Mykolai Charnetskyi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mykolai Charnetskyi
Czarnecki Mikołaj.jpg
Bispo da Igrexa católica bizantina ucraína
Biografía
Nacemento14 de decembro de 1884 en Semakivtsi, Austria-Hungría
Pasamento2 de abril de 1959 en Lviv, RSS de Ucraína
Ordes
Ordenación sacerdotal2 de outubro de 1909, por Hryhorii Khomyshyn
Consagración episcopal2 de febreiro de 1931, por Hryhorii Khomyshyn
Exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia
1939 - 1956

Mykolai Charnetskyi, nado o 14 de decembro de 1884 en Semakivtsi (Austria-Hungría, hoxe Ucraína) e finado o 2 de abril de 1959 en Lviv (RSS de Ucraína), foi un redentorista greco-católico ucraíno, exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia, e beato da Igrexa católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu o 14 de decembro de 1884 en Semakivtsi, entón no Reino de Galicia e Lodomeria, hoxe en Ucraína; era o maior dos nove fillos que tiveron Oleksandr e Paraskeva Charnetskyi. Foi enviado polo bispo Hryhorii Khomyshyn a estudar no Pontificio Colexio Ucraíno de Roma, e o 2 de outubro de 1909 foi ordenado sacerdote da eparquía de Stanislaviv polo bispo Khomyshyn; posteriormente volveu a Roma onde doutorouse en Teoloxía. Á súa volta a Stanislaviv ensinou Teoloxía dogmática e Filosofía no seminario diocesano durante nove anos, exercendo tamén as funcións de director espiritual do mesmo.

Relixioso redentorista e exarca[editar | editar a fonte]

En 1913 a provincia belga dos redentoristas estabeleceu unha misión en Lviv. Charnetskyi entrou como novizo en 1919, e o 16 de setembro de 1920 profesou como membro da Congregación do Santísimo Redentor. Posteriormente traballou nunha parroquia próxima, e máis tarde ensinou no seminario menor da congregación.

En 1926 os redentoristas comezaron unha nova misión en Volinia, co principal propósito de mellorar as relacións entre católicos e ortodoxos. O papa Pío XII nomeouno o 16 de xaneiro de 1931 bispo titular de Lebedus e visitador apostólico para os greco-católicos de Volinia e Podlasia. Recibiu a consagración episcopal o 2 de febreiro de mans do mesmo Khomyshyn, e tivo como co-consagrantes ao bispo de Lungro Giovanni Mele e ao superior xeral dos marianos Pranciškus Būčys.[1] En 1939 foi nomeado exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia, e administrou tamén o exarcado de Belarús até o nomeamento de Anton Niemancevič.

Invasión soviética[editar | editar a fonte]

Logo da invasión soviética de 1944, en 1945 Charnetsyi foi arrestado e acusado de ser axente dun poder estranxeiro (o Vaticano), polo que foi condenado a traballos forzados. Inicialmente foi compañeiro de prisión de Yosyf Slipyi en Mariinsk, mais ao longo da súa condena estivo en máis de 30 centros diferentes. En 1956 a súa saúde estaba tan deteriorada que as autoridades decidiron liberalo. Finou anos despois, o 2 de abril de 1959.

Culto[editar | editar a fonte]

O papa Xoán Paulo II beatificouno o 27 de xuño de 2001 na súa visita pastoral a Ucraína, xunto aos compañeiros mártires da súa causa conxunta.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beco, Jean (2006). "Les cent cinquante ans de la maison "Sant'Alfonso" à Rome" (PDF). Spicilegium Historicum Congregationis SSmi Redemptoris (Collegium S. Alfonsi de Urbe) LIV (Fasc. 1-2): 19. Consultado o 03/10/2018. Le 8 février 1931, consécration épiscopale de Nicolas Czarneckij [...] par Mgr Gregor Chomyszyn, évêque ukrainien de Stanislawów, assisté de Mgr Pietro Bucys, évêque d'Olimpo et Mgr Giovanni Mele, évêque de Lungro pour les ltalo-albanais. Autres concélébrants: Mgr D. Sipiaguine et Dionisio Holoveckyj 
  2. Os outros mártires da Igrexa católica ucraína beatificados canda el foron: os bispos Yosafat Kotsylovskyi, Nykyta Budka, Symeon Lukach, Vasyl Velychkovskyi, Ivan Sleziuk, Hryhorii Khomyshyn e Hryhorii Lakota; os presbíteros Mykola Konrad, Andrii Ishchak, Roman Lysko, Mykola Tsehelskyi, Petro Verhun e Oleksii Zarytskyi; os relixiosos Yakym Senkivskyi, Severiian Baranyk, Zenon Kovalyk, Vitalii Bairak e Ivan Ziatyk; as relixiosas Tarsykiia Matskiv, Olimpiia Bida e Lavrentiia Harasymiv; e o laico Volodymyr Pryima. Tamén foron beatificados os bispos grecocatólicos rusos Leonid Fedorov e Klymentii Sheptytskyi; e o bispo ruteno Teodor Romzha.
  3. Resch, Andreas (2006). I beati di Giovanni Paolo II. Libreria Editrice Vaticana. p. 108. ISBN 9788820978334.