Mudéxar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teruel (Aragón - España): Torre da Catedral, un dos dez monumentos mudéxar de Aragón que están catalogados coma Patrimonio da Humanidade.
Estilo mudéxar no Mosteiro de Guadalupe en Cáceres (Estremadura - España).
Claustro mudéxar da Igrexa de San Pedro, Teruel - España.

Mudéxar[1] é un termo que deriva da verba árabe مدجّن [mudaÿÿan] que significa "doméstico" ou "domesticado" e que se utiliza para designar aos musulmáns que ficaron en territorio conquistado polos cristiáns, e baixo o seu control político, durante o proceso de avance dos reinos cristiáns cara o sur (denominado Reconquista), que se desenvolveu ao longo da Idade Media na Península Ibérica.

Historia[editar | editar a fonte]

Ao principio permitíuselles seguir practicando o islam, empregar a súa lingua e manter os seus costumes. Organizábanse en comunidades denominadas alxamas ou mourarías con diversos graos de autogoberno, segundo as condicións de rendición, ou de subordinación: no caso de Baleares, a total escravitude, noutros casos, a vinculación en condicións de servidume feudal. En Valencia existían os denominados mouros paliers (protexidos do rei) e outros de menor grao de protección (decimati e quintati).[2]

Na súa gran maioría, de condición social humilde, eran campesiños cunha especial vinculación á agricultura de regadío (hortas e vegias, socalcos nas ladeiras) ou artesáns especializados (albanelaría, oficios téxtiles -cordobáns, sedas-). Co tempo, as condicións de convivencia e tolerancia fóronse endurecendo, restrinxindo os contactos sociais e económicos entre comunidades; á tradicional separación das buxarías (cortadorías ou carnizarías) (baseada no especial método de sacrificio) engadíuselle a prohibición de contactos profesionais e casamentos mixtos.

As revoltas mudéxares foron numerosas a partir do século XIII, e provocaron o despoboamento dalgunhas zonas (Val do Guadalquivir, Norte de Alacant), aínda que se mantiveron noutras, especialmente no Levante, tanto castelán (Murcia), coma aragonés (resto do reino de Valencia -Dénia, Xàtiva, Segorbe-, e incluso no val do Ebro -Borja, Tarazona, Huesca, Teruel, Zaragoza, Calatayud-). A finais da Idade Media representaban o 11 por cento da poboación da Coroa de Aragón.

A Guerra de Granada (1482-1492) proporcionou a definitiva ampliación do concepto de mudéxares a todos os musulmáns peninsulares. En principio as condicións da rendición permitíalles a súa continuidade e o exercicio da relixión islámica, porén, o incumprimento das condiciones pactadas por parte dos cristiáns orixinou os primeiros conflitos. A partir da revolta del Albaicín e a dos mudéxares granadinos en 1499, polo decreto de 1502 foron obrigados a se converter ao cristianismo, pasando así a denominarse mouriscos, que malia isto seguiron cos seus costumes diferenciados e o exercicio clandestino da súa relixión. A rebelión das Alpujarras (1568) levou á dispersión dos granadinos polo interior de Castela (non así os de Levante), e a imposibilidade de integración e a desconfianza á súa connivencia cos piratas bérberes e o Imperio turco levou á decisión da expulsión dos mouriscos en 1609, aínda que os seus efectos reais foron escasos.[3]

Arte mudéxar[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Arte mudéxar.
Fonte colonial La Corona ou La Pila, construída no século XVI en Chiapas (México), única nas Américas deste estilo.

A arte mudéxar, desenvolvida particularmente en arquitectura, consistiu na aplicación aos edificios cristiáns de influencias de estilo hispano-musulmán por mor da albanelaría de tradición andalusí. É un fenómeno autóctono e exclusivamente hispánico, que se manifestou tanto en elementos arquitectónicos estruturais como decorativos (arco de ferradura, artesoados) e na preferencia polo uso de certos materiais (xeso, tixolo -simple ou vitrificado en azulexos-, madeira -vista nos artesoados- etc.) Aínda que en Galicia si houbo certos asentamentos mouriscos, especialmente trala expulsión doutros territorios hispánicos até Galicia por parte dos Reis Católicos, a arte mudéxar non chega a se plasmar no territorio. Tampouco chai pegadas en Asturias e Cantabria.

Desde o século XIX desenvolveuse unha arquitectura historicista denominada neomudéxar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome da arte en galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Artola, Miguel Diccionario temático de la Enciclopedia de Historia de España, Madrid: Alianza
  3. "... tornaron cantos mouriscos saíran, pola boa vontade coa que xeralmente os reciben todos os naturais e os encobren os Xustizas", O conde de Salazar -responsábel das expulsións-, en Carta a Filipe III con data do 8 de agosto de 1615.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]