Tiburón balea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tiburón balea
Rhincodon typus

Rango fósil: paleoceno - actualidade[1]

Tiburón balea
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Superorde: Selachimorpha
Orde: Orectolobiformes
Familia: Rhincodontidae
J. P. Müller & Henle, 1839
Xénero: Rhincodon
Smith, 1829
Especie: R. typus
Nome binomial
Rhincodon typus
Smith, 1828
Distribución xeográfica do tiburón balea
Distribución xeográfica do tiburón balea

Distribución xeográfica do tiburón balea

O tiburón balea,[2] Rhincodon typus, é unha especie de peixe cartilaxinoso elasmobranquio da orde dos orectolobiformes, único membro da familia dos rincodóntidos (Rhincodontidae) e do xénero Rhincodon.

É o peixe máis grande do mundo, que pode excepcionalmente alcanzar os 20 m de longo e un peso de 34 t. Porén, o tamaño dos espécimes observados está en xeral comprendido entre os 4 e os 14 m de lonxitude.

Masivo, desprázase lentamente por augas cálidas e temperadas de todos os mares abertos e océanos. Desprovisto de agresividade, este tiburón é totalmente inofensivo para o home; a semellanza da balea azul, o seu equivalente entre os mamíferos da megafauna mariña, este xigante dos mares aliméntase principalmente de plancto, é dicir, de algas e animais microscópicos que absorbe pola súa ancha boca.

Estímase que pode vivir entre 100 e 150 anos,[3] aínda que o máis vello espécime recollido tiña ao redor de 70 anos de idade.[4]

Estímase que habita na Terra desde o paleoceno, hai sesenta millóns de anos.[1]

Aínda que no hai datos precisos sobre o total da súa poboación actual, a especie considérase como vulnerábel.[5]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1839 polos médicos e zoólogos alemáns Johannes Peter Müller e Friedrich Gustav Jakob Henle.[6] O xénero, foino en 1829 polo naturalista británico Andrew Smith,[7] quen, en 1828, xa describira a especie.[8]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Familia Rhincodontidae Müller & Henle, 1839
  • Xénero †Palaeorhincodon
    • Palaeorhincodon daouii
    • Palaeorhincodon dartevellei
    • Palaeorhincodon wardi
    • Palaeorhincodon ypresiensis
  • Xénero Rhincodon Smith, 1829

Sinónimos[editar | editar a fonte]

A familia foi coñecida como a dos rinodóntidos, Rhinodontidae (e o xénero como Rhinodon), antes de 1984.[9]

Ao longo do tempo, a especie foi coñecida polos seguintes sinónimos:[8]

  • Micristodus punctatus Gill, 1865
  • Rhicodon typus Smith, 1828 (incorrecto)
  • Rhineodon typus Smith, 1828 (incorrecto)
  • Rhiniodon typus (Smith, 1828)
  • Rhinodon pentalineatus Kishinouye, 1901
  • Rhinodon typicus J. P. Müller & Henle, 1839
  • Rhinodon typicus Smith, 1845

Nome vulgar[editar | editar a fonte]

O primeiro exemplar identificado medía 4,6 m de lonxitude e foi capturado nas costas de Table Bay, Suráfrica, en 1828. O espécime foi vendido por 6 £, e o seu holotipo móstrase no Museo de Historia Natural de París.[10]

A primeira cita científica foi dada ao ano seguinte por Andrew Smith, un médico militar do exército británico, ed naturtalista, que se encontraba destacado na Cidade do Cabo. En 1849 publicou unha descrición máis detallada da especie, á que denominou Rhinodon typicus (despois coñecida como Rhinodon typus, e hoxe como Rhincodon typus).

Déuselle o nome vulgar inglés de whale shark (tiburón balea) debido á fisioloxía do peixe, xa que se trata dun tiburón pero ten un tamaño comparábel ao dunha balea e ademais, como estas, aliméntase de plancto. Na relixión vietnamita venérase como unha deidade, e denomínase "Ca Ong", que significa literalmente "Señor Peixe".

Características[editar | editar a fonte]

Tiburón balea no Georgia Aquarium (Atlanta, Xeorxia). Compárese o tamaño co dos espectadores.

Morfoloxía xeral[editar | editar a fonte]

O corpo do tiburón balea é hidrodinámico, alongado e robusto, e presenta varios resaltes lonxitudinais na cabeza e no dorso. A cabeza é ancha e aplanada, e aos lados sitúanse os pequenos ollos, sen pálpebras, detrás dos cales están situados os espiráculos. A súa enorme boca pode chegar a medir até os 2 m de ancho, o que lle permite filtrar 2.000 t de auga por hora. A boca presenta gran número de minúsculos dentes dispostos en 300 fileiras en cada mandíbula.[11][12].

Os cinco pares de fendeduras branquiais, moi longas, ademais de para a súa función respiratoria, serven para filtrar a auga para separar o alimento antes da súa deglutición.

Tamaño[editar | editar a fonte]

O tamaño dos tiburóns balea foi obxecto dunha serie de afirmacións máis ou menos xustificadas. Observacións feitas no océano Índico revelaron que o seu tamaño oscilaba case sempre entre os 4 e os 14 m (95 % das observacións), cun máximo de observacións entre os 5,50 e os 10 m (71 % dos casos).[4] Pode alcanzar, por tanto, unha lonxitude máxima da orde dos 14 m, e mesmo un tamaño máximo de 20 m, e un peso de ao redor das 34 t (que foi rexistrado unha vez, en 1999).[4]

Tamaño en comparación co dun humano.

O espécime máis grande do que hai rexistro fiábel foi capturado o 11 de novembro de 1947, e augas da illa de Baba, cerca de Karachi, Paquistán. Medía 12,65 m de longo e pesaba máis de 21,5 t.[13]

Porén, existen moitas historias de tiburóns balea máis grandes, mencionándose lonxitudes de por riba dos 18 m que, por outra parte, non son nada estrañas na literatura popular, pero non existen rexistros nin probas científicas que sustenten a súa existencia.

En 1868, o botánico irlandés Edward Perceval Wright, mentres veraneaba nas illas Seychelles, observou algúns espécimes de tiburóns balea, e asegurou que vira exemplares de máis de 15 m de lonxitude, e incluso algún que supera os 21 m.

E nunha publicación de 1925, Hugh McCormick Smith describiu un tiburón balea de enorme tamaño atrapado nunha trampa para peixes de bambú en Tailandia en 1919. O tiburón era demasiado pesado como para desembarcalo en terra firme, pero Smith estimou que a súa lonxitude era de polo menos 17 m, e que o seu peso rondaría as 37 t, aínda que máis tarde se exaxeraron estas cifras, chegándose a afirmar que medía 17,98 m e que pesaba 43 t. Incluso houbo avisos de tiburóns balea de 23 m. En 1934, un barco chamado Maurguani topou cun tiburón balea mentres navegaba polo sur do océano Pacífico, e golpeouno, o que fixo que quedara bloqueado na proa do barco; cóntase que medía 4,6 ms por un lado do barco e 12,2 m polo outro.[14] De todos os xeitos, nom existe documentación fiábel sobre ningún destes feitos, polo que seguen a ser pouco máis que "lendas mariñas".

O tiburón balea é o máis grande peixe existente nos nosos días, e unicamente os Leedsichthys e os megalodón, desaparecidos hoxe, o superaban en tamaño. No resto do reino animal é, porén, superado pola balea azul, mamífero que pode alcanzar os 30 m e as 170 t.

Pel[editar | editar a fonte]

Tiburón balea no Acuario de Osaka.

A pel do tiburón balea é moi grosa —pode alcanzar os 15 cm de espesor— e é máis dura que a de calquera outra especie animal; está cuberta, como en todos os elasmobranquios, por dentículos dérmicos. É o seu principal medio de defensa.[15]

A coloración da rexión ventral é totalmente branca, mentres que o seu dorso é dunha cor agrisada, máis escura que a da maioría dos tiburóns, con multitude de pencas e liñas horizontais e verticais de cor branca ou amarelada, de tal forma que asemella un taboleiro de xadrez ou "dameiro". Estas manchas representan un patrón único en cada espécime, polo que se utilizan para identificalos e para censar as súas poboacións.[16]

Aletas[editar | editar a fonte]

A primeira aleta dorsal ten unha forma globalmente triangular. O extremo é arredondado nos individuos xuvenís e faise máis angulosa coa idade. As súas caras teñen a mesma librea en "taboleiro de xadrez" que o dorso do corpo. A segunda aleta dorsal é máis pequena.

As aletas pectorais, potentes, teñen forma de fouce. A súa cara superior é de cor escura e presenta manchas claras, mentres que a inferior é branca.

A aleta caudal é heterocerca, co lobo superior moito máis grande que o inferior (esta asimetría é menos pronunciada nos adultos). É a que lle proporciona a forza motriz ao animal. Porén, o tiburón balea non é un gran nadador; utiliza todo o seu corpo para nadar, desprazándose a unha velocidade media de 5 km/h, unha velocidade relativamente lenta para un peixe se tan gran tamaño.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Jurassic Shark (2000), documental de Jacinth O'Donnell, producido por Anglia Television e emitido por Discovery Channel o 5 de agosto de 2006.
  2. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  3. Rhincodon typus en ADW.
  4. 4,0 4,1 4,2 Rhincodon typus Smith, 1828 en FishBase.
  5. Rhincodon typus Arquivado 18 de setembro de 2019 en Wayback Machine. na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
  6. Rhincodontidae Müller & Henle, 1839 no WoRMS.
  7. Rhincodon Smith, 1829 no WoRMS.
  8. 8,0 8,1 Rhincodon typus Smith, 1828 no WoRMS.
  9. van der Land, J. et. al. (2001).
  10. Compagno, L. J. V. (2001): Sharks of the World: An Annotated and Illustrated Catalogue of Shark Species Known to Date, vol. 2: Bullhead, Mackerel and Carpet Sharks (Heterodontiformes, Lamniformes and Orectolobiformes). Roma: FAO. ISBN 92-5-104543-7.
  11. Rhincodon typus (Smith, 1828) en "Species Fact Sheets". Fisheries and Aquaculture Department. Food and Agriculture Organization of the United Nations (FAO).
  12. Descrición do tiburón balea Arquivado 05 de setembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
  13. Wood, Gerald W. (1990): Animal Facts and Feats. Sterling Pub. Co. Inc. ISBN 0-85112-235-3.
  14. Maniguet, Xavier (1991): Jaws of Death. HarperCollins Publishers. ISBN 0-0071-5690.1.
  15. Taylor, J. G. (1994): Whale Sharks, the giants of Ningaloo Reef. Sydney, Australia: Angus & Robertson. ISBN 0-207-18498-4.
  16. Os hábitos alimentarios do tiburón balea (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Compagno, L. J. V. (2001): Sharks of the World: An Annotated and Illustrated Catalogue of Shark Species Known to Date, vol. 2: Bullhead, Mackerel and Carpet Sharks (Heterodontiformes, Lamniformes and Orectolobiformes). Roma: FAO. ISBN 92-5-104543-7.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. e Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds. European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: pp. 357–374. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]