Patacas frixidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Patacas frixidas
Prato de patacas frixidas.
NomePatacas frixidas
TipoPetisco ou como acompañanto dun prato principal.
OrixeBélxica ou Francia
IngredientesPatacas, aceite e sal

As patacas fritas, patacas fritidas ou patacas frixidas son patacas cortadas en anacos e cociñadas en aceite quente nunha tixola ou frixideira.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Unha das primeiras mencións do prato dáa Francisco Núñez de Pineda y Bascuñán na súa obra Cautiverio feliz (1673) onde na comida que ofrece a dous caciques di que as mulleres "enviaban as patacas frixidas e guisadas".[2] Porén, non é probable que fosen cortadas ou feitas en dados ou noutra forma e seguramente frixíronse en unto, como era costume nesa época. En calquera caso, o documento demostra que esta forma de preparar as patacas xa era habitual na América do século XVII.

A orixe da pataca frixida cortada en forma de bastón está disputada entre Bélxica e Francia. Dise que a finais do século XVIII sobre o Pont-Neuf de París se instalaban vendedores que as preparaban á vista dos clientes.[3]

As patacas frixidas tipo chips, é dicir, as que están cortadas en forma redonda e delgada, xurdiron no restaurante Moon Lake Lodge's, en Saratoga Springs, Nova York en 1853.[4] O chef do restaurante, George Crum, ante as continuas queixas dun cliente habitual que sempre lle recriminaba que non cortase as patacas frixidas suficientemente estreitas, decidiu darlle unha lección cortándoas excesivamente delgadas, de xeito que non puidesen pincharse co garfo. O resultado foi inesperado, e o cliente quedou sorprendido e satisfeito. Os clientes comezaron a pedir aquela nova especialidade á que bautizaron Saratoga Chips.[5] O éxito creceu e en 1920 inventouse a primeira máquina mondadora de patacas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. González González, Manuel (2012). Xunta de Galicia, ed. Dicionario de alimentación e restauración (PDF). p. 185. ISBN 978-84-453-5056-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de abril de 2016. Consultado o 17 de maio de 2017. 
  2. Colección de historiadores de Chile
  3. "Anécdotas, leyendas y recetas curiosas". Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2015. Consultado o 17 de maio de 2017. 
  4. How potato chip is made
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2014. Consultado o 17 de maio de 2017.