Mosteiro de San Salvador de Oña
Mosteiro de San Salvador de Oña | |
---|---|
Ben de Interese Cultural | |
Coordenadas | 42°44′01″N 3°24′47″O / 42.733611111111, -3.4130555555556 |
Declaración | 3 de xuño de 1931 |
Categoría | Monumento (R.I.) - 51 - 0000462 |
Código | RI-51-0000462 |
Construción | Século XI - |
Estilo | Igrexa e cadeirado: Gótico Fachada e Retablo principal: Barroco |
O mosteiro de San Salvador de Oña atópase situado na vila de Oña, (provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León, España). Foi fundado en 1011 polo conde de Castela Sancho García, neto do Conde Fernán González, para a súa filla Tigridia, como mosteiro dúplice, con monxas de San Juan de Cillaperlata, e monxes de San Salvador de Loberuela.
Por escritura outorgada o 30 de xuño de 1033 polo rei Sancho III o Maior de Pamplona e a súa esposa Munia de Castela, o mosteiro pasou a depender só dos monxes do Cluny. Chegan a estar baixo a súa xurisdición máis de setenta mosteiros e igrexas do norte de Burgos, Cantabria e o val do Pisuerga palentino.
A partir de 1506, intégrase na Congregación Beneditina de Valladolid. A invasión francesa primeiro e a desamortización de Mendizábal causaron estragos e abandono do cenobio por parte da Orde de San Bieito.
O beneditino frei Ponce de León no século XVI instaurou no mosteiro a primeira escola de xordomudos do mundo.[1] A partir de 1835 a igrexa convértese en parroquia da localidade, as dependencias monacais son restauradas e ocupadas de novo en 1880, adquiridas por xesuítas. Posteriormente a Compañía de Xesús permaneceu alí até 1967 en que proceden a asinar a súa venda por 24 millóns de pesetas á Deputación Provincial de Burgos, que converte o complexo monástico en hospital psiquiátrico e granxa agrícola.[2]
En 2012 celebrouse no mosteiro a décimo sétima exposición das Idades do Home baixo o título de Monacatus. Desde 2013 celébrase de xullo a decembro a exposición de arte contemporánea El jardín Secreto na portaría e os xardíns do mosteiro.
Descrición
[editar | editar a fonte]Da súa época de esplendor fican importantes restos arquitectónicos e ornamentais e extensa documentación, hoxe depositada no Arquivo Histórico Nacional.
O conxunto monástico estaba formado por unha serie de edificios distintos, entre os que destacan a igrexa, comezada a finais do século con remodelacións góticas do XV, do mesmo xeito que a fachada, e o claustro coñecido como "patio gótico".
Tras a escada de acceso á Igrexa, están as estatuas sepulcrais do século XV. Despois da primeira cancela, a fachada mostra restos da orixinal construción románica, coma o pórtico e a xanela da esquerda.
No interior, destacan as pinturas flamengas primitivas atribuídas a Frei Alonso de Zamora, con diversas mostras heráldicas, repetidas no templo, que fan alusión aos condes fundadores, Sancho Garcés III de Pamplona, Sancho II de Castela, e un escudo coas armas dos Reis Católicos.
A porta gótico-mudéxar é un bo expoñente desta manifestación artística, e dá paso ao vestíbulo que acolle, no seu piso superior, o cadeirado do coro alto.
A igrexa, de 83 x 20 metros de planta e 20 de altura, foi reconstruída no século XV. Catro retablos posteriores (barrocos) franquean a entrada.
Despois do enreixado, no muro da dereita hai un fresco de pintura gótica datada nos principios do século XIV, no que se narra a vida de santa María de Exipto. A obra descubriuse por casualidade ao quedar á descuberto pintura polícroma durante unha reforma. En fronte, no lado do evanxeo, hai unha talla románica do Cristo de Santa Tigridia, do século XII.
Sobre o primitivo cruceiro románico levantouse, no século XIII, o actual, coroado por unha sinxela lanterna. Do antigo restan uns capiteis policromados. Neste espazo situouse no século XIII o órgano, recentemente restaurado pola Xunta de Castela e León.
Fronte ao citado órgano sitúase o retablo da Inmaculada, e restos do antigo retablo maior que presidiu a igrexa até o século XVIII.
A capela está coroada por unha bóveda estrelada de 400 m², construída por Fernando Díaz cara a 1460. No século XIII ábrese na súa fronte unha ábsida con obxecto de albergar o corpo de Santo Íñigo de Oña.
Ao redor da capela principal, está o cadeirado do coro de dobre piso, de estilo gótico tallada en madeira de nogueira por Frei Pedro de Valladolid, do século XV. A ambos os dous lados, e do mesmo autor, sobresae o panteón real e condal, de gótico-mudéxar.
O retablo maior é barroco, cun arco que dá paso á capela de Santo Íñigo decorada con pinturas de Francisco Bayeu, cuñado de Goya.
A sancristía de estilo herreriano do século XVIII, de grandes proporcións, garda tesouros parroquiais entre os que destaca a escultura sepulcral do bispo Pedro López de Mendoza, natural de Oña.
O claustro, obra de Simón de Colonia, foi construído no piso baixo no século XVI, e no século XVII o superior.
Completa o conxunto monumental a fachada renacentista barroca do mosteiro adornada coas estatuas de condes e reis fundadores e heráldica de catro reinos.
O Panteón Real e Condal do Mosteiro
[editar | editar a fonte]A igrexa e o claustro serviron de enterramento a diversos personaxes da realeza e da nobreza castelá, cuxos restos mortais descansan na actualidade en dous conxuntos compostos por arcas sepulcrais de madeira de nogueira tallada, cubertas por baldaquinos do mesmo material. Os sepulcros, a cuberta, e os muros decorados con sargas hispano-flamengas, representan escenas da Paixón e a Resurrección de Cristo. Argaiz atribúe a obra á época de Frei Juan Manso, abade do Mosteiro, que comezou o seu mandato polos anos de 1495. A bóveda da capela maior, unha estrela de oito puntas de 1450, é obra de Fernando Díaz de Presencio, seguindo as directrices de Juan de Colonia.
Membros da realeza que recibiron sepultura no mosteiro de Oña:
- No lado do Evanxeo, baixo un baldaquino:
- Sancho II (1038-1072), primeiro rei de Castela, fillo de Fernando I de León e da raíña Sancha. Foi asasinado en Zamora.
- Sancho Garcés III de Pamplona (990/992-1035), rei de Pamplona, fillo de García Sánchez II.[3]
- Muniadona de Castela (990/995-1066). Esposa de Sancho Garcés III de Pamplona e filla do conde de Castela Sancho García, "o dos Bos Foros".
- García de Castela (1142-1146), infante de Castela, fillo de Afonso VII de Galiza e León e da raíña Berenguela de Barcelona.
- No lado da Epístola, baixo un baldaquino:
- Sancho García "o dos Bos Foros" (m. 1017), conde de Castela, fillo de García Fernández "o das Mans Brancas".
- Urraca Gómez, esposa do conde Sancho García e nai do conde García Sánchez de Castela e de Muniadona de Castela, raíña consorte de Pamplona.
- García Sánchez de Castela (1009-1028), último conde de Castela e fillo dos anteriores.
- Filipe de Castela (1292-1327), infante de Castela, fillo de Sancho IV de Castela, e da raíña María de Molina.
- Henrique de Castela (1288-1299), infante de Castela, fillo de Sancho IV e de María de Molina.
Outras versións aseguran que o infante Henrique de Castela e Molina, foi sepultado no Mosteiro de San Ildefonso de Toro, hoxe en estado ruinoso, que fora fundado pola súa nai, María de Molina, mentres que o seu irmán o infante Felipe de Castela supónselle enterrado no Mosteiro de las Huelgas de Burgos, ou no Mosteiro das Donas de Santa Clara de Allariz, sendo este último no que o infante dispuxera ser sepulto.[4]
Xurisdición de Abadengo
[editar | editar a fonte]O Mosteiro de Beneditinos de San Salvador de Oña tivo xurisdición de abadengo sobre os seguintes lugares:[5]
- O lugar de Rubena no partido de Burgos
- No Meiriñado de Bureba as vilas de Piérnigas na cuadrilla de Rojas, e de Solduengo na cuadrilla de La Vid.
- As seguintes vilas, pertencentes ó Meiriñado de Costa-Urria, no partido de Castela a Vella en Laredo: Arroyuelo, Barcina dos Montes, Cereceda, Cillaperlata, Mijangos, Palazuelos de Costa Urria, Prado la Mata, Penches, Tarlates de Cilla, Trespaderne, Urria e Villapanillo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diario de Burgos, El Monasterio de Oña, será colonia de vagos y maleantes, 19 de xuño de 1936. Hemeroteca
- ↑ Diario de Burgos, La Diputación compra a los Jesuitas el Monasterio de Oña, 21 de decembro de 1967. Hemeroteca.
- ↑ Prada, María Encina: Estudio antropológico del Panteón Real de San Isidoro de León 1998 ProMonumenta, número II Relación de los reyes enterrados. Outra versión sostén que Fernando I o Magno, fillo de Sancho III o Maior, ordenou trasladar os restos do seu pai a San Isidoro de León
- ↑ Arco y Garay 1954, pp. 86 y 272.
- ↑ Durante o período comprendido entre 1785 e 1833, tal como consta no Censo de Floridablanca de 1787
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arco y Garay, Ricardo del (1954). Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. OCLC 11366237.
- Elorza, Juan C.; Vaquero, Lourdes; Castillo, Belén; Negro, Marta (1990). Xunta de Castela e León. Consellería de Cultura e Benestar Social, ed. El Panteón Real de las Huelgas de Burgos. Los enterramientos de los reyes de León y de Castilla (2ª edición). Valladolid: Editorial Evergráficas S.A. ISBN 84-241-9999-5.
- Gómez Barreda, Íñigo (1917). Oña y su Real Monasterio. Madrid: Editorial Maxtor. ISBN 84-9761-634-0. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2010. Consultado o 24 de xaneiro de 2011.
- Martínez Díez, Gonzalo (2004). El Condado de Castilla (711-1038). La historia frente a la leyenda. Valladolid: Xunta de Castela e León. ISBN 84-9718-275-8.
- Puente, Ricardo (2005). Toro, Guía Artística y Monumental. León: Editorial Albanega. ISBN 84-933601-1-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Monasterio de San Salvador de Oña. Museo de arte Sacro (Páxina oficial)