Yosafat Kotsylovskyi
Йосафат Коциловський Yosafat Kotsylovskyi | |
---|---|
![]() | |
Bispo da Igrexa Católica Ucraína | |
Biografía | |
Nacemento | 3 de marzo de 1876 en Pakoszówka (Reino de Galicia e Lodomeria) |
Pasamento | 17 de novembro de 1947 en Kíiv (Ucraína) |
Ordes | |
Ordenación sacerdotal | 9 de outubro de 1907 |
Consagración episcopal | 23 de setembro de 1917, por Andrei Sheptytskyi |
Orde relixiosa | OSBM (dende o 2 de outubro de 1911) |
Bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok | |
1917 - 1947 | |
Predecesor | Kostiantyn Chekhovych |
Sucesor | Vasyl Hrynyk (vigairo xeral) |
Outros | |
Ficha en catholic-hierarchy.org |
O Beato Yosafat Kotsylovskyi (en ucraíno: Йосафат Коциловський), nado como Yosyf (en ucraíno: Йосиф) o 3 de marzo de 1876[1] en Pakoszówka (Reino de Galicia e Lodomeria) e finado o 17 de novembro de 1947 nun campo de concentración preto de Kíiv,[1] foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok dende 1917 até a súa morte. Foi beatificado por Xoán Paulo II en 2001.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Naceu en Pakoszówka, unha aldea do concello de Sanok, en Lemkivshchyna, rexión habitada polo pobo lemko. Era fillo de Petro e Kateryna: o seu pai combinou a agricultura coa participación na vida política como deputado na Dieta de Galicia e Lodomeria;[2] a súa nai, de apelido de solteira "Kosar", era filla dun sacerdote greco-católico, e educou piadosamente aos seus fillos.
En 1896 ingresou na Universidade de Lviv para estudar leis, mais decepcionado coa situación política abandonou os estudos. Baixo a influencia do bispo Przemyśl Kostiantyn Chekhovych marchou a estudar Filosofía e Teoloxía a Roma. O 9 de outubro de 1907 foi ordenado sacerdote. Logo de ser ordenado sacerdote, foi profesor de teoloxía no seminario de Stanislaviv, onde ao pouco tempo foi nomeado vicerreitor.
O 2 de outubro de 1911 fixo a profesión na Orde de San Basilio Magno. O 8 de novembro de 1916 foi elixido bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok, sendo confirmado pola Santa Sé o 29 de xaneiro de 1917. Recibiu a consagración episcopal o 23 de setembro, de mans do metropolita de Galicia Andrei Sheptytskyi.
Co estoupido da segunda guerra mundial o territorio da súa diocese foi ocupada de xeito sucesivo pola URSS e polo III Reich. En 1939, co pacto Ribbentrop-Molotov, os soviéticos anexionáronse Ucraína Occidental, e Kotsylovskyi estivo baixo vixilancia. Posteriormente, coa ocupación alemá, foi investigado e interrogado pola Gestapo por agochar xudeus na diocese.
Despois da guerra tratou de resistir a presión comunista contra a Igrexa. O 10 de setembro de 1945 o bispo enviou dous comunicados ás embaixadas dos E.U.A. e do Reino Unido tratando sobre a natureza da invasión, a represión, e as violacións de dereitos humanos, e pedindo axuda.
Finou nun campo de concentración soviético preto de Lviv o 17 de novembro de 1947.
Culto[editar | editar a fonte]
O papa Xoán Paulo II beatificouno o 27 de xuño de 2001 na súa visita pastoral a Ucraína, xunto a Mykolai Charnetskyi e compañeiros mártires.[3] A súa festa celébrase o 17 de novembro.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Burns, Paul, ed. (2005). Butler's Saints of the Third Millennium: Butler's Lives of the Saints: Supplementary Volume. Bloomsbury Publishing. p. 78. ISBN 9781441130778.
- ↑ Чорновол, Ігор Павлович (2010). 199 депутатів Галицького сейму. Lviv: Тріада плюс. p. 143.
- ↑ Os outros mártires da Igrexa Católica Ucraína beatificados canda el foron: os bispos Hryhorii Khomyshyn, Symeon Lukach, Vasyl Velychkovskyi, Ivan Sleziuk, Nykyta Budka e Hryhorii Lakota; os presbíteros Mykola Konrad, Andrii Ishchak, Roman Lysko, Mykola Tsehelskyi, Petro Verhun e Oleksii Zarytskyi; os relixiosos Yakym Senkivskyi, Severiian Baranyk, Zenon Kovalyk, Vitalii Bairak e Ivan Ziatyk; as relixiosas Tarsykiia Matskiv, Olimpiia Bida e Lavrentiia Harasymiv; e o laico Volodymyr Pryima. Tamén foron beatificados os bispos grecocatólicos rusos Leonid Fedorov e Klymentii Sheptytskyi; e o bispo ruteno Teodor Romzha.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Коциловський, Йосафат (2004). Пилипович, Володимир, ed. Блаженний Йосафат Коциловський – перемиський єпископ. Зібрані послання та інші праці (en ucraíno). Przemyśl.
- Назарко, Іриней-Іван Іванович (1954). Йосафат Коциловський, ЧСВВ, єпископ Перемиський 1916-1946 (en ucraíno). Toronto.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Kostiantyn Chekhovych |
Bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok 1917 - 1947 |
Sucesor: Vasyl Hrynyk (vigairo xeral) |