Portal:India/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A India (en hindi: Bharat), oficialmente República da India (Bharat Ganrajya), é un Estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo Océano Índico ao sur, o Mar de Arabia ao suroeste e a Baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7.517 km de extensión. Comparte fronteiras con Paquistán ao oeste; China, Nepal e Bután ao nordés; e Myanmar e Bangladesh ao leste. O Goberno da India tamén considera que comparte fronteiras con Afganistán, xa que considera toda Caxemira como parte do seu territorio, porén existe controversia ao respecto e a propia parte da fronteira afgá está controlada polo Estado de Paquistán. No Océano Índico, a India atópase nas proximidades de Sri Lanka e as Maldivas, ademais as Illas Andaman e Nicobar comparten fronteira marítima con Tailandia e Indonesia. A súa capital é a cidade de Nova Delhi.

Orixe da civilización do Val do Indo e rexión de históricas rutas comerciais e vastos imperios, o subcontinente indio foi sempre identificado pola súa riqueza comercial e cultural ó longo da súa extensa historia. Catro relixións de carácter global naceron neste territorio: o Hinduísmo, o Budismo, o Xainismo e o Sikhismo, ademais no primeiro mileno (EC) chegaron o Xudaísmo, o Zoroastrismo, o Cristianismo e o Islam, o que contribuíu á formación da diversa cultura da rexión. Gradualmente incoporada e posta baixo administración da Compañía Británica das Indias Orientais desde comezos do século XVIII e directamente administrada polo Reino Unido desde mediados do XIX, a India converteuse nun Estado independente en 1947 despois da loita pola independencia marcada pola resistencia non violenta liderada por Mahatma Gandhi.

A India é unha sociedade plural, plurilingüística e multi-étnica. É, ademais, fogar dunha gran diversidade de vida silvestre e espazos naturais protexidos.