Teletexto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Un exemplo de teletexto.

O teletexto é un servizo de información en forma de texto que se emite xunto co sinal de televisión. Orixinouse no Reino Unido, a BBC realizou algunhas transmisións de probas en 1973, lanzándoo oficialmente o 23 de setembro de 1974[1]. Precísase de televisores axeitados para acceder ao servizo; a maior parte de televisores que se venden desde os anos 90 incorporan este sistema porén existen rexións, como é o caso de América do Norte onde nunca se utlizou este sistema [2].

Na radio hai un sistema semellante chamado radiotexto ou RDS. Na Televisión Dixital Terrestre, ademais do teletexto, envíanse informacións sobre as canles a súa programación mediante EPG (electronic program guide).

A transmisión do teletexto[editar | editar a fonte]

O sinal de televisión está formado por liñas agrupadas en campos e cadrados. Cada cadro (a equivalencia ao que en cinema é un fotograma) ten dous campos e cada campo está composto por un número concreto de liñas, este número depende do sistema de televisión empregado. Cada liña incorpora a información de luz e de cor, luminancia e crominancia, e os sincronismos necesarios para a súa posterior presentación no receptor de TV, estes sincronismos chámanse sincronismo horizontal e salva de cor. Os campos, par e impar que forman un cadrado, teñen tamén o seu sistema de sincronismos, estes reciben o nome de sincronismo vertical. Este sincronismo está formado polos pulsos de igualación, anteriores e posteriores, pulsos de sincronismos e liñas de recuperación. Estas últimas non levan información de imaxe, están baleiras, xa que o tempo de duración das mesmas era utilizado para a estabilización dos circuítos de deflexión vertical que a tecnoloxía existente no momento da definición do sinal de televisión (válvula termoiónica) precisaba de moito tempo para a súa estabilidade na recuperación da oscilación.

As novas tecnoloxías de estado sólido deixaron sen motivo estas liñas do sincronismo vertical que se aproveitaron para a transmisión doutras informacións e servizos, como os sinais VITS e o teletexto que utiliza un sistema de codificación dixital. Deste modo, os receptores non preparados simplemente ignoran estas liñas, e os preparados poden captar este sinal sen afectaren a calidade da imaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]