William J. Hypperbone é un home solitario e rico, membro do Excentric Club de Chicago, gran afeccionado ao xogo da oca. Deixa escrito que a súa última vontade é a celebración dun funeral excéntrico, no que prime a ledicia, a música e a suntuosidade. Amais, indica que se debe escoller por sorteo seis habitantes da cidade para que leven o cadaleito. O testamento de Hypperbone dáse a coñecer quince días despois do falecemento, e os rumores indican que legará a súa riqueza a unha desas seis persoas.
Logo dunha grande expectativa, danse a coñecer os nomes das persoas escollidas no sorteo:
Hodge Urrican: antigo mariño, bastante irascible e temperamental. Vai acompañado do seu amigo Turk, tamén unha persoa enfurecida.
Lissy Wag: caixeira nunha tenda, unha rapaza sinxela. Acepta ir ao funeral porque lle insiste a súa amiga Jovita Foley, quen ten especial interese noutro dos elixidos, Max Real.
Hermann Titbury: usureiro, avaro, casado e sen descendencia. Acompáñao a súa muller.
Tom Crabbe: boxeador torpe e bestial. Acompáñao o seu representante, John Milner, quen fala e pensa por el.
Max Real: pintor, emocionado por viaxar. Acompáñao o seu criado Tommy.
Unha vez aberto o testamento desvélase que a fortuna de Hypperbone ascende a 60 millóns de dólares, e que se entregará á persoa gañadora nun singular xogo da oca que se desenvolverá nos Estados Unidos de América. Desta forma, os 64 recadros do xogo repartíronse entre os 50 estados que entón compuñan o país. No xogo participan as seis persoas elixidas por sorteo máis un misterioso xogador coñecido como XKZ.
Logo de varias quendas a sorte dos xogadores é diversa, pois ás veces caen no pozo ou no cárcere e deben volver atrás. Finalmente gaña o xogo XKZ, que era o propio Hypperbone. O millonario non morrera, senón que sufrira un ataque de catalepsia, e ao se recuperar e ver a expectativa creada deixou seguir as cousas coa axuda do notario Tornbrock e do presidente do Excentric Club, Mr. Higgingbotham.
Taboleiro do "Nobre Xogo dos Estados Unidos" ("Noble Jeu des États-Unis").
A Xeografía, unha das constantes na obra de Verne, ten unha forte carga nesta obra. Hai numerosas citas aos libros de Élisée Reclus ao describir os estados e cidades polos que discorre a viaxe. Amais da xeografía física aparece tratada tamén a xeografía humana, coas diversas particularidades dos habitantes estadounidenses, que aparecen retratados como duros, ambiciosos e amables mais con propósitos firmes, fronte aos ingleses que describe como fríos, groseiros e antipáticos.
Na novela hai tamén espazo para as relacións amorosas, coa relación entre Lissy Wag e Max Real.