O segredo do Alicorno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "O segredo do alicornio")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O segredo do Alicorno
Col tintin galego.jpg
Título orixinalLe Secret de la Licorne
Autor/aHergé
OrixeBélxica Bélxica
LinguaFrancés
ColecciónAs aventuras de Tintín
Xénero(s)Aventuras
EditorialCasterman
Data de pub.11 de xuño de 1942 a 14 de xaneiro de 1943
FormatoSeriada en Le Soir, posteriormente compilación en álbum
Páxinas62
ISBNISBN 84-261-2016-4
Precedido porA estrela misteriosa
Seguido porO tesouro de Rackham o Roxo
EditorEditorial Juventud
TraduciónValentín Arias López

O segredo do Alicorno (francés: Le Secret de La Licorne) é o undécimo álbum de banda deseñada pertencente á serie As aventuras de Tintín, do autor belga Hergé. É a primeira parte dunha aventura que continúa no seguinte álbum, O tesouro de Rackham o Roxo. Publicouse por entregas, en branco e negro, durante a ocupación alemá de Bélxica durante a Segunda Guerra Mundial no diario Le Soir entre o 11 de xuño de 1942 e o 14 de xaneiro de 1943, cunha breve interrupción. Tamén en 1943 apareceu a primeira edición en álbum, en cor. Traduciuno ao galego por primeira vez Valentín Arias[1] en 1984 co título de O segredo do Alicornio, que na segunda edición, de 1986, pasou a O segredo do Alicorno, consonte a normativa oficial da lingua galega.

A historia xira ao redor do novo reporteiro Tintín, o seu can Milú, e o seu amigo o capitán Haddock, que descobren un enigma deixado polo antepasado de Haddock do século XVII Sir Francis Haddock, o que podería levalos ao tesouro escondido do pirata Rackham o Roxo. Para desentrañar o enigma, Tintín e Haddock deben obter tres maquetas idénticas do barco de Sir Francis, o Alicorno, pero descobren que uns delincuentes tamén perseguen as maquetas destes buques e están dispostos a matar co fin de obtelas.

O segredo do Alicorno foi un éxito comercial e publicouse en forma de libro por Casterman pouco despois da súa conclusión. Hergé concluíu o arco iniciado nesta historia con O tesouro de Rackham o Roxo, mentres que a serie pasou a ser unha parte definidora da tradición do cómic franco-belga. O segredo do Alicorno foi a favorita de Hergé das súas propias obras ata crear Tintín no Tíbet (1960). A historia adaptouse para a serie de animación de 1957 Belvision, Aventuras de Tergín de Hergé, para a serie animada de 1991 Aventuras de Tintín de Ellipse e Nelvana, e para a longametraxe The Adventures of Tintin (2011), dirixida por Steven Spielberg.

Argumento[editar | editar a fonte]

Hernández e Fernández acoden ao mercadillo da praza de Vossenplein, no barrio de Marollen en Bruxelas, para investigar unha misteriosa serie de roubos de carteiras. Alí atópanse con Tintín, quen adquire no mercadillo a maqueta dun barco para regalarlla ao seu camarada, o capitán Haddock. Pouco logo de comprar o agasallo, é abordado por dous individuos que lle fan ofertas pola maqueta. O primeiro é un tal Ivan Ivanovitch Sakharine; o segundo, cuxo nome se ignora aínda, resulta ser un tal Barnaby. Pouco despois Tintín recibe no seu domicilio a visita de Sakharine, quen segue intentando mercar o barco. Tintín négase de novo. Milú derruba accidentalmente o barco e rompe o mastro, e cando Tintín está arranxando os danos chega o capitán Haddock, quen queda moi sorprendido ao ver o barco. Leva a Tintín á súa casa e ensínalle un cadro no que aparece o mesmo barco, chamado "O Alicorno", tras un retrato dun antepasado de Haddock, o cabaleiro de Hadoque, que viviu na época de Luís XIV. Tintín regresa á casa, e descobre que o barco desapareceu. Acode a indagar á casa de Ivan Ivanovitch Sakharine, e descobre que este posúe un modelo de barco idéntico ao que lle subtraeron (non é o mesmo, xa que o mastro non está roto). Ao regresar á súa casa, atópao todo revolto, sinal de que o que subtraeu o barco regresou en busca de algo máis.

Ao día seguinte, cando está pondo orde na súa casa, Tintín descobre un estraño pergamiño cunha mensaxe en clave "Tres irmáns unidos. Tres alicornos xuntos viaxando ó sol do mediodía falarán. Pois que a luz ha vir da luz. E espellará a cruz da aguia". Deduce que se atopaba oculto no mastro da maqueta de "O Alicorno", e diríxese á casa do capitán Haddock para facerlle partícipe do seu descubrimento. Cando chega, a porta está pechada e Haddock non responde ás chamadas de Tintín, quen opta por derrubar a porta, e atópase ao seu amigo, bastante bébedo, tocado cun chapeu semellante ao do seu antepasado do cadro, e brandindo un sabre. Haddock cóntalle que estivo lendo as memorias do cabaleiro de Hadoque, e empeza a narrar (e a escenificar, ao mesmo tempo, ás veces con grave prexuízo do mobiliario), acompañándose de varios grolos dunha botella de whisky, o enfrontamento do seu antepasado cun famoso pirata Rackham o Roxo. Da historia dedúcese que o seu antepasado coñecía o emprazamento do tesouro deste pirata. Ademais, nas memorias do cabaleiro de Hadoque figura unha especie de testamento no que lega aos seus fillos tres modelos do seu barco, "O Alicorno", coa indicación de que movendo o pau maior chegarán a saber toda a verdade.

Tintín deduce rapidamente que o pergamiño que atopou na súa casa é un dos tres que hai ocultos neses tres modelos de barco, e que todos xuntos servirán para coñecer o lugar en que se atopa o tesouro. Con todo, cando vai ensinarllo a Haddock, descobre que llo roubaron, xa que lle desapareceu a carteira. Entón, Tintín e Haddock deciden visitar a Sakharine, que posúe outra das tres maquetas do barco do cabaleiro de Hadoque. Atópano desvanecido, e descobren que o mastro da súa reprodución de "O Alicorno" está baleiro: alguén levou o pergamiño correspondente. Cando se recupera, cóntalles que foi visitado por un home no que Tintín recoñece ao que intentaba comprarlle o barco no Mercado Vello. Cando saen de alí, son abordados por ese mesmo home, pero lle disparan desde un automóbil, e cae gravemente ferido. Antes de perder o coñecemento, sinala de forma enigmática uns paxaros.

Hernández e Fernández logran recuperar varias das carteiras roubadas, entre elas as de Tintín, co cal este recupera o pergamiño atopado na súa maqueta de "O Alicorno". Con todo, pouco despois é secuestrado por uns enigmáticos personaxes que o encerran nunha especie de cripta, nalgún lugar do campo. Logra escapar da cripta e atopa un almacén cheo de antigüidades. Os seus secuestradores son en realidade os irmáns Paxaro, anticuarios, e atópase no castelo de Moulinsart. Tanto os Paxaro como o seu mordomo, Néstor (que terminará converténdose no mordomo do capitán Haddock ao final do seguinte álbum), intentan atrapar a Tintín, sen conseguilo. Tintín logra telefonar ao capitán para pedir axuda, e escapa do castelo, perseguido de cerca polos seus secuestradores e por Néstor. Logo de moitas peripecias, o reporteiro consegue dominar os seus secuestradores, coa axuda de Milú e do capitán Haddock, que aparecen no último momento. Un dos irmáns Paxaro logra fuxir.

Cando o ladrón de carteiras é finalmente detido por Hernández e Fernández (un cleptómano que non pode resistir a tentación de roubar carteiras), Tintín atopa a carteira dun dos irmáns Paxaro, co que logra reunir os tres pergamiños. Xuntos, indican unhas coordenadas de latitude e lonxitude, que permitirán a Haddock e Tintín iniciar a procura do tesouro do pirata Rackham o Roxo. A acción continúa no seguinte álbum da serie, O tesouro de Rackham o Roxo.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O mercadillo na Praza de Jeu de Balle en Bruxelas onde Tintín merca a maqueta do barco

O segredo do Alicorno serializouse no medio da ocupación alemá de Bélxica durante a Segunda Guerra Mundial. Hergé aceptara un cargo para Le Soir, o maior diario francófono de Bélxica. Confiscado aos seus propietarios orixinais, as autoridades alemás permitiron a Le Soir reabrir baixo a dirección do editor belga Raymond de Becker, aínda que permaneceu firmemente baixo control nazi, apoiando o esforzo da guerra alemá e defendendo o antisemitismo.[2] Despois de unirse a Le Soir o 15 de outubro de 1940, Hergé converteuse en editor do seu novo suplemento infantil Le Soir Jeunesse, coa asistencia do seu vello amigo Paul Jamin e do debuxante de animación Jacques Van Melkebeke, a escaseza de papel obrigou a que Tintín se serializase diariamente nas páxinas principais de Le Soir.[3] Algúns belgas estaban molestos porque Hergé estivese disposto a traballar para un xornal controlado pola administración nazi ocupante,[4] aínda que se amosou atraído polo tamaño da tirada de Le Soir, que alcanzaba os 600 000 exemplares.[5] Ante a realidade de supervisión nazi, Hergé abandonou os temas políticos de actualidade da súa obra anterior, e adoptou unha política de neutralidade.[6] Sen necesidade de satirizar tipos políticos, o produtor e autor de entretemento Harry Thompson observou que "Hergé se concentraba máis na trama e no desenvolvemento dun novo estilo de comedia de personaxes. O público reaccionou positivamente."[7]

O segredo do Alicorno foi a primeira das aventuras de Tintín en que Hergé colaborou con Van Melkebeke. O biógrafo Benoît Peeters suxeriu que Van Melkebeke debería ser considerado correctamente o "co-guionista" da historia.[8] As discusións de Hergé con Van Melkebeke levárono a artellar unha historia máis complexa das que escribira antes en As Aventuras.[9] Van Melkebeke fora fortemente influenciado polas novelas de aventuras de escritores como Jules Verne e Paul d 'Ivoi, e esta influencia é evidente ao longo da historia.[8] A inclusión de tres rolos ocultos ten paralelismo coa historia de Verne de 1867, Les Enfants du capitaine Grant, que Van Melkebeke recomendara a Hergé.[10] Hergé recoñeceu a contribución de Van Melkebeke ao incluír un cameo del na escena do mercado ao comezo da historia, isto era especialmente adecuado porque Van Melkebeke mercara de neno os seus libros no vello mercado de Bruxelas.[11]

O segredo do Alicorno foi a primeira metade dunha aventura de dúas partes que se concluíu na seguinte aventura O tesouro de Rackham o Roxo. Esta duoloxía foi a primeira que Hergé utilizou desde Os xarutos do faraón e O Loto Azul (1934–36).[12] Non obstante, como relatou o experto en Tintín Michael Farr, mentres que Os xarutos do faraón e O loto azul foron en gran parte 'autosuficientes e autónomos', a conexión entre O segredo do Alicorno e O tesouro de Rackham o Roxo están moito máis preto.[13]

En obras anteriores, Hergé empregou unha serie de fontes pictóricas, como recortes de xornais, das que debuxar as escenas e personaxes. Para O segredo do Alicorno, utilizou unha variedade sen precedentes destas fontes.[14] Ao trazar moitas das embarcacións antigas, Hergé consultou inicialmente o entón publicado recentemente L'Art et la Mer ("Arte e o mar") de Alexandre Berqueman.[15] Buscando imaxes máis precisas de antigos navíos, Hergé consultou un amigo seu, Gérard Liger-Belair, que posuía unha tenda de Bruxelas especializada en maquetas de barcos. Liger-Belair proporcionoulle planos dun buque de guerra francés de cincuenta canóns do século XVII para que Hergé o copiese. Le Brillant, construído en Le Havre en 1690 polo armador Salicon e logo decorado por Jean Bérain o vello.[16]

Tamén estudou outros buques da época, como o Le Soleil Royal, La Couronne, La Royale e Le Reale de France, para comprender mellor o deseño das naves do século XVII. Foi a partir da 'Le Reale de France' que logrou unha base para o seu deseño do Alicorno.[17] Ningún barco chamado Alicorno figuraba nos anais da Armada francesa, pero Hergé tomou o nome dunha fragata británica que estivo activa a mediados do século XVIII; o alicorno do barco de ficción tamén adoptouse do mascarón desta fragata.[17]

O personaxe de Rackham o Roxo inspirouse en parte en Jack Rackham, un pirata de ficción que apareceu nunha historia xunto a piratas femininas Anne Bonny e Mary Read que Hergé atopou nunha edición de novembro de 1938 de Modelo:Illm.[18] As miradas e traxes de Rackham o Roxo tamén se inspiraron no personaxe Lerouge que aparece na novela de C. S. Forester, O capitán de Connecticut, e o bucaneiro francés do século XVII Daniel Montbars.[19] O nome de Moulinsart baseábase no nome da verdadeira cidade belga, Sart-Moulin.[20] O deseño real do edificio baseouse no Château de Cheverny, aínda que coas dúas ás exteriores eliminadas.[21] Ao introducir a Francisvo de Haddock na historia, Hergé converteu o capitán Haddock no único personaxe da serie (agás Jolyon Wagg, introducido máis tarde) en ter unha familia e unha ascendencia.[22]

O segredo do Alicorno foi situado enteiramente en Bélxica e foi a última Aventura que se desenvolveu alí ata As xoias da Castafiore.[23] Tamén sería a historia favorita de Hergé ata Tintín no Tíbet.[24]

Paralelismos históricos[editar | editar a fonte]

Un gravado do século XVII de Sir Richard Haddock

Despois de publicar o libro, Hergé decatouse de que realmente houbera un almirante Haddock que servira na Mariña Real durante finais do século XVII e principios do XVIII: Sir Richard Haddock (1629-1715). Richard Haddock estivo ao mando do Royal James, o buque insignia do Conde de Sandwich durante a Batalla de Solebay de 1672, a primeira batalla naval da Terceira Guerra Anglo-Holandesa. Durante os combates, o Royal James incendiouse e Haddock escapou, pero tivo que ser rescatado do mar, tras o que a súa valentía foi recoñecida polo monarca británico, o rei Carlos II. Despois tomou o mando doutro barco, o Royal Charles, antes de converterse en administrador naval posteriormente.[25] O avó do almirante Haddock, tamén chamado Richard, mandou ao navio de liña HMS Unicorn durante o reinado do rei Carlos I.[26]

Nesta época viviu outro individuo coñecido como capitán Haddock, quen mandara a un brulote, o Anne e Christopher. David Ogg rexistrou que este capitán e o seu barco se separaron do seu escuadrón mentres se atopaban no mar e atracaron en Málaga para adquirir mercadorías que levaron a Gran Bretaña para vendelas por un beneficio. Por esta acción, Haddock foi levado a un tribunal militar no 1674, onde se lle ordenou devolver todos os beneficios da transacción e suspendéuselle o seu mando durante seis meses.[25]

Publicación[editar | editar a fonte]

O segredo do Alicorno comezou a serializarse como unha tira diaria no xornal Le Soir desde o 11 de xuño de 1942.[27] Como coas aventuras anteriores, tamén comezou a serializarse no xornal católico francés Cœurs Vaillants, a partir do 19 de marzo de 1944.[27] En Bélxica publicouse en formato de álbum de 62 páxinas por Editions Casterman en 1943.[27] Agora completamente coloreado,[28] o libro incluía un novo deseño de portada creado por Hergé despois de completar a serialización orixinal da historia,[29] xunto con seis debuxos a gran cor.[30] A primeira impresión vendeu 30 000 copias na Bélxica francófona.[31]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Proxecto Meiga
  2. Assouline 2009, pp. 70–71; Peeters 2012, pp. 116–118.
  3. Assouline 2009, p. 72; Peeters 2012, pp. 120–121.
  4. Goddin 2009, p. 73; Assouline 2009, p. 72.
  5. Assouline 2009, p. 73; Peeters 2012.
  6. Thompson 1991, p. 99; Farr 2001, p. 95.
  7. Thompson 1991, p. 99.
  8. 8,0 8,1 Peeters 2012, p. 143.
  9. Peeters 2012, p. 144.
  10. Lofficier & Lofficier 2002, p. 54; Goddin 2009, p. 102.
  11. Lofficier & Lofficier 2002, p. 54; Peeters 2012, p. 143.
  12. Thompson 1991, p. 112.
  13. Farr 2001, p. 105.
  14. Farr 2001, p. 112.
  15. Goddin 2009, p. 104.
  16. Assouline 2009, p. 88; Farr 2001, p. 111; Peeters 2012, pp. 144–145.
  17. 17,0 17,1 Peeters 1989, p. 75; Farr 2001, p. 111.
  18. Farr 2001, pp. 108–109; Horeau 2004, pp. 38–39.
  19. Horeau 2004, p. 39.
  20. Peeters 1989, p. 77; Thompson 1991, p. 115; Farr 2001, p. 106; Responsable & Responsable 2002, p. 53.
  21. Peeters 1989, p. 76; Thompson 1991, p. 115; Farr 2001, p. 106; Lofficier & Lofficier 2002, p. 53.
  22. Peeters 1989, p. 75; Thompson 1991, p. 115.
  23. Thompson 1991, p. 113.
  24. Thompson 1991, p. 113; Farr 2001, p. 105.
  25. 25,0 25,1 Farr 2001, p. 111.
  26. Lavery 2003, p. 158; Davies 2004.
  27. 27,0 27,1 27,2 Lofficier & Lofficier 2002, p. 52.
  28. Goddin 2009, p. 124.
  29. Goddin 2009, p. 113.
  30. Goddin 2009, p. 114.
  31. Peeters 2012, p. 145.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]