Queima de libros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
En 1933, os nazis queimaron moitos libros de autores xudeus e outros considerados anti alemáns na biblioteca do Institut für Sexualwissenschaft de Berlín.

A queima de libros é un acto político de destrución realizado polo estado de legalidade. Adoita ser promovido por autoridades políticas e relixiosas durante períodos de fanatismo ideolóxico co fin de prevalecer no eido da propaganda e da educación pública.

Na época contemporánea esta práctica estendeuse ao material de gravación de información (casetes, cd,s, vinilos, disquetes e páxinas da internet). O exemplo máis famoso é o da queima de libros por parte dos nazis en Bebelplatz (Berlín) en 1933 coa escusa de que eran libros de autores antialemáns. A partir de entón tódalas queimas de libros foron comparadas co acontecido ese día, por iso a súa execución pública diminuíu.

En Galicia as queimas de libros propuxéronse durante o dominio da Inquisición (que vixiaba o comercio nos portos contra os libros ingleses e franceses) e durante a Guerra Civil Española por parte do bando conservador e fascista, queimando libros en tódalas provincias galegas (documentadas no libro O fulgor e as tebras, as bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil de Francisco Xabier Redondo Abal).

A queima de libros na historia[editar | editar a fonte]

A queima de libros ten unha longa historia debido aos períodos de fanatismo ao longo da historia da humanidade. Estes son algúns dos feitos documentados:

  • No antigo Exipto está documentada a destrución de varias bibliotecas no papiro de Ipuur (ca 2175 a 2040 a. C.), incluso entre os sacerdotes dos deuses Amón e Atón destruíronse uns a outros os papiros.
  • No ano 622 a. de C. a biblioteca de Assurbanipal foi destruída polos Babilonios e Medos.
  • No século V a. de C. a biblioteca do pazo de Persépolis foi destruída e os libros de chumbo destruídos.
  • No ano 212 A. de C. na China de Qin Shi Huang, durante a súa política de unificación chinesa.
  • No 292 D. de C. o emperador Diocleciano manda queimar certos libros de alquimia da biblioteca de Alexandría durante os conflitos da tetrarquía.
  • A seguinte queima de libros tamén aconteceu en Exipto, no ano 367 San Atanasio de Alexandría mandou queimar os libros cristiáns que el considerou heréticos, salvándose só o coñecido como Evanxeo de Xudas
  • No século IV o bispo de Alexandría empuxa ós cristiáns a queimar os libros dos templos pagáns e da biblioteca de Alexandría.
  • No ano 590 o papa Gregorio I ordena queimar os libros de autores pagáns da biblioteca papal de Letrán.
  • Trala conversión do rei visigodo Recaredo ó catolicismo mandou queimar tódolos libros cristiáns do arianismo.
  • A destrución da biblioteca de Constantinopla no século VIII.
  • Destrución de varios coráns da biblioteca de trípoli durante no ano 1099 polos cruzados.
  • Durante a elección do rito romano ou do rito mozárabe para a igrexa castelá fíxose unha ordalía no lume e vendo o rei que os libros romanos ardían antes que os mozárabes separou o romano do lume e deixou arder o mozárabe.
  • A principios do século XIII o papa enviou a varios misioneiros a combater o Catarismo, entre os misioneiros enviados atopábase Santo Domingo, do cal a lenda católica conta que organizou unha ordalía ou xuízo de Deus, que consistiu en poñer nunha fogueira os libros cátaros e católicos e só se queimaron os libros cátaros porque os libros choutaron das chamas por milagre.
  • A principios do século XV o monxe franciscano San Bernadino de Siena adoitaba acompañar os seus sermóns ao aire libre con queimas públicas de obxecto "inmorais".
  • Queima de libros árabes polo cardeal Cisneros no ano 1499.
  • Durante a ditadura do monxe Girolamo Savonarola na cidade de Florencia en 1497 mandou queimar centos de obras de arte, entre cadros, estatuas, libros,etc
  • A queima de estatuas e códices maias no ano 1562 polo franciscano Diego de Landa en Maní (México).
  • Durante o predominio da Inquisición (séculos XV-XIX en España) queimáronse miles de libros por motivos relixiosos (libros protestantes, calvinistas...) e políticos (libros da Ilustración francesa).
  • A comezos so século XVI os andalusís da Península Ibérica tiñan a obriga de entregar ás autoridades casteláns os libros escritos en árabe e só lles devolvían os que eran de menciña, filosofía e historia o resto era queimados, presuntamente pra deixalos sen documentos legais sobre o dominio de terras e dereitos consuetudinarios.
  • A queima xeneralizada de autores de países inimigos en varios países belixerantes durante a Primeira Guerra Mundial.
  • A queima de libros de autores considerados "antialemáns" durante a ditadura do partido nazi en Alemaña.
  • Durante a guerra civil española producíronse varias queimas de libros por parte de Falanxe Española o 19 de agosto de 1936 na Coruña (con libros requisados de bibliotecas privadas como a de Casares Quiroga, a do Seminario de Estudos Galegos e a de centros culturais republicanos e obreiristas); o 30 de Abril de 1939 na Universidade Central de Madrid.
  • Trala Segunda Guerra Mundial os aliados fixeron un "proceso de desnazificación" no cal se destruíron varias obras de propaganda nazi.
  • En Estados Unidos de América a finais dos corenta e principios dos cincuenta do século XX organizáronse varias queimas de banda deseñada por parte de asociacións relixiosas.
  • Durante a Revolución Cultural chinesa do ditador Mao Zedong.
  • En Chile, cando o golpe de estado de Pinochet en 1973, os militares requisaron e queimaron miles de libros "políticos". En 1986 queimarían miles de copias do libro "La aventura de Miguel Littín clandestino en Chile".
  • Durante a ditadura de Jorge Rafael Videla en Arxentina en 1976, un xefe do exército ordenou a queima pública de varios libros, con autores tan variados coma Proust, Julio Cortázar, Vargas Llosa...
  • En 1992 durante a Guerra de Bosnia a biblioteca de Saraxevo foi destruída por serbiobosnios.
  • O 23 de decembro de 2001 o cura protestante Jack Brock promocionou a queima de libros de Harry Potter.
  • Durante a Guerra de Iraq en 2003 a biblioteca nacional.

Na ficción[editar | editar a fonte]

No campo da ficción estes actos foron usados en moitas obras literarias:

  • Na obra de teatro Tamburlaine (Tamerlán o Grande, en galego) de Christopher Marlowe, onde fai queimar copias do Corán tras conquistar Asia Menor xunto a Oriente Medio e declararse independente de calquera Deus fai que o protagonista remate as súas aventuras en traxedia.
  • O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha: nun episodio os amigos do protagonista queiman os seus libros coa esperanza de que sande ó non poder volver ler libros de cabalerías.
  • Na novela de ciencia ficción distópica dos anos 50, Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, onde os bombeiros do futuro queiman libros.
  • Ao final da novela Die Blendung do escritor Nobel Elias Canetti, o protagonista inmólase nunha fogueira xunto aos seus libros.
  • Na novela Toshokan Senso, a queima de libros é algo de todos os días co fin de ter dominada á sociedade por parte de dúas organizacións militares.
  • No relato curto Earth's Holocaust de Nathaniel Hawthorne a sociedade destrúe todo o que considera ofensivo, incluso na Biblia.
  • En Il nome della rosa de Umberto Eco a gran biblioteca do mosteiro é queimada pra que os manuscritos "inmorais" non contaminen almas cristiás.
  • Na novela Os libros arden mal de Manuel Rivas o autor arranca a narración cando os falanxistas queiman libros na Coruña a principios da guerra civil.

No cine a queima de libros adoita aparecer en filmes que tratan sobre o nazismo e a segunda guerra mundial (La caduta degli dei de Luchino Visconti e Indiana Jones e a última cruzada de Steven Spielberg).

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Queima de libros