Tintín (personaxe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tintín
Información editorial
EditorialLe Petit Vingtième, suplemento infantil do xornal Le Vingtième Siècle
Primeira apariciónTintín no país dos soviets (1929)
CreadoresHergé
CompañeirosCapitán Haddock, Milú, Hernández e Fernández, Profesor Tornasol

Tintín é un personaxe de cómic creado polo debuxante belga Hergé e que protagoniza a serie As aventuras de Tintín xunto co seu can Milú.

Evolución[editar | editar a fonte]

Tintín aparece por primeira vez en Le Petit Vingtième, suplemento infantil do diario belga Le Vingtième Siècle (o século vinte) o 10 de xaneiro de 1929. Xa desde a primeira historieta a Tintín acompáñalle un can branco chamado Milú.

Orixinariamente é un reporteiro de Le Petit Vingtième. Máis adiante seguirá sendo reporteiro, aínda que non se dirá de que publicación e de feito nunca lle veremos actuar como tal. Ao principio o seu compañeiro é só o can Milú, pero a partir do noveno álbum, O caranguexo das tenaces de ouro, acompañaralle tamén o capitán Haddock e ocasionalmente outros personaxes secundarios, como o profesor Tornasol, Bianca Castafiore ou os irmáns Hernández e Fernández. Ata Tintín no país do ouro negro, o protagonista vive co seu can nun piso situado no número 26 da rúa Labrador, nunha cidade mal definida aínda que de xeito evidente trátase de Bruxelas. A partir do álbum mencionado, trasládase ao castelo de Moulinsart, residencia do capitán Haddock.

Descrición[editar | editar a fonte]

Tintín é novo, louro e baixo e ten un característico topete. A súa idade é difícil de determinar: non é adolescente pero tampouco adulto. Como adoita ocorrer cos personaxes de cómic, Tintín apenas cambia ao longo dos anos. Desde 1929 ata 1976 manterá o seu aspecto xuvenil e a súa vestimenta variará pouco, apenas a cor dos calcetíns ou o da camisa. Só na última das súas aventuras publicadas, Tintín e os pícaros cambiará os seus bombachos por uns pantalóns campá, máis á moda. En canto ao seu carácter, encarna a perfecta bondade, non fuma, non bebe salvo contadas ocasións máis que auga e non parece ter interese algún polo sexo. Non parece ter ningunha afección en particular nin practica ningún deporte, aínda que lle gustan os paseos polo campo e nalgunha ocasión móstrasenos facendo ximnasia caseira e despois ioga. É extremadamente intelixente e enxeñoso, ten bastante máis forza física da que aparenta, unha incrible facilidade para os idiomas e sabe conducir todo tipo de vehículos, incluídos avións e carros de combate. Tamén é un bo tirador. É moi sensible ante a inxustiza e capaz de sacrificarse por socorrer aos débiles. En Tintín no Tíbet un lama dirá que ten o "corazón puro".

O mellor amigo de Tintín é Tchang Tchong Yen, un adolescente chinés ao que coñece en O Loto Azul, a súa quinta aventura. Nisto si que é un alter ego de Hergé, xa que Tchang está baseado nun amigo real do autor, igualmente separado del por diversas circunstancias.

Tintín sempre aparece co mesmo nome, que necesariamente ha de ser un apelido se nos atemos aos usos sociais belgas (doutro xeito non recibiría correo a nome de "Sr. Tintín"). A diferenza doutros personaxes da serie, o lector nunca coñecerá o seu nome completo (como si ocorre con Haddock ou o malvado Rastapopoulos).

Notas[editar | editar a fonte]

Referencias

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]