Pilro de Bonaparte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pilro de Bonaparte
Calidris fuscicollis PLAYERO RABADILLA BLANCA.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Calidris
Especie: Calidris fuscicollis
(Vieillot, 1819)
Calidris fuscicollis map.svg

Sinonimia

Erolia fuscicollis

O pilro de Bonaparte (Calidris fuscicollis) é unha pequena ave costeira que se reproduce na tundra do norte de Canadá e Alasca. Pode ser difícil de distinguir doutros pilros pequenos similares.

Estas aves non teñen normalmente manchas. No verán, raramente se ven nas rexións temperadas porque están na súa afastada zona de reprodución. Igualmente, no inverno dificilmente se ven porque viaxan moi ao sur para a maioría dos observadores de aves de zonas temperadas. Por tanto, a maioría dos avistamentos nas rexións temperadas teñen lugar durante a primavera e outono e só xeralmente en pequeno número arredor da auga.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O pilro de Bonaparte pertence á familia dos escolopácidos e está clasificado no xénero Calidris.[3] É unha especie monotípica, xa que non se atoparon grandes diferenzas entre as poboacións e non se describiron subespecies.[4]

O nome específico fuscicollis procede do latín fuscus, "escuro" e collis, "de pescozo".[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha ave relativamente pequena que mide só 20 cm.[2] A parte superior do corpo é de cor marrón agrisada clara e ten unha liña ocular branca. O seu bico é de lonxitude media, delgado e escuro, e as patas son moi escuras. Esta ave é a miúdo confundida con moitos pilros pequenos similares que viven na súa área ou ao longo das súas rutas de migración.[2]

A plumaxe é moito menos distintiva durante o inverno; porén, durante todas as estacións os machos e femias manteñen unha aparencia similar.[2] Na plumaxe alternativa de adulto a parte superior da cabeza e a face é de tons amarronados. O supercilio é claro, ten plumas negras no dorso e bordos grises nas plumas coberteiras das ás. O peito e flancos teñen liñas e as partes inferiores son brancas. Na plumaxe de adulto básica, as partes superiores son grises escuras e no centro ten plumas negras. As partes inferiores son brancas, pero o peito é gris escuro. O supercilio é branco, mentres que a parte superior da cabeza e a liña ocular son máis escuras. A plumaxe xuvenil consta principalmente de plumas negras no dorso e coberteiras das ás. Estas teñen beiras marróns cara ás escapulares e beiras máis brancas cara ás coberteiras das alares. O peito ten finas raias e forman unha figura de “V” branca no dorso. As partes inferiores e o supercilio son brancas, a parte superior da cabeza é de cor amarronada e a cara é clara.[6]

Medidas estándar[7][8]
Lonxitude 170–200 mm
Peso 42 g
Envergadura alar 430 mm
Á 117–126 mm
Cola 47,5-53,6 mm
Culmen 20-23,6 mm
Tarso 21-24,5 mm

Identificación[editar | editar a fonte]

As dúas características principais usadas na identificación deste paxaro no campo son as súas longas ás e a parte correspondente á zona posterior do dorso (cu ou rabadilla) branca. Dita mancha branca pode verse ben cando está en voo. As súas longas ás esténdense máis alá da cola uns 12 centímetros.[9] o pilro de Baird tamén ten esta característica, pero pode distinguirse pola falta da mancha branca da rabadilla. Teñen tamén unha fina liña branca na á[6] e unha fila de marcas nos flancos debaixo das ás.[9]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Habita en manchas con relativamente bastante vexetación da tundra.[2] Máis especificamente, viven na tundra ártica pantanosa de terreo ondulado e con moita vexetación de Alasca e Canadá durante a estación reprodutora.[4] Candomigran poden encontrarse en varios tipos de zonas húmidas. Durante os meses de inverno habitan en diversos hábitats de auga doce e salgada como lagoas costeiras, estuarios e marismas. En xeral, adoitan evitar as praias areosas e as augas de correntes fortes.[2]

Migración[editar | editar a fonte]

Son aves migratorias de longas distancias, que pasan o inverno en Suramérica. De feito, considérase unha das aves migrantes que cobren distancias máis grandes do mundo,[10] atravesndo todo o continente de Norteamérica nun período dun mes.[2]

O pilro de Bonparte é un migrante neártico. Despois de reproducirse no norte de Canadá e Alasca, voa sobre o océano Atlántico e pasa a maioría do seu período non reprodutor en Suramérica, particularmente ao longo da costa de Patagonia tanto en Arxentina coma en Chile. Tamén visita con frecuencia Praia Fracaso en Arentina, zona onde se concentra un gran número de aves costeiras pola súa abundancia de alimento.[10][11] Tamén foi observado en Venezuela, Surinam, Brasil e Paraguai durante a súa migración. Son aves errantes raras pero regulares no oeste de Europa e uns errantes raros en Australia.

Estas aves migran tanto viaxando sen facer paradas coma con voos múltiples de curta distancia facendo moitas paradas. Durante a súa migración de norte a sur, voan sobre o Atlántico, movéndose gaduamente ao longo da costa nordeste de Suramérica antes de dirixirse terra adentro. Esta viaxe xeralmente dura un mes. Na súa migración de sur a norte, seguen un camiño similar, pero fano moito máis rapidamente. Esta migración fana nunha serie rápida de voos longos sen parar. Un destes voos sen parada pode ser de 4200 km.[11]

Os padróns climáticos teñen un papel esencial á hora de determinar a ruta de migración. Gústalles viaxar cando a temperatura, presión e humidade favorables se unen aos ventos de cola. Os ventos fortes poden desvialas das súas rutas de migración regulares. Por exemplo, os efectos dunha gran tormenta poden levar gran cantidade destas aves ás illas King George.[11]

Efectos do quecemento global[editar | editar a fonte]

O quecemento do clima orixinou cambios, por exemplo, no número de individuos e na duración da súa estandía nas illas Shetland do Sur.[11] O pilro de Bonaparte obsérvase agora máis frecuentemente nesta área como resultado de variacións climáticas a curto e longo prazo. As maiores temperaturas do aire, que se dan como resultado dos ventos do norte, traen aire máis cálido e húmido, que crea hábitats máis abertos e mellores recursos alimenticios, que permiten que estas aves persistan e sobrevivan. As rutas de migración, e os terreos de alimentación de verán e inverno, poden tamén verse alterados pola modificación do clima.[11]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Coloración críptica que lles serve para camuflarse.

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

Unha das súas vocalizacións consiste nun repetido “pip, pip, pip …”[9] A súa chamada ten unha distintiva nota metálica “tzip”, que os fai doadamente identificables entre unha bandada de aves costeiras. Lembra o son de dous croios rascándose un contra outro.[12]

Dieta[editar | editar a fonte]

Comen principalmente invertebrados como moluscos, crustáceos, anélidos e tanto insectos adultos coma larvas. Considérase que comen principalmente invertebrados acuáticos. Aínda que antes se pensaba que só comían invertebrados, observouse que as sementes son tamén unha parte da súa dieta. Este descubrimento levou a pensar que poderían alimentarse de forma oportunista dependendo do momento, estación e hábitat. Nos seus estómagos atopáronse tamén pedras e algas, pero estas se cre que son inxeridas por accidente ao pretenderen tragar outros alimentos. As pedras son de forma e tamaño similares a sementes e os paxaros poderían confundilas.[4]

Cando están en chairas lamacentas, buscan comida sondando co peteiro no barro e augas pouco profundas, pero poden tamén apañalo na superficie. Cando están na tundra, sondan profundamente no musgo e outra vexetación.[13]

Nidación[editar | editar a fonte]

As femias constrúen un niño que é unha depresión cupuliforme escavada no chan. Fórrano con liques, follas e musgos que poden estar no lugar ou son traídos pola femia. Os niños están xeralmente ben escondidos nunha mata de musgo ou herba. Os machos defenden o seu territorio de alimentación voando planeando ou con voo batido sobre el mentres fan sons repenicantes e outros parecidos a gruñidos. Cando están no chan, o macho estende as ás a un lado e ergue a cola para mostrar a mancha branca da súa rabadilla. Despois camiña e corre repetindo unha chamada.[13]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Exhibición de erguer a á

Como a maioría das aves costeiras, o comportamento de cortexo do pilro de Bonaparte comprende un compoñente aéreo durante o voo. Durante o cortexo o macho e a femia voan cara arriba un ao lado do outro nun certo ángulo. A uns 10 m sobre ochan paran de subir separados uns 0,5 m e peneiran con batidos de ás pouco profundos e de vibración rápida. O macho permanece por riba da femia e repetidamente emite unha serie de notas. Peneiran entre 5 e 10 segundos antes de descender ao chan de forma lenta e silenciosa e toman terra separados uns 2 m. Durante o seu planeo cara abaixo manteñen as ás en posición de “V” sobre o dorso. Uns poucos minutos despois inician un segundo voo en parella idéntico ao primeiro. Porén, unha vez que tomaron terra o macho empeza a perseguir a femia. A persecución remata cando omacho fai unha exhibición de erguemento da á, que é común en moitas especies de pilros.[14]

Ovos de pilro de Bonaparte nun niño

As femias son pequenas e nidifican no alto ártico, o que significa que probablemente están nun estrés polo frío maior que as aves que nidifican en áreas temperadas. En consecuencia, as femias pasan unha media do 82,5% do seu tempo incubando os ovos.[15] En total, as femias chocan os ovos durante uns 22 días. Xeralmente poñen 4 ovos de cor de oliva a verde; e é raro que poñan só 3. O ovo pode ás veces ten manchas marróns, marrón oliváceas ou grises.[13]

Só as femias se encargan de incubar.[15][16] Unha vez que a femia puxo os ovos, o macho deixa de facer exhibicións e deixa os territorios de cría.[14] Isto é moi diferente ao que fan outros membros do xénero Calidris, onde a incubación é compartida entre machos e femias; por tanto, o carácter de incubación do macho perdeuse independentemente nesta especie. Só hai tres especies documentadas que teñan este comportamento. Este desenvolvemento parece ser estraño, xa que se demostrou en experimentos que un decrecemento na cantidade de coidados que podiga o macho está ligado a unha diminución na fitness ao facer descender o número de fillos do macho que sobreviven. Unha explicación que se ten dado a esta evolución é que unha diminución dos coidados do macho permite que o macho explore outras opcións de apareamento. Esta hipótese enlaza co feito de que o pilro de Bonaparte é políxino; os machos aparéanse con varias femias, pero as femias aparéanse cun só macho.[16]

Ocasionalmente encontráronse híbridos entre esta especie e o pilro curlibico ou común (Calidris alpina) no noroese de Norteamerica.[17][18] Tamén se sospeita que se hibrida co Calidris subruficollis.

Desenvolvemento inicial[editar | editar a fonte]

As crías están cubertas de penuxe e abandonan o niño aproximadamente un día despois de eclosionaren. A femia coida delas incubando os ovos e manténdoos quentes, pero elas poden procurar alimento por si soas. O seu primeiro voo realízano aos 16–17 días de vida e pouco despois xa se fan independentes.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Calidris fuscicollis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "White-rumped Sandpiper". Birds of DC. Smithsonian Institution. 2015. Consultado o 7 de outubro de 2015. 
  3. "Calidris fuscicollis". ITIS Report. Consultado o 14 de outubro de 2015. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Montalti, Diego; Arambarri, Ana M.; Soave, Guillermo E.; Darrieu, Carlos A.; Camperi, Anibal R. (June 2003). "Seeds in the Diet of the White-Rumped Sandpiper in Argentina". Waterbirds: The International Journal of Waterbird Biology 26 (2): 166–168. JSTOR 1522547. doi:10.1675/1524-4695(2003)026[0166:sitdot]2.0.co;2. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 84, 167. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. 6,0 6,1 "White-rumped sandpiper - Calidris fuscicollis". USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  7. Godfrey, W. Earl (1966). The Birds of Canada. Ottawa: National Museum of Canada. p. 153. 
  8. Sibley, David Allen (2000). The Sibley Guide to Birds. New York: Knopf. p. 185. ISBN 0-679-45122-6. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Hannisian, Mike (2005). Shorebird ID Class. San Antonio Audubon Society. Consultado o 7 de outubro de 2015. 
  10. 10,0 10,1 Bala, Luis Oscar; Hernandez, M. (2007). "Prey selection and foraging patterns of the White-rumped Sandpiper (Calidris fuscicollis) at Península Valdés, Patagonia, Argentina". Ornitologia Neotropical 18: 37–46. Consultado o 29 September 2015. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Korczak-Abshirea, Malgorzata; Angiela, Piotr J.; Wierzbicki, Grzegorz (2011). "Records of white-rumped sandpiper (Calidris fuscicollis) on the South Shetland Islands". Polar Record 47 (3): 262–267. doi:10.1017/S0032247410000665. Consultado o 28 September 2015. 
  12. "White-rumped sandpiper". All About Birds. Cornell Lab of Ornithology. Consultado o 10 de outubro de 2015.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "White-rumped Sandpiper Calidris fuscicollis". Guide to North American Birds. National Audubon Society. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  14. 14,0 14,1 McCaffrey, Brian J. (1983). "Short Communications: Breeding Flight Display in the Female White-rumped sandpiper (Calidris fuscicollis)" (PDF). Auk 100: 500–501. Consultado o 9 de outubro de 2015. 
  15. 15,0 15,1 Cantar, R.V.; Montgomerie, R.D. (1985). "The Influence of Weather on Incubation Scheduling of the White-Rumped Sandpiper (Calidris fuscicollis): A Uniparental Incubator in a Cold Environment". Behaviour 95 (3): 261–289. JSTOR 4534487. doi:10.1163/156853985x00154. 
  16. 16,0 16,1 Borowik, Oskana A.; McLennan, Deborah A. (1999). "Phylogenetic Patterns of Parental Care in Calidridine Sandpipers" (PDF). The Auk 116 (4): 1007–1117. Consultado o 2 de outubro de 2015. 
  17. McLaughlin, K.A.; Wormington, A. (2000). "An apparent Dunlin × White-rumped Sandpiper hybrid". Ontario Birds 18 (1): 8–12. 
  18. Wilson, Angus. "A putative hybrid white-rumped sandpiper × dunlin from the east coast of the USA". Ocean Wanderers. Consultado o 11 de outubro de 2006. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]