Revolución de Asturias de 1934

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revolución de Asturias de 1934
Parte de Revolución de 1934

Data 5 - 19 de outubro de 1934
Lugar Asturias, España
Resultado Fracaso da insurrección obreira.
Belixerantes
República Española Alianza Obreira
Líderes
Francisco Franco
Manuel Goded
Eduardo López Ochoa
Pedro de la Cerda
Carlos Bosch
Juan Yagüe
Lisardo Doval
Belarmino Tomás
F. Martínez Dutor
Ramón González Peña
Teodomiro Menéndez
Baixas
1.500 - 2.000

15.000 - 30.000

mortos

detidos

A Revolución de Asturias foi unha insurrección obreira ocorrida en Asturias no mes de outubro de 1934 que formaba parte da folga xeral revolucionaria e o movemento armado organizado polos socialistas en toda España coñecido co nome de Revolución de Outubro de 1934 e que só arraigou en Asturias,[1] debido fundamentalmente a que alí a anarquista CNT si que se integrou na Alianza Obreira proposta polos socialistas da UXT e o PSOE, a diferenza do sucedido no resto de España. Por iso é polo que a forma de organización social e política da Comuna Asturiana —nome co que tamén se coñece a Revolución de Asturias, polas súas similitudes coa Comuna de París de 1871—[2] fose a instauración dun réxime socialista nas localidades onde predominaban os socialistas[3] (ou os comunistas), como Mieres, onde se proclamou a República Socialista, ou como Sama de Langreo; ou o comunista libertario onde predominaran os anarcosindicalistas da CNT, como en Xixón e sobre todo en La Felguera.[4]

Foi duramente reprimida polo goberno radical-cedista de Alejandro Lerroux, contra o que se lanzou a insurrección por dar entrada no goberno a tres ministros do partido non republicano CEDA, recorrendo, por decisión do xeneral Franco que dirixiu as operacións militares desde Madrid, ás tropas coloniais marroquís —os regulares do Exército de África— e á Lexión procedentes do Marrocos español.[5] A pesar de ser derrotada, a Revolución de Asturias converteuse en case un mito para a esquerda obreira española e europea, á altura da Comuna de París ou o Soviet de Petrogrado de 1917,[6] xa que foi a «última revolución social, aínda que fracasada, do occidente europeo».[7]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Clima político[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución de outubro de 1934.

Entre decembro de 1933 e outubro de 1934, a incipiente inestabilidade política entre os Radicais de Lerroux e a actividade da CEDA viñan axitando os temores da esquerda e dos sectores obreiros.[8] Gil-Robles, líder cedista, era visto como o "Dollfuß español"[nota 1] e os temores sobre un golpe fascista acrecentáronse tras unha concentración que a CEDA celebrou en Covadonga o 9 de setembro de 1934.[9] A estes feitos uniuse a confiscación do vapor "Turquesa", que levaba un alixo de armas por encargo do socialista Indalecio Prieto.[9] Tras aquel axitado verán, as Cortes Xerais reuníronse o 1 de outubro e ese mesmo día a CEDA retirou o seu apoio ao goberno presidido por Ricardo Samper exixindo a entrada neste, cousa que conseguiu tres días despois, cando o 4 de outubro se anunciou a formación do Goberno Radical-cedista presidido por Alejandro Lerroux. Era o sinal esperado polas Alianzas Obreiras. "O día 5 de outubro, a UXT declarou a folga xeral e Lerroux reaccionou proclamando o estado de guerra".[10]

Así pois, o día 5 comezou o movemento folguista e insurreccional decretado polo Comité Revolucionario socialista presidido por Francisco Largo Caballero, aínda que na maior parte do país fracasou. En Madrid destacou a inactividade, do mesmo xeito que ocorreu en Estremadura, Andalucía e Aragón.[10][nota 2] No País Vasco houbo algunha outra actividade destacada que foi rapidamente sufocada, como tamén ocorreu en Barcelona e Cataluña. Así pois, só quedaba Asturias, onde a alianza obreira triunfou.[11]

A Alianza Obreira en Asturias[editar | editar a fonte]

A Alianza Obreira, unha idea xurdida en Cataluña por iniciativa do pequeno partido comunista antiestalinista Bloc Obrer i Camperol (Bloque Obreiro e Campesiño), foi estendida ao resto de España polos socialistas (UXT-PSOE-XXSS) cando o sector encabezado por Francisco Largo Caballero se fai coa dirección de UXT en xaneiro de 1934 (o PSOE e as XXSS xa estaban baixo o seu control) e impulsa a idea da Alianza Obreira, ao considerala un bo instrumento para sumar apoios á súa nova estratexia insurreccional para alcanzar o socialismo (abandonando a "vía parlamentaria"). A formación dunha "alianza por arriba" tamén foi ofrecida á CNT mais negouse a integrarse nela, como xa sucedera en Cataluña, porque a dirección confederal afirmou que a CNT por si soa "se bastaba para esnaquizar o fascismo".[12]

Con todo non todos os cenetistas estaban de acordo co rexeitamento á Alianza Obreira, como o cenetista valisoletano Valeriano Orobón Fernández que nun artigo publicado no diario confederal La Tierra fixo un chamamento á unidade entre socialistas e cenetistas (e comunistas) para alcanzar a "democracia obreira revolucionaria". Este cambio de actitude de certos sectores cenetistas só se concretou en Asturias, onde o 31 de marzo de 1934 a Federación Rexional da CNT asinou en Xixón o pacto con UXT-PSOE, que era a forza obreira hexemónica en Asturias, manténdoo a pesar da ameaza de expulsión que lle lanzou a dirección confederal.[13]

O acordo asinado na trastenda dunha taberna xixonesa o 31 de marzo de 1934 por dous dirixentes socialistas e dous cenetistas, que non se considerou oportuno facelo público entón, constaba de dez puntos e un preámbulo no que se recoñecía a necesidade de "a acción mancomunada de todos os sectores obreiros co exclusivo obxecto de promover e levar a efecto a revolución social" en España.[13] As discrepancias xurdiron cando se tentou definir o réxime que ía substituír o capitalismo, pois os socialistas defendían a formación dun Estado socialista (unha "República Socialista") e os cenetistas non estaban dispostos a renunciar a un dos seus principios fundamentais (a negativa a construír calquera tipo de Estado) e propuxeron a fórmula “Réxime de igualdade económica, política e social fundado sobre principios federalistas”. A solución que se atopou finalmente foi cancelar o pacto inicial no momento que triunfase a revolución social, dando liberdade a cada organización para que defendese os seus proxectos sociais e políticos respectivos. Isto quedou plasmado nos puntos 1 e 8 do acordo:[14]

1) As organizacións asinantes traballarán de común acordo até conseguir o triunfo da revolución social en España e chegar á conquista do poder político e económico para a clase traballadora, cuxa concreción inmediata será a República Socialista Federal.
8) O compromiso contraído polas organizacións que subscriben terminará no momento no cal a República Socialista Federal quede constituída cos seus órganos propios, elixidos voluntariamente pola clase traballadora e polo procedemento que preceptuase a obra revolucionaria dimanante do presente pacto.

Só dúas semanas antes de iniciarse a insurrección en Asturias incorporouse á Alianza Obreira o entón pequeno Partido Comunista de España, que até esa data a considerara un órgano da "contrarrevolución" (e aos seus integrantes comparáraos cos "cans" que se disputan os ósos cos dentes").[15] Nos meses anteriores incorporáronse ao pacto dous reducidos grupos comunistas disidentes: o Bloque Obreiro e Campesiño e Esquerda Comunista. Cando se produciu a insurrección asturiana, os revolucionarios tomaron como consigna a sigla UHP, que foi interpretada de diversas formas: Ramón Tamames afirmou no seu libro publicado en 1974: "a CNT e a UXT participaron unidas baixo a sigla UHP (Unión Hermanos Proletarios; en galego Unión Irmáns Proletarios)".[16] Uns anos despois Hugh Thomas, con todo, traduciuna" como "Uníos, Hermanos Proletarios" (Unídevos, Irmáns Proletarios).[17]

A preparación da insurrección[editar | editar a fonte]

Segundo o historiador Paco Ignacio Taibo II a explicación do porqué de que a Revolución de 1934 triunfase durante dúas semanas en Asturias mentres foi arrasada sen maiores problemas no resto de España, hai que buscala, ademais de no feito de que Asturias foi o único lugar onde a Alianza Obreira logrou integrar a CNT, na minuciosa preparación da insurrección que fixeron as organizacións obreiras asturianas, e singularmente a forza obreira hexemónica, os socialistas (UXT-PSOE-XXSS), o que non sucedeu no resto de España.[18]

Os socialistas asturianos non eran máis esquerdistas que os do resto de España (a maioría dos dirixentes do PSOE e do Sindicato Mineiro Asturiano estaban aliñados co sector “moderado” encabezado por Indalecio Prieto; só as XXSS eran “caballeristas”). No primeiro que se diferenciaron foi en que non reprimiron as mobilizacións obreiras que se produciron ao longo de 1934, ao contrario da dirección nacional que repetía continuamente a consigna “Nada de organizar folgas” porque iso “debilitaría” a preparación da insurrección. Así de febreiro a outubro de 1934 houbo seis folgas xerais na rexión que afectaron fundamentalmente ás concas mineiras. Algunhas delas foron "políticas", como a que organizaron en solidariedade cos socialistas austríacos esmagados pola ditadura do social-cristián Dolfuss e a que fixeron para protestar contra a concentración que a CEDA celebrou en Covadonga o 9 de setembro e que presidiu o seu líder José María Gil Robles, quen para boa parte da esquerda obreira era o “Dolfuss español”.[19]

Un elemento clave na preparación da insurrección eran as armas e parte delas os obreiros conseguíronas roubándoas pacientemente unha a unha das fábricas de armas de Oviedo e de Trubia. Outras compráronnas a contrabandistas ou trouxéronas desde Éibar a través dunha rede creada polas Xuventudes Socialistas e o sindicato do Transporte da UXT de Oviedo. A dinamita obtivérona das minas. Todas as armas (1300 fusís e catro metralladoras) e explosivos (milleiros de cartuchos de dinamita) escondéronse en catorce depósitos clandestinos (dez dos socialistas, dous da CNT e dous dos comunistas) que a Garda Civil non logrou descubrir (varios milleiros de pistolas estaban gardadas nas casas dos obreiros comprometidos na sublevación).[20] En canto ao famoso alixo de armas do “Turquesa” en Muros de Nalón, ao que a prensa de dereitas atribuíu unha importancia excepcional para explicar o éxito relativo da Comuna asturiana, ademais de que non tiña como destino final o movemento socialista asturiano (este interveu na operación para colaborar con Prieto), non achegou máis que algunha munición aos revolucionarios asturianos xa que as armas que transportaba ou foron capturadas pola Garda Civil ou non chegaron a desembarcarse.[21]

Outro elemento crucial na insurrección foi a organización das forzas paramilitares que encabezasen o movemento. Así membros das Xuventudes Socialistas e das Xuventudes Libertarias foron adestrados por exsarxentos coa cobertura de grupos de excursionismo, clubs culturais, merendas campestres ou mesmo romarías, polo que en outubro de 1934 os socialistas contaban cuns 2500 combatentes, os cenetistas con preto dun milleiro e os comunistas cuns centos, o que supón que os revolucionarios asturianos contaban cunha forza organizada de máis de 3000 homes cando iniciaron a insurrección.[22]

Finalmente os revolucionarios asturianos puideron contar co diario socialista Avance, que grazas ao xiro que lle deu o seu novo director Javier Bueno, converteuse no órgano de prensa da revolución que se estaba preparando. Por iso foi obxecto de numerosas represalias por parte das autoridades (foi suspendido 62 días e o seu director foi encarcerado tres veces), mais iso non o amedrentou, e a súa tiraxe aumentou (chegou a imprimir 50.000 exemplares nun número extraordinario o 1 de maio e mantivo unha media de 25.000 exemplares), conquistando gran número de lectores fóra do ámbito socialista, entre cenetistas e comunistas. Mesmo se produciu unha folga nas minas cando o goberno tentou impedir a circulación do diario.[23]

En conclusión, segundo o historiador Paco Ignacio Taibo II:[24]

En Asturias logrouse unificar o ritmo de desenvolvemento dun movemento insureccional clandestino, extraordinariamente preparado, cunha estrutura unitaria que concentrou esforzos e impediu o desgaste en loitas internas, xunto co desenvolvemento dun movemento social que foi en aumento ao longo do ano e que chegou ao momento insurreccional en plenitude das súas forzas.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Estalido da Revolución[editar | editar a fonte]

Como no resto de España, en terras asturianas a folga xeral revolucionaria iniciouse na madrugada do 5 de outubro[25] e os mineiros pasaron rapidamente á acción, facéndose co control de toda a conca mineira.[16] Os centros de operacións situáronse en Mieres (conca do Caudal), e en Sama de Langreo (conca do Nalón), e desde ambas as localidades coordináronse as accións dos mineiros que levaron á rendición de 23 cuarteis da Garda Civil nas primeiras horas —o resto serían ocupados tras a fuxida dos seus defensores no día seguinte—. A este éxito sen precedentes "na historia do antagonismo obreiro e campesiño contra a Garda Civil, desde a fundación do instituto armado a mediados do século XIX", sumouse o triunfo das milicias obreiras nas inmediacións de Oviedo, en La Manzaneda, sobre un batallón de infantaría e unha sección de Gardas de Asalto enviados desde a capital do Principado tras declararse o estado de guerra. Manuel Grossi, membro do comité revolucionario asturiano, anotou eufórico no seu diario:[25]

Os soldados vermellos aplicaron [en La Manzaneda] os métodos estratéxicos da insurrección, souberon despregarse en guerrilla por todas as frontes con toda a ciencia moderna. A disciplina observada foi de todo punto admirábel

En cambio na capital Oviedo o movemento insurreccional non triunfou na madrugada do 5 de outubro porque un erro técnico impediu que se producise un apagamento na cidade, que era o sinal convido para a mobilización e para que entrase na cidade unha columna mineira do Caudal encabezada polo secretario xeral do sindicato mineiro, o socialista Ramón González Peña, que pronto se convertería no "generalísimo" da revolución. Así o exército e a Garda Civil tiveron tempo de prepararse para defenderse concentrándose nos cuarteis e os puntos estratéxicos da cidade.[26] Isto non impediu que as columnas dos mineiros penetrasen na cidade ocupando o concello o día 6, o cuartel de carabineros e a estación de ferrocarril o día 7, o cuartel da Garda Civil o día 8 e a fábrica de armas na madrugada do día 9.[27] Con todo, os mineiros non puideron tomar os cuarteis de Pelayo e Santa Clara que quedaron cercados.[28] A gornición da cidade, composta por uns 1.000 efectivos, pouco puido facer fronte a este cerco e limitouse a resistir os ataques dos obreiros, á espera de que chegase unha columna de socorro.[16] Fóra da capital tamén se produciron importantes accións nas cidades da conca mineira, especialmente en Mieres e Sama de Langreo.[28] Noutras partes da provincia foron atacados os postos da Garda Civil, e tamén algunhas Igrexas e concellos etc.[29]

En Xixón o movemento insurreccional viuse condicionado pola falta de armas e de municións. Houbo algúns "paqueos" (disparos desde azoteas ou xanelas) ata que o Comité Revolucionario optou por distribuír as poucas armas e municións de que dispuña entre catro grupos dunha quincena de homes cada un, que se parapetaron tras as barricadas levantadas nos tres barrios obreiros da cidade. Cando o día 7 de outubro chegou ao porto o cruceiro Libertad desembarcando un primeiro batallón de soldados das forzas militares enviadas polo goberno para sufocar a rebelión, os grupos armados xixoneses -co apoio dun grupo chegado desde Sama de Langreo e dun camión blindado enviado desde La Felguera- fustrigaron as forzas gobernamentais que tentaban abrirse paso cara a Oviedo.[30]

Fóra das concas mineiras e das dúas grandes capitais asturianas, houbo insurreccións no concello da Pola de Siero, onde os comités revolucionarios de maioría socialista atacaron e renderon os cuarteis da Garda Civil, e a continuación distribuíronse armas e organizouse a defensa; en Trubia, os obreiros da fábrica de armas actuaron con rapidez e contundencia rendendo a Garda Civil e a gornición militar que custodiaba a factoría; en Grau, o comité de maioría comunista fíxose co control da poboación e izou a bandeira vermella no Concello; en Avilés, a revolta iniciouse cun día de atraso pola falta de efectivos e de armas, e a acción máis notábel que conseguiron os insurrectos antes da chegada á cidade da columna do xeneral López Ochoa foi afundir o buque Agadir na bocana do porto para impedir a arribada de unidades da frota. En Luarca, a localidade máis poboada do oeste de Asturias, non houbo insurrección porque a Garda Civil detivo o comité revolucionario antes de iniciarse o movemento.[31]

Aos tres días de iniciada a insurrección boa parte de Asturias xa se atopaba nas mans dos mineiros, incluídas as fábricas de armas de Trubia e La Vega que se puxeron a traballar día e noite.[32] En toda a provincia organizouse un Exército Vermello, que ao cabo de dez días chegou a alcanzar uns 30.000 efectivos, na súa maioría obreiros e mineiros.[32] Ademais dos principais líderes sindicais e obreiros, destacou Francisco Martínez Dutor. Martínez Dutor, antigo sarxento que participara na Guerra de África e membro da UXT, converteuse no asesor militar da dirección revolucionaria,[33] aínda que a súa participación non é tan lembrada como a doutros líderes.[34]

Resposta gobernamental[editar | editar a fonte]

Unha das imaxes icónicas da Revolución mineira, que curiosamente non foi tomada en Asturias: unha columna de Gardas Civís con mineiros capturados en Brañosera (Palencia), o 8 de outubro de 1934.

Desde o goberno consideran que a revolta asturiana é unha guerra civil verdadeira, aínda descoñecendo que os mineiros empezan a considerar en Mieres a posibilidade dunha marcha sobre Madrid.[35] O goberno adopta unha serie de medidas enérxicas. Ante a petición de Gil-Robles comunicando a Lerroux que non se fía do xefe de Estado Maior, xeneral Masquelet, os xenerais Goded e Franco (que tiñan experiencia ao participar na represión da folga xeral de 1917 en Asturias) son chamados para que dirixan a represión da rebelión desde o Estado Maior en Madrid. Estes recomendan que se traian tropas da Lexión e de Regulares desde Marrocos. Tamén foron enviados o cruceiro Almirante Cervera[36] e o acoirazado Jaime I., que participaron no bombardeo dalgúns núcleos costeiros.[37]

O goberno acepta a proposta dos xenerais Franco e Goded e o radical Diego Hidalgo, ministro da Guerra, xustifica formalmente o emprego destas forzas profesionais, pois eran as únicas forzas militares españolas que entraran en combate en África, e ademais, ao goberno tamén lle preocupaban que as mortes fosen de mozos peninsulares, que poderían divulgar máis tarde os feitos, creando problemas ao goberno, polo que a solución adoptada parécelle moi aceptábel. Tamén se debeu ao factor medo do uso dos regulares, formados por soldados marroquís, que gozaron de grande autonomía dos seus mandos para poder asasinar, violar e saquear a poboación sometida.[38]

O despregamento das tropas para sufocar a sublevación fíxose por catro frontes. A primeira en abrirse foi a fronte sur co avance, o mesmo día 5 de outubro á tarde, de varias unidades militares a través do porto de Payares procedentes de León e comandadas primeiro polo xeneral Bosch e finalmente polo xeneral Balmes. Para deter o seu avance os insurrectos despregaron unha forza composta por uns 3.000 mineiros e metalúrxicos organizados e armados desde Mieres, que teoricamente tiñan que terse dirixido a Oviedo, xa que os asturianos esperaban que a insurrección triunfase na zona mineira de León, impedindo así o paso das tropas gobernamentais desde a Meseta cara a Asturias. Estes milicianos, ben organizados e coñecedores da orografía da zona, logran cercar as tropas de Bosch en Vega del Rey, quedando inmobilizadas até o 10 de outubro. Só ao día seguinte e tras duros combates, nos que os insurrectos utilizaron pezas de artillaría grazas á colaboración dun tenente da Garda Civil feito prisioneiro, as tropas gobernamentais lograron abrirse paso cara á conca do Caudal e cara á súa capital, Mieres.[39]

A segunda fronte foi a norte aberta co desembarco en Xixón a partir do 7 de outubro de lexionarios e regulares do Exército de África ao mando do tenente coronel Yagüe, cuxa chegada provocou a fuxida da cidade á busca de refuxio dun importante sector da poboación. Tras vencer a resistencia que atoparon —aínda que a folga xeral en Xixón aínda se prolongaría até o 16 de outubro— iniciaron o seu avance en dirección a Oviedo o 10 de outubro. A terceira fronte foi a oeste aberta polo avance da columna comandada polo xeneral López Ochoa procedente de Galicia que ocupou a fábrica de armas de Trubia.[39] Algo máis tarde abriuse unha cuarta fronte polo leste co avance a través de Santander dunha columna procedente de Bilbao ao mando do tenente coronel Solchaga que foi detida polos vehículos blindados de La Felguera no Berrón, non moi lonxe de Oviedo.[40]

«Rebeldes de Asturias, rendédevos. É a única maneira de salvar as vosas vidas: a rendición sen condicións, a entrega das armas antes de vinte e catro horas. España enteira, con todas as súas forzas, vai contra vós, disposta a esmagarvos sen piedade, como xusto castigo á vosa criminal tolemia. A Generalitat de Cataluña rendeuse ás tropas españolas na madrugada do domingo. Companys e os seus homes esperan no cárcere o fallo da Xustiza. Non queda unha folga en toda España. Estades sos e ides ser as vítimas da revolución vencida e fracasada. O dano que vos fixeron os bombardeos e as armas das tropas non son máis nada que un triste aviso do que recibiredes implacabelmente se antes de porse o sol non depuxestes a rebeldía e entregado as armas. Despois iremos contra vós até destruírvos sen tregua nin perdón. Rendédeos ao goberno de España! Viva a República!»
(Follas anónimas lanzadas sobre Mieres.).

Cando se coñeceu en Oviedo o avance das tropas gobernamentais polas catro frontes, unido ás noticias que chegaban sobre o fracaso do movemento revolucionario no resto de España, rendeu o desánimo e na noite do 11 de outubro o Comité Revolucionario Provincial ordenou a retirada da capital e disolveuse, cando aínda continuaba a batalla no centro urbano e as tropas de López Ochoa entraban na cidade. Con todo, a desbandada non se xeneralizou e en poucas horas formouse un novo Comité Revolucionario Provincial, composto maioritariamente por mozos socialistas e comunistas, disposto a continuar a loita, cando ás tropas de López Ochoa xa se uniron os lexionarios e regulares de Yagüe, que comezaron alí os primeiros actos de violencia e pillaxe. Os combates continuaron durante os dous días seguintes, nos que as milicias obreiras atacaron o inimigo desde posicións elevadas (Naranco, San Esteban de las Cruces) e desde barrios obreiros, mentres que os panfletos lanzados desde avións instábanos á rendición nos que se dicía que a resistencia era inútil porque o movemento revolucionario fracasara xa en toda España, o que os resistentes se negaban a crer, aínda dispostos a "dar o último empuxón ao capitalismo moribundo", como se dicía nun manifesto redactado por comunistas. Finalmente, o día 13 de outubro Oviedo foi totalmente ocupada polas tropas gobernamentais.[41]

Tras a caída de Oviedo os obreiros retiráronse ás concas mineiras, onde se formou o terceiro e último Comité Revolucionario Provincial baixo a presidencia do socialista Belarmino Tomás, con sede en Sama de Langreo, a capital da conca do Nalón. O día 15 as tropas do xeneral Balmes na fronte sur lograban vencer a última resistencia que lles impedía o paso cara a Mieres, na conca do Caudal. Entón o Comité Revolucionario Provincial decidiu negociar a rendición e enviou o tenente da Garda Civil Torrens, que fora feito prisioneiro polos insurrectos, para que se entrevistase co xeneral López Ochoa, comandante en xefe dos 18.000 homes que despregara o goberno para esmagar a sublevación. Nunha segunda reunión, desta vez entre o xeneral López Ochoa e o propio Belarmino Tomás fixáronse os termos da rendición dos insurrectos.[40]

A entrevista tivo lugar en Mieres, precisamente a localidade da que partiran os insurxentes o 5 de outubro, e nela o xeneral López Ochoa aceptou os termos propostos por Belarmino Tomás: que os marroquís dos regulares e os lexionarios non fosen en vangarda das tropas que ocupasen as concas mineiras,[42] porque entón xa se coñecían "os masacres dos africanos sobre insurrectos e poboación civil dos barrios obreiros de Oviedo".[40] A cambio o dirixente mineiro garantiu ao xeneral López Ochoa a entrega das armas e prisioneiros, aínda que non a dos membros do Comité Revolucionario.[40]

O acordo alcanzado entre o xeneral López Ochoa e o líder dos mineiros Belarmino Tomás, puxo furioso ao tenente coronel Yagüe, e ao xeneral Francisco Franco que dirixía as operacións desde Madrid, e tamén ao líder da CEDA, José María Gil Robles, partidarios os tres de que a represión fose brutal. [43]

En chamamento que fixo aos obreiros e mineiros para pór fin á loita, Belarmino Tomás dixo:

Camaradas! Soldados vermellos! Diante de vós, convencidos de que fomos fieis á confianza que depositastes en nós, vimos falarvos da triste situación á que se ve reducido o noso glorioso movemento de insurrección. Temos que confesar as nosas conversas de paz co xeneral do Exército inimigo. Mais fomos derrotados só por un tempo. Todo o que podemos dicir é que no resto das provincias de España, os traballadores non souberon cumprir co seu deber e non nos axudaron. Por mor diso, o goberno puido dominar a insurrección de Asturias. Ademais, aínda que temos fusís, metralladoras, e canóns, carecemos de munición. Todo canto podemos facer é concertar a paz. Mais isto non significa que abandonemos a loita de clases. A nosa rendición de hoxe non será máis que un alto no camiño, que nos servirá para corrixir os nosos erros e para prepararnos para a próxima batalla, que haberá de terminar na vitoria final dos explotados.[38][44]

Os termos do acordo, non sen resistencias minoritarias, foron aceptados polas asembleas dos mineiros, aínda que algúns optaron por ocultar as armas e non entregalas e outros por fuxir a través das montañas.[40] O 18 de outubro, dúas semanas despois de comezar a insurrección, rendíase o último reduto[16] e as tropas gobernamentais ocupaban as concas mineiras. "Uns días despois a represión incontrolada daba paso á represión oficial. Mais unha e outra experiencia xa non revestían novidade para a clase obreira asturiana; represión sanguenta e fuxida ao monte sufríraas en 1906 por mor da huelgona de Mieres e, despois, en agosto de 1917. Outubro de 1934 convertéraa en parte integrante das súas tradicións...".[45]

A Comuna Asturiana: a actuación do poder revolucionario[editar | editar a fonte]

A experiencia asturiana dunha revolución unitaria da clase obreira organizada "desde abaixo" só tiña o afastado precedente da Comuna de París de 1871 polo que a "Revolución de Asturias" tamén foi coñecida como a "Comuna Obreira" de Asturias ou simplemente como a "Comuna Asturiana". Durante as dúas semanas que durou os insurrectos puxeron en práctica, aínda que con diferenzas segundo as zonas, o obxectivo da Alianza Obreira: "traballar de común acordo até conseguir a revolución social en España".[46]

Os comités revolucionarios formáronse espontaneamente en cada localidade nos primeiros días de outubro en canto se coñeceu a intención da CEDA de entrar no goberno. Estes comités formados "desde abaixo" eran o resultado da acción sindical e política unitaria levada a cabo nos meses anteriores, incluído a provisión de armas, que se plasmou nas folgas xerais que se convocaron, especialmente as "políticas", como a que se celebrou en solidariedade cos obreiros de Viena ou como a do 8 de setembro, en protesta pola concentración da CEDA en Covadonga. Para coordinalos creouse o Comité Revolucionario Provincial, organismo con sede en Oviedo integrado polas organizacións da Alianza Obreira e presidido polo socialista Ramón González Peña. Este comité será o que tome a decisión de requisar os nove millóns de pesetas depositados na sucursal ovetense do Banco de España (algo que non fixeron os communards parisienses de 1871 o que constituíu, segundo algúns analistas, unha das razóns do seu fracaso) e que levantará unha gran polémica cando o 11 de outubro ante a inminencia da entrada das tropas de socorro na capital os membros do comité foxen precipitadamente levando o diñeiro —un informe comunista mostrará a súa indignación cara aos que os abandonaron "forrándose de millóns—, aínda que o diñeiro foi utilizado para axudar os evadidos e exiliados, para abrir de novo o diario Avance tras o incendio e destrución das súas instalacións, e tamén foi repartido entre centenares de obreiros sen distinguir a que organización pertencían. Unha última parte será utilizada para financiar a campaña da coalición da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 e para sufragar os gastos do Goberno republicano na guerra civil.

[47]

A embrionaria estrutura político-administrativa creada polo Comité Revolucionario Provincial —un cronista da época cualificouna exaxeradamente de "Estado socialista"— deu prioridade á organización militar e ao aprovisionamento dos combatentes mais tamén se ocupou do abastecemento da retagarda seguindo os principios revolucionarios que buscaban construír unha sociedade sen clases —segundo os modelos correspondentes se se trataba de socialistas, de anarquistas ou de comunistas, que os aplicaron naquelas localidades onde tiñan maior influencia—. Os servizos sanitarios contaron coa colaboración semiforzada de médicos e de auxiliares civís e relixiosos, e ademais dos centros sanitarios existentes instaláronse outros provisionais preto das frontes —en Oviedo funcionaron dous quirófanos que efectuaban entre corenta e cincuenta intervencións diarias—. Para o transporte, ademais do control que tiñan de toda a rede ferroviaria, incautaron medio centenar de automóbiles e camións, unha ducia dos cales foron blindados na fábrica metalúrxica de La Felguera. En canto ás municións nunha factoría de Mieres producíronse bombas e en Oviedo cartuchos de fusil. Doutra banda non se descoidaron as minas e, como recoñeceu despois un observador oposto ao movemento, "os equipos de conservación foron mantidos e funcionaron perfectamente... o que demostra que contaron cunha organización formidábel".[48]

As variantes locais[editar | editar a fonte]

En Mieres, foco inicial e principal bastión da insurrección —"base da revolución", "eixo do movemento insurreccional", "primeira fortaleza obreira", dixeron os cronistas da época—, proclamouse a República Socialista na mañá do 5 de outubro tras render durante a madrugada todos os cuarteis da Garda Civil e ocupar o Concello defendido por gardas de asalto. Na cidade, que contaba entón cuns 40 000 habitantes —entre eles case oito mil mineiros e máis de mil metalúrxicos—, predominaban os socialistas e os comunistas, o que se viu reflectido na composición do seu comité revolucionario e na forma como se organizou alí a revolución. Así cada familia da localidade foi provista dun caderno de consumo e a cada persoa asignóuselle unha peseta para a adquisición de comestíbeis, mentres que os vales" asinados polo Comité se reservaban para os fins exclusivamente militares. Ademais organizouse un servizo de seguridade de "gardas vermellos" que conseguiron, como sinalou despois un xornal conservador, que Mieres fose o lugar "onde máis tranquilidade reinou durante os quince días e onde máis humanamente se tratou os presos".[49]

Instalacións da Fábrica de La Felguera (Asturias) na década de 1920.

En La Felguera, onde predominaba a CNT, proclamouse o comunismo libertario como "sistema de convivencia" tras a rendición da Garda Civil, a ocupación do Concello, dos colexios relixiosos e da factoría metalúrxica. Así os abastecementos foron organizados mediante vales, "quedando abolido o diñeiro ao quedar o mesmo a propiedade privada" (aínda que o diñeiro se reservou, nun sinal de puritanismo, para a carne -o luxo-, o viño e o tabaco —o vicio—).[50] Con todo, despois da primeira semana tivo que estabelecerse un sistema de racionamento estrito ante a escaseza dos produtos alimenticios produto dos acaparamentos que o Comité achacou "aos poucos escrúpulos dalgunhas xentes". Pola súa banda os obreiros metalúrxicos da fábrica de Duro-Felguera contribuíron á insurrección coa blindaxe de camións que serían utilizados polas milicias rebeldes.[51]

En Xixón, onde tamén predominaba a CNT, a revolución libertaria foi moito máis limitada debido á debilidade da insurrección pola falta de armas e a que a cidade foi rapidamente ocupada polas tropas coloniais desembarcadas no seu porto. Con todo na retagarda das barricadas dos barrios obreiros, como El Llano, organizouse un servizo de abastecemento da poboación, "destacando a fabricación de pan por medio dun centenar de traballadores do ramo en tres tafonas incautadas".[52] Mais o comité de El Llano tamén tivo que ocuparse de acabar cos saqueos de comercios por parte de elementos marxinais (lumpen) "chegando mesmo ao fusilamento dos que fosen collidos in fraganti"[53] Así describe estas experiencias de "comunismo libertario" o historiador Manuel Villar no seu libro El anarquismo en la insurrección de Asturias: la CNT y la FAI en octubre de 1934:

Na barriada de El Llano procedeuse a regularizar a vida de acordo cos postulados da CNT: socialización da riqueza, abolición da autoridade e o capitalismo. Foi unha breve experiencia chea de interese, xa que os revolucionarios non dominaron a cidade. [...] Seguiuse un procedemento parecido ao de La Felguera. Para a organización do consumo creouse un Comité de Abastos, con delegados por rúas, estabelecidos nas tendas de comestíbeis, que controlaban o número de veciños de cada rúa e procedían á distribución dos alimentos. Este control por rúa permitía estabelecer con facilidade a cantidade de pan e doutros produtos que se necesitaban. O Comité de Abastos levaba o control xeral das existencias dispoñíbeis, particularmente da fariña

En Sama de Langreo, a resistencia durante vinte e catro horas de sesenta gardas civís ao mando do capitán Nart, reforzados por dúas compañías de gardas de asalto enviadas desde Oviedo, deu lugar á batalla máis encarnizada da retagarda, con máis de setenta mortos. Isto acentuou a necesidade de dar prioridade ao triunfo militar polo que aquí, a pesar do predominio socialista, non houbo incautacións de empresas. Aos comerciantes e industriais ordenóuselles o mantemento do horario de apertura e peche habituais e comunicouse aos veciños que "a vida do comercio farase como de ordinario, con caderno, diñeiro, ou vales debidamente autorizados".[54]

En Trubia, de preponderancia comunista, tamén houbo "normalidade" porque os obreiros que rapidamente se fixeron co control da localidade e da fábrica de armas, continuaron traballando na factoría, salvo uns poucos artilleiros que foron enviados ás frontes e a "garda vermella" que custodiou os prisioneiros, ata que chegaron as tropas gobernamentais do xeneral López Ochoa.[54]

En Grau, a capital dunha comarca agrícola afastada de Oviedo e das concas mineiras, tamén triunfou a revolución e a bandeira vermella foi izada no balcón do Concello. Alí, de predominio comunista, non se aboliu o diñeiro nin a propiedade privada, mais si que se fixeron algunhas incautacións e se repartiron vales entre as familias pobres. Nun informe interno posterior do PCE díxose: "Foi en Grau un dos sitios onde máis acusados estaban no movemento os trazos do réxime soviético e onde mellor funcionaban os servizos de aprovisionamento".[54]

A violencia na retagarda[editar | editar a fonte]

O Comité Revolucionario Provincial no seu primeiro bando constituíu unha garda vermella con voluntarios de todas as organizacións obreiras para conseguir o "cesamento de todo acto de pillaxe, previndo que todo individuo que sexa collido nun acto desta natureza será pasado polas armas". Desta forma pretendíanse atallar os saqueos de comercios que se produciron tras o avance das columnas mineiras nos primeiros días en Oviedo —e tamén en Mieres e Xixón—, levados a cabo por elementos marxinais (cualificados como lumpen por algúns historiadores) que "xunto á masa rebelde, trataban de pescar en río revolto", como se dicía nun comunicado.[55] Así pois, os actos de pillaxe e violencia non eran achacábeis á organización revolucionaria, aínda que alá onde os revolucionarios atoparon resistencia a loita foi moi dura.[35]

A "garda vermella" conseguiu pór fin aos saqueos e manter a orde[35] mais non en todas as ocasións puido controlar os excesos da "xustiza revolucionaria" levada a cabo por individuos ou pequenos grupos que actuaron á marxe do Comité Revolucionario Provincial e da inmensa maioría dos comités revolucionarios comarcais e locais. Así, "xunto ao trato correcto recibido pola inmensa maioría dos encarcerados —gardas civís, técnicos de minas e fábricas, capataces, comerciantes e rendeiros, membros do clero—, a represión sanguenta tamén fixo acto de presenza".[56] Foron asasinados algúns detidos, como en Sama de Langreo en represalia pola resistencia ofrecida por gardas civís e gardas de asalto á insurrección obreira, aínda que en ocasións, como no barrio de El Llano de Xixón, a actuación da "garda vermella" logrou impedir as execucións, ou como en Grau, onde se respectaron escrupulosamente as persoas e os edificios relixiosos.[57] Chegou a haber casos de obreiros que salvaron a vida a membros da burguesía que viron as súas vidas ameazadas.[35]

Mais o que máis estremeceu a opinión pública española foi o asasinato indiscriminado de 34 membros do clero, un feito que non se producía en España desde había cen anos. Segundo o historiador José Álvarez Junco, estas mortes non obedeceron a un plan previo senón que foron máis o resultado da "exaltación momentánea e case accidental",[58] e, doutra banda, a inmensa maioría de sacerdotes e relixiosos detidos ou obrigados a realizar determinadas tarefas recibiron un trato correcto por parte dos comités revolucionarios.[56]

O historiador David Ruiz relaciona os asasinatos con "o progresivo distanciamento que se produciu entre a xerarquía eclesiástica e as organizacións obreiras" por mor da súa aposta en favor do "sindicalismo amarelo", en contra do sindicalismo católico independente das patronais defendido polo cóengo da catedral de Oviedo Maximiliano Arboleya, o que propiciou o crecemento do anticlericalismo no seo da clase obreira.[56] Pode ser ilustrativo desta tese o que sucedeu en Bembibre (provincia de León) onde un crucifixo foi salvado do incendio da igrexa e exhibido cun cartel que dicía: “Cristo vermello, a ti non te queimamos porque es dos nosos”.[59] Doutra banda, un cóengo da catedral ovetense sorprendeuse da animadversión popular que suscitaba o clero:[56]

Chegamos ao Campo de los Patos e alí había un xentío, sobre todo de mulleres e nenos, que armaron un barullo infernal. Non é doado dar unha idea do que alí nos dixeron: aquel xentío berraba e berraba contra nós, e máis que ninguén as mulleres

Foron asasinados párrocos, significados no pasado por supostamente ser contrarios aos "intereses obreiros", ou grupos de relixiosos, como os oito seminaristas de Oviedo, baixo o pretexto de colaborar co inimigo na batalla da capital.[60]

O feito máis brutal e de maior resonancia produciuse no val do Turón, o principal bastión comunista en Asturias onde foi proclamada a "República Obreira e Campesiña" baseada na ditadura do proletariado. Alí os ánimos estaban exacerbados pola dura resistencia ofrecida polo oito gardas civís do cuartel da zona que durante sete horas de asedio non se renderon, ata que os insurrectos voaron o cuartel con dinamita. Neste clima foron asasinados sete frades da Doutrina Cristiá —coñecidos despois como os mártires de Turón— e o enxeñeiro-director e dous empregados da súa confianza da empresa Hullera propietaria das minas, e da que tamén dependía a escola onde ensinaban os relixiosos.[61]

O asasinato do enxeñeiro-director da sociedade hulleira e dos dous empregados produciuse o 14 de outubro, cando a revolución se atopaba no seu final, e "correu a cargo de operarios da empresa, sendo despois explicada como froito da indignación producida ao coñecer a intención do director de proceder a despedimentos por razóns extralaborais dun grupo de obreiros entre os que eles mesmos se atopaban".[62] Os relixiosos, pola súa banda, foron asasinados por consideralos aliados da empresa, segundo o historiador David Ruiz, aínda que o tamén historiador José Álvarez Junco, afirma que "o que desbordou os límites da tolerancia que se tivo con outros clérigos foron os rumores de prácticas homosexuais cos seus alumnos".[63] Nun informe comunista posterior chegouse a "xustificar" a matanza aducindo que así se acurtaba aos frades "o prazo aquí na Terra" para "ir gozar de mellor vida á destra de Deus Pai".[60]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

As vítimas[editar | editar a fonte]

A día de hoxe, a cuestión sobre as baixas que se produciron segue sendo controvertida: Segundo o historiador Julián Casanova durante os combates que seguiron ao levantamento armado morreron 1100 persoas entre as que apoiaron a insurrección, ademais duns 2000 feridos, e houbo uns 300 mortos entre as forzas de seguridade e o exército; 34 sacerdotes e relixiosos foron asasinados.[64] Casanova coincide case completamente coas cifras dadas hai tempo por Hugh Thomas que situou o número de vítimas mortais en 2000 persoas: 230-260 membros das forzas armadas (incluíndo Gardas civís e Gardas de Asalto), 33 sacerdotes, 1500 mineiros nos combates e outros 200 durante a represión (entre eles o xornalista Luis de Sirval, quen sinalou as torturas e as execucións habidas durante a represión, motivo polo que sería asasinado por tres oficiais da Lexión).[65][nota 3] En toda España foron encarceradas entre 30 000[65] e 40 000 persoas.[66] Miles de obreiros perderon os seus empregos.[67]

As destrucións[editar | editar a fonte]

Durante a revolución de 1934 a cidade de Oviedo quedou arrasada en boa parte. Resultan incendiados, entre outros edificios, o da Universidade, cuxa biblioteca gardaba fondos bibliográficos de extraordinario valor que non se puideron recuperar, ou o teatro Campoamor.[35] Tamén foi dinamitada A Cámara Santa na Catedral, onde desapareceron importantes reliquias levadas a Oviedo, cando era corte, desde o Sur de España. Como resultado dos combates ou por destrucións intencionadas, tamén foron destruídos algúns edificios relixiosos en Xixón, La Felguera ou Sama.

A represión[editar | editar a fonte]

A represión da sublevación levada a cabo polas tropas coloniais foi moi dura e mesmo se deron casos saqueos, violacións e execucións sumarias.[68][69] Á fronte da represión rapidamente destacou pola súa brutalidade un oficial da Garda Civil, Lisardo Doval Bravo, que desde entón se converteu nunha das bestas negras do movemento obreiro.[38] Outros militares que destacaron foron o tenente coronel Yagüe (comandante das sanguinarias tropas africanas) e o xeneral López Ochoa, que desde entón recibiría o sobrenome do Carniceiro de Asturias.[38][nota 4] Porén, o historiador Gabriel Jackson distingue claramente entre a actuación do xeneral López Ochoa que "fixo o que puido para evitar os asasinatos e as violaciónss, incluíndo o fusilamento de catro mouros culpábeis de atrocidades", e a do tenente coronel Yagüe, da Lexión, "que preferiu empregar un saudábel terror como arma e non contivo as súas tropas".[70] Meses despois dos feitos, o xeneral López Ochoa falou co socialista Juan Simeón Vidarte sobre algúns dos episodios do acontecido en Asturias:[71]

Unha noite, os lexionarios levaron nunha camioneta a vinte e sete traballadores, sacados do cárcere de Sama. Só fusilaron a tres ou catro porque, como resoaban os tiros na montaña, pensaron que ian saír guerrilleiros de todos aquelas paraxes e eles correrían perigo. Entón procederon máis cruelmente, decapitaron ou aforcaron os presos, e cortáronlles os pés, mans, orellas, linguas, até os órganos xenitais! Aos poucos días, un dos meus oficiais, home de toda a miña confianza, comunicoume que uns lexionarios paseaban lucindo orellas ensartadas en arames, a maneira de colar, que serían das vítimas de Carbayín. Inmediatamente mandeinos que detivese e fusilase aqueles lexionarios, e el fíxoo así. Este foi o motivo do meu altercado con Yagüe. Ordeneille, ademais, que sacase os seus homes da conca mineira e os concentrase en Oviedo, baixo a miña vixilancia, e fíxeno responsábel de calquera crime que puidese ocorrer. Para xulgar os rebeldes estaban os tribunais de xustiza. Tamén me chegaron as fazañas dos Regulares do tabor de Ceuta: violacións, asasinatos, saqueos. Mandei fusilar a seis moros. Tiven problemas, o Ministro da Guerra pediume explicacións, moi exaltado: "Como se atreve vostede a mandar fusilar a ninguén sen a formación dun Consello de Guerra?". Eu contesteille: "Sometinos ao mesmo Consello de Guerra ao que eles someteron as súas vítimas"[71]

A raíz do asasinato en plena rúa do xornalista liberal Luis Sirval por un oficial da Lexión, o tenente Dimitri I. Ivanov,[72] e dado que o Goberno impuxera a censura sobre as noticias procedentes de Asturias que falasen dos métodos que se estaban utilizando na represión, un grupo parlamentario de investigación, integrado polos deputados socialistas Álvarez del Vayo e Fernando de los Ríos e os republicanos radicais Clara Campoamor e Félix Gordón Ordás, foron a Asturias. Unha das súas conclusións foi a falsidade das noticias difundidas pola prensa de dereitas de que se produciron violacións de monxas e de que a algúns nenos se lles arrincaran os ollos. Ademais recolleron testemuños sobre tortura aos prisioneiros. Un dos membros da comisión parlamentaria, Félix Gordón Ordás, elaborou un informe sobre as "torturas sádicas" que utilizaba o comandante Lisardo Doval e enviouno ao presidente do goberno Alejandro Lerroux, que en principio ordenou aos seus superiores que contivesen as actividades do comandante, e finalmente ordenou o seu inmediato traslado por insubordinación ao entregar copia das ordes recibidas a destacados dirixentes monárquicos.[73] Tamén foi a Asturias un grupo de parlamentarios de Gran Bretaña que chegou ás mesmas conclusións que os seus colegas españois. O seu informe, a pesar das protestas do goberno español, desatou unha onda internacional de simpatía cara aos mineiros asturianos.[74]

Os dous consellos de guerra contra os deputados socialistas implicados na revolución, Teodomiro Menéndez e Ramón González Peña, celebrados en febreiro de 1935, tiveron un enorme impacto entre a opinión pública, mesmo no ámbito internacional. O Partido Socialista Francés recolleu miles de sinaturas para pedir a amnistía de todos os procesados e o deputado socialista francés Vincent Auriol visitou o presidente do goberno Alejandro Lerroux en nome da Liga dos Dereitos do Home. Os tribunais militares ditaron sentenza de morte o día 16 de febreiro de 1935 para Menéndez e González Peña, seguidas nos poucos días da mesma condena para outros dezasete membros dos "comités revolucionarios". A decisión do presidente do goberno Lerroux de recomendar ao presidente da República Niceto Alcalá Zamora a conmutación das sentenzas abriu unha grave crise no goberno de coalición radical-cedista, xa que tanto José María Gil Robles da CEDA como Melquíades Álvarez do Partido Republicano Liberal Demócrata se opuxeron e anunciaron que deixaban de apoiar o goberno. Alcalá-Zamora, grazas ao apoio de Lerroux, conmutó todas as sentenzas de morte.[75]

O goberno suspendeu as Garantías constitucionais, boa parte dos xornais de esquerda foron clausurados, numerosas corporacións municipais de partidos de esquerda foron disoltas e os xurados mixtos (recentemente instaurados durante o Bienio Reformista) foron suspendidos.[76][77] Das 23 penas de morte inicialmente proclamadas como consecuencia desta revolución, o presidente Niceto Alcalá Zamora conmutó 21: só foron executados o sarxento Vázquez (entre outras cousas, voara un camión con 32 gardas civís) e Jesús Argüelles Fernández «Pichalatu».

A interpretación da dereita[editar | editar a fonte]

Na descrición dos feitos de Asturias os partidos e os diarios da dereita (como ABC, portavoz da dereita antirrepublicana e antidemocrática de Renovación Española; ou El Debate, vinculado á dereita católica "accidentalista" da CEDA) tenden a utilizar esquemas “mítico-simbólicos” ao cualificar os revolucionarios como “feras”, como uns seres cuxo único instinto é só matar e destruír, polo que o seu destino final é estar mortos ou presos.[78] Esta expresión foi utilizada mesmo polo diario liberal “El Sol”, que pedía clemencia para aqueles que actuasen como homes, e “para as feras capaces de feitos monstruosos que nin un dexenerado é capaz de imaxinar El Sol non pide senón castigo tremendo, implacábel, definitivo”.[78] Honorio Maura no diario ABC do 16 de outubro cualificaba os insurrectos asturianos como “escoura, podremia e lixo” que roe as entrañas da Patria; son “chacais repugnantes que non merecen ser nin españois nin seres humanos”.[78]

En canto aos feitos a dereita viunos na súa dimensión puramente negativa, como mero afán de destruír, especialmente o máis santo da tradición española, relixión e cultura —en alusión á Catedral de Oviedo e á Universidade—, e finalmente España mesma. ABC nas súas edicións dos días 10 e 17 de outubro cualificounos como unha “empresa brutal, sanguinaria e devastadora”, cuxos autores estaban posuídos de “instintos viles do máis repugnante materialismo”, e foron autores de “vandálicos delitos” que constitúen unha “macabra explosión marxista”.[79] En cambio a acción represiva das tropas que sufocaron a sublevación é apenas mencionada. As destrucións en “Asturias, a mártir”, e sobre todo en “Oviedo, a mártir” atribuíanse exclusivamente aos revolucionarios.[80]

A interpretación do cóengo da catedral de Oviedo Maximiliano Arboleya[editar | editar a fonte]

Cando estala a Revolución de Asturias en outubro de 1934 Maximiliano Arboleya está en Zaragoza polo que non presenciou os acontecementos, que con todo producíronlle unha profunda dor (foron asasinados varios compañeiros seus do cabido da catedral, entre eles Aurelio Gago, que era tamén prefecto de Estudos do Seminario diocesano) e tamén lle suscitaron unha fonda reflexión sobre o fracaso da Igrexa católica na penetración nos medios obreiros.[81]

Imaxe exterior da cámara santa e a cripta de santa Leocadia. Podemos ver as dúas celosías, a superior correspondente á cámara santa ou capela de san Miguel e a inferior pertencente á cripta de santa Leocadia.

Nunha especie de "manifesto" que preparou para o Grupo da Democracia Cristiá que servise de orientación aos católicos españois conmocionados especialmente pola morte de 40 relixiosos e polos máis de cincuenta edificios relixiosos incendiados ou saqueados (entre eles o Palacio Episcopal, o Seminario Diocesano, no que ardeu a súa biblioteca, a Cámara Santa da Catedral de Oviedo, da que Arboleya era o deán do seu cabido) durante a "Comuna Obreira" asturiana, Arboleya fixo un diagnóstico sobre a situación do mundo obreiro en relación coa Igrexa e as súas organizacións sociais no que concluíu: "ben podemos afirmar que hoxe o odio feroz á Igrexa é moi superior ao que inspira o Capitalismo"[82] A razón disto radicaba, segundo Arboleya, nos erros cometidos pola Igrexa católica, porque el estaba convencido de que se seguisen o sindicalismo católico "puro" que el levaba anos defendendo (uns sindicatos obreiros católicos sen inxerencias da patronal e da xerarquía eclesiástica) a traxedia asturiana poderíase evitar, polo que pensaba que os católicos tamén tiñan algunha responsabilidade no sucedido. Mais nin a Igrexa católica nin a dereita católica en absoluto o entenderon así e, como se pode comprobar no apartado anterior, só pensaban na represión como remedio contra a revolución[83]

Tras a Revolución de Asturias a Igrexa non rectificou a súa política social e seguiu insistindo na vía do sindicato católico vinculado aos patróns. Ángel Herrera, presidente de Acción Católica, iniciou unha campaña por toda España para presentar como modelo de "obreiro católico e patriótico" a Vicente Madera, líder do fracasado sindicato católico da Hullera Asturiana, un exemplo típico do sindicalismo católico que raiaba co amarelismo, e que o día 5 de outubro defendera coas armas, xunto con 25 compañeiros, a sede social do sindicato na vila de Moreda cando os revolucionarios tentaron tomala, e ao final conseguira escapar aproveitando a noite (catro resistentes morreron no intercambio de disparos).[84][85] Nunha carta dirixida ao seu amigo Severino Aznar Arboleya critica esta forma de reaccionar da Igrexa católica:[86]

Crerá vostede, acaso, que ante tal desastre se oen voces sensatas pedindo o abandono do camiño que nos conduciu a el... Pois se equivoca. Unhas cantas solucións simplistas —cortar algunhas cabezas, castigar os rebeldes, proceder a un completo desarme... material etc.— e pare vostede de contar. Todos se aprestan a moverse, mais para camiñar máis a présa polo mencionado camiño. Xa temos de novo a Vicente Madera Peña feito un heroe e un salvador, xa temos a política na Federación Agraria e un fantástico Secretariado Social que se funda sen plan e sen ningunha preparación.
Ninguén, absolutamente ninguén, se para a preguntar se este atroz movemento criminal revolucionario de cerca de 50.000 homes non ten máis explicación que a consabida malsá propaganda socialista; ninguén pensa en que tamén pode haber tremendas responsabilidades pola nosa parte.

Outros católicos acordáronse de Arboleya, dos seus fracasos e das súas predicións. Don Luigi Sturzo, líder exiliado do Partito Popolare Italiano escribiu nun xornal de Friburgo unha homenaxe aos "demócrata cristiáns" españois Severino Aznar, Ángel Ossorio y Gallardo e o "cóengo Arboleya":[87]

De telos escoitado, os católicos españois non pasarían hoxe, aos ollos dos obreiros, como defensores dos patróns mesmo dos inxustos

Na mesma liña expresouse o cóengo da catedral de Valladolid, Alberto Onaindía, que publicou un artigo o 23 de outubro de 1934 no diario Euskadi, de Bilbao, no que afirmaba que Arboleya para as clases conservadoras nunca fora outra cousa que o "cura socialista e o cóengo vermello". Así mesmo José de Artetxe escribiu a finais de outubro un artigo no Día, de Donostia, no que afirmaba:

Os dolorosos sucesos de Asturias están previstos claramente, e para vergoña dos católicos daquela rexión, nas obras escritas pola pluma ardorosa dun gran propagandista católico social — Arboleya Martínez, cóengo da Catedral de Oviedo— que desde hai máis de trinta anos clamaba no deserto da incomprensión profetizando claramente isto de agora, que os xordos ou cousa peor que o rodeaban empeñábanse en non querer albiscar

Valoracións[editar | editar a fonte]

Con posterioridade a 1934, houbo numerosas opinións e valoracións dos feitos; o político republicano liberal Salvador de Madariaga, varias veces embaixador e ministro en dous dos gobernos do Partido Republicano Radical presididos por Alejandro Lerroux e apoiados nas Cortes pola CEDA, valorou así a Revolución de 1934:

O alzamento de 1934 é imperdoábel. A decisión presidencial de chamar ao poder á CEDA era inatacábel, inevitábel e até debida desde había xa tempo. O argumento de que José María Gil Robles tentaba destruír a Constitución para instaurar o fascismo era á vez hipócrita e falsa. Hipócrita, porque todo o mundo sabía que os socialistas de Largo Caballero estaban a arrastrar os demais a unha rebelión contra a Constitución de 1931 sen ningunha consideración para o que se propoñía ou non Gil-Robles; e, por outra banda, á vista está que o presidente Companys e a Generalitat enteira violaron tamén a Constitución. Con que fe imos aceptar como heroicos defensores da República de 1931, contra os seus inimigos máis ou menos ilusorios da dereita, a aqueles que para defendela a destruían? Mais o argumento era, ademais, falso, porque se Gil-Robles tivese a menor intención de destruír a Constitución do 31 pola violencia, que mellor ocasión que a que lle proporcionaron os seus adversarios políticos alzándose contra a mesma Constitución en outubro de 1934, precisamente cando el, desde o poder, puido, como reacción, declararse en ditadura? Lonxe de demostrar nos feitos apego ao fascismo e desapego ao parlamentarismo, Gil-Robles saíu desta crise convicto e confeso parlamentario, a punto que deixou de ser, se xamais o era, persoa grata para os fascistas (...) Coa rebelión de 1934, a esquerda española perdeu até a sombra de autoridade moral para condenar a rebelión de 1936.
España. Ensayo de historia contemporánea. Espasa-Calpe, Madrid, 1979, pág. 362

Doutra banda, o historiador británico Paul Preston ofrece unha reflexión moi distinta:

As intencións dos socialistas cos sucesos que comezaron a mañá do 4 de outubro de 1934 eran limitadas e defensivas. O seu obxectivo era defender o concepto de República desenvolto entre 1931 e 1933 fronte ao que percibían como ambicións corporativistas da CEDA. A entrada da CEDA no goberno foi seguida dunha proclamación de República independente en Cataluña que durou dez horas, dunha desganada folga xeral en Madrid e do estabelecemento dunha comuna obreira en Asturias. Coa excepción da revolta asturiana, que resistiu por espazo de dúas semanas os violentos combates coas Forzas Armadas grazas ao terreo montañoso e á pericia dos mineiros, a tónica dominante do «Outubro» español foi a súa falta de entusiasmo. Ningún dos feitos ocorridos ao longo dese mes, nin sequera os de Asturias, indicaba que a esquerda estivese a preparar unha sublevación a conciencia. O certo é que, en tanto se lograba resolver a crise, os líderes socialistas esforzáronse por conter o ardor revolucionario dos seus seguidores
El holocausto español. Odio y exterminio en la Guerra Civil y después. Barcelona, Ed. Debate, 2011, páx. 128

Revolucionarios destacados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Engelbert Dollfuß, Canciller austríaco e principal expoñente do fascismo en Austria, era un líder cuxo perfil político se asemellaba entón ao de Gil-Robles. O temor da esquerda baseábase en que aquel mesmo ano instaurara unha dictadura fascista desde o sistema democrático tras esmagar o movemento obreiro. A isto hai que sumar o caso de Alemaña e o ascenso de Adolf Hitler ao poder en 1933, que se sumaba á crecente onda dos movementos fascistas en Europa.
  2. Nestas rexións xa que produciran unha serie de folgas nos meses anteriores, as cales deixaran un mal sabor de boca e iso reflectiuse na falta de entusiasmo.
  3. Na cuestión da guerra de cifras sobre o saldo de mortos, feridos e detidos, Hugh Thomas apunta que resulta imposíbel dar unha cifra exacta. Certamente, aclara que moitos ficheiros policiais contiñan numerosa información respecto diso mais tras a Guerra Civil e a Ditadura Franquista apenas saíron a luz algúns documentos policiais.
  4. Curiosamente, o xeneral López Ochoa denunciou ante o Consello de Ministros as atrocidades que os militares africanistas estaban a cometer tras o final da campaña. Como comandante en xefe que era, esforzouse en pór orde e terminar coas execucións arbitarias entre os prisioneiros esquerdistas. Cando a Guerra Civil estalou dous anos máis tarde, aínda era lembrado por isto e acabaría sendo asasinado.
Referencias
  1. Claudín, Fernando (1985). "Algunas reflexiones sobre Octubre 1934". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. pp. 43–44. O feito de que a insurrección só se materializase en Asturias, non debe facer esquecer que o plan era nacional. Os mineiros e metalúrxicos asturianos lanzáronse ao combate convencidos de que o mesmo facían nese momento os outros sectores do proletariado español 
  2. Bayerlein, Bernhard (1985). "El significado internacional de octubre de 1934 en Asturias. La Comuna Asturiana y el Komintern". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. pp. 19–40. 
  3. Payne, Stanley G. (1973). "A History of Spain and Portugal (Print Edition)". University of Wisconsin Press. Vol. 2, Ch. 25: 637. Consultado o 10 de abril de 2012. 
  4. Ruiz 1988, pp. «Comunismo libertario fronte a ditadura do proletariado, espontaneidade fronte a socialismo integral, foron os termos máis socorridos polos cronistas para subliñar a influencia ideolóxica nas experiencias de La Felguera e Sama de Langreo».
  5. The Splintering of Spain, páx. 54; CUP, 2005
  6. Jackson, Gabriel (1985). "Fascismo y antifascismo, 1922-1939". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. p. 7. 
  7. Pérez Ledesma, Manuel (1985). "El movimiento obrero antes de Octubre: De la moderación a la violencia revolucionaria". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. p. 229. 
  8. Tamames Gómez 1974, pp. 228-229.
  9. 9,0 9,1 Tamames Gómez 1974, p. 229.
  10. 10,0 10,1 Tamames Gómez 1974, p. 230.
  11. José Peirats, La CNT en la Revolución Española, pax. 79 e ss.
  12. Ruiz 1988, p. 13. A executiva socialista non descartaba unha aproximación cenetista a fins de 1933, ao verse aqueles e estes afectados pola derrota electoral e o fracaso insurreccional respectivamente. Pola confluencia de ambos os factores, xunto á perceptíbel radicalización das bases e o impulso unitario que estas poñían de manifesto, non parecía desatinado que a CNT fixese táboa rasa do inmediato pasado, caracterizado polo trato discriminatorio de que fora obxecto na represión, na planificación dos da política social e na aplicación desta nas relacións laborais, cos xurados mixtos no centro das discrepancias».
  13. 13,0 13,1 Ruiz 1988, pp. 13-14.
  14. Taibo. El Pacto de la Alianza Obrera. 
  15. Bayerlein, Bernhard (1985). "El significado internacional de octubre de 1934 en Asturias. La Comuna asturiana y el Komintern". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. p. 22. ISBN 84-323-0515-4. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Tamames Gómez 1974, p. 231.
  17. Thomas 1976, p. 252.
  18. Taibo II 1985, p. 232. «Labor previo que permitiu que o movemento a partir da noite do 4 de outubro, derrotase militarmente as forzas da Garda Civil e de Asalto, rompendo a primeira liña de defensa gobernamental, puxese o exército á defensiva en Xixón e Oviedo, fose aos poucos derrotándoo militarmente, e sostivese a Comuna asturiana durante catorce días, a pesar de que se concentraron para reprimila milleiros de soldados traídos doutros puntos de España onde a revolución fracasara».
  19. Taibo II 1985, pp. 233; 235. «Foi 1934 un ano de loita de clases constante, estabelecido sobre a base de pequenos enfrontamentos e folgas xerais curtas, que permitiron que o movemento chegase ás vésperas de outubro na plenitude da súa forza, con gran confianza e extraordinariamente unido».
  20. Taibo II 1985, pp. 236-237.
  21. Taibo II 1985, p. 233.
  22. Taibo II 1985, pp. 237-238.
  23. Taibo II 1985, pp. 238-240.
  24. Taibo II 1985, pp. 240-241. «Máis que polas súas virtudes en positivo, o gran valor da Alianza Obreira asturiana pode atoparse no que impediu coa súa pura existencia… O fin das guerras intestinas, a desaparición dos eternos enfrontamentos, permitiron que o movemento se concentrase e concentrase as súas forzas nunha acción en positivo e de crecente poder, que o levou ao estalido revolucionario no máis alto nivel alcanzado en anos».
  25. 25,0 25,1 Ruiz 1988, p. 110.
  26. Ruiz 1988, pp. 110-111.
  27. Ruiz 1988, p. 111.
  28. 28,0 28,1 Thomas 1976, p. 160.
  29. Gabriel Jackson, pp. 154-155
  30. Ruiz 1988, pp. 111-112.
  31. Ruiz 1988, pp. 134-136.
  32. 32,0 32,1 Thomas 1976, p. 162.
  33. Bravo Morata 1977, p. 52.
  34. Díaz Nosty 1974, p. 151.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Thomas 1976, p. 163.
  36. Museo Naval de Madrid. "La Segunda República y la Guerra Civil (1931-1939)". 
  37. Hemeroteca ABC: 19 de outubro de 1934.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 Thomas 1976, p. 166.
  39. 39,0 39,1 Ruiz 1988, pp. 112-113.
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 Ruiz 1988, p. 114.
  41. Ruiz 1988, pp. 111; 113.
  42. Jackson 1976, p. 152. «O xeneral estaba ansioso por evitar máis derramamento de sangue e comprendeu que se os mineiros habían de loitar forzados por unha desesperación suicida, farían falta semanas e meses para pacificar Asturias».
  43. Preston (2011). El holocausto español. Odio y exterminio en la Guerra Civil y después. Barcelona: Debate. ISBN 978-84-8306-852-6. Aínda que López Ochoa consentiu o uso de camións cargados de prisioneiros para cubrir o avance das tropas, en xeral dirixiu as súas operacións con comedemento. Yagüe enviou un emisario a Madrid para queixarse ante Franco e Gil Robles polo trato humanitario que se lles daba aos mineiros. Os tres estaban furiosos polo pacto ao que chegara López Ochoa co líder dos mineiros, Belarmino Tomás, que permitiu unha rendición ordenada e pacífica a cambio de retirar os lexionarios e os Regulares. A desconfianza de Franco cara a López Ochoa era tan grande como a súa confianza en Yagüe e a súa aprobación das execucións sumarias dos detenidos en Oviedo e Gijón. Nunha ocasión, Yagüe ameazou a López Ochoa cunha pistola 
  44. José Peirats, Los Anarquistas en la Guerra civil española, pág. 85
  45. Ruiz 1988, p. 115.
  46. Ruiz 1988, p. 121.
  47. Ruiz 1988, pp. «A súa distribución e emprego [do diñeiro do Banco de España] revelarase como unha nova práctica solidaria de clase por encima das diferenzas ideolóxicas».
  48. Ruiz 1988, pp. 125-126.
  49. Ruiz 1988, pp. 130-131.
  50. Álvarez Junco 1985, p. 298.
  51. Ruiz 1988, p. 133.
  52. Hugh Thomas (2001), páx. 131
  53. Ruiz 1988, pp. 132-133.
  54. 54,0 54,1 54,2 Ruiz 1988, p. 134.
  55. Ruiz 1988, pp. 127-128.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 Ruiz 1988, pp. 128-129.
  57. Ruiz 1988, pp. 133-135.
  58. Álvarez Junco 1985, p. 299.
  59. Álvarez Junco 1985, pp. 292-294.
  60. 60,0 60,1 Ruiz 1988, pp. 129.
  61. Ruiz 1988, pp. 131-132.
  62. Ruiz 1988, p. 128.
  63. Álvarez Junco 1985, pp. 299-300.
  64. Casanova 2007, pp. 131-133.
  65. 65,0 65,1 Thomas, Hugh. The Spanish Civil War. (2001), páx. 136
  66. Jackson 1976, p. 154. «En toda España, de 30 a 40.000 persoas presos políticos esperaban o seu proceso».
  67. Beevor 2005, p. 32.
  68. Beevor 2005, pp. 31-32.
  69. Gabriel Jackson, pp. 159-160
  70. Jackson, Gabriel (1976). Ibid. p. 152. 
  71. 71,0 71,1 Preston, Paul (2011). Ibid. pp. 133–134. 
  72. Casanova 2007, p. 133.
  73. Jackson 1976, pp. 153-154. «Doval empregou, entre outras técnicas, presións sobre os órganos sexuais ou o cravar alfinetes ou achas baixo as uñas. Tamén tiña un enxeñoso método para atar os pulsos e as pernas da vítima ao canón e mango dun fusil e levantala logo do chan por medio dunha polea. (...) Lerroux buscou o pretexto da insubordinación de Doval, para non ter que encararse co problema da tortura policíaca».
  74. Jackson 1976, pp. Ibid..
  75. Jackson 1976, p. 157.
  76. Helen Graham, The Spanish Civil War. A very short introduction. (2005). páx. 16
  77. Gabriel Jackson, páx. 160
  78. 78,0 78,1 78,2 Calero. "Octubre visto por la derecha". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  79. Calero 1985, p. 164.
  80. Calero 1985, p. 169.
  81. Benavides 1985, pp. 257-258.
  82. Benavides 1985, pp. 265-266.
  83. Benavides 1985, p. 262. «Represión que debía comezar polo castigo exemplar dos xefes da insurrección, moitos dos cales se atopaban entón en prisión; mais que debía continuar pola censura drástica da expresión da súa ideoloxía revolucionaria. Tanto na prensa como no Parlamento criticouse con dureza a debilidade das autoridades nestes terreos».
  84. Benavides 1985, pp. 264-265. «Os acontecementos de Moreda, por moi heroicos que fosen, non deixaban de ser un capítulo triste na máis recente historia do proletariado asturiano. Un puñado de homes que, acurralados polos seus compañeiros de traballo, vense obrigados a disparar sobre eles... Iso era todo. Por outra banda, aquilo nada tiña que ver co sindicalismo. Ao contrario; ao pór ao descuberto que o suposto sindicato estaba convertido nun pequeno arsenal e o defenderse durante un bo intre a "tiro limpo", non era precisamente unha carta de recomendación para converter tales homes en apóstolos sindicalistas».
  85. Shubert 1985, pp. 243-244. «O 11 de decembro de 1934 a Confederación Nacional de Sindicatos Obreiros Católicos organizou en Madrid unha representación teatral para render honras aos obreiros de Moreda; dous meses despois, o 3 de febreiro de 1935, rendeuse homenaxe a Madera nun acontecemento celebrado no Teatro da Zarzuela, no curso do cal foi presentado como un "caudillo" e ofrecéronselle 35.000 pesetas, recadadas por subscrición popular».
  86. Benavides 1985, p. 262.
  87. Benavides 1985, p. 260.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez Junco, José (1985). "El anticlericalismo en el movimiento obrero". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Beevor, Antony (2005). La Guerra Civil Española. Barcelona: Crítica. ISBN 978-8408103851. 
  • Benavides, Domingo (1985). "Maximiliano Arboleya y su interpretación de la Revolución de Octubre". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Bravo Morata, Federico (1977). Historia de la República: 1934-1936. Daimon. 
  • Calero, Antonio Mª (1985). "Octubre visto por la derecha". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Casanova, Julián (2007). República y Guerra Civil. Vol. 8 de la Historia de España, dirigida por Josep Fontana y Ramón Villares. Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0. 
  • Díaz Nosty, Bernardo (1974). La Comuna asturiana: revolución de octubre de 1934. Zero. 
  • García Gómez, Emilio. (2010), Asturias 1934. Historia de una tragedia. Libros Pórtico. 2ª edición. Zaragoza, ISBN 978-84-7956-065-2.
  • Jackson, Gabriel (1976). La República Española y la Guerra Civil, 1931-1939. (The Spanish Republic and the Civil War, 1931-1939. Princeton, 1965) (2ª ed.). Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-006-3. 
  • Jackson, Gabriel y otros (1985). Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Palomino Jiménez, Ángel. (1998), 1934. La Guerra Civil empezó en Asturias. Colección Documento. Editorial Planeta, Barcelona.
  • Ruiz, David (1988). Insurrección defensiva y revolución obrera. El octubre español de 1934. Barcelona: Labor. ISBN 84-335-9406-0. 
  • Sánchez García-Saúco, J.A.. (1974), La revolución de 1934 en Asturias. Editora Nacional. Madrid. ISBN 84-276-1217-6.
  • Schubert, Adrian; Hacia la Revolución. Orígenes sociales del movimiento obrero en Asturias, 1860–1934. Editorial Grijalbo.
  • Taibo II, Paco Ignacio (1985). "Las diferencias asturianas". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión. Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Tamames Gómez, Ramón (1974). Historia de España Alfaguara VII. La República. La Era de Franco. Madrid: Alianza Editorial. 
  • Thomas, Hugh; (1976), La Guerra Civil Española. Ed. Grijalbo (Barcelona). ISBN 84-253-2767-9
  • Villar, Manuel; (1994) Anarquismo en la insurrección de Asturias: La CNT y la FAI en octubre de 1934. Fundación Anselmo Lorenzo, Madrid. ISBN 84-86864-15-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

En castelán