Saltar ao contido

Sirmia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Srem»)
Modelo:Xeografía políticaSirmia
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 45°10′12″N 19°17′17″L / 45.17, 19.288

Mapa de Sirmia. En amarelo, a Sirmia croata (Srijem); en azul, a Sirmia serbia (Srem).

Sirmia (Срем en serbio cirílico, Srem en serbio latino, Srijem en croata, Szerém ou Szerémség en húngaro, Syrmien en alemán, Syrmia ou Sirmium en latín, é unha antiga provincia histórica da Croacia húngara, situada entre o Danubio e o Sava, desde a confluencia do Danubio co Drava até a súa confluencia co Sava, fronte a Belgrado.

Nesta rexión está a Fruška Gora, a única montaña de Voivodina, hoxe Parque Nacional. Nela hai numerosos mosteiros e igrexas da Igrexa ortodoxa.

O nome de "Sirmia" vén do nome da cidade romana Sirmium, hoxe denominada en serbio Сремска Митровица (Sremska Mitrovica), en croata Srijemska Mitrovica, en alemán Syrmisch Mitrowitz e en húngaro Szávaszentdemeter.

Rexións veciñas

[editar | editar a fonte]
  • No oeste, a fronteira con Eslavonia é máis ou menos convencional. Algúns[quen?] vena na liña Vukovar-Vinkovci. Os defensores dunha fronteira natural[quen?] argumentan que serían os cursos dos ríos Bosut, Barica e Vuka.
  • O río Danubio sepáraa da Bačka ao norte.
  • Máis ao leste, este río separa o nordeste de Sirmia do Banato.
  • Ao sueste, ao outro lado do Sava, está a rexión da Šumadija.
  • Ao sur, na outra beira do Sava, está a rexión de Mačva.
  • Finalmente, ao suroeste, o Sava separa a Sirmia da Semberija.

Sirmia romana

[editar | editar a fonte]
Mapa dos reinos de Estevo Dragutin e Ugrin Csák (séculos XIII-XIV).

No Imperio romano, Sirmium era unha das cidades máis importantes dos Balcáns, capital da provincia de Panonia inferior (Pannonia inferior en latín) e mesmo, durante un curto tempo, residencia imperial baixo Caius Galerius Valerius Maximianus, Galerio.

Despois da caída do Imperio romano de Occidente, os ávaros, os búlgaros e os gregos de Bizancio disputaron esta fértil rexión.

Sirmia medieval

[editar | editar a fonte]

No século X Bizancio conquistou a rexión, que constituíu o "Tema" de Sirmia.

Despois, Sirmia tivo dous reis de Serbia durante a existencia deste reino como Estado soberano:

Nos séculos XI e XII os reis de Hungría recuperaron a rexión e mantivérona até 1521, cando Belgrado caeu en mans de Suleimán o Magnífico. En 1541 Sirmia foi erixido en "Sanjak" (en ortografía moderna turca "sancak", rexión militar) dependendo do paxalik ("Paşalık") de Buda. Os otománs mantiveron a rexión até 1688.

A Sirmia dos Habsburgo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Fronteira Militar.

Polo Tratado de Karlowitz, Sirmia pasou á monarquía dos Habsburgo, da que era titular naquel momento o emperador Leopoldo I de Habsburgo. Os Habsburgo eran reis de Hungría desde 1527, despois da morte do rei Lois II de Hungría na batalla de Mohács, en agosto de 1526; porque os dereitos históricos de Hungría sobre Croacia proviñan da unión persoal coñecida como Pacta Conventa, pacto concluído en 1102 que facía do rei de Hungría tamén rei de Croacia, coroado separadamente.

Porén, Sirmia permaneceu por longo tempo fóra da vida política croata: Leopoldo incluíraa na Fronteira Militar (en alemán, Militärgrenze; en croata e en serbio Vojna krajina), zona destinada a conter as incursións e posíbeis invasións dos otománs, e cuxo réxime xurídico particular estaba fixado polos Statuta Valachorum de 1630. Leopoldo I estendeu a de Eslavonia occidental, onde se encontraba a fronteira en 1683, até a Transilvania.

Despois do Tratado de Passarowitz de 1718, o Sandjak de Smederevo (ou paxalik de Belgrado) foi incluído nela baixo o nome de Nova Serbia pero esta, despois da desfeita do seu exército na batalla de Banja Luka en 1737 e baixo a presión de Francia, a emperatriz María Tareixa I de Austria tivo que cederlla aos otománs polo Tratado de Belgrado de 1739.

Imperio Austrohúngaro.

En 1745 Sirmia foi convertida en provincia (Comitatus) [1] no seo de Eslavonia, daquela establecida como un "reino" distinto de Croacia, con gran descontento dos croatas, xa que formaba parte do seu territorio histórico. E en 1848 e 1849 Sirmia incluso foi incluída no que se denominou "Voivodina serbia",[2] grupo de provincias húngaras do sur de Serbia que os nacionalistas serbios proclamaron autónoma.

Entre 1849 e 1860, mentres os croatas apoiaban os Habsburgo contra o nacionalismo serbio e húngaro, Sirmia incluso foi incluída nunha provincia separada de Hungría chamada "Voivodina de Serbia e do Banato"

Despos de 1860 a provincia de Sirmia foi restaurada e regresou a Eslavonia. En 1867, no acordo austrohúngaro dese ano, Eslavonia incluíuse na Transleitania, a parte do Imperio Austrohúngaro gobernada desde Budapest. No "compromiso" ("nagodba" en croata) celebrado entre os húngaros e os croatas en 1868, Eslavonia foi recoñecida como pertencente ao Reino de Croacia-Eslavonia, dirixido cun certo grao de autonomía por un ban nomeado polo goberno de Budapest.

En 1881, despois do establecemento en 1878 do protectorado austrohúngaro de Bosnia e Hercegovina, a fronteira militar foi suprimida e Sirmia quedou sometida á lei común do reino de Croacia-Eslavonia.

Sirmia na primeira Iugoslavia

[editar | editar a fonte]

En 1918, despois da primeira guerra mundial, os territorios históricos de Croacia, coa excepción de Rijeka (Fiume en italiano e húngaro, Reka en esloveno) e dalgunhas illas dálmatas, foron incluídos no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos cuxo rei era Alexandre I Karadjordjević, que cambiou o nome polo de Reino de Iugoslavia cando Alexandre proclamou a súa ditadura en 1929.

O 24 de novembro de 1918, cando se derrubou o Imperio Austrohúngaro, unha asemblea de serbios da Sirmia oriental proclamou a anexión desta rexión ao Reino de Serbia. Porén, inmediatamente despois, o 1 de decembro de 1918, foi ao Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos ao que foi incorporada oficialmente a Sirmia. O novo estado foi recoñecido no Tratado de Trianon (1920).

Entre 1918 e 1922 a Sirmia foi un condado (''županija") e despois, de 1922 a 1929, unha rexión ("óblast") de dito reino. Logo, despois de 1929, a rexión foi dividida en dúas provincias (banovine): Banovina do Danubio (Dunavska banovina) e Banovina do Sava (Savska Banovina) no Reino de Iugoslavia.

Habituados a defenderen os seus dereitos históricos fronte aos seus señores occidentais, os croatas carecían de experiencia fronte a un soberano formado en Rusia, imbuído nas políticas inspiradas no xacobinismo francés e da identificación otomá de nacionalidade e relixión. Non foi até agosto de 1929, despois do asasinato do seu predecesor Stjepan Radić, o 28 de xuño de 1928, cando se fixo unha reforma territorial que facía das fronteiras históricas sen atenuar o predominio serbio nas institucións cando Vlatko Macek, líder do maior partido croata, o Partido Campesiño Croata (en croata, Hrvatska seljačka stranka), firmou un acordo, o Sporazum, co primeiro ministro iugoslavo Dragisa Cvetković, creando un territorio croata autónomo, incluídos os territorios históricos de Croacia que comprendían Dalmacia, mais unha parte de Bosnia e a Hercegovina occidental, no que tamén se incluíu unha parte da Sirmia.

Sirmia na NDH

[editar | editar a fonte]
Repartimento de Iugoslavia entre as potencias do Eixe, co estado monicreque de Croacia (1941).

Porén, este acordo, que obxectaron as máis altas autoridades serbias, non tiña o suficiente efecto como para asegurar a lealdade dos croatas ao Reino e, cando en abril de 1941 Hitler conquistou Iugoslavia, creou un pretendido "Estado independente de Croacia" (en croata, Nezavisna Država Hrvatska ou "NDH" [3] que incluía todas as terras que os croatas consideraban como o seu territorio histórico, agás as que os italianos reservaron para si: boa parte do litoral dálmata, a zona entre Zadar (Zara) e Split (Spalato) (á parte doutros territorios doutros reinos: Eslovenia e Montenegro). Os dirixentes do Partido Campesiño Croata negáronse a calquera colaboración, polo que o Eixe puxo á cabeza deste Estado monicreque, como rei, o príncipe italiano Aimone de Aosta, que tomou o nome de Tomislav II (en honor do fundador do primeiro estado croata), pero gobernado ditatorialmente polo Poglavnik Ante Pavelić, xefe dunha banda duns 400 activistas violentos (os ustaše) na súa maioría procedentes de Bosnia e Hercegovina. Zemun encontrouse de novo na fronteira, entre unha Gran Croacia e unha Serbia ocupada polos alemáns e liderada por un xeneral colaboracionista, Milan Nedić.

Sirmia despois de Tito

[editar | editar a fonte]

Repartimento da Sirmia e nova constitución

[editar | editar a fonte]

En 1945 Tito, cando tomou o poder en Belgrado, deulle forma á organización federal da Iugoslavia que anunciara no seu "discurso da AVNOJ" en novembro de 1943,[4] constituíndo a República Federal Popular de Iugoslavia.

No mesmo ano 1945 a chamada Comisión Djilas divide Sirmia en dúas partes, segundo se os concellos estivesen maioritariamente poboados por croatas ou por serbios. Esta repartición é o que explica que a cidade croata de Ilok, na marxe do Danubio, se encontre ao noroeste da cidade de Šid, en Serbia.

Á parte desta excepción, a Sirmia Occidental (Zapadni Srijem en croata) adxudicouse a Croacia, máis precisamente ao condado de Vukovar-Sirmia (en croata Srijemsko-vukovarska županija). Comprende os municipios de Ilok, Vinkovci, Vukovar e Županja.

A Sirmia Oriental correspondeulle a Serbia. A maior parte constitúe o Distrito de Sirmia (en serbio latino Srem okrug ou Sremski okrug; en [[serbio|serbio cirílico]] Срем округ ou Сремски округ) da Provincia autónoma de Voivodina (Autonomna Pokrajina Vojvodina ou Аутономна Покрајина Војводина), dentro de Serbia.

Este distrito está constituído polos municipios de Šid (Шид), Sremska Mitrovica (Сремска Митровица), Stara Pazova (Стара Пазова), Inđija (Инђија), Irig (Ириг), Ruma (Рума)e Pećinci (Пећинци).

Por outro lado, Sremski Karlovci (Сремски Карловси) pasou a formar parte do distrito da Bačka meridional, en Voivodine, e os municipios de Surčin (en serbio cirílico Сурчин, en alemán Surtschin) e Zemun, (en serbio cirílico Земун, en alemán Semlin, en húngaro Zimonyi) con Dobanovci (Добановци) e Novi Beograd (Нови Београд), pasaron a formar parte do distrito de Belgrado (Beograd ou Београд en serbio), na República de Serbia en sentido estrito (a chamada Serbia Central).

A Voivodina, por tanto, incluía a Bačka (Bácska en húngaro), parte do Banato (en húngaro Bánság), a parte non atribuída a Romanía polo Tratado de Trianon de 1920, e a Sirmia oriental separada da Croacia histórica, como facía a proposta da "Comisión Djilas" de 1945.

No ano 1963 apróbase unha nova constitución para Iugoslavia, que pasa de chamarse República Federal Popular de Iugoslavia a República Federal Socialista de Iugoslavia, na que as diferentes Repúblicas (Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Serbia, Macedonia e Montenegro) teñen máis autonomía. Esta consitución estivo en vigor até 1992 e o país foi gobernado até o ano 1980 por Tito, líder dos Países non aliñados, que mantivo a súa independencia tanto do Pacto de Varsovia como da OTAN, levando a cabo a súa clásica doutrina comunista do socialismo autoxestionario.

Pero os pobos que integraban a federación estaban cambiando. En 1968 producíronse protestas en Belgrado, o que supuxo a primeira protesta masiva despois da segunda guerra mundial e, a noite do 2 de xullo de 1968, estudantes da Universidade de Belgrado entraron en folga durante sete días, pero a policía atacou os estudantes, prohibíndolles toda reunión pública. Porén, os estudantes reuníronse na Facultade de Filosofía, onde realizaron debates e discursos sobre a xustiza social, entregando copias da revista prohibida "Estudante". Os estudantes tamén protestaron contra as reformas económicas, que conduciron a un elevado desemprego obrigando os traballadores a abandonaren o país e atoparen traballo noutros lugares. Finalmente Tito foi parando as protestas cedendo a algunhas das demandas dos estudantes e dicindo que "os estudantes teñen razón" durante un discurso televisado.

En 1971, a alianza dos dirixentes comunistas de Croacia, entre eles Miko Tripalo e Savka Dabčević-Kučar, apoiados por diversos grupos nacionalistas, deron lugar á Primavera croata. Tito respondeu cun enfoque de dobre acción, as autoridades iugoslavas detiveron a numerosos manifestantes croatas que foron acusados de evocaren o nacionalismo étnico mentres que, ao mesmo tempo, comezou un programa para iniciar algunhas desas reformas, a fin de evitar que unha crise semellante ocorrese de novo. Os simpatizantes de fóra de Iugoslavia do Ustaše, movemento católico ultranacionalista croata, tentaron, a través do terrorismo e accións de guerrilla, crear un movemento separatista, pero sen moito éxito chegando a conseguir a antipatía dos compañeiros católicos iugoslavos.

En 1974 ratificouse unha nova constitución federal que lle deu maior autonomía ás distintas repúblicas o que, basicamente, cumpría os obxectivos principais do movemento da Primavera croata. Unha das disposicións da nova Constitución era que cada república oficialmente tiña a opción de declarar a súa independencia da federación, con suxeición a certas normas constitucionais. A outra medida máis controvertida foi a división interna de Serbia, mediante a concesión dun estatuto similar ao de dúas provincias autónomas dentro dela, Kosovo, unha rexión serbia habitada en gran parte por albaneses e Voivodina, unha rexión cun gran número de minorías étnicas, detrás da maioría de serbios, como os húngaros. Estas reformas satisfixeron a maioría das repúblicas, especialmente a Croacia, así como aos albaneses de Kosovo e ás minorías de Voivodina. Con todo, a constitución de 1974 non gustou nin aos funcionarios comunistas de Serbia nin aos propios serbios, que desconfiaban dos motivos dos partidarios das reformas, véndoas como concesións aos nacionalistas croatas e albaneses.

Sirmia nas guerras iugoslavas

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Guerras iugoslavas e Guerra de Croacia.

A partir de 1991 comezaron unha serie de conflitos que comprenderon dous grupos de guerras sucesivas que afectaron ás seis ex-repúblicas iugoslavas, e que por iso se coñecen como as guerras iugoslavas. Estas guerras caracterizáronse polos conflitos étnicos entre os pobos da Iugoslavia, principalmente entre os serbios por unha banda e os croatas, bosníacos e albaneses polo outro; aínda que tamén nun principio entre bosníacos e croatas en Bosnia e Hercegovina. Os conflitos obedeceron a causas políticas, económicas e culturais, así como á tensión relixiosa e étnica.

As guerras iugoslavas terminaron con gran parte de Iugoslavia reducida á pobreza, con desorganización económica masiva e inestabilidade persistente nos territorios onde ocorrían as peores loitas, e conduciron, finalmente, á disolución de Iugoslavia. Foron os conflitos máis sanguentos en chan europeo desde o fin da segunda guerra mundial, resultando nunhas 300 000 mortes e millóns máis sacados dos seus fogares. Foron tamén os primeiros conflitos desde a segunda guerra en seren formalmente xulgados os xenocidas e moitos dos individuos claves participantes.

No verán de 1991 o poder comunista serbio de Belgrado apoderouse de Vukovar ao final dun asedio de tres meses nos que a súa artillaría destruíu a cidade, conquistou a Sirmia Occidental croata, masacrou decenas dos seus habitantes non serbios e perseguiu o resto, ocupando a continuación o territorio co pretexto de combater os insurxentes locais e outros milicianos nacionalistas constituíndose en "Rexión Serbia Autónoma de Eslavonia Oriental, Baranja e Sirmia Occidental" (en serbio Srpska Autonomna Oblast (SAO) Istocna Slavonija, Baranja i Zapadni Srem), liderada por Goran Hadzić.

Despois, a diferenza de Eslavonia occidental, de Lika oriental, Kordun e Dalmacia Norte, reconquistadas pola forza dos seus ocupantes serbios polo exército e a policía croatas en 1995, Sirmia Occidental devolveuse pacificamente á soberanía croata en 1998 e a maior parte da súa minoría serbia permaneceu na zona.

A constitución iugoslava de febreiro de 1974 deulle á Voivodina un estatuto de completa autonomía dentro da República de Serbia, pero este estatuto quedou reducido a unha mera aparencia polo goberno de Slobodan Milošević en 1990. A Voivodina destes anos era un país máis rico, mellor educado, máis aberto ao oeste do que o resto de Serbia, e máis acolledor para as numerosas minorías étnicas que alí vivían, pero non escapou ao rexurdimento do nacionalismo en Serbia que seguiu ao asasinato do seu primeiro ministro Zoran Djinđić o 12 de marzo de 2003 e á súa substitución por Vojislav Koštunica.

  1. O latín foi a lingua oficial de Hungría até 1847.
  2. Voivodina significa "Ducado" en serbio
  3. Pronúnciase "endeá".
  4. AVNOJ son as siglas da Antifasisticko Vijece Narodnog Oslobođjenja Jugoslavije ou "Consello antifascista de liberación nacional de Iugoslavia".