María Teresa León
(2022) | |
Nome orixinal | (es) María Teresa León Goyri |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) María Teresa León y Goyri 31 de outubro de 1903 Logroño, España |
Morte | 13 de decembro de 1988 (85 anos) Majadahonda, España |
Educación | Institución Libre de Enseñanza |
Actividade | |
Ocupación | escritora, escritora de literatura infantil, novelista, poetisa, dramaturga, editora literaria, tradutora, guionista, escritora de contos |
Período de actividade | 1920 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Teatro, ensaio, poesía, biografía e Guión |
Movemento | Las Sinsombrero (en) |
Familia | |
Cónxuxe | Rafael Alberti (1932–1988) |
Fillos | Aitana Alberti León |
Parentes | María Goyri, tía avoa |
Descrito pola fonte | América Latina en la Internacional Comunista 1919-1943 (en) |
María Teresa León Goyri, nada en Logroño o 31 de outubro de 1903 e finada en Madrid o 13 de decembro de 1988, foi unha escritora española integrada na xeración do 27.[1][2] Foi unha muller comprometida co conflitivo tempo en que lle tocou vivir, enfrontándose a críticas e convencións sociais.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla do coronel do exército Ángel León e de Oliva Goyri, sobriña de María Goyri (esposa de Ramón Menéndez Pidal).[3] Na súa educación influíron moito os seus tíos e sobre todo a súa tía María, que fora unha das primeiras mulleres españolas en obter un doutoramento en Filosofía e Letras; e que impartiu clases na Universidade española [4] A infancia de María Teresa transcorreu entre Madrid, Barcelona e Burgos, cidade á que volveu en varias ocasións e á que sentiu fortemente ligada. Estudou na Institución Libre de Ensino e licenciouse en Filosofía e Letras. Deste xeito, María Teresa educouse nun ambiente culto, ilustrado, que a marcou e definiu durante o resto da súa vida.[5][6]
María Teresa León tivo dificultades polo seu interese en proseguir os estudos máis aló do estipulados catorce anos. Así, tras os seus primeiros choques coas súas compañeiras por mor das súas lecturas consideradas na época ‘pouco edificantes’, foi expulsada do Colexio de Monxas, entre outras rebeldías, segundo afirmaba ela mesma, por empeñarse en facer o bacharelato: fora expulsada suavemente do Colexio Sacro Corazón de Leganitos, de Madrid, porque se empeñaba en facer o bacharelato, porque choraba a destempo, porque lía libros prohibidos...[7]
En 1920 casou con Gonzalo de Sebastián Alfaro, co quen tivo dous fillos, Gonzalo e Enrique. Nesta época publicou artigos no Diario de Burgos baixo o pseudónimo de Isabel Inghirami, heroína de Gabriele d'Annunzio, e posteriormente co seu propio nome. En 1928 realizou unha viaxe á Arxentina, e ao ano seguinte publicou as súas primeiras obras: Cuentos para soñar e La bella del mal amor.
En 1929 coñeceu a Rafael Alberti e rompeu o seu matrimonio para marchar co poeta a Mallorca. En 1932 casaron polo civil. Unha das primeiras colaboracións de Alberti para María Teresa León son as ilustracións para o seu terceiro libro, unha colección de contos chamada Rosa Fría.
A Xunta para a Ampliación de Estudos concedeulle unha bolsa para estudar o movemento teatral europeo e comezaron a viaxar por Berlín, a Unión Soviética, Dinamarca, Noruega, Bélxica e os Países Baixos. Esta experiencia permitiulles contar cun tema para os seus escritos, ampliado posteriormente cunha ducia de artigos, publicados en 1933 no Heraldo de Madrid. Participou xunto con Alberti na fundación da revista Octubre, na que publicou a súa obra Huelga en el puerto (1933).[8][9]
En 1934 a parella regresou á Unión Soviética para asistir ao Primeiro Congreso de Escritores Soviéticos, no que coñeceron a Maxim Gorki e André Malraux.[10] Co estoupido da Revolución de Asturias de 1934 incrementouse a súa actividade política e social, viaxando aos Estados Unidos para recadar fondos para os obreiros damnificados.
O golpe de estado que deu inicio á Guerra Civil sorprendeunos en Eivisa, de onde lograron escapar. Volveron instalarse en Madrid en plena guerra e María Teresa pasou a exercer o cargo de secretaria da Alianza de Escritores Antifascistas. Fundaron a revista El Mono Azul. As súas vivencias no Madrid bélico serán reflectidas máis tarde con grande intensidade en dúas novelas: Contra viento y marea e Juego limpio, esta última de gran carga dramática, crúa e intensa, con importantes notas autobiográficas na que narra o día a día dun grupo de actores. María Teresa foi subdirectora do Consello Central do Teatro, e puxo en pé, xa como autora, xa como actriz ou como directora, importantes empresas teatrais na España republicana.
Ao estalar a guerra levou a cabo unha intensa actividade de animación cultural e literaria nas frontes de batalla e participou na confección do Romancero de la Guerra Civil dedicado a Federico García Lorca, así como na creación, promovida pola Asociación de Escritores Antifascistas, dun organismo que se encargase de protexer as obras de arte dos edificios incautados polos partidos e organizacións de esquerdas, despois de que a súa propia casa fose requisada polos anarquistas.[11] Como resultado desas xestións, encabezadas, segundo María Teresa León, por José Bergamín, creouse a Xunta de Incautación e Protección do Patrimonio Artístico, que se encargaría do traslado dos fondos artísticos do Museo do Prado e do Mosteiro del Escorial a Valencia. Con todo, dos primeiros traslados, feitos á marxe da Xunta, íanse a encargar persoalmente primeiro o deputado comunista Florencio Sosa Acevedo e logo a propia María Teresa de León, á que facía responsable da selección e envío dos cadros unha orde do subsecretario de Instrución Pública datada o 3 de decembro de 1936, «para evitar demora e trámites», pois Sosa só fixera un envío ao longo do mes de novembro, cun total de 29 cadros, e os responsables do museo puñan dificultades para os traslados que entendían motivados por razóns políticas. Entre o 7 e o 11 de decembro, María Teresa León sacou do museo e enviou a Valencia 64 cadros, entre eles As Meninas que saíron de Madrid o día 9, e 181 debuxos, moitos deles sen a embalaxe adecuada, o que causou danos importantes no retrato do conde-duque de Oliveirais dacabalo, de Velázquez.[12] Rafael Alberti, o seu marido escribiu respecto diso a obra Noche de guerra en el Museo del Prado. As condicións nas que As meninas e o Carlos V dacabalo en Mühlberg de Tiziano cruzaron a ponte de Arganda suspendidos aos costados do camión e por fóra das rodas, xa que non se previra a dificultade que expuña a baixa altura da ponte. Isto determinou a súa destitución, pasando a responsabilidade á Xunta Delegada de Madrid, cuxos integrantes se comprometeron por unanimidade a non permitir novos traslados nas condicións que se fixeron os anteriores.[13]
Tamén participou no II Congreso de Escritores Revolucionarios en 1937, celebrado en Madrid e Valencia. Durante a contenda o seu traballo centrouse no teatro, desempeñando o cargo de subdirectora do Consello Central do Teatro, promovendo distintas iniciativas neste campo, sendo responsable de El Teatro de Arte y Propaganda e posteriormente de Las Guerrillas del Teatro" no Exército do Centro. Traballou tanto como dramaturga, como directora de escena e mesmo esporadicamente colaborou como actriz; foi codirectora dos Títeres de cachiporra de Federico García Lorca e La cacatúa verde, de Arthur Schnitzler; tamén dirixiu A traxedia optimista, do autor ruso Vsevolod Vichnievsky e tamén realizou, a dirección e participación como actriz na versión de Numancia, da que se encargou o propio Alberti. Igualmente dirixiu e participou nunha obra de Alberti: Cantata de los héroes y la fraternidad de los pueblos. Outras das súas achegas ao mundo do teatro é a fundación de El Cine, Teatro, Club de la Alianza de Intelectuales Antifascistas".
Co final da guerra e a derrota republicana tivo que exiliarse, nun primeiro momento a Orán, a Francia, logo a Arxentina e mesmo a Italia.[14] Viviron en París até finais de 1940, realizando traducións para a radio francesa Paris-Mondial e traballando como locutores para as emisións de América Latina.
Na Arxentina residiron durante vinte e tres anos, nacendo alí a súa filla Aitana. Segundo algúns autores como Estébanez foi alí onde adquiriu a madurez da súa prosa, como cumio da evolución iniciada cos primeiros contos de corte tradicional nos anos vinte, pasando por unha etapa vangardista tras coñecer a Alberti, e cun realismo socialista a partir da República.
Os seus pais chegaron a Buenos Aires o 2 de marzo de 1940, a bordo do Mendoza que partira de Marsella, e xunto a ela partiron a Roma vinte e tres anos despois, o 28 de maio de 1963, onde estableceron a súa residencia. Na cidade italiana escribiu a súa obra Memoria de la melancolía. Durante a etapa na Arxentina o matrimonio retomou as súas viaxes por Europa e realizaron a súa primeira viaxe a China, tras o cal escribiron en 1958 Sonríe China.[6][15]
Rafael Alberti e María Teresa León volveron a España o 27 de abril de 1977.[16] Afectada do mal de Alzheimer, foi ingresada nun sanatorio das proximidades de Madrid, no que morreu o 13 de decembro de 1988.[17]
En 2003, no centenario do seu nacemento, institucións de Burgos organizaron no Círculo de Belas Artes, de Madrid a exposición María Teresa León. Memoria de un compromiso. Nela figuraron textos inéditos sobre Federico García Lorca, Lope de Vega ou Ramón Menéndez Pidal.
Obra
[editar | editar a fonte]- Teatro
- Huelga en el puerto (1933)
- Misericordia
- La tragedia optimista (1937)
- La libertad en el tejado / Sueño y verdad de Francisco de Goya (2003)
- La historia de mi corazón (2008; edición facsímile do orixinal mecanografado a cargo de Gabriele Morelli)
- Novela
- Contra viento y marea (1941)
- El gran amor de Gustavo Adolfo Bécquer (una vida pobre y apasionada) (1946)
- Don Rodrigo Díaz de Vivar, el Cid Campeador (1954)
- Juego limpio (1959)
- Doña Jimena Díaz de Vivar, gran señora de todos los deberes (1960)
- Menesteos, marinero de abril (1965)
- Cervantes. El soldado que nos enseño a hablar (1978)
- Contos
- Cuentos para soñar (1928)
- La bella del mal de amor (1930)
- Rosa-Fría, patinadora de la luna (1934)
- Cuentos de la España actual (1935)
- Una estrella roja (1937)
- Morirás lejos (1942)
- Las peregrinaciones de Teresa (1950)
- Fábulas del tiempo amargo (1962)
- Ensaio
- Crónica General de la Guerra Civil (1939)
- La historia tiene la palabra (noticia sobre el salvamiento del Tesoro Artístico de España) (1944)
- Guións cinematográficos
- Los ojos más bellos del mundo (1943)
- La dama duende (1945)
- El gran amor de Bécquer (1946)
- Outros
- Nuestro hogar de cada día (1958)
- Sonríe China (1958; con ilustracións de Rafael Alberti, tamén coautor do texto)
- Memoria de la melancolía (1970)
- Cervantes, el soldado que nos enseñó a hablar (1978)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dos escritoras de la Generación del 27". El País.
- ↑ "León Goyri, María Teresa". Escritores.org.
- ↑ "La crónica de una epopeya". El País.
- ↑ Flecha García, C.: Las primeras universitarias en España 1872-1910.
- ↑ Biografía de María Teresa León, na web Escritores.org (en castelán).
- ↑ 6,0 6,1 Biografía de María Teresa León Arquivado 30 de novembro de 2017 en Wayback Machine., na web Valvanera (en castelán).
- ↑ Castillo-Martín, M. (2001): "Contracorriente: Memorias de escritoras de los años veinte" Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., en Espéculo. Revista de estudios literarios. Universidad Complutense de Madrid.
- ↑ "El teatro de María Teresa León". El País.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2017. Consultado o 08 de decembro de 2017.
- ↑ Alcaraz, Felipe (28 de novembro de 2013). "María Teresa León". Andaluces.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2013. Consultado o 08 de decembro de 2017.
- ↑ Arte protegido, p. 29.
- ↑ Arte protegido, pp. 36-37, 162 y 174.
- ↑ Arte protegido, pp. 40 y 168-169.
- ↑ Cristóbal G. Montilla (6 de novembro de 2013). ""Mi madre seguirá en el exilio hasta que España publique toda su obra"" (en español). El Mundo. Consultado o 19 de diciembre de 2013.
- ↑ "Lanacion Alberti y León, los inmigrantes". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2020. Consultado o 08 de decembro de 2017.
- ↑ "13 miradas exploran la vida y la obra de María Teresa León". El País.
- ↑ "Escritos inéditos de María Teresa León en la muestra del centenario". El País.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blanco, Alda (1991). "Las voces perdidas: silencio y recuerdo en Memoria de la melancolía de María Teresa León". Anthropos (125): 45–49.
- Arte protegido: memoria de la Junta del Tesoro Artístico durante la Guerra Civil, [exposición], catálogo coord. Isabel Argerich Fernández e Judith Ara Lázaro, 2009, ISBN 978-84-8181-387-6
- Torres Nebrera, Gregorio (1996). Los espacios de la memoria. La obra literaria de María Teresa León. Madrid: Ediciones de la Torre.
- León, María Teresa (1999). G. Torres Nebrera, ed. Memoria de la melancolía. Madrid: Castalia.
- León, María Teresa (2000). Juego limpio. Madrid: Visor.
- León, María Teresa (2003). G. Torres Nebrera, ed. Fábulas del tiempo amargo y otros relatos. Madrid: Cátedra.
- Prado, Benjamín (2001). Los nombres de Antígona. Madrid: Aguilar.
- León, María Teresa (2010). La historia tiene la palabra. Madrid: Endymion.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web Las sinsombrero Arquivado 23 de xuño de 2019 en Wayback Machine.