Caneiro (pesca)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os caneiros, pesqueiras ou pescos son unha especie de dique ou presa construída en diagonal no curso dun río, dende onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar.
É unha construción tradicional ligada á hidráulica, ás veces complexa, aproveitando un lugar natural, xeralmente un vao ou un rochedo, de xeito que o conxunto se habilita para a pesca principalmente de lamprea, pero tamén de salmón, zamborca e outras especias piscícolas.
Das pesqueiras fálase xa en documentos do século XII aínda que, probablemente, moitas delas se remontan á época romana. Manuel Caamaño Suárez foi dos primeiros que estudou, entre outras construción tradicionais, os caneiros en Galicia.
Existen en toda a xeografía galega, especialmente no río Miño con cadansúa variante; por exemplo os pescos do Ulla en Herbón son un pouco distintos dos do Miño. En 1908 había en só 25 quilómetros do baixo Miño unhas 700 pesqueiras. A pesca nos caneiros e pesqueiras adoitábase facer en grupo.
Características
[editar | editar a fonte]A pesqueira consiste nun muro ou varios muros (poios) de cachotaría de granito ou xisto colocados paralelos ou oblicuamente ao curso do río que facilitarán o camiño a seguir polos peixes derivando a auga cara a unhas quellas ou portillos estreitos no que se axusta unha rede cónica chamada viturón, nasoura ou vutrón. Os construtores foron grandes canteiros, xa que non é doado a construción de estruturas en grandes correntes de auga, xa que o muro debe aturar a forza horizontal da auga para impedir que envorque.
Os caneiros son unha variante zonal da zona de Lugo das pesqueiras ou pescos. Constan de guiares, uns muros baixos que conducen a auga para que pase polas bocas e pías, plataformas que axudan aos guiares e dende os que se arman e desarman as redes. Tamén contan normalmente cuns casetos, nos que se deposita a pesca e se refuxian os pescadores. Nas bocas pendurábanse as agullas, pezas de madeira de salgueiro de forma arredondada nas que se apoiaban os gallos do forcado durante a pesca.
Exemplos
[editar | editar a fonte]- Pesqueiras ou Pescos de Arbo: Construcións únicas situadas a ambos os dous lados do río Miño en forma de paralelepípedos de pedra que penetran na canle fluvial dende as dúas ribeiras.
- Pesqueiras do Tambre, en Castro, Roo, Concello de Noia. Dende épocas medievais, a pesca da lamprea era unha das actividades de subsistencia dos veciños do lugar, ademais de constituír a actividade fundamental que se levaba a cabo no río Tambre. Por medio das "pesqueiras" extraíanse grandes cantidades de lamprea, que posteriormente, ou se vendían na vila de Noia, ou exportábanse, ben a outros puntos de Galicia ou ao resto da península onde era un produto moi prezado. Pero a construción, a mediados do século XX, do encoro do Tambre, provocou un descenso no seu caudal e inevitablemente a lamprea foi desaparecendo de forma progresiva das augas do río. Como recordo do pasado, quedan no leito do río, vestixios destas pesqueiras, que consistían en grandes rochas cuns pasos en rampla, polos que a lamprea se deslizaba para poder remontar o río. Ao final desas ramplas colocábanse unhas redes en forma de bolsa, na que quedaban atrapadas.
Toponimia
[editar | editar a fonte]A importancia destas construcións noutrora reflíctese nos nomes galegos:
- Caneiro é un topónimo ademais dun apelido galego.
- Pesqueiras e A Pesqueira e Pesqueira son topónimos comúns en Galicia, Portugal e o Brasil.