Kalevala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A defensa do sampo, pintura de Akseli Gallen-Kallela baseada no Kalevala.
Os irmáns Poavila e Triihvo Jamanen recitando poesía popular tradicional na aldea de Uhtua, na actual República de Carelia (Rusia), en 1894.

O Kalevala é un poema épico finlandés recollido por Elias Lönnrot no século XIX, é o cerne da épica nacional finlandesa e unha das grandes obras da literatura finlandesa. A maior parte do Kalevala foi recollido por Lönnrot no leste de Finlandia, agora en boa parte pertencente a Rusia, directamente dos cantores tradicionais como Arhippa Perttunen. Unha primeira versión publicouna en dous volumes en 1835-1836, Kalewala, taikka Wanhoja Karjalan Runoja Suomen kansan muinoisista ajoista, consiste en 12.079 versos en 32 cantos. A segunda versión publicouna en 1849, é a versión actualmente considerada canónica que comprende 22.795 versos en 50 cantos. O Kalevala ata o momento traduciuse a 49 linguas.

Foi traducido ao galego por Tuula Ahola e Tomás González Ahola e publicado por Rinoceronte en 2018[1].

Historia e características[editar | editar a fonte]

Antes do século XVIII a poesía do Kalevala era común ao longo de Finlandia e Carelia, pero no XVIII comezou a desaparecer nas terras finesas, primeiro no oeste do país, a causa da expansión da poesía rimada europea, que se estaba convertendo en máis común en Finlandia e polos intentos de erradicación que desde a reforma luterana realizaban os sacerdotes para prohibir todas as historias e cancións cunha orixe pagá, aínda así a tradición permaneceu.[2]

O lingüista e nacionalista finlandés Kaarle Akseli Gottlund (1796–1875) expresou o seu desexo dunha épica finlandesa que de xeito semellante á Ilíada, Beowulf ou Nibelungenlied fora compilada de varios poemas e cancións representativos de toda Finlandia. El esperaba que tal esforzo había incitar un sentido de nacionalidade e independencia no pobo finlandés. En 1820, Reinhold von Becker fundou o periódico Turun Wiikko-Sanomat e publicou tres artigos co título de Väinämöisestä, que se converteron nunha inspiración para Elias Lönnrot á hora de realizar a súa tese na Universidade de Turku.[3]

No século XIX a colleita de materiais fíxose máis grande, sistemática e organizada, chegando a Sociedade de Literatura Finlandesa a arquivar medio millón de páxinas de versos recollidos en Finlandia, Estonia e Carelia.[4] A magna obra Suomen Kansan Vanhat Runot publicou en 33 volumes 85,000 ítems de poesía ao longo de corenta anos, permanecendo outros 65.000 ítems inéditos.[5]. A finais do XIX a colleita de materiais en Carelia e áreas do leste de Finlandia convertérase nunha moda, denominada carelianismo, unha forma de romanticismo nacional.

Segundo o folclorista finlandés Kaarle Krohn 20 dos 45 poemas do Kalevala poderían ter a súa orixe en Estonia, mentres que 23 serían do oeste de Finlandia e 2 de Ingria.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha da obra na páxina web da editorial.
  2. "Laulut Kalevalan takana". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2011. Consultado o 31 August 2010. 
  3. "Turun Wiikko-Sanomat 1820 archive.". Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  4. "The folklore activities of the Finnish Literature Society". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2006. Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  5. "Suomen Kansan Vanhat Runot kotisivu". Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  6. Lauri Honko, Religion, Myth, and Folklore in the World's Epics: The Kalevala and Its Predecessors, Walter de Gruyter, 1990, ISBN 3-11-012253-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]