Chamaecyparis obtusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Chamaecyparis obtusa
Falso ciprés xaponés hinoki
Camecíparis xaponés hinoki
Chamaecyparis obtusanun bosque da Osaka-fu, Xapón
Chamaecyparis obtusa
nun bosque da Osaka-fu, Xapón
Estado de conservación
Risco baixo(LR/NT)
Risco baixo[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Subfamilia: Cupressoideae
Xénero: Chamaecyparis
Especie: C. obtusa
Nome binomial
Chamaecyparis obtusa
(Siebold & Zucc.) Endl., 1844
Sinonimia
  • Véxase o texto

Chamaecyparis obtusa é unha especie de conífera da familia das cupresáceas (Cupressaceae), subfamilia das cupresoideas (Cupressoideae), unha das seis incluídas no xénero Chamaecyparis.

Orixinaria do centro do Xapón, onde é coñecida co nome de 檜 ou 桧, hinoki,[2] [3] é unha especie resistente e de crecemento lento que, en Europa, América e noutras zonas do mundo, é frecuente vela cultivada en xardíns grandes, sendo pouco frcuente nos pequenos, agás como plantas xoves do cultivar Crippsii.[4]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características desta especie son:[2] [3] [5]

  • É unha árbore de crecemento lento que alcanza os 35 m de altura, cun tronco de até 1 m de diámetro. A casca é de cor parda avermellada escura.
  • As follas son escamentas, de 2 a 4 mm de longo, arredondadas na punta (obtusas), de cor verds pola face, e verdes polo envés cunha banda de estomas brancos na base de cada folla.
  • Os conos son globosos, de 8 a 12 mm de diámetro, con de 8 a 12 escamas colocadas en pares opostos.

Especies similares[editar | editar a fonte]

Unha especie emparentada con ela, o falso ciprés de Sawara (Chamaecyparis pisifera) pode facilmente distinguirse por ter os ápices das follas apuntados e uns conos máis pequenos.[2] [3]

Ningún outro ciprés, nin outros falsos cipreses, teñen escamas romas en ramiñas planas, pero Austrocedrus chilensis (o cedro de incenso de Chile, ou austrocedro de Chile), é algo similar.[6]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1844 polos botánicos alemáns Philipp Franz von Siebold e Joseph Gerhard Zuccarini no volume segundo do seu traballo Flora japonica, baixo o nome de Retinispora obtusa.[7]

Pouco despois o botánico austríaco Stephan Ladislaus Endlicher transferiu en 1847, na súa obra Synopsis coniferarum, este basónimo ao xénero Chamaecyparis como Chamaecyparis obtusa, que é o nome actualmente válido.[8]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo, a especie foi coñecida por numerosos sinónimos:[10]

  • Chamaecyparis acuta Beissn.
  • Chamaecyparis andelyensis Gordon
  • Chamaecyparis breviramea Maxim.
  • Chamaecyparis keteleri Standish ex Parl.
  • Chamaecyparis lycopodioides (Gordon) Sénécl.
  • Chamaecyparis pendula Maxim.
  • Chamaecyparis tsatsumi (Slavin) Slavin
  • Chamaepeuce obtusa (Siebold & Zucc.) Zucc. ex Gordon
  • Cupressus acuta Lavallée
  • Cupressus breviramea (Maxim.) F.Muell.
  • Cupressus obtusa K. Koch.
  • Cupressus pendens F.Muell.
  • Juniperus sanderi Mast.
  • Retinispora filicoides (Hartw. & Rümpler) Veitch ex Gordon
  • Retinispora fusinoki Zucc. ex Gordon
  • Retinispora lycopodioides Gordon
  • Retinispora monstrosa Carrière
  • Retinispora obtusa Siebold & Zucc. (basónimo)
  • Retinispora sanderi (Mast.) Sander
  • Retinispora tetragona R.Sm.
  • Shishindenia ericoides (Boehm. ex Beissn.) Makino ex Koidz.
  • Thuja obtusa (Siebold & Zucc.) Mast.

Variedades[editar | editar a fonte]

Dentro desta especie recoñécense dúas variedades:[1][8]

Unha especie similar, ou unha variedade?[editar | editar a fonte]

O falso ciprés xaponés hinoki que se encontra en Taiwán, é tratado pola maioría dos botánicos como unha variedade desta especie (como Chamaecyparis obtusa var. formosana), como quedou dito. Pero outros considérano como variedade dunha especie distinta, denominada Chamaecyparis taiwanensis Masam. & Suzuki (sustentada polos botánicos taiwaneses,[11][12] e aceptada pola xenaralidade da comunidade científica). Esta difire, entre outros aspectos, en que ten conos menores (de 6 a 9 mm de diámetro) con escamas máis pequenas e as follas cun ápice moito máis agudo (non obtuso).[2] [3] Ademais ambas as taxa difiren nos seus requirimentos ecolóxicos, xa que C. obtusa medra sobre todo en sitios secos, mentres que C. taiwanensis ocupa solos húmidos, en lugares con abundantes chuvias e necesita un aire así mesmo húmido.[2]

Hábitat e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Chamaecyparis obtusa nos Montes Tanzawa, na Prefectura de Kanagawa, Xapón.

A especie medra en bosques en altitudes que van desde os 100 até os 2 200 msnm.[1]

Ambas as dúas variedades encóntranse en diferentes hábitats: C. obtusa var. obtusa ocupa xeralmente sitios máis secos en cristas ou pendentes; C. obtusa var. formosana pode formar extensos bosques en lugares atmosfericamente húmidos e a miúdo en terreos edaficamnte encharcados. Ambas as dúas variedades forman bosques mixtos de coníferas e outras anxiospermas, nos que as coníferas son na súa maioría emerxentes e as outras anxiospermas forman as capas inferiores do dosel.[1]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O status de Chamaecyparis obtusa avalíase como especie medianamente ameazada no Xapón (variedade obtusa), e como vulnerábel en Taiwán (variedade formosana). A variedad xaponesa é a máis estendida da especie, e con poboacións máis amplas; porén, considérase medianamente ameazada debido a que amosa unha poboación en descenso que pode acercarse ao 30 % anual. Pero hai desacordo sobre a avaliación da probábel taxa de declive no pasado debido á súa intensa explotación.[1]

Usos e cultivo[editar | editar a fonte]

A madeira de Chamaecyparis obtusa utilizouse durante séculos na construción de templos e outros edificios tradicionais debido á súa alta calidade e alta durabilidade en condicións ao aire libre. Os xaponeses convertéronse en fonte para subministrar madeira desta especie en lugaes fóra do Xapón, especialmente da costa do Pacífico de América do Norte.[1]

Na actualidade cultívase pola súa madeira de moi alta calidade en Xapón, onde se usa como material para construír palacios, templos, teatros noh tradicionais, baños, pas de tenis de mesa e outos usos. A madeira ten aroma a limón, e é dunha cor parda rosada clara, e é moi resistente á podremia.

Por exemplo, o templo de Horyuji e o castelo de Osaka construíronse con madeira de hinoki. O falso ciprés xaponé hinoki que crece en Kiso, usado para construír o santuario de Ise, chámase 御神木 Go-Shin-boku "a árbore onde estivo deus".[Cómpre referencia]

Por outra parte, esta especie está entre as máis amplamente utilizadas en horticultura ornamental, sendo unha popular árbore ornamental en parques e xardíns, tanto en Xapón como noutros lugares de clima temperado, incluíndo Europa occidental, partes de Norteamérica e en Nova Zelandia. Obtivéronse numerosos cultivares en Xapón, Europa, Estados Unidos e Nova Zelandia, dispoñíbeis no comercio. A especie é particularmente conveniente para a propagación clonal de formas ananas (tennis balls conífers, 'coníferas pelotas de tenis') con crecemento compacto, seleccionadas a partir de gallos rm escoba de bruxa; estes medran a miúdo moi lentamente e, polo tanto, considéranse ideais para cultivar en patios, zons de cascallos, etcétera. O número de nomes de cultivares desta especie medra rapidamente, rebasando a capacidade de enumeralas, e aínda máis no completo rexistro de coníferas cultivadas, até agora recompilado e publicado pola Royal Horticultural Society de Inglaterra.[1]

O pole de hinoki, como o de sugi, é unha das causas principais de rinite alérxica en Xapón.[Cómpre referencia]

Principais cultivares[editar | editar a fonte]

Máis de 200 cultivares foron seleccionados, variando en tamaño desde árbores tan grandes como a especie silvestre, até plantas ananas de crecemento moi lento, de menos de 30 cm, usadas como bonsais.

As máis coñecidas son:[13][14][15]

  • Crippsii, que forma unha ampla copa cónica de cor verde dourada cun vigoroso brote principal, que medra até os 15 ou 20 m, ou máis, de altura.
  • Flabelliformis, planta anana que crece con follas de cor verde pálida.
  • Kosteri, planta anana con follaxe verde brillante.
  • Lycopodioides, que alcanza até 19 m de altura, con follaxe pouco fasciculado.
  • Minima,que alcanza menos de 10 cm despois de 20 anos de crecemento; follaxe verde.
  • Nana Aurea, con puntas douradas nos abanos, que adquiren tons bronceados no inverno.
  • Nana Gracilis, con apertados abanos en diminutas ramas producindo efectos moi vistosos; cítase moitas veces como anana, pero un cultivo na Gran Bretaña chegou até os 11 m de altura.
  • Nana Lutea, compacta, de crecemento lento, follaxe de cor amarela ouro, moi popular. É unha versión amarela de Nana gracilis.
  • Spiralis, é unha árbore ergueita, ríxida e anana.
  • Tempelhof, crece até 2 ou 4 m, e ten unha follaxe verde-amarela que torna a bronce en inverno.
  • Tetragona Aurea, que medra até os 18 m de altura, cunha copa estreita de ramificación irregular, coas follas escamentas en 4 fileiras iguais en ramiñas mestas de cor verde dourada.

En Galicia[editar | editar a fonte]

En xardíns e parques de Galicia esta especie é rara, pero pódense ver fermosos exemplares dela na alameda de Santiago de Compostela.[16]

Nome en galego[editar | editar a fonte]

Posíbeis nomes en galego poderían ser falso ciprés xaponés hinoki ou camecíparis xaponés hinoki.[17]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Chamaecyparis obtusa na Lista vermella da UICN Versión 2017-3. Consultada o 30 de decembro de 2017.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Farjon 2005.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rushforth 1987.
  4. Mitchell, p. 83.
  5. Mitchell, pp. 83-84.
  6. Mitchell, p. 85.
  7. Fl. jap. 2:38, t. 121. 1844. En: U.S. National Plant Germplasm System. Consultada o 30 de decembro de 2017.
  8. 8,0 8,1 Syn. conif, 63. 1847. En: U.S. National Plant Germplasm System. Consultada o 30 de decembro de 2017.
  9. Dictionary of Botanical Epithets.
  10. Chamaecyparis obtusa (Siebold & Zucc.) Endl. en The Plant List.
  11. Hwang, S.-Y.; Lin, H.-W.; Kuo, Y. S. & Lin, T. P. (2001): "RAPD variation in relation to population differentiation of Chamaecyparis formosensis and Chamaecyparis taiwanensis". Bot. Bull. Acad. Sinica 42: 173-179
  12. Hwang, L.-H.; Hwang, S.-Y. & Lin, T.-P. (2000): "Low Chloroplast DNA Variation and Population Differentiation of Chamaecyparis formosensis and Chamaecyparis taiwanensis. Taiwan J. Forest Sci..
  13. Lewis, J. (1992). The International Conifer Register Part 3: The Cypresses. London: Royal Horticultural Society. 
  14. Welch, H.; Haddow, G. (1993). The World Checklist of Conifers. Landsman's. ISBN 0-900513-09-8. 
  15. Tree Register of the British Isles.
  16. Castro, Freire & Prunell 1989, p. 73.
  17. Mitchel 1979, p. 83.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro, Marisa, Luís Freire e Antonio Prunell (1989): Guía das Árbores de Galicia. Autóctonas e ornamentais. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-406-5.
  • Farjon, A. (2005): Monograph of Cupressaceae and Sciadopitys. Royal Botanic Gardens, Kew. ISBN 1-8424-6068-4.
  • Farjon, A. (2010): A Handbook of the World's Conifers. 2 Vols. Leiden: Koninklijke Brill. ISBN 978-9-0474-3062-9.
  • Mitchell, Alan (1979): Guía de campo de los árboles de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-549-3.
  • Rushforth, Keith D. (1987): Conifers. New York City, New York, USA: Facts on File. ISBN 978-0-8160-1735-5.
  • Yamamoto, S. I. (1998): "Regeneration ecology of Chamaecyparis obtusa and C. pisifera (Hinoki and Sawara Cypress), Japan". En: Aimlee D. Ladermann (ed.) Coastally restricted forests. Oxford, New York: Oxford University Press. ISBN 978-0-1950-7567-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]