Johannes Peter Müller
Johannes Peter Müller, nado en Coblenza o 14 de xullo de 1801 e finado en Berlín o 28 de abril de 1858, foi un médico, anatomista e fisiólogo alemán que realizou moi importantes achegas nos campos da fisioloxía, a neurobioloxía, a embrioloxía e a zooloxía.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Müller naceu o 14 de xullo de 1801 en Coblenza, daquela capital do departamento de Rin e Mosela, do Imperio Napoleónico (1804–1815). En 1819, xa integrado o territorio no Reino de Prusia despois do Tratado de Versalles, entrou na Universidade de Bonn, onde cursou medicina, converténdose en Privatdozent en 1824, profesor extraordinario de fisioloxía en 1826 e profesor ordinario en 1830. En 1833 obtivo a cátedra de anatomía e fisioloxía da Universidade Humboldt de Berlín, onde permaneceu até a súa morte.
Obra
[editar | editar a fonte]Fisioloxía
[editar | editar a fonte]A achegas de Müller á fisioloxía foron múltiplas, destacando o seu estudo da voz, a fala e o oído, así como das propiedades físico-químicas do sistema linfático, o quilo e o sangue.
O seu libro de texto Handbuch der Physiologie des Menschen (1833 - 1840) marcou o inicio dun novo período no estudo da fisioloxía. Por primeira vez, os resultados da anatomía comparada en humanos, así como da química e outras ciencias naturais, uníanse na investigación de problemas fisiolóxicos. A parte máis importante deste traballo estaba dedicada á acción nerviosa e aos mecanismos sensitivos. Nela, Müller estableceu por primeira vez o principio segundo o cal o tipo de sensación que segue a un estímulo non depende do modo de estimulación, senón da natureza do órgano sensitivo. Deste modo, a luz, a presión ou a estimulación mecánica que actúan sobre a retina e o nervio óptico producen invariabelmente impresións luminosas.
No campo da fisioloxía dos sentidos, Müller, en 1820, formulou a teoría da enerxía específica dos nervios, na que afirmaba que cada sensación estaba determinada pola actividade específica dos nervios sensoriais que lle servían de medio de transmisión, independentemente de cal fora o estímulo que causara esa actividade. Esta idea da psicofísica, porén, demostrouse que era incorrecta.
Anatomía e embrioloxía comparadas
[editar | editar a fonte]Na última etapa da súa vida académica, Müller dedicouse á anatomía comparada, especialmente dos peixes e os invertebrados mariños. Müller foi un gran defensor da teoría vertebral do cranio, apoiándose nas súas observacións embriolóxicas.
Legado
[editar | editar a fonte]As súas ensinanzas exerceron unha grande influencia sobre numerosos científicos célebres como:
- Hermann von Helmholtz
- Emil du Bois-Reymond
- Theodor Schwann
- Friedrich Gustav Jakob Henle
- Carl Ludwig
- Emil du Bois-Reymond
- Ernst Haeckel
- Albert von Kölliker
- Wilhelm Peters
- Rudolph Virchow
- Wilhelm Wundt
Principais obras
[editar | editar a fonte]- Zur vergleichenden Physiologie des Gesichtssinns (1826)
- Über die phantastischen Gesichtserscheinungen (1826)
- Bildungsgeschichte der Genitalien (1830)
- De glandularum secerneniium structura (1830)
- Vergleichende Anatomie der Myxinoiden (1834-1843)
- Systematische Beschreibung der Plagiostomen (1841) con Friedrich Gustav Jakob Henle
- System der Asteriden (1842) con Franz Hermann Troschel
- Horae ichthyologicae (1845-1849) co anterior
- Despois da morte de Johann Friedrich Meckel (1781-1833) editou o seu Archiv fur Anatomie und Physiologie.
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura J. P. Müller emprégase para reccoñecer a Johannes Peter Müller como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Predecesor: Heinrich Wilhelm Dove |
Medalla Copley 1854 |
Sucesor: Jean Bernard Léon Foucault |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Johannes Peter Müller |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Johannes Peter Müller |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Haggard, H. W. (1938):"The Conception of Cancer Before and After Johannes Müller". Bulletin of the New York Academy of Medicine 14 (4): 183–197.
- Jahn, Ilse (1997); Müller, Johannes en Neue Deutsche Biographie (NDB). 18: 425. Berlin: Duncker & Humblot. ISBN 3-428-00199-0 (en alemán).
- Otis, Laura (2007): Müller's Lab. Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-530697-2 Recensión en N Engl J Med 357: 2740-2741. (en inglés)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía e referencias bibliográficas no Instituto Max Planck de Historia das Ciencias (en inglés)