Universidade Stanford

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Universidade Stanford
Datos xerais
LocalizaciónEstados Unidos de América Estados Unidos
Fundación1 de outubro de 1890 (133 anos)
Datos actuais
Alumnos15 877
pregrao: 6980
posgrao:8897
Datos de contacto
Enderezo450 Serra Mall, Stanford,
Palo Alto, California
Páxina webhttp://www.stanford.edu
Facebook: stanford Twitter: stanford Instagram: stanford Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Unha vista do Óvalo.

A Universidade Leland Stanford Júnior (oficialmente en inglés Leland Stanford Junior University,[1] coloquialmente the Farm), coñecida como Universidade Stanford, é unha universidade de investigación privada situada en Palo Alto, California (Estados Unidos).

Está localizada a uns 56 km ao sueste de San Francisco, en terreos do condado de Santa Clara contiguos a Palo Alto. A universidade áchase por tanto no corazón xeográfico e histórico de Silicon Valley.

Historia[editar | editar a fonte]

Leland Stanford (1824-1893), fundador da institución.

Stanford foi fundada por Leland Stanford, magnate ferroviario, senador dos Estados Unidos, e ex gobernador de California, xunto coa súa esposa Jane Lathrop Stanford. Foi chamada así en honra do seu único fillo, Leland Stanford Jr., que morreu en 1884 de febre tifoide pouco antes de cumprir 16 anos. Os seus pais decidiron crear unha institución que servise "para promover o benestar público exercendo unha influencia en beneficio da humanidade e a civilización".[2]

Os Stanford visitaron o presidente de Harvard, Charles Eliot, e consultáronlle se el crearía unha universidade, unha escola técnica ou un museo. Eliot respondeulles que el fundaría unha universidade e que unha doazón de 5 millóns de dólares sería suficiente (en dólares de 1884, serían preto de 133 millóns de dólares de hoxe). Os Stanford tamén visitaron a Universidade Cornell, a Universidade Johns Hopkins e o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). Por último, Leland e Jane Stanford crearon dúas institucións en honra a Leland Júnior: a universidade e o museo, o cal foi orixinalmente planeado para San Francisco, pero foi trasladado xunto á universidade.[3][4]

Coñécese localmente como The Farm (A Granxa) porque a universidade está situada no que fora a granxa de cría de cabalos de Leland Stanford.

A universidade abriu as súas portas oficialmente o 1 de outubro de 1890, cun total de 559 estudantes e 15 docentes, sete dos cales proviñan da Universidade Cornell. Orixinalmente non se cobraba pola instrución e, aínda que o ensino era mixto, o número de mulleres inscritas estivo limitado durante varios anos.

Universidade Stanford.

O lema oficial da universidade, seleccionado polos Stanford durante a formación da institución, é "Die Luft der Freiheit weht", cuxa tradución do alemán é "sopra o vento da liberdade". A frase provén do reformador Ulrich von Hutten, e foi elixida nunha época na que o alemán substituíra recentemente ao latín como idioma dominante nas humanidades e na filosofía, función que retería ata a segunda guerra mundial.

Stanford foi ata os anos 1930 unha universidade relativamente pequena e pouco importante. Entre 1929 e 1934, Herbert Hoover, un graduado desta Universidade, presidiu os Estados Unidos nun período caracterizado por unha gran crise económica. En 1939, William Hansen e os irmáns Russell e Sigurd Varian inventaron a válvula termoiónica Klystron, un xerador de microondas de alta frecuencia que foi a base dos radares da segunda guerra mundial. A partir de entón, Stanford foi incrementando a súa reputación internacional, primeiro grazas aos proxectos de investigación militar e despois ao espírito emprendedor dos seus profesores e estudantes. Stanford foi o berce de empresas técnicas e científicas tan importantes como Hewlett-Packard, Cisco Systems, VMware, Yahoo!, Google e Sun Microsystems. De feito, "Sun" orixinariamente era unha abreviatura de "Stanford University Network".

Ao longo da súa historia Stanford tivo vinte e sete galardoados co Premio Nobel entre os seus profesores, en áreas como por exemplo a economía, destacan: Kenneth Arrow, Gary Becker, Milton Friedman, Douglass North, Myron Scholes, William Sharpe, Michael Spence, Joseph E. Stiglitz, en física: Felix Bloch, Steven Chu, Robert Hofstadter, Robert B. Laughlin, Douglas Osheroff, Martin Perl, Burton Richter, Arthur Leonard Schawlow, Richard E. Taylor, e en química: Paul Berg, Roger Kornberg ou medicina: Andrew Fire, Arthur Kornberg. Aínda que o traballo que os levou a gañar o Nobel non se desenvolveu en moitos casos nesta universidade, Stanford soubo atraer o talento destes nobeis. Stanford figura entre as 10 mellores universidades dos Estados Unidos nos campos de enxeñería eléctrica, enxeñería informática, economía, ciencias empresariais e dereito.

Universidade Stanford.

Stanford mantén unha sa e cordial rivalidade coa veciña Universidade de California, Berkeley. Esta rivalidade alcanza a súa cima todos os anos co "Big Game" ou partido de fútbol americano entre os equipos das dúas universidades.

Actualmente a universidade é a maior propietaria privada de terreos na baía de San Francisco grazas ao legado dos Stanford. Os seus terreos son tan amplos que chegan a albergar un acelerador lineal, un parque empresarial coa sede mundial de Hewlett-Packard e un importante centro médico.

Escolas[editar | editar a fonte]

Centro James H. Clark.

Stanford ten sete escolas:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ""Return of Organization Exempt from Income Tax – 2013" (IRS Form 990)" (PDF) (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2017. 
  2. "History: Stanford University" (en inglés). Stanford University. Consultado o 14 de outubro do 2017. 
  3. "Were Leland and Jane Stanford snubbed by the president of Harvard University? Did Leland Jr. attend Harvard before his death in an accident?" (en inglés). Stanford University. Consultado o 14 de outubro do 2017. 
  4. "General Correspondence, 1872-1931" (en inglés). Stanford University. Consultado o 14 de outubro do 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]