Bianca Castafiore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Castafiore
Información editorial
EditorialCasterman
Primeira apariciónO cetro de Ottokar
CreadoresHergé
Biografía ficticia
Nome completoBianca Castafiore
EspecieHumana
CompañeirosTintín, Capitán Haddock, Milú, Hernández e Fernández, Profesor Tornasol

Bianca Castafiore ou A Castafiore é unha personaxe ficticia das bandas deseñadas da serie As aventuras de Tintín, do debuxante belga Hergé.

É a única personaxe feminina da serie, e polo xeral non sae ben librada nos guións de Hergé, o que lle valeu no seu momento acusacións de machismo e misoxinia. En desquite, é un dos personaxes máis recorrentes.

Bianca Castafiore é unha cantante de ópera italiana coñecida internacionalmente como o Ruiseñor de Milán. A súa especialidade é o Aria das xoias da ópera Fausto de Charles Gounod. En consecuencia, as súas aparicións adoitan ir acompañadas da frase que abre o aria: "¡Ah! Ríome de verme tan bela neste espello..." (Ah, je ris de me voir se belle en ce miroir, en ocasións traducida como "o gozo sobórdame de verme tan fermosa"). A Castafiore viaxa acompañada da súa secretaria Irma e o seu pianista Igor Wagner. Nalgúns álbums (sobre todo nos bosquexos do inacabado Tintín e a Arte-Alfa, Bianca Castafiore mostra unha actitude elitista e dun certo desprezo a quen non son da súa condición.

O nome da diva, "branca casta flor", en italiano, é unha ironía que casa mal coa súa corpulencia e o seu carácter forte e desinhibido. Tamén o é o apelativo de Ruiseñor de Milán, xa que polo xeral quen están ao seu ao redor (e especialmente o capitán Haddock) non aprecian as calidades da súa arte, cousa que, polo demais, a ela parece importarlle máis ben pouco. Díxose que esa aparente fobia de Haddock/Hergé polo bel canto podería ser unha chiscadela maliciosa cara ao que fose un dos máis próximos colaboradores do autor, Edgar P. Jacobs, que fora cantante lírico na súa mocidade.

Bianca Castafiore parece estar namorada platonicamente do capitán Haddock, aínda que nunca consegue pronunciar correctamente o seu nome (Harrock, Karpock, Kodak...). Esta é, aparentemente, a única presenza do amor nos álbums de Tintín, o cal foi obxecto tamén de especulacións diversas: ás veces atribúese á misoxinia do autor, que ao presentar ás mulleres nas súas historietas como meras figurantes (excepto a Castafiore) impedía que se presentasen situacións das que puidesen deducirse relacións entre sexos; outras veces achácase ó seu integrismo católico, que non podía tolerar a presenza de tales situacións nun traballo destinado en gran medida a nenos e adolescentes; tamén se especulou coa homosexualidade do autor e do seu personaxe principal.

Bianca Castafiore aparece nos seguintes álbums:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Tintin.com – Lista de personaxes na páxina oficial
  • Tintinologist.org – List of characters on oldest and largest English-language Tintin fan site