producíronse melloras nos sistemas de comunicacións, especialmente nas vías do ferrocarril, o que converteu este transporte en máis rápido e fiable. Este segundo plan non tivo tanto éxito coma o anterior, pois non acadou os niveis de produción recomendados en industrias coma a do carbón ou a do petróleo.

Introducíronse os incentivos e os castigos e os obxectivos foron suavizados debido o éxito do primeiro plan, que foi rematado antes do previsto (só catro anos).

Coa introdución da puericultura, as nais foron alentadas a traballar para contribuír ao éxito do plan.

Terceiro plan, 1938-1941[editar | editar a fonte]

O terceiro plan tivo unha duración de tan só tres anos, ata 1941, cando Alemaña invadiu a Unión Soviética durante a Segunda Guerra Mundial. Segundo se achegaba a guerra, destinábanse máis recursos para armamento, así como á construción de fábricas de produtos militares ao este dos Montes Urais.

Os dous primeiros anos deste plan puxeron de manifesto a decepción en termos dos obxectivos de produción fixados. Con todo, rexistrouse unha taxa anual de crecemento de entre o 12% e o 13% durante a década de 1930.

Cuarto e quinto plans, 1945-1955[editar | editar a fonte]

En 1945, Stalin prometera que a URSS sería líder industrial mundial en 1960. Nesta época, a URSS fora devastada pola guerra. Segundo datos oficiais, foron espoliadas e arruinadas 98 000 granxas colectivas, o que supuxo grandes perdas materiais (137 000 tractores, 49 000 cultivadoras, 7 millóns de cabalos, 17 millóns de reses, 20 millóns de porcos, 27 millóns de ovellas) e a destrución do 25% dos bens de capital totais de 35,000 fábricas, de 6 millóns de edificios, incluíndo 40 000 hospitais, en 70 666 vilas e 4 710 pobos, o 40% da vivenda urbana foi destruído, deixando así a 25 millóns de persoas sen fogar; arredor dun 40% das vías ferroviarias foron destruídas. Oficialmente, morreron 7,5 millóns de militares máis 6 millóns de civís, quizais morreron uns 20 millóns de persoas en total. En 1945, a minería e a metalurxia tan só supoñían o 40% dos niveis de 1940, a enerxía eléctrica baixou ata un 52%, o ferro fundido 26% e o aceiro 45%, mentres que a produción de comida supoñía un 60% do nivel acadado en 1940. Despois de Polonia, a URSS foi o país máis devastado pola guerra e a reconstrución viuse obstaculizada pola escaseza crónica de man de obra debido ao gran número de baixas soviéticas na guerra. Por outra parte, 1946 foi o ano máis seco dende 1891, o que tivo como consecuencia unha colleita pobre.

Os EE.UU. e a URSS foron incapaces de chegar a un acordo sobre un préstamo por parte dos primeiros para axudar á reconstrución do país, e isto foi un factor que contribuíu á rápida escalada de tensión na Guerra Fría. Porén, a URSS beneficiouse das reparacións de guerra de Alemaña, e obrigou aos países de Europa do este a pagar impostos aos soviéticos por liberalos dos nazis. En 1949 fundouse o Consello de Axuda Mutua Económica (CAME), que facilitou a unión económica dos países do bloque do este. Un terzo do capital do cuarto plan investiuse na Ucraína, unha das zonas máis devastadas pola guerra, debido á súa industria e agricultura.

Sexto plan, 1956-1960[editar | editar a fonte]

En 1956, tras a morte de Stalin en 1953, Nikita Khruschev levou a cabo outro plan para potenciar a industria. A nacionalización, a campaña das terras virxes, a creación dun salario mínimo, unha reforma xeral dos salarios e a produción de bens de consumo que en troques elevou o nivel de vida do pobo soviético, foron algunhas das políticas económicas desenvolvidas por Khruschev.

Sétimo plan, 1959-1965[editar | editar a fonte]

Este plan aprobouse no XXI Congreso do PCUS en 1959 e foi unha reconsideración do anterior. Foi un período de crecemento económico na Unión Soviética.

Oitavo plan, 1966-1970[editar | editar a fonte]

O oitavo plan tivo como consecuencia que a cantidade de cereal exportado se duplicase.

Noveno plan, 1971-1975[editar | editar a fonte]

A URSS importou máis de 14,5 millóns de toneladas, gran parte dos EE.UU., o que relaxou as tensións existentes entre os dous países e permitiu continuar co comercio entre eles. O principal obxectivo do plan era incrementar a cantidade de bens de consumo para así mellorar o nivel de vida. Malia non acadar completamente o seu obxectivo, mellorouse significativamente a tecnoloxía informática soviética.

Décimo plan, 1976-1981[editar | editar a fonte]

Brezhnev describiu este plan como “Período de calidade e eficiencia”.

Undécimo plan, 1981-1985[editar | editar a fonte]

Durante este plan a URSS importou anualmente 42 millóns de toneladas de cereal, case o duplo que durante o décimo plan e tres veces máis que durante o noveno (1971-1975). A metade deste gran foi vendida por Occidente; así, en 1985 o 94% das importacións de gran soviéticas procedían do mundo capitalista, por exemplo, os EE.UU. vendéronlle 14,1 millóns. Porén, as exportacións soviéticas cara occidente eran sempre maiores que as importacións, por exemplo en 1984 as exportacións totais ao este supuxeron 21,3 miles de millóns de rublos, mentres que as importacións 19,6 billóns de rublos.

Duodécimo plan, 1986-1990[editar | editar a fonte]

O último plan tiña como eslogan uskoreniye (aceleración), e como o seu nome indica o seu obxectivo era fomentar o desenvolvemento económico, mais rapidamente se esqueceu en favor doutro moito máis suavizado, a perestroika, que rematou cunha fonda crise económica na maioría das áreas económicas e unha caída na produción. A lei de empresas estatais de 1987 e os decretos de contabilidade económica e autofinanciamento que a seguiron tiñan como obxectivo a descentralización e a superación da economía planificada.

Decimoterceiro plan, 1991-1995[editar | editar a fonte]

Este plan, que debía ter vixencia ata 1995 só durou un ano debido á disolución da URSS en 1991.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Furr, Grover (2011): The Evidence That Every “Revelation” of Stalin’s (and Beria’s) Crimes in Nikita Khrushchev’s Infamous “Secret Speech” to the 20th Party Congress of the Communist Party of the Soviet Union on February 25, 1956, is Provably False.
  • Martens, Ludo (1994). Otra mirada sobre Stalin. Editorial Rodina