O tesouro de Rackham o Roxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O tesouro de Rackham o Roxo
Título orixinalLe Trésor de Rackham le Rouge
Autor/aHergé
OrixeBélxica Bélxica
LinguaFrancés
ColecciónAs aventuras de Tintín
Xénero(s)Aventuras
EditorialCasterman
Data de pub.Seriado, do 19 de febreiro ao 23 de setembro de 1943
FormatoSeriado en Le Soir, posteriormente compilado en álbum
Páxinas62
ISBNISBN 84-261-2019-9
Precedido porO segredo do alicornio
Seguido porAs 7 bolas de cristal
EditorEditorial Juventud
TraduciónValentín Arias López
editar datos en Wikidata ]

O tesouro de Rackham o Roxo (francés: Le Trésor de Rackham le Rouge) é o duodécimo álbum de banda deseñada publicado en 1945, pertencente á serie As aventuras de Tintín do autor belga Hergé. É a segunda parte, e última, dunha serie iniciada con O segredo do alicornio. A historia serializouse a diario en Le Soir, o principal diario francófono de Bélxica, de febreiro a setembro de 1943 no medio da ocupación alemá de Bélxica durante a segunda guerra mundial. A historia conta como o mozo reporteiro Tintín e ao seu amigo o capitán Haddock organizan unha expedición ao Caribe para localizar o tesouro do pirata Rackham o Roxo.

A primeira edición en galego foi en 1984 pola Editorial Juventud con tradución de Valentín Arias López.

O tesouro de Rackham o roxo foi un éxito comercial e publicouse en forma de libro por Casterman o ano seguinte á súa conclusión. Hergé continuou As aventuras de Tintín con As sete bolas de cristal, mentres que a serie pasou a ser unha parte definidora da tradición do cómic franco-belga. O tesouro de Rackham o roxo citouse como unha das entregas máis importantes da serie por marcar a primeira aparición do excéntrico científico Tornasol, que despois se converteu nun personaxe fundamental. A historia adaptouse para as series de animación de 1957 Belvision, As aventuras de Tintín de Hergé e para a serie animada de 1991 As aventuras de Tintín de Ellipse e Nelvana, así como para a longametraxe The Adventures of Tintin (filme) (2011).

Sinopse[editar | editar a fonte]

Tintín e o capitán Haddock preparan a viaxe ao bordo do Sirius en busca do tesouro de Rackham o Roxo, o dúo descubrira as coordenadas do que cren que é o tesouro a bordo do buque afundido do século XVII, o Alicornio, preto dunha illa descoñecida. Antes de partir coñecen ao profesor Trifón Tornasol, que lles mostra un submarino que supostamente lles axudaría na súa viaxe. A xordeira de Tornasol impídelle comprender, ata que Haddock escríbello, que o seu invento non é ben recibido.

O barco parte, coa compañía dos policías Hernández e Fernández, xa que un dos irmáns Paxaro (inimigos de Tintín no primeiro álbum desta serie) escapouse e merodeou cerca do barco antes de que saíse do porto. Máis adiante descubrirase a un polisón no barco, o profesor Tornasol, que subiu no barco ás agachadas xunto ao seu invento.

Cando chegan ás coordenadas mostradas nos pergamiños, non hai illa á vista. Frustrado, Haddock pensa en abandonar, pero Tintín decátase pronto do problema: Se Sir Francis utilizara un mapa francés en lugar dun mapa inglés para calcular a posición, as coordenadas terían sido medidas tomando como referencia o Meridiano de París en vez do Meridiano de Greenwich. Como veñen usando o Meridiano de Greenwich, entenden que se atopan demasiado ao oeste.

Despois de viaxar á posición correcta, descobren unha illa descoñecida, que se atopa a uns 200 km ao norte de Hispaniola e a 300 km ao sueste das illas Turks e Caicos. Alí atopan unha estatua de Sir Francis Haddock e outras evidencias, incluídos papagaios que aínda usan insultos de Haddock aprendidos de Sir Francis. Tintín deduce que Francis Haddock se refuxiou na illa e que o naufraxio do 'Alicornio' debe estar preto. Localizan o naufraxio empregando o submarino de Tornasol e recuperan varios artefactos del, pero non atopan o tesouro, así que desisten e volven desilusionados a casa. Entre os artefactos hai unha caixa forte que contén documentos antigos que revelan que Sir Francis Haddock, antepasado do capitán Haddock, fora o propietario do castelo de Moulinsart. De volta a Bélxica, Tornasol compra o castelo cos cartos da venda do seu deseño submarino para o capitán en agradecemento á súa axuda co seu submarino. Tintín e Haddock exploran o castelo, cando chegan aos sotos da casa, Tintín albisca unha estatua de San Xoán o Evanxelista que sostén unha cruz cun Globo terrestre e unha aguia aos seus pés. Tintín recorda de súpeto que os tres pergameos orixinais de Francis Haddock dicían: "Tres irmáns unidos. Tres alicornos xuntos viaxando ó sol do mediodía falarán. Pois que a luz ha vir da luz. E espellará a cruz da aguia" e dáse conta de que esta mensaxe se refería, non á localización do 'Alicornio', senón a San Xoán chamado "a aguia de Patmos": o seu símbolo tradicional. Tintín localiza a illa no globo terrestre, preme un botón secreto que atopa alí e descobre o tesouro de Rackham escondido no interior. Algún tempo despois, Haddock acolle unha exposición do tesouro e varios artefactos "alicornio" no castelo de Moulinsart.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Soldados alemáns no leste de Bélxica en 1940. O tesouro de Rackham o Roxo e O segredo do alicornio foron ambos escritos mentres Bélxica estaba baixo a ocupación alemá.

O tesouro de Rackham serializouse no medio da ocupación alemá de Bélxica durante a segunda guerra mundial. Hergé aceptara un cargo para Le Soir, o maior diario francófono de Bélxica. Confiscado aos seus propietarios orixinais, as autoridades alemás permitiron a Le Soir reabrir baixo a dirección do editor belga Raymond de Becker, aínda que permaneceu firmemente baixo control nazi, apoiando o esforzo da guerra alemá e defendendo o antisemitismo.[2] Despois de unirse a Le Soir o 15 de outubro de 1940, Hergé converteuse en editor do seu novo suplemento infantil Le Soir Jeunesse, coa asistencia do seu vello amigo Paul Jamin e do debuxante de animación Jacques Van Melkebeke, a escaseza de papel obrigou a que Tintín se serializase diariamente nas páxinas principais de Le Soir.[3] Algúns belgas estaban molestos porque Hergé estivese disposto a traballar para un xornal controlado pola administración nazi ocupante,[4] aínda que se amosou atraído polo tamaño da tirada de Le Soir, que alcanzaba os 600 000 exemplares.[5] Ante a realidade de supervisión nazi, Hergé abandonou os temas políticos de actualidade da súa obra anterior, e adoptou unha política de neutralidade.[6] Sen necesidade de satirizar tipos políticos, o produtor e autor de entretemento Harry Thompson observou que "Hergé se concentraba máis na trama e no desenvolvemento dun novo estilo de comedia de personaxes. O público reaccionou positivamente."[7]

O tesouro de Rackham o Roxo foi a segunda metade dunha historia de dúas partes que comezou coa aventura anterior, O segredo do alicornio. Este dueto foi o primeiro que Hergé produciu desde os xarutos do faraón e O loto azul (1934–36).[8] Non obstante, como relatou o experto en Tintín Michael Farr, mentres que os xarutos do faraón e O loto azul foron en gran parte 'autosuficientes e autónomos', a conexión entre O segredo do alicornio e O tesouro de Rackham o Roxo están moito máis preto. [9]

Influencias[editar | editar a fonte]

Tornasol baseouse visualmente no científico Auguste Piccard.

O tesouro de Rackham o roxo introduciu ao profesor Trifón Tornasol en As aventuras de Tintín, que se converteu nun personaxe recorrente. [10] Hergé fixera uso de varios profesores excéntricos en anteriores volumes da serie, como Filemón Ciclón en os xarutos do faraón, Nestor Halambique en O cetro de Ottokar e Hipólito Calys en A estrela misteriosa, todos prefiguran a chegada de Tornasol. [11] A xordeira do personaxe estivera inspirada nun compañeiro co que Hergé traballara anos antes en Le Vingtième Siècle . [12] Visualmente, Tornasol baseouse nun científico real, o inventor suízo Auguste Piccard, que fora o primeiro home en explorar a estratosfera nun aeróstato en 1931. Hergé observou a Piccard camiñando por Bruxelas en varias ocasións, así a todo o carácter de Tornasol sería notablemente moito máis curto que Piccard.[13] Hergé nomeou este personaxe Tryphon Tournesol (Trifón Tornasol) mentres que o apelido significaba "xirasol", o nome foi adoptado a partir dun carpinteiro chamado Tryphon Beckaert, que Hergé atopara en Boitsfort. [14] Tryphon Tournesol foi renomeado despois como Cuthbert Calculus na tradución ao inglés, Trifón Tornasol en galego, Silvestre Tornasol en castelán e Balduin Bienlein (que significa "Abella pequena") para a tradución alemá. [14]

O submarino con forma de tiburón de Tornasol baseábase visualmente nun submarino real americano; Hergé vira unha foto disto nun xornal alemán. [15] O traxe de mergullo usado na historia tamén se baseou en recortes que Hergé acumulara. Do mesmo xeito, a barra do peirao representada polo debuxante baseábase nunha ilustración que recollera. [16] A tenda onde Haddock e Tintín mercaron o equipo de mergullo, incluído o traxe, inspiráronse nunha imaxe dun bar que figuraba na revista alemá, Berliner Illustrirte Zeitung. [16] A efixie tribal atopada nunha illa caribeña por Sir Francis Haddock baseouse nunha estatua tribal Bamileke do Camerún que Hergé viu nun museo. [17] O Sirius, que xa aparecera antes en A estrela misteriosa denominouse como SS Sirius, a primeira nave que cruzou o océano Atlántico só a vapor, pero baseouse visualmente no deseño dun arrastreiro, o John-O.88. Hergé debuxou esta nave nos peiraos de Ostende antes de obter os planos detallados dun arrastreiro dos construtores, Jos Boel & Son, e un modelo a pequena escala dun coleccionista. [18] A vista dos restos do Alicornio inspirouse de xeito lóxico en imaxes do naufraxio dun buque sueco do século XVII, o Vasa, que Hergé tiña arquivado. [19] A instancia da historia na que un tiburón traga unha gran caixa (que os personaxes esperan que conteña o tesouro) está baseada nun relato real dun tiburón que tragou unha cámara do fotógrafo subacuático americano Otis Barton, que Hergé atopara nunha revista ilustrada francesa.[16]

A breve aparición do doutor Daumière, que advirte a Haddock que deixe de beber alcol, foi unha alusión ao propio médico de Hergé, o doutor Daumerie. [20] Hergé fixo unha referencia cómica ao cómico francés Sacha Guitry na historia publicitando unha obra de Guitry titulada Eu no que Guitry desempeña todos os papeis.[21] [a] A aventura foi a primeira en representar a Tintín vestindo unha camisa branca baixo un suéter azul, isto pasaría a converterse no traxe icónico do personaxe. [21]

Publicación[editar | editar a fonte]

O tesouro de Rackham o Roxo comezou a serializarse como unha tira diaria en Le Soir a partir do 19 de febreiro de 1943. [22] O título da nova aventura adiantárase nun anuncio no xornal dous días antes. [23] En Bélxica publicouse entón nun formato de libro de 62 páxinas de Editions Casterman en 1944. [24] O tesouro de Rackham o Roxo conten unha das dúas viñetas favoritas de Hergé de As aventuras de Tintín. Combina tres accións encapsulando unha secuencia de acontecementos nun único debuxo: Haddock paseando pola praia nun primeiro plano, Tintin, Hernández e Fernández levando o barco de remo a terra no medio da viñeta e o Sirius ancorado no fondo. [25] [b]

No canto de emprender inmediatamente a creación dunha nova aventura de Tintín, Hergé aceptou unha proposta do escritor de crimenes de Le Soir, Paul Kinnet, creou unha historia de detectives con Hernández e Fernández. A historia titulábase Dupont et Dupond, détectives (Hernández e Fernández, Detectives), e foi ilustrada por Hergé.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Haddock aparece nunha viñeta na que está un cartel desta obra, na páxina 2.
  2. A ilustración está no marco superior esquerdo da páxina 25.[26]
Referencias
  1. Hergé 1959, pp. 24-62.
  2. Assouline 2009, pp. 70–71; Peeters 2012, pp. 116–118.
  3. Assouline 2009, p. 72; Peeters 2012, pp. 120–121.
  4. Goddin 2009, p. 73; Assouline 2009, p. 72.
  5. Assouline 2009, p. 73; Peeters 2012.
  6. Thompson 1991, p. 99; Farr 2001, p. 95.
  7. Thompson 1991, p. 99.
  8. Thompson 1991, p. 112.
  9. Farr 2001, p. 105.
  10. Peeters 1989, p. 76.
  11. Peeters 2012, p. 147.
  12. Goddin 2009, p. 119.
  13. Thompson 1991, p. 118; Farr 2001, p. 105; Assouline 2009, p. 91; Peeters 2012, p. 147.
  14. 14,0 14,1 Farr 2001, p. 106.
  15. Thompson 1991, p. 119; Farr 2001, p. 112.
  16. 16,0 16,1 16,2 Farr 2001, p. 112.
  17. Thompson 1991, p. 119.
  18. Farr 2001, p. 111; Horeau 2004, p. 22; Goddin 2009, p. 120.
  19. Horeau 2004, p. 30.
  20. Goddin 2009, p. 120.
  21. 21,0 21,1 Lofficier & Lofficier 2002, p. 54.
  22. Lofficier & Lofficier 2002, p. 52; Goddin 2009, p. 116.
  23. Goddin 2009, p. 116.
  24. Lofficier & Lofficier 2002, p. 52.
  25. Thompson 1991, pp. 119–120.
  26. Hergé 1959, p. 25.
  27. Goddin 2009, pp. 128, 130; Assouline 2009, p. 94.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]