Lebre de piornal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lebre de piornal
Lebre de Castroviejo
Lepus castroviejoi
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Lagomorpha
Familia: Leporidae
Xénero: Lepus
Subxénero: Eulagos
Especie: L. castroviejoi
Nome binomial
Lepus castroviejoi
Palacios, 1976
Distribución da lebre de piornal en España

Distribución da lebre de piornal en España
Distribución da lebre de piornal en Galicia

Distribución da lebre de piornal en Galicia

A lebre de piornal,[2] ou lebre de Castroviejo (Lepus castroviejoi) é unha especie de mamífero lagomorfo da familia dos lepóridos pertencente ao xénero Lepus, encadrada no subxénero Eulagos.

É endémica da Galicia oriental, o sur de Asturias e os montes de León, en España.[1][3][4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi mencionada por primeira vez polo biólogo galego Javier Castroviejo no ano 1970, que a identificou como Lepus capensis, de acordo cos criterios taxonómicos existentes nesa data,[5] sendo reclasificada co nome actual en 1977 polo enxeñeiro de montes e biólogo, investigador do CSIC no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid Fernando Palacios Arribas, no seu traballo "Descripción de una nueva especie de liebre (Lepus castroviejoi) endémica de la cordillera Cantábrica. Doñana Acta Vertebrata 3: 205-222.[4]

Nome específico[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, castroviejoi, foi, como se deduce do anteriormente escrito, unha homensxe que lle fixo Palacios a Castroviejo.

Nomes vulgares[editar | editar a fonte]

Lebre do piornal débese a que un dos hábitats característicos desta especie son as ladeiras montañosas cubertas de piornos (Cytisus oromediterraneus).[2] A orixe do nome lebre de Castroviejo, polo xa dito, é evidente.

Características[editar | editar a fonte]

A lebre de Castroviejo e un animal de tamaño intermedio entre os das outras dúas especies de lebres que viven na península Ibérica, a lebre europea (Lepus europaeus), máis corpulenta, e a lebre ibérica (Lepus granatensis), máis pequena. Mide de 49 a 52 cm de lonxitude e cabeza e tronco, aos que hai que sumar ao redor de 8 cm da cola; o seu peso oscila entre os 2,60 e os 3,45 kg. O seu corpo, repoludo e flexíbel, presenta as orellas e a cola de tamaño máis reducido que L. granatiensis. Como adaptación aos solos da alta montaña onde vive, con frecuencia cubertos de neve, ten os pés proporcionalmente máis grandes que a maioría das outras lebres (agás a lebre ártica), e coas plantas e a parte inferior das dedas cubertas por almofadiñas cubertas de pelos.[2]

A coloración da súa pelaxe é parda amarelada polas partes superiores e abrancazada no ventre, estendéndose nesta parte menos que en L. granatiensis, pero máis que en L. europaeus; ademais, como outra diferenza coas outras lebres ibéricas, presenta unha banda parda (máis clara que no lombo) entre a parte dorsal e a ventral. Tamén é branca a parte inferior da cola e máis un colar na cara desde o fociño até os ollos. A punta das orellas é negra, como en todas as lebres, así como a cara dorsal da cola.[2]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

A lebre do piornal vive nas montaña a altitudes de 1 300 a 1 900 m, descendendo en inverno aos 1 000 m para evitar no posíbel a neve. No seu hábitat predominan as breixeiras nas que s formas de vexetación dominantes son Erica, Calluna e Vaccinium e arbustos de Cytisus, Genista e Juniperus.[6][7] Un modelo de aptitude do hábitat determinou que L. castroviejoi, «selecciona áreas caracterizadas por unha alta porcentaxe de matorgueiras de Genista e breixos, de grande altitude e pendentes, e accesibilidade humana limitada».[8] O seu hábitat tamén inclúe áreas despexadas en bosques deciduos mixtos de Fagus e Quercus.[9] L. castroviejoi tamén escolle hábitats que foron queimados e as áreas onde se impón a xesta dentro do Parque Natural de Somiedo.[10] Censos nocturnos no Parque Natural de Somiedo determinaron densidades medias de 6,83 a 100 ha.[11]

Distribución[editar | editar a fonte]

A área de distribución da lebre de Castroviejo limítase ás montañas cántabras no noroeste de España. Ocupa altitudes de 1 000 a 1 900 m entre a serra dos Ancares e a serra de Peña Labra. A distribución total é de aproximadamente de 25 a 40 km de norte a sur, e de 230 km de leste a oeste, estimándose que a extensión onde vive é de 5 000 km², pero a súa poboación considérase fragmentada, xa que ocupa espazos altamente especializados de hábitat que son escasos.[6] [10]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Sábese pouco sobre a súa área de distribución, a súa densidade de poboación e as súas preferencias alimentarias, pero é probábel que sexan similares ás das outras lebres europeas que vivan en hábitats comparábeis.[1]

É un animal de hábitos nocturnos, permanecendo durante o día encamado nunha concavidade da superficie do solo (non nun tobo), que só abandona en caso de perigo.[2]

A súa época de reprodución esténdese desde abril até setembro, mes en que adoitan naceren os lebratos, de 1 a 3 por camada, tras un período de xestación duns 44 días. O número de partos anuais pode que sexa algo inferior ao doutras lebres. O aleitado e a permanencia da crías canda a nai é ao redor dun mes.[2]

Status[editar | editar a fonte]

A principal ameaza para esta especie é a caza, que é excesiva en moitas áreas onde habitan, especialmente cando as lebres están iiladas durante o inverno. A poboación da lebre do piornal está experimentando nos últimos tempos unha diminución en partes específicas da súa área de distribución, que están perturbadas polas actividades humanas e a caza excesiva.[10] A fragmentación, resultante da distribución irregular do hábitat adecuado, producíu unha poboación dispersa desta especie. Un modelo de aptitude do hábitat indicou que a súa poboación estaba experimentando unha tendencia decrecente do 16,67 %.[8] Por todas estas causas, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como VU (vulnerable).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Smith, A. T. & Johnston, C. H. (2008): Lepus castroviejoi na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 31 de decembro de 2018.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. 2007, p. 180.
  3. Chapman, J. A. & Flux, J. E. C. (1990): Rabbits, Hares and Pikas: Status Survey and Conservation Action Plan. Gland, Suíza: IUCN/SSC Lagomorph Specialist Group. IUCN. ISBN 2-8317-0019-1.
  4. 4,0 4,1 Lepus (Eulagos) castroviejoi Palacios, 1977 en MSW.
  5. Carro, Francisco (18-12-2018): Liebre de piornal – Lepus castroviejoi Palacios, 1977. Madrid: CSIC. Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN).
  6. 6,0 6,1 Flux, J. E. C. & Angermann, R. (1990): "The Hares and Jackrabbits". En: J. A. Chapman & J. E. C. Flux eds., Rabbits, Hares and Pikas: Status Survey and Conservation Action Plan, pp. 61-94. Gland, Suía: The World Conservation Union.
  7. Alves, P. C. & Niethammer, J. (2003): "Iberischen Hasen: Lepus granatensis and Lepus castroviejoi". En: F. Krapp, ed., Handbuch der Saugetiere Europas. Band 3/II. Hasentiere - Lagomorpha, pp. 137-154. Wiebelsheim, Renania-Palatinado, Alemaña: AULA-Verlag.
  8. 8,0 8,1 Acevedo, P., Alzaga, V., Cassinello, J. & Gortazar, C. (2007): "Habitat suitability modelling reveals a strong niche overlap between two poorly known species, the Broom hare and the Pyrenean grey partridge, in the north of Spain". Acta Oecologica 31 (2): 174-184.
  9. Palacios, F. (1977): "Descripción de una nueva especie de liebre (Lepus castroviejoi) endemica de la cordillera Cantábrica. Doñana Acta Vertebrata 3: 205-223.
  10. 10,0 10,1 10,2 Ballesteros, F., Benito, J. L. & González-Quirós, P. (1996): "Status, management and conservation of broom hare (Lepus castroviejoi) in the Cantabrian Mountains (northwest of Spain)". En: S. Golovatch & L. Penev (eds.), Proceedings of the International Union of Game Biologists: XXII Congress, pp. 123-127. Pensoft, Sofia, Bulgaria.
  11. González-Quirós, P., Gil, J., Benito, J. L. e Ballesteros, F. (1992): Distribución y estado de las poblaciones de liebres en Asturias. Oviedo: Principado de Asturias.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]