Radio-televizija Srbije

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Radio-televizija Srbije
RTS (Serbia) logo.svg
Inicio das emisións 1929, en Belgrado
(1992 como RTS)
Slogan Gledaj.Slušaj.Misli.
(Mira.Escoita.Pensa)
País Serbia Serbia
Lingua Serbio
Sede central Flag of Serbia.svg Belgrado
Nome(s) anterior(es) Radio-televizija Beograd (RTB) (1958–1992)
Páxina web http://www.rts.rs/

A Radio-televizija Srbije (en cirílico: PTC - Радио Телевизија Србије, en galego: «RTS - Radiotelevisión Serbia») é un grupo de comunicación público de radio (desde 1924) e televisión (desde 1958) de Serbia. É membro activo da Unión Europea de Radiodifusión e o seu director actual desde 2004 é Aleksandar Tijanić.

Historia[editar | editar a fonte]

Como Radiotelevisión de Belgrado[editar | editar a fonte]

Radio Belgrado comezou a emitir de forma regular o 24 de marzo de 1929. A televisión nacería tres décadas despois, cando a República Federal Socialista de Iugoslavia autoriza o investimento e creación de Televisión de Belgrado, dentro da Radiotelevisión de Iugoslavia. En febreiro de 1958 formouse, da unión dos 2 medios, a Radiotelevisión de Belgrado (RTB).

O 23 de agosto de 1958 comezan as emisións da televisión de Belgrado coa emisión dos informativos (Dnevnik), comezando as súas emisións desde o edificio da Feira de Belgrado. Durante os primeiros anos TV Belgrado fíxose popular entre o público grazas ás súas series e concursos A partir de 1970 todo o territorio serbio recibiría o sinal de RTS, e un ano despois comezarían como emisores independentes as cadeas de Novi Sad e Pristina, o cal levou a que a zona serbia tivese unha segunda canle, emitindo en cor e a diario PAL, a partir de 1972. Posteriormente, tería unha terceira canle para 1989.

A RTS tamén lanzou as súas emisións vía satélite para Europa a través do satélite Eutelsat.

Como Radiotelevisión de Serbia baixo Milošević (1989-2001)[editar | editar a fonte]

Edificio de RTS esnaquizado tralos bombardeos da OTAN sobre Belgrado en 1999.

Coa chegada ao poder de Slobodan Milošević e co cese da Radiotelevisión Iugoslava trala disgregación da Antiga República, decídese unir en 1992 as cadeas de Belgrado, Pristina e Novi Sad para crear a nova Radiotelevisión Serbia (RTS), de titularidade estatal. Durante esa época produciríanse varios avances como a implantación do teletexto, a creación do departamento gráfico, ou as emisións por satélite de RTS para América.

Con todo, a cadea entrou nunha forte crise de credibilidade debido á utilización do Ente por parte do Goberno tralo paso a compañía estatal, motivo polo que moitos dos antigos traballadores foron despedidos e outros se marcharon ás novas cadeas de radio e televisión privadas como Pink TV. Durante ese período, denunciouse o uso partidista do Ente Público, especialmente dos seus informativos, e as críticas aumentaron con motivo da Guerra de Kosovo e o feito de que a radiotelevisión pública convertésese no único medio autorizado para emitir informativos debido á censura militar aplicada no país.[1]

A crise alcanzou o seu punto máis álxido cando a OTAN bombardeou na madrugada do 22 ao 23 de abril de 1999[2] os estudos da cadea en Belgrado, causando 16 mortos e varios feridos. Tres anos despois o director da cadea durante ese período, Dragoljub Milanović, foi condenado a 10 anos de prisión por obrigar aos traballadores da cadea a permanecer nos estudos [3] malia coñecer que estes serían bombardeados. Tamén se destruíron varios repetidores en todo o país, polo que a cadea tivo serias dificultades para emitir.

O 5 de outubro de 2000 a xente tomou, durante a revolución que derrocaría a Milošević do poder, os estudos da Radiotelevisión Serbia, causando varios destrozos no edificio que ata dificultaron as súas emisións durante uns días, e botando á cúpula directiva da cadea. Durante uns días denominouse á cadea como Novi RTS (Nova RTS) logo da detención de Milošević.

Radiotelevisión de Serbia na actualidade (2001-Hoxe)[editar | editar a fonte]

Logo da caída de Milošević, o Ente Público enfrontouse a un período de cambio no que tamén se intentou lavar a súa imaxe fronte aos espectadores. En primeiro lugar, reformando os servizos informativos. Despois, e de acordo co novo plan de radiotelevisión, as emisoras de Novi Sad e Pristina abandonarían o Ente Público RTS para volver ser canles independentes. Isto significou tamén un expediente de regulación de emprego no que máis de 800 traballadores perderon os seus postos de traballo.[4] Para rematar, engadiuse a área historiográfica para recuperar todos os arquivos danados pola guerra ou pola censura.

En 2001 a RTS Serbia ingresa xunto coa RTCG de Montenegro na UER. Co seu ingreso estaban todos os países balcánicos pertencentes á antiga Iugoslavia.

En 2006 o Ente Público sufriu varios cambios importantes: tras outorgarse de xeito oficial en abril as concesións de TV Privada (aínda que estas xa emitían por cable ou de forma alegal), a RTS decidiu pechar a súa terceira canle de televisión "3K RTS", e tamén se dividiu o Ente en 2 entidades autónomas: por unha banda o Servizo Público de Serbia, xa existente, e por outro o Servizo Público de Vojvodina, con sé en Novi Sad e orixes na antiga Radiotelevisión de Novi Sad. A división enmárcase dentro dun período de transición de "emisora estatal" a "cadea pública".

En 2008 a RTS encárgase de organizar o festival de Eurovisión trala vitoria do seu representante, Marija Šerifović, con "Molitva" no anterior festival celebrado en Helsinqui, Finlandia. Durante 2008 a cadea investiu en novas tecnoloxías, converténdose na primeira cadea do país en transmitir en alta definición. Ademais mellorou a súa páxina web e adquiriu os dereitos sobre as series da cadea HBO en Serbia.

Radio[editar | editar a fonte]

Radio Televisión de Serbia ten as seguintes cadeas de radio:

  • Belgrado 1: Radio de oferta xeral, centrada en informativos, servizo público e programas de entretemento.
  • Belgrado 2 e 3: Malia ser dúas cadeas diferentes, funcionan como unha soa xa que comparten a mesma frecuencia. Beograd 2 emite programación cultural desde as 5 da mañá ata as 8 da tarde, e Beograd 3 emite música clásica, jazz e programas satíricos na franxa restante.
  • Belgrado 202: Tamén coñecida como BGD 202, está centrada en Belgrado e a súa área metropolitana. Emite música pop e rock, principalmente dirixida para os mozos, e un programa cultural matinal.
  • Stereorama: É un programa de radio que se emite cada fin de semana desde o sábado ás 8.00 am ata o domingo ás 8.00 pm. Emítese en Belgrado 202, cubrindo toda Serbia excepto Belgrado.

Durante 65 anos ata 2010 existía unha cadea de radio chamada RTS Ninš.

Televisión[editar | editar a fonte]

Estudos de RTS.
  • RTS 1: Principal cadea de Serbia, emite unha programación de contidos xerais dirixida a todo tipo de público e centrada en informativos e producións estranxeiras (principalmente americanas como Prison Break, CSI ou North Shore) e nacionais. Algúns dos seus programas máis vistos son os informativos (Dnevnik), as sitcom locais como Bela Ladja ou Porodično blago, e as coberturas de acontecementos especiais como partidos de fútbol de Serbia ou os festivales musicais (Beovizija, Eurovisión) que se emiten na canle principal. É o de maior cobertura no país.
  • RTS 2: Segunda canle, encárgase de emitir programación cultural, deportes, programación infantil, as sesións do Parlamento Serbio, reposicións de programas de éxito anteriormente e calquera outra cousa que non teña cabida na canle principal.
  • RTS SAT: Versión internacional de RTS, dedicada especialmente para os emigrantes e diáspora Serbia.
  • RTS Digital: Canle en alta definición.
  • RTS HD: Canle en alta definición.

Radio-televisión de Serbia tamén tivo desde 1989 ata 2006 a terceira cadea de televisión 3K/RTS que emitía unha programación deportiva e musical, pero do mesmo xeito que noutros países balcánicos como Croacia, a RTS acabou coa cadea en beneficio da implementación da televisión privada en Serbia. Outras cadeas de TV defuntas de RTS son: RTS Priština, RTS-TVNS Plus e 3P (xunto coa radiotelevisión de Voivodina).

As canles de RTS poden seguirse en vivo a través de Internet

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]