Ceca de Tesalónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ceca de Tesalónica

Período helenístico

Busto de Artemisa con diadema cara á dereita, con arco e alxaba no ombreiro, dentro dun escudo macedonio. Clava no centro entre as lendas ΜΑΚΕΔΟΝΩΝ (arriba) e ΔΕΥΤΕΡΑΣ (abaixo), dentro de grilanda de carballo; á esquerda un raio.
Tetradracma de prata. Ca. 167-149 a. de C. 12,42 g.

A ceca de Tesalónica foi un obradoiro monetario da Antiga Grecia establecido na rexión de Macedonia a mediados do século II a. de C., que mantivo a súa actividade como ceca do Imperio Romano e tamén como ceca bizantina.[1]

Ceca de Tesalónica

Imperio Romano

Cabeza Constantino I cara á dereita cun diadema de tres ringleiras de perlas. Ollos mirando cara ao ceo. GLORIA CONSTANTINI AVG; Constantino de pé, con lanza e espada nas mans, e un trofeo no ombreiro esquerdo. Dous prisioneiros aos pés. SMTS no exergo.
Múltiplo de sólido. Ano 327 d. de C. 6,83 g. [2]

De entre as múltiples marcas de ceca utilizadas pola ceca de Tesalónica, as máis frecuentes foron: S(acra)M(oneta)T(e)S(salonica), TS, TES, TESOB(rizyacum), THS, THSOB(rizyacum) e TSA [A = "primeiro obradoiro"].[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Período helenístico[editar | editar a fonte]

As primeiras cuñaxes de moeda desta ceca producíronse a partir da fin da terceira guerra macedónica, gañada polos romanos, arredor do ano 167 a. de C.[1] O Reino de Macedonia estaba dividido en catro distritos, cada un coa súa propia capital, e Tesalónica era a capital do segundo. Os catro distritos conformaron unha sorte de protectorado romano, ata que en 146 a. de C. foron anexados para formaren a provincia romana de Macedonia.

Período romano[editar | editar a fonte]

As primeiras emisións de moeda romana cuñada na ceca de Tesalónica tiveron lugar no período tetrárquico de Diocleciano (284-305), e a instalación da casa de moeda levouse a cabo logo do establecemento da residencia imperial de Galerio (293-311), nos derradeiros anos do século III ou nos primeiros do século IV.[1]

Follis de Licinio coa marca de ceca TSA (1º obradorio) no exergo do reverso

A ceca continuou a súa actividade con Licinio (308-324) ata 317, e logo baixo Constantino I e os seus descendente (a coñecida como dinastía Constantiniana). Nese momento, a ceca dispuña de cinco obradoiros (A, B, C, D e E), que utilizaban marcas de ceca como SMTS, TS, TES, TESOB, THS, THSOB ou TSA.[1] A súa finalidade era a de dotar de circulante as tropas romanas situadas ao longo da fronteira do Danubio.

Coa división di Imperio Romano entre os fillos de Teodosio I (379-395), a ceca de Tesalónica continuou a cuñar moeda a nome dos emperadores do Imperio Bizantino, ata que pechou definitivamente por mor da reorganización das casas de moeda levada a cabo por Heraclio I en 629, xunto coa ceca de Cízico e a ceca de Nicomedia.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Knowing the Roman imperial mints: III - Thessalonica". Aeternitas Numismatics.
  2. RIC VII 163 (variante).
  3. Grierson, P. (1982). Páxinas 5, 47, 64, 106, 116.
  4. Metcalf, D. M. (1984).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]