Taenia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Taenia
T. saginata
T. saginata
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Platyhelminthes
Clase: Cestoda
Orde: Cyclophyllidea
Familia: Taeniidae
Xénero: Taenia
Especie tipo
''T. solium''
Linnaeus, 1758

Taenia é un xénero de vermes planos Cestodos ciclofílidos, organismos chamados tenias, entre os que se inclúen importantes parasitos dos animais e do home. Especies deste xénero son responsables da teníase e a cisticercose nos humanos. Hai máis de 100 especies rexistradas neste xénero. Morfoloxicamente caracterízanse por ter un corpo en forma de fita composto por segmentos chamados proglótides; e da súa forma deriva o seu nome, xa que en grego tainía significa fita, vendaxe ou faixa). O extremo anterior do corpo é un órgano de fixación con ventosas e ás veces ganchos chamado escólex. Non todos os membros do xénero Taenia teñen un escólex armado con ganchos ou espiñas (por exemplo, Taenia saginata non os ten, pero Taenia solium si).[1]

As proglótides teñen un ovario central, cun vitelario (glándula da xema) na parte posterior. Como en todos os cestodos ciclofílidos, hai un poro xenital a cada lado de cada proglótide. Os ovos libéranse cando a proglótide se desprende do corpo e se deteriora, xa que non teñen un poro uterino para a saída dos ovos.

Exemplos de especies[editar | editar a fonte]

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Un par de proglótides desecadas, que parecen sementes de sésamo e que conteñen moitos ovos.

O ciclo de vida empeza cando se liberan polas feces ovos ou proglótides grávidas cheas de ovos. Os ovos libres (embrióforos) levan oncosferas (tamén chamados embrións hexacantos). Os ovos son resistentes e duran de días a meses no medio ambiente. Algunhas veces, como pasa en T. saginata, eses segmentos (proglótides ou cadeas de proglótides) son aínda móbiles despois da excreción, baleiran os seus ovos en poucos minutos ou, nalgunhas especies, retéñenos agrupados e agardan á chegada dun hóspede vertebrado axeitado. O hóspede intermediario (gando, porcos, roedores, etc., segundo a especie de verme) debe despois inxerir os ovos ou as proglótides. Se o hóspede é da especie correcta, o embrióforo eclosiona, e os embrións hexacantos invaden a parede do intestino delgado do hóspede intermediario para viaxar despois ao músculo estriado onde se desenvolven como larvas cisticercos. Alí crecen, e diferéncianse nesta forma larvaria que parece unha vesícula (e creuse erradamente ata mediados do século XIX que era outra especie de parasito), que é infecciosa para o hóspede definitivo en canto desenvolva un escólex invaxinado (protoescólex). Para continuar o proceso, o hóspede definitivo debe comer carne mal cocida ou crúa do hóspede intermediario. Unha vez que está no hóspede definitivo, a vesícula é dixerida, o escólex insírese na parede intestinal, e o colo empeza a producir segmentos que formarán o corpo do verme ou estróbilo. Aparecen novos ovos nas feces do hóspede definitivo xeralmente de seis a nove semanas despois, e o ciclo volve a repetirse.

Taenia saginata ten unhas 1.000-2.000 proglótides e cada unha das proglótides grávidas contén 100.000 ovos, mentres que Taenia solium ten unhas 1.000 proglóties e cada proglótide grávida ten 60.000 ovos aproximadamente.[3]

Tratamento[editar | editar a fonte]

O tratamento máis común é con praziquantel (PZQ).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Roberts, L.S. and Janovy, John Jr. Foundations of Parasitology 7th Edition. McGraw-Hill. 2005.
  2. Sachs, R (1969). "Untersuchungen zur Artbestimmung und Differenzierung der Muskelfinnen ostafrikanischer Wildtiere". ZARRAYropenmedizin und Parasitologie 20 (1): 39–50.
  3. 3,0 3,1 http://www.dpd.cdc.gov/DPDx/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazósn externas[editar | editar a fonte]