Robert H. Thompson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRobert H. Thompson
Biografía
Nacemento15 de decembro de 1943.
Cardiff, Gales.
MorteSetembro de 2017.
(73 anos)
Londres, Inglaterra.
Datos persoais
País de nacionalidade Británica.
Actividade
OcupaciónBibliotecario e numismático.
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios
1999: Medalla Sanford Saltus (BNS).


Robert Hugh Thompson, nado en Cardiff o 15 de decembro de 1943 e finado en Londres en setembro de 2017, foi un bibliotecario e numismático galés, vinculado á British Numismatic Society e á Royal Numismatic Society.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Robert Thompson naceu o 15 de decembro de 1943 en Cardiff, onde os seus pais traballaban nunha oficina de Facenda. Recibiu a súa educación na Whitchurch Grammar School. Na súa infancia interesouse polos fósiles e pola arqueoloxía, e visitaba habitualmente sitios arqueolóxicos romanos e normandos do sur de Gales.[1][2]

Axiña comezou tamén a súa afección pola numismática. En 1958, con só 15 anos, foi membro fundador da Sociedade Numismática de Gales do Sur e Monmouthshire, e en 1959 publicou o seu primeiro artigo sobre o coleccionismo de moedas na revista da súa escola.[1][2][3][4]

En 1961, a súa familia trasladouse ao borough londiniense de Harrow.[1][2]

Traballo como bibliotecario[editar | editar a fonte]

En Londres comezou o seu exercicio profesional como bibliotecario nos servizos de bibliotecas públicas dos broughs londinienses, sinaladamente en Hackney, onde traballou durante trinta e sete anos. En 1971 acadou o seu ingreso na Asociación de Bibliotecas e, logo da disolución desta en 2002, pasou a ser membro do Instituto Colexiado de Bibliotecarios e Profesionais da Información.[1] En 2004 xubilouse como funcionario bibliotecario.[2]

Dedicación á numismática[editar | editar a fonte]

Paralelamente ao seu exercicio profesional, a numismática converteuse na súa paixón. Dun interese inicial pola moeda británica en xeral, Thompson foi concentrando o seu interese nas emisións locais e nas fichas comerciais (tokens), en particular as do século XVII.[1]

Tamén no ámbito numismático puido exercer a súa profesión, xa que foi o bibliotecario da British Numismatic Society (BNS) desde novembro de 1966 ata marzo de 1981. A a partir de novembro de 2011 repetiu como bibliotecario, esta vez conxuntamente para a BNS e para a Royal Numismatic Society (RNS), labor que desenvolveu ata o seu falecemento en 2017.[3] Na BNS ocupou tamén, en diversos períodos, postos na súa xunta directiva.[1]

Foron habituais as súas contribucións con artigos na principal publicación da BNS, o British Numismatic Journal, sinaladamente despois de 1969. Un dos seus artigos máis salientables, publicado no volume de 1989, foi o titulado "Central or local production of seventeenth-century tokens" ("Produción central ou local dos tokens do século XVII"), no que concluíu que a gran maioría destas emisións foron cuñadas en Londres, con intervención de gravadores e cuñadores que traballaban na Casa da Moeda de Londres.[3] No British Numismatic Journal publicou tamén recompilacións de publicacións doutros numismáticos, como son os casos de Christopher Blunt ou Michael Dolley .[5][6]

Thompson publicou tamén artigos noutras revistas especializadas, como as británicas Spink Numismatic Circular (entre 1972 e 2011) e Token Corresponding Society Bulletin (a partir de 1985), ou as francesas Le Livre des Mereils e Bulletin de la Société Française de Numismatique (entre 1988 e 2005). Tamén colaborou nunha sección de Survey of Numismatic Research en catro ocasións (1973, 1979, 2009 e 2015), publicou biografías de tres numismáticos do século XVIII no Oxford Dictionary of National Biography (2004) e encargouse da entrada "Seventeenth-century tokens" para o Dictionary of Numismatic Terms de Harry Manville (2014).[5][6]

Mais o traballo polo que se recoñece a figura de Thompson é a súa catalogación (publicada en oito volumes entre 1984 e 2011), da colección de tokens británicos dos séculos XVI a XVIII formada polo estadounidense R. Henry Norweb e a súa esposa Emery May, logo da proposta que lle fixera en 1973 o daquela vicepresidente da BNS, Christopher Blunt. Este traballo foi incluído na serie editorial Sylloge of Coins of the British Isles, apoiada pola Academia Británica.[3][7]

En 1964 ingresou no Hayes (Middlesex) & District Coin Club, do que foi presidente entre 1974 e 1978. Tamén pertenceu a outras asociacións numismáticas, como o Club Numismático de Londres.[5] En 1997 foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres. Entre outras entidades eruditas, era tamén membro da Sociedade de Xenealoxistas, da Sociedade Topográfica de Londres, do Instituto de Investigación Histórica e da Sociedade Histórica de Stanmore e Harrow, que presidiu en 2007.[8]

No ámbito internacional, Thompson foi un participante habitual nos Congresos Internacionais de Numismática a partir de 1967 e, durante moitos anos, asistiu tamén ás xornadas da Société française numismatique, en Francia.[3][5]

Falecemento[editar | editar a fonte]

O 22 de setembro de 2017, o corpo sen vida de Robert Hugh Thompson foi atopado na súa casa por un ladrón que se dispuña a roubar nela e que, como consecuencia do achado, deu parte á policía. Aparentemente, a morte sucedera por causas naturais arredor de vinte días antes.[3]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Artigos[editar | editar a fonte]

Michael J. Dickinson recolle, no obituario de Thompson publicado no British Numismatic Journal, unha listaxe dos artigos publicados por este desde 1959 a 2018.[6]

Monografías[editar | editar a fonte]

  • (1984-2011): The Norweb Collection. Tokens of the British Isles 1575-1750 [Sylloge of Coins of the British Isles]. Spink & Son Limited, Londres

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Dickinson, M. (2018). Páxina 261.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ellis, M.; P. J. P-M. (2021). Páxina 37.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Dickinsson, M. (2017). "Robert Thompson, FRNS, MCLIP, FSA (1944-2017)". The Royal Numismatic Society. 11 de novembro.
  4. Thompson, R. H. (1959). "Coin collecting". En Whitchurch Grammar School Magazine 1959−60. Páxinas 52−54.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Dickinson, M. (2018). Páxina 262.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Publications of Robert Hugh Thompson". En British Numismatic Journal. British Numismatid Society. Páxinas 265-273.
  7. Dickinson, M. (2018). Páxinas 263-264.
  8. Dickinson, M. (2018). Páxinas 262-263.
  9. "Sanford Saltus Gold Medal". British Numismatic Society.
  10. "Presentation of the Stanford Saltus Medal to Mr Robert Hugh Thompson, 23 May 2000". British Numismatic Journal. British Numismatic Society.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]