A sedución de Merlín, cadro de Edward Burne-Jones usado na capa do libro, 1864 (Birmingham Art Gallery).
No castelo de Tintaxel vive o rei Garlois, a súa muller Igraine e mais Morgana, a filla de ambos. Nunha batalla Garlois resulta malferido, e o mago Merlín logra que Uther de Pendragón, o nobre que derrotara a Garlois, adopte a aparencia deste e deixe preñada a Igraine. Froito da relación nace Artur. Anos despois, Merlín fai que Artur case con Xenevra, co propósito de convertelo en caudillo dos celtas en Britania e acadar a cristianización do seu pobo.
Pola súa banda, Morgana marcha coa súa tía Viviana á illa de Ávalon, a formarse e desenvolver a súa sabedoría, regresando a Camelot para a voda do seu irmán. Mais malia os propósitos de Merlín, o amor entre Artur e Xenevra non é tal, posto que Xenevra está namorada de Lanzarote do Lago e Artur da súa irmá.
A novela, escrita en terceira persoa, alterna varios narradores: Felipe de Amancia, Merlín, a propia Morgana e as Crónicas de Ávalon. Os dous primeiros amosan unha visión persoal deses personaxes, e os textos tomados das Crónicas pretenden dar unha visión máis obxectiva.
A trama entronca coa Materia de Bretaña e co mundo fabuloso da terra de Miranda descrito por Álvaro Cunqueiro en Merlín e familia. Con todo, esta é unha novela que pretende botar sobre o asunto unha mirada feminina, resaltando o papel de Viviana e Morgana fronte ás pretensións de Merlín[1].