Suite Lemminkäinen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Suite Lemminkäinen
de Jean Sibelius
Jean Sibelius by Eero Järnefelt 1892 (cropped2).jpg
Retrato de Jean Sibelius en 1892, obra de Eero Järnefelt.
XéneroSinfónico
FormaSuite
TextoKalevala
Composición1893-1895
Movementos4
Estrea
Data13 de abril de 1896
LugarHelsinqui
DirectorJean Sibelius
IntérpretesOrquestra da Sociedade Filharmónica de Helsinqui

A Suite Lemminkäinen (subtitulado Catro Lendas),[a] Op. 22, é unha obra composta polo compositor finlandés Jean Sibelius, escrita orixinalmente entre 1893 e 1895,[2] como colección de catro poemas sinfónicos que xiran en torno a unha mesma temática. Foi estreada o 13 de abril de 1896 en Helsinqui (Finlandia), baixo a dirección do propio Sibelius. Está baseada na epopea nacional finlandesa do Kalevala e supuxo o retorno do compositor ás obras orquestrais a gran escala despois da crise que viviu en torno á composición dunha ópera.

Cada un dos catro poemas sinfónicos de que consta a colección narra un episodio da vida de Lemminkäinen, un heroe xove e poderoso, e cada un deles ten identidad propia, podando ser interpretados de xeito independente, sendo "Tuonelan joutsen" o que máis adoita interpretarse de xeito independente.

Logo de que Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa non tiveran unha boa a collida na estrea, ao contrario do que pasou con Tuonelan joutsen e Lemminkäisen kotiinpaluu, que foron publicadas con revisións menores en 1900, Sibelius dirixiu a estrea dunha nova versión o 1 de novembro de 1897 logo de reescribir parte da obra. Con todo, as críticas desta nova versión levaron ao compositor a descartar Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa, mantendo os outros dous poemas sinfónicos no repertorio, e non sería ata o 1 de marzo en 1935 cando autorizaría a interpretación dos dous números descartados. A publicación do conxunto de catro poemas sinfónicos non se produciu ata 1954.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Pintura de Akseli Gallen-Kallela do Symposium realizada en 1894. Dende a esquerda: Akseli Gallen-Kallela, Oskar Merikanto, Robert Kajanus e Jean Sibelius.

Jean Sibelius naceu en 1865 en Finlandia, dende 1809 un gran ducado dependente do Imperio Ruso, tendo estado anteriormente baixo dominio sueco durante varios séculos.[3] O país estaba dividido entre unha minoría culturalmente dominante de fala sueca, á que pertencía a familia de Sibelius, e unha maioría cunha mentalidade máis nacionalista e de fala finlandesa, ou "Fennoman".[4] En torno a 1889 Sibelius coñeceu á súa futura muller, Aino Järnefelt, que viña dunha familia de Fennoman acérrimos.[5]

Logo de dous anos estudando en Berlín e Viena, en 1891 Sibelius regresou a Finlandia, onde o 10 de xuño do ano seguinte casou con Aino Järnefelt.[6] A asociación de Sibelius cos Järnefelt axudou a espertar e desenvolver o seu nacionalismo; o mesmo ano do seu matrimonio con Aino, compuxo a súa primeira obra abertamente nacionalista, a suite sinfónica Kullervo.[b][7] Tralo enlace a parella pasou a súa lúa de mel preto de Lieksa grazas a unha bolsa de estudos que lle concederon para estudar interpretación de kantele e canto rúnico en Carelia, onde Sibelius profundou na tradición popular finlandesa e atopou tempo para comezar a compoñer En Saga e para revisar as cancións sobre textos de Runeberg Under strandens granar, Kyssens hopp e Till Frigga.[6] Ao longo da década de 1890, cando o control ruso sobre o ducado se tornou cada vez máis opresivo, Sibelius compuxo unha serie de obras que reflectiron a resistencia finlandesa á dominación estranxeira, que culminaría co poema sinfónico Finlandia.[8]

En outono de 1892 a parella estableceuse en Helsinqui, onde Sibelius retomou a súa amizade rota con Robert Kajanus e Axel Gallén, comezando as sesións do Symposion, nas que os tres artistas debatían cuestións fundamentais da arte. Nesa época ensinaba teoría e violín no Instituto de Música Wegelius e na Escola Orquestral de Kajanus.[9]

En marzo de 1893 produciuse un duro golpe para o compositor logo de que a súa obra Kullervo recibira malos comentarios por parte do crítico do Uusi Suometar, que despois de escoitala dirixida polo propio compositor atopou a obra incomprensible, longa, monótona e aburrida. Ese mesmo mes nacería a primoxénita da parella, Eva, e ao mes seguinte chegou un novo éxito para Sibelius, cando a súa obra coral Väinämöisen venematkaa se estreou con éxito. Nesta época comezou unha etapa wagneriana, e ese mesmo verán planeou a composición dunha ópera baseada nas runas 6 e 16 do Kalevala, e no verán seguinte viaxou ao festival de Bayreuth para somerxerse máis no estilo wagneriano, mais o estudo da Sinfonía Fausto de Liszt:[9]

Relación co Kalevala e concepción[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Veneen luominen.

Sibelius atopou a inspiración para moita da música que o daría famoso cando, sendo un xove estudante, leu por primeira vez a gran epopea nacional finlandesa, o Kalevala. O contacto do compositor co poema épico estivo motivada pola decisión familiar de trasladar a Sibelius dunha escola popular en lingua sueca a unha escola en lingua finesa. O seu profundo interese no Kalevala levouno en 1891 a viaxar a Carelia para escoitar a Larin Paraske, unha coñecida cantante rúnica cuxas inflexións á hora de cantar episodios do Kalevala influirían no seu propio estilo musical.[10]

A obra foi orixinalmente concibida en 1893, cando Sibelius decidiu tentar gañar un premio de ópera, como unha ópera mitolóxica inspirada no Kalevala, que levaría por título Veneen luominen (A construción do barco), a unha escala similar á das óperas de Richard Wagner. O verán seguinte Sibelius asistiu ao Festival de Bayreuth para escoitar óperas de Wagner e ver como outro compositor elixira tratar unha gran epopeia nacional, neste caso Der Ring des Nibelungen. Posteriormente Sibelius cambiou as súas metas musicais e a obra converteuse nunha peza orquestral en catro movementos. Pouco sobreviviu dos bosquexos da ópera, da que se perdeu o primeiro acto completo, mentres que do segundo consérvanse algunhas escenas, como ocorre co último acto, de feito Sibelius tan só rescatou da ópera a música de "Tuonelan joutsen". A visión do argumento como pouco axeitado para a súa dramatización fixo desistir a Sibelius do seu intento por compoñer unha ópera ao estilo wagneriano, e a súa viaxe ao Festival de Bayreuth fixo que se replantexara a súa carreira como compositor tras escoitar as abrumadoras óperas do seu admirado compositor alemán Parsifal e Tristan und Isolde. O abandono de Veneen luominen supuxo tamén para Sibelius abandonar a influencia de Wagner. Sibelius deuse conta de que a súa música encaixaba mellor como poema sinfónico e en 1896, tan só dous anos despois da súa experiencia en Bayreuth, presentou catro pequenos poemas sinfónicos baixo o nome de Catro Pezas do Kalevala.[c][10][11][12]

A Suite Lemminkäinen foi a cuarta obra orquestral de Sibelius despois dos seus estudos no Conservatorio de Viena entre 1890 e 1891.[2] Na primavera de 1892, ao seu regreso de Viena, Robert Kajanus comunicoulle a Sibelius que os efectivos necesarios para interpretar Kullervo dificultarían as súas posibilidades de levala a cabo. Isto motivou que o compositor comezara a escribir unha composición orquestral que puidera empregarse dun xeito máis flexible, que se convertería no seu primeiro poema sinfónico, En Saga, que foi estreado ao ano seguinte na capital finlandesa.[13]

Pouco despois da recepción pouco entusiasta de En Saga, Sibelius leu o ensaio de Richard Wagner Oper und Drama, que convenceu ao compositor de que a música sen palabras non podía satisfacer á humanidade, polo que planeou compoñer unha ópera mitolóxica sobre un libreto de J. H. Erkko baseado nas runas 8 e 16 do Kalevala e que levaría por título Veneen luominen (en galego A construción do barco). No verán de 1893, finalizou na súa residencia estival de Ruovesi a abertura da ópera, que posteriormente tomaría como movemento da suite baixo o título Tuonelan joutsen.[11] A composición da ópera interrompeuse polo encargo da Música Carelia feito pola Asociación de Estudantes de Viipuri.[9] Cara a finais dese mesmo ano Sibelius presentou o bosquexo do libreto á que daquela era unha das figuras máis influentes nos círculos teatrais e operísticos finlandeses Kaarlo Bergbom, quen porén considerou que o motivo non era o suficientemente dramático para poñer en escena.[11]

Interpretacións e revisións posteriores[editar | editar a fonte]

Caricatura do compositor do Tuonelan joutsen (Cisne de Tuonela), por Alex Federley en 1898.

A principios de abril de 1896, Sibelius comezou os ensaios da Suite Lemminkäinen coa orquestra, mais de novo a orquestra encontrou a obra difícil e case se revelou como xa pasara anteriormente cos ensaios de Kullervo e En Saga, provocando as bágoas da muller do compositor detrás do escenario.[11]

A obra foi estreada o 13 de abril de 1896 en Helsinqui pola Orquestra da Sociedade Filharmónica de Helsinqui baixo a dirección do propio compositor.[11] A primeira e a terceira lendas (Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa) deixaron perplexos aos oíntes o día da estrea e desagradaron aos críticos, mentres que a segunda e a cuarta (Tuonelan joutsen e Lemminkäisen kotiinpaluu) tiveron un éxito inmediato e foron publicadas con revisións menores en 1900.[14] O crítico Karl Flodin escribiu que "Sibelius conseguiu evitar que o gran infortunio se repetira" e valorou positivamente que a obra se afastase do "estilo finlandés", porén considerouo solo de corno inglés de Tuonelan joutsen era "estupendamente longo e aburrido". Flodin tamén cuestionou a forma na que Sibelius "cativa aos oíntes coa atmosfera, a modulación e a violencia hipnótica". Porén, o crítico de fala finlandesa Oskar Merikanto loou a atmosfera finlandesa da obra coas seguintes palabras: "En Lemminkäinen admiramos a un compositor maduro, un artista que alcanzou a mestría en todos os sentidos, e unha composición, que debe ser recoñecida no primeiro posto entre as nosas composicións, tanto respecto á súa forma como no seu contido".[11]

Se ben a xente quedou sorprendida polos eloxios de Flodin, Sibelius non quedou completamente convencido co resultado da obra, polo que traballou nos movementos máis longos entre 1896 e 1897 para poñelos ao lado dos outros dous.[11][14] Logo de reescribir parte da obra dirixiu a estrea da nova versión o 1 de novembro de 1897, novamente coa orquestra da Sociedade Filharmónica da capital finlandesa, ante unha sala ateigada de espectadores que ovacionaron ruidosamente ao compositor. Merikanto escribiu posteriormente sobre o concerto:[11]

Foi como se o público tivera, por primeira vez, axitado a man do noso máis brillante compositor cunha calidez real, e lle dixera: grazas polas súas obras de xenio; agora o comprendemos e estamos orgullosos de vostede!

As verbas de Merikanto contrastaban coa devastadora crítica de Flodin, que sentenciou:[11]

Este tipo de música séntese francamente patolóxida e as impresións que deixa son confusas, dolorosas e vagas, xa que teñen moi pouco en común con ese ascético pracer que todas as belas artes e a música en particular deben espertar (...) O feito de que Sibelius é un xenio -isto é algo que el escoitou con suficiente frecuencia para atreverse a empregar o seu dereito a camiñar os seus propios camiños. Que así sexa. Mais unha arte que non pode facer a un humano ser máis nobre ou feliz, aínda que só sexa por un momento, é verdadeiramente balanceada na crista dunha onda e afundirase sen deixar rastro.

A crítica de Flodin deprimiu ao compositor, que non obstante cría no valor de Tuonelan joutsen e Lemminkäisen kotiinpaluu, polo que as mantivo no repertorio. Sibelius non se enganaba, e foron estas dúas partes da Suite, xunto con Finlandia e a súa Primeira Sinfonía, as obras coas que alcanzou o seu éxito internacional a principios do século XX. Por contra, as outras dúas partes da Suite permaneceron esquecidas durante décadas e o compositor nunca máis as dirixiu.[11]

As partituras permaneceron nun caixón ata 1935, case unha década despois de que o compositor rematara oficialmente a súa composición, e en 1939 realizou as revisións "finais", os seus últimos pensamentos para a orquestra.[14] Foi con motivo do centenario do Kalevala o 1 de marzo en 1935 cando Sibelius autorizou interpretacións dos movementos descartados, que desta vez si tiveron unha boa recepción, o que motivou que o compositor revisara a obra autorizara a súa publicación.[11] Porén, o estoupido da Segunda Guerra Mundial atrasou a súa publicación, que finalmente se produciría en 1954, sendo publicada no seu conxunto.[2]

Características e argumento[editar | editar a fonte]

Tres dos poemas da suite están baseados na personaxe de Lemminkäinen, da epopea nacional finlandesa do Kalevala.[2] A obra pode ser tamén considerada unha colección de poemas sinfónicos. A segunda/terceira parte, Tuonelan joutsen (O cisne de Tuonela), é frecuentemente interpretada de xeito independente. A Suite Lemminkäinen non é unha obra de música programática no sentido en que a música segue o argumento narrado, de feito Sibelius non intenta proporcionar máis que o estado de ánimo, sen tentar seguir a narración.[11][12]

No primeiro poema sinfónico, o principal suxeito dos grupos en mi bemol maior caracteriza primeiro ao sedutor e posteriormente á música de danza das súas conquistas sen ser especificamente pictóricos, como Richard Strauss fora unha década antes en Don Juan. A estrutura nos poemas primeiro e terceiro é orgánica e non convencionalmente sinfónica, desenvolvendo materiais maleables escoitados ao principio e reelaborados, que conducen a un poderoso e dramático clímax. Na cuarta lenda, Lemminkäinen regresa a casa nun exultante mi bemol maior. O estilo sombrío en la menor de Tuonelan joutsen anticipa a linguaxe da Cuarta Sinfonía, cun inquietante corno inglés que caracteriza ao cisne negro.[14]

A Suite Lemminkäinen é no seu conxunto próxima á sinfonía, cun primeiro movemento en forma sonata, un movemento lento, un scherzo e un final feliz. Nesta natureza sinfónica da obra fixo fincapé Sibelius na súa vellez, afirmando:[11]

En realidade teño nove sinfonías, ya que algúns dos movementos de Kullervo e Lemminkäinen están escritos en pura forma sonata.

Con todo, durante a súa composición non empregou o termo "sinfonía". Por outra banda, o subtítulo "catro lendas" implica que cada movemento pode ser interpretado de xeito independente.[11]

Os distintos poemas que conforman a Suite Lemminkäinen foron obxecto de varias revisións nas que o compositor realizou cambios de maior ou menor envergadura, polo que a obra tal e como a coñecemos na actualidade dista da versión estreada en 1896. Os maiores cambios os realizou nos poemas impares (Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa), que foron os que menos convenceron ao compositor. Algunhas modificacións destacables da segunda revisión (1897) son a eliminación da pandeireta e o carillón en Lemminkäinen ja saaren neidot, onde engadiu novo material na parte central; outra modificación importante, desta vez en Lemminkäinen tuonelassa, foi a supresión de moitas das elaboracións do material musical.[11]

Movementos[editar | editar a fonte]

Lemminkäinen ja saaren neidot

Lemminkäinen ja saaren neido comeza coas chamadas das trompas, mentres que as cordas imitan o movemento das ondas, e as madeiras anuncian fragmentos temáticos que establecen o marco para o encontro de Lemminkäinen e as doncelas. A "melodía infinita" pode asociarse ao apaixonado Lemminkäinen, ou como sinala Erkki Salmenhaara, o desexo erótico en xeral, un tema que Sibelius xa tratara en Kullervo.[11]

Finalmente os materiais das doncelas e de Lemminkäinen acaban entrelazados, e o ambiente se calma na coda.[11]

Tuonelan joutsen

Este poema é un exemplo espléndido da escura orquestración de Sibelius. O compositor omite as frautas, clarientes e trompetas, e eleva ás cordas ao rexistro agudo, deixando espazo a un longo solo de corno inglés apoiado polas respostas do violonchelo.[11] Sibelius concibiu esta música escura e caprichosa como preludio da sea ópera, que se ben era unha abertura pouco convencional para unha ópera si estaba próxima á perfección para un pequeno poema sinfónico.[10]

Unha das características máis destacadas do movemento é o carácter estático da música, que crea un estado no oínte case de transo, e que influiu en compositores posteriores como György Ligeti, Arvo Pärt e Kaija Saariaho, que tamén empregaron fórmulas estáticas nas súas composicións.[11]

Lemminkäinen tuonelassa

O terceiro poema sinfónico presenta a música máis operística da suite. Mentres que no movemento precedente Tuonela era un lugar de paz e morte, agora os espíritos parecen terse levantado, xa que o heroe atreveuse a ir e collero sagrado cisne de Tuonela. Sibelius crea esta atmosfera infernal empregando un tremolo nas cordas baixas, e o tempo tórnase máis rápico e o motivo do "inferno" soa nos ventos antes volverse sorprendentemente impresionista. Os tremolos son omitidos na secuencia "largamente", que conduce a unha sección media realizada polos violíns e a pandeireta.[11]

O tema adquire un ton máis finlandés e a música describe á nai de Lemminkäinen, representado o amor maternal. Os tremolos nas cordas apoiadas polos metais poden representar a loita ou o espertar dos mortos de Lemminkäinen.[11]

Lemminkäisen kotiinpaluu

O tema inicial de Lemminkäisen kotiinpaluu, tocado polo fagot, inclúe un motivo embrionario de tres notas, que vai variando ao longo de todo o rondó final. Neste poema sinfónico faise evidente que a técnica de desenvolvemento motívico de Sibelius era xa maxistral nesta época.[11]

Argumento[editar | editar a fonte]

A nai de Lemminkäinen ("Lemminkäisen äiti", 1897) de Akseli Gallen-Kallela. Lemminkäinen foi asasinado, descuartizado e botado ao río en Tuonela. A súa nai foi ao río do Deus Tuoni, recuperou o cadáver do seu fillo e resucitouno.

As Catro Lendas do Kalevala xiran en torno á figura do xove e poderoso heroe Lemminkäinen, unha personaxe que non difire moito do Siegfried wagneriano ou Don Juan. Cada un dos catro poemas sinfónicos narra un episodio da vida do heroe: cazar, seducir, loitar e, a través dos poderes máxicos da súa nai, mesmo sobrevivir á súa propia morte.[d] Con todo, Sibelius non estaba interesado en seguir unha liña narrativa liñal, e de feito na súa secuencia orixinal as catro pezas non pretenden contar a historia "en orde".[10]

Episodio Tradución Sinopse
Lemminkäinen ja saaren neidot Lemminkäinen e as doncelas da illa O primeiro poema sinfónico da suite está baseado na 29ª runa ("Conquistas"[15]) do Kalevala, no que Lemminkäinen viaxa a unha illa e seduce a moitas das mulleres de alí, antes de fuxir da ira dos homes da illa.
Tuonelan joutsen O cisne de Tuonela Baseado na runa 14ª.[16] Este é o máis popular dos catro poemas sinfónicos e frecuentemente é interpretado só en programas orquestrais. Conta cun destacado solo de corno inglés. A música debuxa unha tea de araña, unha imaxe transcendental dun mítico cisne nadando arredor de Tuonela, a illa dos mortos. Lemminkäinen recibiu o encargo de matar ao cisne sagrado, mais no camiño lle disparan unha frecha envelenada que o mata.
Lemminkäinen tuonelassa Lemminkäinen en Tuonela Baseado nas runas 14ª ("Alce, cabalo, cisne"[17]) e 15ª ("Resurrección"[18]). Lemminkäinen está en Tuonela, o reino dos mortos, para disparar ao Cisne de Tuonela para poder pedir en matrimonio á filla de Louhi, señora da Terra do Norte. Con todo, o cego da Terra do Norte mata a Lemminkäinen, cuxo corpo é botado ao río e desmembrado. A nai de Lemminkäinen infórmase da súa morte, viaxa a Tuonela, recupera as partes do seu corpo, as volve unir e devólvelle á vida.
Lemminkäisen kotiinpaluu O regreso de Lemminkäinen A historia da partitura aproximadamente paralela ao final da runa 30 ("Jack Frost"[19]), na que despois das súas aventuras na batalla, Lemminkäinen emprende a viaxa a casa.

A orde dos movementos de arriba correspóndese coa numeración dentro do Op. 22. Con todo, Sibelius revisou a orde en 1947, trasladando os dous movementos do medio, que é a orde na que son tocados na maioría das interpretacións. Por exemplo, na década de 1890 Lemminkäinen tuonelassa foi interpretado en segundo lugar.[11]

Gondwana, de Tristan Murail, incorpora unha pasaxe substancial directamente modelada sobre Lemminkäinen tuonelassa (Lemminkäinen en Tuonela).[20]

Orquestración[editar | editar a fonte]

A Suite Lemminkäinen está escrita para unha orquestra de mediano tamaño, con corno inglés e arpa no segundo movemento, e tuba no cuarto.[14]

Instrumentación da Suite Lemminkäinen[2]
Madeiras
2 frautas (a segunda dobra con piccolo), 2 óboes (o segundo dobra con corno inglés), 2 clarinetes (o segundo dobra co clarinete baixo), 2 fagots
Metais
4 trompas, 3 Trompetas, 3 trombóns, Tuba
Percusión
Timpani, ferriños, bombo, platillos, glockenspiel, caixa, pandeireta
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, arpa

Gravacións[editar | editar a fonte]

As versións orixinais de Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäisen kotiinpaluu foron gravadas por primeira vez na súa versión orixinal de 1896 por Osmo Vänskä á fronte da Sinfonia Lahti (BIS CD-1015) en 1999, colocando en primeiro lugar Lemminkäinen ja saaren neidot, seguido de Tuonelan joutsen, Lemminkäinen tuonelassa, e finalizando con Lemminkäisen kotiinpaluu.[12][21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sibelius denominou ao conxunto Poemas Sinfónicos sobre Motivos do Mito de Lemminkäinen.[1]
  2. Kullervo, do mesmo xeito que a Suite Lemminkäinen está baseada no Kalevala.
  3. Comunmente coñecidas en conxunto como Suite Lemminkäinen.
  4. Estes poderes máxicos permitiríanlle unir os fragmentos do corpo mutilado do seu fillo e devolvelo á vida.
Referencias
  1. Rickards, Guy. "SIBELIUS Lemminkäinen Suite. The Wood-Nymph" (en inglés). Gramophone. Consultado o 19 de marzo de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Los Angeles Philharmonic (ed.). "About the Piece. Lemminkäinen Suite" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2015. Consultado o 17 de marzo de 2015. 
  3. Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1865–89: early years" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013.  (require subscrición)
  4. Rickards 2008, p. 22.
  5. Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "Studies in Helsinki 1885–1888" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 sibelius.fi (ed.). "Kullervo and the wedding 1891-1892" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2015. 
  7. Rickards 2008, pp. 50–51.
  8. Rickards 2008, pp. 68–69.
  9. 9,0 9,1 9,2 sibelius.fi (ed.). "The Symposion years 1892-1897" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2015. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Huscher, Phillip. "Lemminkäinen in Tuonela and The Swan of Tuonela from Four Legends from the Kalevala" (PDF) (en inglés). Chicago Symphony Orchestra. Consultado o 17 de marzo de 2019. 
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 11,12 11,13 11,14 11,15 11,16 11,17 11,18 11,19 11,20 11,21 11,22 sibelius.fi (ed.). "Lemminkäinen" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2015. 
  12. 12,0 12,1 12,2 "Jean SIBELIUS Lemminkäinen Suite Op22 (Four Legends from the Kalevala)" (en inglés). musicweb-international.com. Consultado o 17 de marzo de 2019. 
  13. sibelius.fi (ed.). "En Saga" (en inglés). Consultado o 22 de marzo de 2015. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Roger Dettmer. AllMusic, ed. "Jean Sibelius. Lemminkäinen Suite: Four Legends from the Kalevala, for orchestra, Op. 22" (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2015. 
  15. Lönnrot 1989, pp. 401-417.
  16. Kregor, Jonathan. Cambridge University Press, ed. Program Music (en inglés). ISBN 978-1-107-65725-0. 
  17. Lönnrot 1989, pp. 155-167.
  18. Lönnrot 1989, pp. 168-186.
  19. Lönnrot 1989, p. 431.
  20. Grimley, Daniel M., ed. (2004). The Cambridge Companion to Sibelius, p.200. ISBN 978-0-521-89460-9.
  21. Matthew Rye, ed. (2017). 1001 Classical Recordings You Must Hear Before You Die (en inglés). Chartwell Books. p. 495. ISBN 978-0-7858-3582-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]