Os xarutos do faraón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os xarutos do faraón
O símbolo do faraón Kih-Oskh, inspirado no símbolo Yin e Yang.
Título orixinalLes Cigares du Pharaon
Autor/aHergé
OrixeBélxica Bélxica
LinguaFrancés
ColecciónAs aventuras de Tintín
Xénero(s)Aventuras
EditorialCasterman
Data de pub.Seriada: 8 de decembro de 1932 a 8 de febreiro de 1934
FormatoSeriada en Le Petit Vingtième, con recompilación en álbum
Páxinas62
ISBNISBN 84-261-2152-7
Precedido porTintín en América
Seguido porO Loto Azul
EditorEditorial Juventud
TraduciónValentín Arias López
editar datos en Wikidata ]

Os xarutos do faraón (en francés: Les Cigares du pharaon) é o cuarto álbum da serie As aventuras de Tintín, escrita e dirixida polo autor belga Hergé. A primeira edición en galego foi en 1986 pola Editorial Juventud con tradución de Valentín Arias López

A historia narra a historia do mozo belga e xornalista Tintín e o seu can Milú, que viaxan por Exipto cando descobren a tumba dun faraón cheo de exiptólogos mortos e caixas de xarutos. Seguindo o misterio destes xarutos, viaxa por toda Arabia Saudita e India e revela os segredos dunha empresa internacional de contrabando de drogas.

Despois de Tintín en América, Xarutos foi un éxito comercial, e publicouse en forma de ábum pouco despois da súa conclusión. Hergé continuou As aventuras de Tintín con O Loto Azul, cuxa trama seguiu desde Xarutos. A serie converteuse nunha parte determinante da tradición da banda deseñada franco-belga. En 1955, deseñouse e coloreouse co estilo distintivo de Hergé liña-clara para a republicación por Casterman. A análise crítica da historia centrouse na súa innovación e a 'Aventura' introduce os personaxes recorrentes de detectives Hernández e Fernández e o vilán Rastapopoulos. O cómic adaptouse para un episodio de 1991 da serie animada de Ellipse / Nelvana As aventuras de Tintín.

Sinopse[editar | editar a fonte]

De viaxe nun cruceiro polo Mediterráneo, Tintín e o seu can Milú coñecen ao rico director de cine Rastapopoulos e ao excéntrico exiptólogo Filemón Ciclón. Cando dous policías (Hernández e Fernández) acusan a Tintín de contrabando de heroína, escapa do barco e únese a Ciclón na súa busca da tumba non descuberta do faraón Kih-Oskh. Tintín descobre que a tumba está chea de caixas de xarutos rotulados cun misterioso símbolo, pero el e Ciclón caen inconscientes despois de que un inimigo non visto os gasea. A continuación, son levados a bordo dun barco dentro de sarcófagos de madeira, capitaneado polo contrabandista Allan, pero para evitar a garda costeira Allan ordena larnzar os sarcófagos ao mar. É rescatado por un traficante que o desembarca en Arabia. Viaxando por terra, Tintín coñece a Sheikh Patrash Pasha, un gran fan seu, e atópase con Rastapopoulos gravando unha película. O exército local recruta a Tintín para despois arrestalo como espía, pero Hernández e Fernández o rescatan para podelo arrestar.[1]

Non obstante, cando o exército descobre o seu escondedoiro, Tintín consegue eludir aos policías, os xemelgos tamén escapan. Subindo a un avión, Tintín escapa de Arabia pero queda sen combustible sobre a India, estrelandose na selva. Despois de salvar a un elefante, Tintín descobre a Ciclón, que se tornou toco como resultado de ser inxectado con zume de Rajaijah, "o veleno da tolemia". Tintín é hipnotizado por un faquir e encérrano nun manicomio, do que pronto escapa. Encontrándose co Maharaja de Gaipajama, os dous fanse amigos, co maharajés revelando que a súa familia loita desde hai tempo contra unha banda de contrabando de opio. Aparece o faquir e Tintín o segue, descobre o escondedoiro do cártel da droga e é capaz de capturar o cartel. Tintín recoñece o seu símbolo Kih-Oskh e entende que é a mesma organización que operaba en Exipto e Arabia. O faquir escapa e co líder enmascarado da conspiración secuestra ao fillo do maharaja. Tintín persegueos nun coche deportivo, rescatando ao rapaz e capturando ao faquir, mentres o líder cae nun abismo, aparentemente morrendo. Tintín regresa a Gaipajama, onde se celebra o seu regreso. Ao abrir un dos xarutos co misterioso símbolo de Kih-Oskh, Tintín explica ao Maharaja como se realiza o contrabando do opio en todo o mundo dntro dos xarutos. [2]

Características[editar | editar a fonte]

A historia publicouse primeiro nas páxinas de Le Petit Vingtième, para o suplemento infantil de aparición semanal do xornal Le Vigntième Siècle, publicado entre o 8 de decembro de 1932 e o 8 de febreiro de 1934. Tamén en 1934 apareceu por primeira vez en álbum. En 1955 foi redibuxada e editada en cor. Orixinalmente levou o título de Tintín en Oriente.

Constitúe a primeira parte dunha aventura que prosegue no álbum seguinte, O Loto Azul. En Os xarutos do faraón aparecen por primeira vez algúns personaxes destacados da serie, como Hernández e Fernández, Rastapopoulos e Oliveira da Figueira.

Do mesmo xeito que os tres álbums anteriores (Tintín no país dos Soviets, Tintín no Congo e Tintín en América), consiste sobre todo nunha sucesión de peripecias sen relación entre si. A diferenza deles, con todo, por primeira vez Hergé confire certa unidade á trama mediante un elemento misterioso, os xarutos que dan título ao álbum. A historia reúne varios elementos típicos da literatura das revistas pulp: a maldición aos profanadores de tumbas, unha sociedade segreda e o misterio que envolve a identidade do xefe dunha banda de traficantes de opio.

O argumento está claramente influenciado polo descubrimento, en 1922, da tumba de Tutankamón polo arqueólogo Howard Carter.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O símbolo Taijitu e o símbolo de Kih-Oskh.

Georges Remi, máis coñecido co alcume de Hergé, era o editor e ilustrador de Le Petit Vingtième ("O pequeno século XX"), [3] un suplemento para Le Vingtième Siècle ("O século XX "), un periódico católico romano, xornal belga conservador con sede na cidade natal de Hergé Bruxelas. Xestionado polo Abade Norbert Wallez director e protector de Hergé, o xornal anunciábase como un "Diario Católico para Doutrina e Información" e difundía un punto de vista fascista de extrema dereita.[4] Segundo Harry Thompson, estas ideas políticas eran comúns en Bélxica na época, e o ambiente de Hergé estaba impregnado de ideas conservadoras que xiraban ao redor do "patriotismo, catolicismo, moral estrita, disciplina e inxenuidade". [5]

En 1929, Hergé iniciou a banda deseñada As aventuras de Tintín para Le Petit Vingtième, unha serie sobre as fazañas dun xornalista belga de ficción chamado Tintín. Dende a súa infancia fascinouse co mundo ao aire libre do movemento Scout e do modo de vida dos que chamou "peles vermellas", Hergé quixo desenvolver a primeira aventura de Tintín entre os nativos americanos nos Estados Unidos.[6] Non obstante, Wallez ordenoulle que localizase a súa primeira aventura na Unión Soviética como un elemento de propaganda antisocialista para nenos (Tintín no país dos soviets) [7] e o segundo localizouse no Congo belga para fomentar o sentimento colonial (Tintín no Congo). [8] A súa terceira aventura localizouse nos Estados Unidos para usar a historia como denuncia do capitalismo americano (Tintín en América).[9]

O descubrimento de Howard Carter da tumba de Tutankhamon (na foto) influíu en Xarutos.

Para a súa cuarta Aventura, Hergé estaba ansioso por escribir unha historia de misterio.[10] Os anos 30 viron florecer novelas de misterio en toda Europa occidental co éxito de autores como Agatha Christie e Ellery Queen.[11] A decisión de crear un escenario arredor da tumba de Kih-Oskh foi influenciada polo descubrimento do faraón en 1922 da tumba de Tutankhamon por Howard Carter e as afirmacións dos tabloides que o rodean sobre unha maldición dos faraóns.[12] Hergé volveu a este tema en As 7 bolas de cristal (1948).[13] O nome Kih-Oskh era unha alusión aos quioscos onde se vendía a Le Petit Vingtième. [14] O símbolo de Kih-Oskh foi descrito por Hergé como unha distorsión do símbolo taoísta do Taijitu,[11] co biógrafo Benoît Peeters pensando que predicía a "Marca amarela" que apareceu na banda deseñada Blake e Mortimer, A "M" amarela (1952-54 ) escrita polo posterior colaborador de Hergé Edgar P. Jacobs.[11] Hergé foi axudado na produción dos xarutos do faraón polo seu axudante Paul "Jam" Jamin, que estaba fortemente influenciado polas revistas británicas The Humorist e Punch.[15]

Hergé recibiu a influencia das obras publicadas do aventureiro e traficante francés Henry de Monfreid, en particular dos seus libros Secretos do mar vermello e O cruceiro do hashish. Logo de vivir a primeira guerra mundial, a Hergé non lle gustaba os comerciantes de armas e usou a Monfreid como base para o personaxe de traficante en Xarutos. [16] A idea de corpos momificados que se aliñan ao longo dun muro foi adoptada a partir do libro de 1919 de Pierre Benoît L'Atlantide (Atlántida), que fora recentemente convertida nun filme en 1932 por Georg Wilhelm Pabst. [17] As pinturas murais representada na portada de Le Petit Vingtième baseouse nun baixorrelevo de Hathor e Seti I aloxado no Louvre, París, mentres que o trono aparecido no soño de Tintín foi adoptado a partir do atopado na tumba de Tutankhamon.[17] A inclusión da sociedade secreta que operaba a rede de contrabando foi influenciada polas teorías conspiratorias da dereita sobre a masonería ,[18] Hergé probablemente obtivo información sobre a confraría a partir dun artigo de 1932 de Lucien Farnoux-Reynaud na revista radical La Crapouillot (A casca do morteiro). [19]

Publicación orixinal, 1931–32[editar | editar a fonte]

O 24 de novembro de 1932, Le Petit Vingtième publicou unha entrevista ficticia entre Jamin e Tintin na que o xornalista anunciou que viaxaría a China a través de Exipto, India, Ceilán e Indochina.[20] O 8 de decembro de 1932, a historia comezou a ser serializada no suplemento baixo o título de As aventuras de Tintín, reporteiro, en Oriente.[21] Cando a historia comezou en Exipto en vez da China, Hergé rebautizou brevemente a historia como O asunto do Cairo.[22] A historia non seguía ningún plan ou trama previa escrita, con Hergé como é habitual ideando a historia semana tras semana.[23] No outono de 1934 publicouse a aventura nun álbum. Xarutos foi a primeira das Aventuras publicada por Casterman, con quen Hergé asinou un contrato a finais de 1933, aínda que para o seu pesar, demoraron a publicación ata o outono de 1934, despois do remate das vacacións de verán.[24] En 1936 solicitaronlle con éxito que producira varias viñetas en cor que se inserirán na reimpresión do álbum.[25]

Os xarutos do faraón viu a introdución de varios personaxes que terían un papel recorrente en As aventuras de Tintín. [26] O máis salientables son os dous detectives, que inicialmente foron chamados "Axente X33 e Axente X33 bis." Na súa obra de Tintín de 1941 coescrita con Jacques Van Melkebeke, Tintin na India: O misterio do diamante azul , Hergé nomeounos "Durant e Durand", aínda que despois os rebautizou como "Dupont e Dupond." [27] O tradutor galego da serie, Valentín arias, nomeounos como "Hernández e Fernández". Baseáronse nunha combinación estereotipada da policía belga da década de 1930 coas observacións de Hergé do seu pai e seu tío, Alexis e Léon Remi, que eran xemelgos idénticos.[28]

A serie introduciu ao adversario de Tintín Roberto Rastapopoulos en Os xarutos do faraón, aquí representado como un famoso director de cine de Hollywood. Só no volume seguinte, O loto azul, tamén se revela como xefe dunha organización criminal internacional. O seu nome foi desenvolvido por un dos amigos de Hergé. Hergé pensou que era gracioso e decidiu usalo.[29] Deseñou a Rastapopoulos como un italiano con apelido grego, pero o personaxe encaixaba cos estereotipos antisemitas dos xudeus. Hergé afirmaba que o personaxe non era xudeu. [30] Un cuarto personaxe recorrente introducido nesta historia foi o comerciante portugués Oliveira da Figueira, que reaparecería tanto nas posteriores aventuras situadas en Oriente Medio como en Tintín no país do ouro negro e Stock de coque.[31] Un dos personaxes centrais da historia foi Filemón Ciclón, un exiptólogo que é o estereotipo dun profesor excéntrico. A este respecto, é un prototipo para o personaxe de Tifón Tornasol, a quen Hergé introduciría despois en O tesouro de Rackham o Roxo.[32]

Foi durante a serialización de Xarutos que Wallez se viu embolto nun escándalo despois de que fose acusado de difamar á Mesa de Obras Públicas. A acusación derivou nun proceso xudicial contra o xornal e como resposta os seus propietarios solicitaron a dimisión de Wallez, que produciuse en agosto de 1933.[33] Sen Wallez, Hergé desanimouse e en marzo de 1934 intentou dimitir, pero animose a quedar logo de reducirlle a súa carga de traballo e o seu salario mensual aumentou de 2000 a 3000 francos. Jamin asumiu posteriormente a responsabilidade de Hergé para o funcionamento cotián de Le Petit Vingtième. [34]

Segunda versión, 1955[editar | editar a fonte]

Na década de 1940 e 1950, cando a popularidade de Hergé aumentara, el e o seu equipo de Studios Hergé remodelaron moitas das aventuras orixinais de Tintín en branco e negro usando a ligne claire ] ("liña clara") [a] estilo de debuxo que tiña desenvolvido para que se encaixasen visualmente cos novos relatos de Tintín. Os estudios reformatearon e colorearon "Xarutos do faraón" en 1955, foi o último dos primeiros traballos en sufrir este proceso.[36]

Lombo da edición en galego.

Ao cortar a extensión da historia, Hergé eliminou varias escenas illadas que non engadian nada ao desenvolvemento da trama, como aquelas nas que Tintin se enfronta a un morcego, un crocodilo e unha serpe.[37] A cidade árabe que Tintin e Milú buscaron na historia xa non se identificou como A Meca, [38] mentres elimináronse os tres conselleiros do Maharaja [39] tamén se inseriron novos elementos. Hergé engadiu ao fondo unha representación de antigas pirámides exipcias.[40] Hergé engadiu tamén o personaxe de Allan, que inicialmente apareceu na aventura posterior de 1941 O caranguexo das tenaces de ouro, e tamén apareceu como home de confianza de Rastapopoulos nos álbums posteriores. [31] Hergé inseriu unha alusión ao seu amigo e colaborador Edgar P. Jacobs na historia ao incluír a un profesor momificado chamado EP Jacobinios na tumba exipcia.[41]

Mentres que a versión orixinal incluíra ao xeque Patrash Pasha mostrando a Tintín unha copia de Tintín en América, na versión de 1955 cambiouse pola anterior Tintín no Congo, e Hergé cambiaríaa de novo para posteriores impresións, esta vez para Obxectivo: a Lúa (1953), unha Aventura definida cronoloxicamente despois de Xarutos.[42] Benoît Peeters exclamou que con esta escena o lector imaxina a sorpresa de Tintín ao atopar unha aventura que aínda non sucedera e que incluía aos personaxes do Capitán Haddock e o Profesor Tornasol aos que aínda non coñecera.[43] Outro anacronismo nesta versión aparece cando Milú referese ao castelo de Moulinsart, o fogar ancestral do capitán Haddock, de volumes bastantes posteriores da serie. Harry Thompson opinou que os cambios máis importantes do libro foron artísticos, porque a finais dos anos 50 Hergé estaba no cumio da súa capacidade artística.[44]

Publicacións posteriores[editar | editar a fonte]

Casterman publicou a versión orixinal en branco e negro en 1979 nun volume recompilado en lingua francesa con O loto azul e A orella rota, a segunda parte da colección os Archives Hergé.[45] En 1983, publicaron unha versión facsímile do orixinal.[45]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hergé 1971, pp. 1-30.
  2. Hergé 1971, pp. 31-62.
  3. Peeters 1989, pp. 31–32; Thompson 1991, pp. 24–25.
  4. Peeters 1989, pp. 20–32; Thompson 1991, pp. 24–25; Assouline 2009, p. 38.
  5. Thompson 1991, p. 24.
  6. Thompson 1991, p. 40,46; Farr 2001, p. 29; Peeters 2012, p. 55.
  7. Assouline 2009, pp. 22–23; Peeters 2012, pp. 34–37.
  8. Assouline 2009, pp. 26–29; Peeters 2012, pp. 45–47.
  9. Thompson 1991, p. 46.
  10. Peeters 1989, p. 39.
  11. 11,0 11,1 11,2 Peeters 2012, p. 64.
  12. Thompson 1991, p. 56; Farr 2001, p. 42; Lofficier & Lofficier 2002, p. 31.
  13. Thompson 1991, p. 56; Lofficier & Lofficier 2002, p. 31.
  14. Peeters 2012, p. 63.
  15. Thompson 1991, pp. 54-55.
  16. Thompson 1991, p. 54; Farr 2001, p. 45; Peeters 2012, p. 63.
  17. 17,0 17,1 Goddin 2008, p. 118.
  18. McCarthy 2006, p. 37; Apostolidès 2010, p. 20.
  19. Apostolidès 2010, p. 23.
  20. Goddin 2008, p. 112; Peeters 2012, p. 62.
  21. Assouline 2009, p. 42.
  22. Thompson 1991, p. 56.
  23. Thompson 1991, p. 56; Peeters 2012, p. 63.
  24. Lofficier & Lofficier 2002, p. 30; Peeters 2012, pp. 67-69.
  25. Goddin 2008, p. 96.
  26. Lofficier & Lofficier 2002, p. 31; Peeters 2012, p. 64.
  27. Thompson 1991, p. 52; Lofficier & Lofficier 2002, p. 31; Assouline 2009, p. 42; Peeters 2012, p. 65.
  28. Thompson 1991, p. 53; Farr 2001, p. 41; Assouline 2009, pp. 42–43.
  29. Thompson 1991, p. 53; Farr 2001, p. 41; Peeters 2012, pp. 64 –65.
  30. Assouline 2009, p. 42; Peeters 2012, p. 64–65.
  31. 31,0 31,1 Thompson 1991, p. 54; Farr 2001, p. 41.
  32. Thompson 1991, p. 54; Assouline 2009, p. 43.
  33. Peeters 2012, p. 60.
  34. Assouline 2009, pp. 40–41.
  35. Pleban 2006.
  36. Peeters 1989, p. 41; Lofficier & Lofficier 2002, p. 30.
  37. Thompson 1991, p. 55; Farr 2001, p. 48.
  38. Farr 2001, p. 46.
  39. Farr 2001, p. 48.
  40. Farr 2001, p. 55.
  41. Farr 2001, p. 42.
  42. Farr 2001, pp. 45 –46.
  43. Peeters 1989, p. 41.
  44. Thompson 1991, p. 57.
  45. 45,0 45,1 Lofficier & Lofficier 2002, p. 30.
  1. Hergé mesmo non empregou o termo ligne claire para describir o seu estilo de debuxo. A caricaturista Joost Swarte usou o termo en 1977 por primeira vez. [35]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]