O platino é un elemento químico de número atómico 78 situado no grupo 10 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Pt. Trátase dun metal de transición branco agrisado, precioso, pesado, maleable e dúctil. É resistente á corrosión e atópase en distintos minerais, frecuentemente xunto con níquel e cobre; tamén pode atoparse como metal. Emprégase en xoiería, equipamento de laboratorio, contactos eléctricos, empastes e catalizadores de automóbiles.
Este metal, cando está puro, é de cor branca agrisada, maleable e dúctil. É resistente á corrosión e non se disolve na maioría dos ácidos, pero si en auga rexia. É atacado lentamente polo ácido clorhídrico (HCl) en presenza de aire. Denomínase grupo do platino aos elementos rutenio, osmio, rodio, iridio, paladio e platino. Estes elementos son bastante utilizados como catalizadores.
O platino é relativamente resistente ao ataque químico, ten unhas boas propiedades físicas a temperaturas altas, e unhas boas propiedades eléctricas. Isto fixo que se utilizase en distintas aplicacións industriais. Por exemplo, pódese empregar como eléctrodo, en contactos electrónicos etc. O platino non se oxida co aire, pero pode reaccionar, dependendo das condicións, con cianuros, halóxenos, xofre, chumbo, silicio e outros elementos, así como con algúns óxidos básicos fundidos. Os seus estados de oxidación máis comúns son 2 e 4.