Milú

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Milú
Información editorial
Editorial Casterman
Primeira aparición Tintín no país dos soviets
Creadores Hergé
Biografía ficticia
Especie Can
Hergé inspirouse na raza de cans fox terrier para debuxar a Milú

Milú (en francés Milou) é un personaxe de ficción creado en 1929 polo debuxante belga Hergé e que protagoniza a serie As aventuras de Tintín xunto co seu dono Tintín. Milú é can de raza Fox Terrier de pelo duro e branco, compañeiro de Tintín e cuxo nome orixinal (Milou) débese á primeira noiva do autor Hergé á idade de 18 anos (Marie-Louise Van Cutsem, chamada cariñosamente Milou). Por esta razón moitos cometen o erro de que Milú era unha femia. Con todo, as actitudes da mascota e o constante uso da palabra "chien" (en francés, "can") deixan en claro que Milú era un macho. Amo e can son tan inseparables que durante moitos anos a serie sobre as aventuras do intrépido reporteiro titulouse As aventuras de Tintín e Milú.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Nos primeiros álbums da serie, Milú ten un papel central, xa que é o único compañeiro do seu dono. Ambos manteñen verdadeiras conversacións, onde o can ocupa por momentos o lugar de confidente e o de obxector.

A diferenza do seu dono, Milú caracterízase por ter os pés máis firmes na terra; non está obsesionado coa misión a cumprir, sendo a súa principal aspiración a tranquilidade, o cal faino desconfiar moitas veces das iniciativas do seu amo.

A pesar de ser indeciso por momentos, Milú desfaise das súas vacilacións cando se trata de rescatar a Tintín, para o que recorre ao seu enxeño e o seu valor. Porén, por momentos permítese dubidar entre un óso atopado no camiño e o seu obxecto fundamental de protexer ao seu amo.

Entre outras figuras anecdóticas, debe resaltarse a fascinación que exerce o whisky para este can, particularmente cando se trata da (ficticia) marca Loch-Lomond, o cal ocasiónalle non poucas dores de cabeza. Neste sentido, é moi parecido ao Capitán Haddock, ata tal punto que parece ser a súa prefiguración. O can e o capitán son personaxes da mesma orde, que equilibran con alegría o que Tintín poida ter de excesivamente sabio ou virtuoso. Posiblemente é por esta razón que o papel de Milú vese sensiblemente diminuído tras a aparición de Haddock na serie.