María Wonenburger
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María Josefa Wonenburger Planells 19 de xullo de 1927 Oleiros, España |
Morte | 14 de xuño de 2014 (86 anos) Cesantes, España |
Educación | Universidade de Madrid Universidade Yale - doutora |
Director de tese | Nathan Jacobson e Tomás Rodríguez Bachiller |
Actividade | |
Campo de traballo | Teoría de grupos |
Ocupación | matemática, escritora, profesora universitaria |
Empregador | Universidade do Estado de Nova York en Buffalo Universidade de Indiana |
Membro de | |
Obra | |
Doutorando | Robert Moody, Stephen Berman, Robert Russell Crawford, Bobby Lee Fincher, Edward George Gibson, Richard Lawrence Marcuson, Gary Joseph Sherman e Bette Warren |
Familia | |
Pai | Julio Wonenburger |
Premios | |
María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014,[1] foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e o Canadá.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Filla de Julio Wonenburger Canosa, descendente dun tataravó alsaciano que no século XIX chegara a Compostela,[2] e de Amparo Planells, valenciana, naceu en Oleiros, localidade na que veraneaba a súa familia.[3] Realizou os primeiros estudos na Coruña, finalizando a educación secundaria no Instituto Eusebio da Guarda en 1944. Afeccionouse tanto ó hóckey a patíns ou baloncesto como á música de Bach, ademais de estudar inglés ou alemán. Malia a vontade familiar de que estudase enxeñería para continuar co negocio familiar de fundición que tiña na Coruña,[2] ela sentíase inclinada ás matemáticas. Como a Universidade de Santiago de Compostela só ofertaba dous cursos desa carreira, foi estudar á Universidade Central de Madrid, na que se licenciou en Matemáticas en 1950.[3] Alí tivo como profesor o matemático aragonés Julio Palacios.
Carreira
[editar | editar a fonte]Algúns dos seus profesores, como Julio Rey Pastor suxeríronlle que solicitase unha bolsa para ampliar estudos no estranxeiro.[3] Formou entón parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fulbright (no 1953), o que lle permitiu ir á Universidade Yale, nos Estados Unidos. A súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos foi dirixida polo alxebrista Nathan Jacobson, e rematouna en 1957. O seu título era: On the group of similitudes and its projective group (Sobre o grupo de semellanzas e o seu grupo proxectivo). De volta en España traballou como investigadora no CSIC durante tres anos. No Estado Español, nun inicio, non tivo o recoñecemento que lle cumpría, xa que en 1960 foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid (porque o primeiro doutoramento non lle foi recoñecido)[4] cando xa estaba titulada pola quinta universidade no ránking mundial.[5] Esta segunda tese foi dirixida na Universidade Central de Madrid por Germán Ancochea e Tomás Rodríguez Bachiller, e se titulaba Representación espinorial dos grupos de semellanza. A tese, aprobada e publicada, non lle serviu para acadar o título español de doutoramento por circunstancias de tipo administrativo.[4]
En 1960, dadas as poucas perspectivas de traballo en España, regresou ao estranxeiro, ao recibir unha bolsa posdoutoral da Queen University, de Ontario (Canadá).[3] Despois, pasou á universidade de Toronto, onde foi a única profesora de matemáticas.[4]
Un alumno seu turrou para que fose ela a súa directora da tese de doutoramento. Era Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora[6] a quen recoñeceu como nai da teoría de grande aplicación na física.[4]
En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, á Universidade de Buffalo, e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983 onde tamén foi a mentora doutro gran matemático, Stephen Berman.[4] Por enfermidade da súa nai regresou á Coruña no 1983, onde permaneceu en contacto afastado do mundo académico, colaborando con diversas institucións, como por exemplo, AGAPEMA.
Obra
[editar | editar a fonte]A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie.[4] Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén os automorfismos dos grupos de semellanzas inspirándose nos traballos anteriores de Jean Dieudonné, e aplicándoos a espazos vectoriais de dimensión maior ou igual ca seis.
Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses. Entre os seus doutorandos que traballaron neste campo dirixidos por ela estiveron o xa amentado Robert Moody, Stephen Berman, Bette Warren, Edward George Gibson ou Richard Lawrence Marcuson. María Wonenburger centrou posteriormente a súa investigación na clasificación dos grupos finitos e nas matrices de Cartan.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]No 2007 a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.
Foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña en 2010, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor.
No 2011 foi erixido un monólito á súa memoria no Paseo das Ciencias do parque de Santa Margarida da Coruña.[7][8]
En xuño de 2012 foi inaugurada unha zona verde de máis de 10 000 metros cadrados en Montrove, Oleiros co seu nome. A matemática non puido acudir á inauguración por cuestións de saúde.[9]
O concello da Coruña adicoulle en outubro de 2014 unha rúa no polígono de Agrela[10] e en xuño de 2015 inaugurou un monumento no parque de Santa Margarida[11].
En 2018 foi proposta pola Universidade de Vigo para nomear un dos seus edificios.[12]
En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fallece la pionera matemática coruñesa María Wonenburger" La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 Casal (2007), p. 106
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Díaz-Fierros Viqueira, Francisco; Fraga, Xosé Antón; Mato, Alfonso, eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-92923-94-6. Consultado o 20 de febreiro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Casal (2007), p. 107
- ↑ Gciencia (ed.). "María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos". Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ María Josefa Wonenburger Planells Arquivado 17 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine., en Historia de las Matemáticas
- ↑ Macho-Stadler, Marta. "María Josefa Wonenburger, una olvidada matemática con dos tesis... que nadie reconoció en España". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-01-22.
- ↑ Recollido en http://gaceta.rsme.es/abrir.php?id=561
- ↑ "Oleiros inagura un parque en honor a María Wonenburger en Montrove" (en castelán).
- ↑ G. M. O. "La ciudad homenajea a la matemática María Wonenburger con una calle en A Grela". La opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 30 de outubro de 2014.
- ↑ El alcalde se estrena con un tributo a María Wonenburger laopinioncoruna.es
- ↑ "Os edificios administrativos do campus terán nome de muller". DUVI. 5 de outubro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2018.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Casal, Iolanda (2007). Investigadoras galegas. Santiago de Compostela: Editorial Compostela.
- Díaz-Fierros, F.; Fraga, X. A.; Mato, A., eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: CCG. ISBN 978-84-92923-94-6.
- Souto Salorio, M.J. e Tarrío Tobar, A.D. 2006. María Josefa Wonenburger Planells. Mujer y matemática. La Gaceta de la RSME 9: 339–364
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: María Wonenburger |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- María Josefa Wonenburger Planells no Consello da Cultura Galega.
- Discurso pronunciado por Ana Dorotea Tarrío Tobar na inauguración das xornadas "Unidade de Muller e Ciencia", organizadas pola Xunta de Galicia en 2006, e no que María Josefa Wonenburger Planells era a homenaxeada.
- A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas en Gciencia
- María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos en Gciencia
- "María Wonenburger". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.