San Claudio, Ortigueira
| San Claudio | |
|---|---|
Vista do val de San Claudio. | |
| Concello | Ortigueira[1] |
| Provincia | A Coruña |
| Coordenadas | 43°39′17″N 7°52′47″O / 43.65483236, -7.87962092 |
| Área | 9,46 km² |
| Poboación | 471 hab. (2013) |
| Densidade | 49,79 hab./km² |
| Entidades de poboación | 60[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
Santa María de San Claudio é unha parroquia que se localiza no concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 471 habitantes (253 mulleres e 218 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 655 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Está situada na beira sur da ría de Ortigueira, nun amplo val que descende dende os montes do Espiño, Sixto, A Croa, Armada e o coto de Punxas e remata no mar. Linda polo norte coa ría de Ortigueira dende un regato que descende ao mar en Carballo de Boi, até a enseada da Roncadoira, polo leste limita coa parroquias de Senra, polo sur o regato das Areas e o de Carelle sepárana da parroquia do Ermo e polo oeste linda coas parroquias de Mera de Arriba e Mera de Abaixo. A estrada AC-862 cruza a parroquia bordeando a ría polos lugares da Fonte, Tristimil, A Rocha, A Tronqueira e Carballo de Boi. En paralela a estrada xeral e moi preto dela, vai a vía de FEVE, que conta nesta parroquia cun apeadoiro.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A moderna igrexa parroquial na honra de San Claudio está no lugar da Feira, ten planta de cruz latina e ao seu carón queda o cemiterio parroquial. Tamén no lugar da Feira consérvanse os restos das antigas casetas do campo da feira, de sona ata ben entrado o século XX.
Hai dúas pequenas ermidas nesta parroquia, unha no lugar de Axilde na que se celebraba unha romaría de moita sona na comarca, e outra no lugar da Escola, na honra de santa Lucía, coñecida tamén pola capela da sarna.
Preto do cruzamento da AC-862 coa estrada da Feira érguese un centro escolar de indianos, chamado Centro de Instrucción polos seus promotores, os emigrantes en Cuba, que posteriormente foi escola pública e actualmente está convertido en local social municipal.
No lugar do Hospital atópase o Pazo dos Barreiros, que no século XVII funcionou como hospital de peregrinos, tan comúns por aqueles tempos para dar acollida as xentes que ían a Santiago de Compostela e a Santo André de Teixido que hoxe está convertido en granxa.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Igrexa de San Claudio.
- Capela de Santa Lucía ou Capela da Sarna.
- Capela de Axilde.
- Local social no antigo escolar de indianos.
- Campo da Feira.
- Pazo dos Barreiros.