Serafín Ferro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Serafín Fernández Ferro»)
Serafín Ferro
Nome completoSerafín Fernández Ferro
Nacemento12 de agosto de 1914
LugarA Coruña
Falecemento9 de agosto de 1954
LugarCidade de México
NacionalidadeEspaña
Profesiónactor
Na rede
IMDB: nm0275005 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Serafín Fernández Ferro, coñecido como Serafín Ferro, nado no barrio de Monelos da Coruña o 12 de agosto de 1914 e morto en Cidade de México o 9 de agosto de 1954, foi un actor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Florencio Delgado, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro e Elixio Rodríguez a bordo do Ipanema.

Electricista. Chegou a Madrid a comezos dos anos 1930 onde vivían os seus irmáns Amadeo e José, militantes da CNT e da FAI. Traballou de vendedor de pólizas de seguro e tamén de libros, facía publicidade, e investigacións hemerográficas. Pouco se sabe da súa vida, agás por citas indirectas en obras e estudos sobre a Xeración do 27 da literatura española. En Madrid coñeceu a Federico García Lorca e despois a Luis Cernuda, co que mantivo unha relación amorosa ao longo de 1931 e ata a primavera de 1932.[1] Desta época, e dos seus vencellos co grupo da Residencia de Estudiantes, quedarán testemuños gráficos como retratos e debuxos de Moreno Villa ou Ramón Gaya. A relación con Cernuda e a separación posterior inspirou, segundo Vicente Aleixandre, o libro de poemas Donde habite el olvido, publicado en 1934. Coñeceu tamén a Ernesto Guerra da Cal. Traballou de linotipista na imprenta de Manuel Altolaguirre e Concha Méndez e contactou co mundo teatral, ata o punto de volver á Coruña e dirixir o grupo Keltya para representar obras de Yeats e Álvaro de las Casas. Naquel tempo tamén coñeceu a Eduardo Blanco Amor.

Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 residía na Coruña e ante a eventualidade de ser chamado a filas, alistouse na Lexión Española e logo desertou para unirse ao bando leal. Loitou nas frontes de Madrid, Toledo, Guadalaxara e Aragón e polos montes de Asturias. Foi ferido nun bombardeo e despois da súa recuperación ingresou no corpo de Carabineiros. Chegou a Barcelona co grao de tenente, onde escribiu artigos en Nova Galiza, a revista dos escritores galegos do bando republicano, e en Hora de España. Despois da guerra, o seu nome apareceu por erro nunha listaxe de asasinados.

En 1939 o escritor comunista francés André Malraux seleccionouno para o elenco de L'espoir, un filme político de preguerra baseado no conflito civil español. Cando os nacionais ocuparon Barcelona marchou a Francia onde foi internado no campo de refuxiados de Argelès-su-Mer. Exiliouse en México, viaxou no Ipanema e chegou a Veracruz o 7 de xullo de 1939. Esquecido polo mundo e na indixencia, morreu de tuberculose no Sanatorio Español de Cidade de México o 9 de agosto de 1954.

Publicou dous poemas en galego, "Noite" na revista Nós en 1935 e "Nouturno de Lembranza" en Nova Galiza.[2]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Romero, Santiago. Los placeres, La Opinión, 9/12/2007
  2. "García Lorca e Serafín Ferro", Xesús Alonso Montero. La Voz de Galicia, 17-7-1998, p. 16.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]