Pilro de Baird

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poliños de pilro de Baird, camuflados.

O pilro de Baird,[2] Calidris bairdii é unha pequena ave limícola.

É unha especie da orde das caradriformes e familia dos escolopácidos, unha das 24 integradas no xénero Calidris.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1861 polo cirurxián, historiador e ornitólogo estadounidense Elliott Coues, baixo o nome de Actodromas bairdii.[3]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Calidris.

O epíteto específico, bairdii, foi unha homenaxe que Coues lle fixo ao seu compatriota, o naturalista, ornitólogo, ictiólogo e herpetólogo Spencer Fullerton Baird.[4]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Actodromas bairdii Coues, 1861 (protónimo)
  • Actodromas spec Coues, 1861
  • Erolia bairdii (Coues, 1861)

Características[editar | editar a fonte]

Os adultos presentan patas negras e un bico curto e escuro. Son de cor parda nas partes superiores, coas marxes das plumas do manto e escapulares máis pálidas. As partes inferiores son predominantemente brancas. A mitra ten a zona central escura. A cabeza e o peito son de cor parda pálida con riscas escuras. En plumaxe invernal, esta especie presenta unha cor máis cincenta pálida nas partes superiores.

Un dos nesgos máis importantes para distinguir esta especie son as ás longas, que, unha vez pregadas, se estenden alén da punta da cola. Só o pilro de Bonaparte mostra esta proxección primaria, pero mostra a mitra branca.

Cría na tundra do extremo nordeste de Siberia, norte do Canadá e oeste de Groenlandia. Aniña no chan, normalmente en zonas secas con vexetación baixa.

Os pilros de Baird son migradores de longa distancia, invernando en América do Sur. Esta especie é un divagante raro no oeste de Europa. Ten sido observado en Galicia, en localidades como Laxe, O Grove, Porto do Son e Culleredo, sobre todo a finais do verán e no outono.

Aliméntanse nos intermareais lamacentos, tomando o seu alimento (invertebrados) da superficie.

Ameazas[editar | editar a fonte]

A especie pode ser vulnerábel ao cambio climático, que pode provocar un desaxuste entre a súa reprodución e a abundancia máxima de insectos.[5]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Esta especie ten un rango de distribución extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tamaño da área de distribución. Non se coñece a tendencia da poboación, pero non se pensa que se aproxime aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia da poboación. O tamaño da poboación é moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio do tamaño da poboación. Por estes motivos, a especie é avaliada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Calidris bairdii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 July 2012. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 17 de decembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Calidris bairdii (Coues, 1861) no GBIF. Consultado o 3 de setembro de 2022.
  4. Jobling, James A. (2010): The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4, p. 66.
  5. Green, R. E. & Pearce-Higgins, J. W. (2014): Birds and climate change: Impacts and conservation responses. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-5211-1428-8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]