Tesouro de Baltimore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Baltimore
20 dólares Liberty Head (1856-O)
Unha peza similar foi a máis valiosa do tesouro,
vendida en 1935 por 105 dólares

· Data do depósito: século XX.

· País: Estados Unidos.

· Descubridores: Theodore Jones e Henry Grob.

· Lugar de aparición: Baltimore, Maryland.

· Data do achado: 1934-1935.

· Composición: moedas dos Estados Unidos.

· Materiais: ouro.

O tesouro de Baltimore é un tesouro composto por 3.558 moedas estadounidenses de ouro, descuberto casualmente en 1934 por dous adolescentes en Baltimore, Maryland, cando xogaban no soto da casa onde residía un deles. O tesouro estaba disposto en dous recipientes de cobre que contiñan as moedas.

Un ano máis tarde, os dous rapaces volveron ao lugar e descubriron un segundo tesouro. O valor total de ambos os achados foi de 30.000 dólares da época.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro achado[editar | editar a fonte]

O 31 de agosto de 1934, Theodore Jones, de 16 anos, e Henry Grob, de 15 anos, estaban a cavar no soto dunha casa no número 132 de South Eden Street, en Baltimore, Maryland, onde Jones residía de alugueiro xunto coa súa nai.[1] As propietarias do inmoble eran Elizabeth H. French e Mary P. B. Findlay.[2][3] Os dous rapaces formaran un club e pretendían crear un acocho para as cotas que lles pensaban cobrar a outros rapaces que entrasen a formar parte del. Ao cavaren no chan bateron co que semellaba un obxecto duro.[4]

O resultado foi a aparición de dúas olas de cobre que contiñan 3.558 moedas estadounidenses de ouro, con valores faciais de 1 dólar (2.840 pezas), de 2½ dólares (65 pezas), 5 dólares (255 pezas), 10 dólares (81 pezas) e 20 dólares (317 pezas), todas elas das décadas de 1830, 1840 e 1850.[1][5] Os descubridores decidiron entregar o tesouro ás autoridades e informar do achado na comisaría local da Policía.[3]

Ambos os rapaces eran orfos de pai e vivían coas súas respectivas nais, cunha axuda gobernamental. Como o ouro se descubriu en 1934, a Lei do Ouro dos Estados Unidos de 1933 obrigábaos a entregar o ouro ao Goberno, a cambio do seu valor nominal.[1] Ao pouco tempo do achado, Theodore e Henry posaron para unha foto co tesouro e declararon que pretendían axudar ás súas nais coa recompensa polo achado.[6] Aínda que lles ofreceron ás propietarias da casa unha cuarta parte do valor do achado, estas non aceptaron e esixiron a metade. Finalmente, logo dun proceso xudicial, os tribunais determinaron que as propietarias do edificio non tiñan dereito a ningunha parte do tesouro.[7]

O segundo achado[editar | editar a fonte]

En 1935 os dous rapaces decidiron escavar novamente no mesmo soto e descubriron un novo tesouro de moedas de ouro, cun valor estimado de 10.000 dólares da época. Desta volta, decidiron darlles ás súas nais senllas partes proporcionais para que as vendesen. Sábese que a nai de Henry Grob vendeu a súa parte por 3.400 dólares.[8] O valor total de ambos os achados, o de 1934 e o de 1935, era de 30.000 dólares da época.[9] Henry Grob afirmou que lle aconsellaran que ficase co ouro do segundo descubrimento e que non revelase nada.[10]

O 2 de setembro de 1935, uns ladróns forzaron unha fiestra do apartamento dos Jones, preto da escaleira de incendios. A casa foi saqueada e rompeuse o cadeado dun baúl do segundo andar.[10] Ao parecer, roubaron as moedas restantes e os cartos obtidos a raíz da venda de parte do segundo achado: 5.000 dólares en ouro e 3.100 dólares en efectivo.[11]

Aspectos legais e venda[editar | editar a fonte]

Portada do catálogo da poxa das moedas do primeiro achado, levada a cabo en Baltimore por Perry W. Fuller en maio de 1935.

Cando se soubo da existencia do primeiro tesouro, aproximadamente unha ducia de persoas reclamaron o ouro,[4] e houbo numerosos procedementos legais nos que as outras partes o reclamaban para si.[1] O xuíz O'Dunne viu o caso e rexeitou todas as demandas, agás a dos rapaces que atoparon o tesouro.[4] No seu fallo, o xuíz ordenou que as moedas se vendesen en poxa pública e que se lles concedesen os correspondentes beneficios aos seus lexítimos propietarios: Jones e Grob.[3]

Así as cousas, o 2 de maio de 1935 celebrouse a poxa no Hotel Lord, de Baltimore, baixo a dirección do comerciante numismático desa cidade Perry W. Fuller. O prezo de remate total de todas as pezas ascendeu a 19.558,75 dólares; é dicir, preto do dobre do valor nominal das moedas.[1] A peza máis salientable da venda foi unha moeda de 20 dólares Liberty Head cuñada en 1856 na Ceca de Nova Orleáns, que se adxudicou en 105 dólares.[3] Os dous cativos asistiron á poxa, sentados na derradeira fila.[12]

Así e todo, a decisión xudicial de 1935 pola que se lles concedía a propiedade das moedas foi recorrida e o caso non se resolveu definitivamente ata 1937.[9] Aos dous rapaces correspondéronlles 10.000 dólares a cada un (7.000 despois das custas procesuais e os honorarios dos avogados), que pasarían a estar ao seu dispor cando fixesen os 21 anos da maioría de idade.[13]

Henry Grob nunca chegou a cobrar a súa parte do achado, porque morreu mentres continuaba o litixio pola posesión do ouro.[14][9] Estivera a traballar nunha empacadora por 16 dólares e contraeu pneumonía; estivo ingresado unha semana no Hospital Xeral do Sur de Baltimore e finou desa doenza o 25 de agosto de 1937.[14][15]

Houbo tamén unha batalla xudicial sobre o segundo tesouro, iniciada polas propietarias do edificio. O xuíz Dennis encargouse deste caso e determinou que os rapaces tiñan dereito ao diñeiro deste segundo achado porque "as condicións que rodeaban ambos os achados non eran o suficientemente diferentes como para xustificar a entrega do segundo aos propietarios".[2]

Teorías sobre a orixe do tesouro[editar | editar a fonte]

Ao pouco de darse a coñecer o primeiro descubrimento, comezaron a xurdir hipóteses sobre o seu primeiro propietario e os seus motivos para o esconder. Consonte unha delas, agocháraas un capitán dun barco dedicado ao comercio de café entre o Brasil e o porto de Baltimore, que vivira na casa coas súas dúas irmás. Segundo outra historia, publicada no número de outubro de 1935 da revista The Numismatist, suxeríase que "as moedas poderían ter sido soterradas en abril de 1861 por un residente asustado polo paso das tropas federais (sic) pola cidade; a casa está situada preto do depósito no que as tropas desembarcaron en Baltimore".[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Rasmussen, F. (2008). "Treasure in the cellar brought more trouble than riches". En Baltimore Sun. 7 de setembro.
  2. 2,0 2,1 "Boys Given Gold Found in Cellar". En The Evening Sun. 29 de decembro de 1937.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Bowers, Q. D. (2021). "Gold Hidden in a Baltimore Cellar". Stacksbowers.com. 21 de decembro.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Two Baltimore Boys Awarded Gold Hoard". En Cumberland Evening Times. 16 de febreiro de 1935.
  5. Lindheim, L. (1973). "U.S. Still Harbors Prize Coin Caches". En Fort Worth Star-Telegram. 29 de abril.
  6. "Finders Keepers? Maybe Not". En The Evening Sun. 3 de setembro 1934.
  7. Johnson, T. M. (1937). "It's Happened Just Often Enough To Keep Alive Everyone's Hope of Finding Buried Treasure". En Hartford Courant. 16 de maio.
  8. "Youths Find More Gold". En The Nebraska State Journal. 4 de setembro de 1935.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Finders Keepers is Court Rule in Gold Discovery". En Medford Mail Tribune. 30 de decembro de 1937.
  10. 10,0 10,1 "$10,000 More in Gold is Dug Up in Cellar; Burglars Take Part". En The Evening Sun. 3 de setembro de 1935.
  11. "Find Fortune, Thief Gets It". En The Des Moines Register. 4 de setembro de 1935.
  12. "Battle Over Pot of Gold Discovery". En Los Angeles Evening Post-Record. 3 de maio de 1935.
  13. "Boy Who Found Fortune in Old Gold Dies at 18". En The Baltimore Sun. 25 de agosto de 1937.
  14. 14,0 14,1 "Fortune Finder's Funeral Arranged". En The Evening Sun. 25 de agosto de 1937.
  15. "Death Prevents Use of Gold Lad found". En The Spokesman-Review. 25 de agosto de 1937.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Augsburger, L. (2008). Treasure in the Cellar: A Tale of Gold in Depression-Era Baltimore. Maryland Historical Society, Baltimoer. ISBN 978-0938420972

Outros artigos[editar | editar a fonte]