Pementa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pementa negra.

A pementa[1] ou prebe[2] é o froito da pementeira (Piper nigrum), duns catro milímetros de grosor, de cor encarnada que se torna negra ao secar, e que contén no seu interior a semente abrancazada e aromática. A partir deste froito mudo elabórase a especia picante do mesmo nome empregada en gastronomía[3]. A pementa branca non é máis que a semente madura sen a codia, mentres que a pementa negra é coa codia pero sen chegar a madurar totalmente, e a pementa verde é sen madurar[4].

Descrición[editar | editar a fonte]

Acio de grans aínda verdes in situ de Piper nigrum.

O sabor característico é máis pronunciado na pementa branca e máis suave na verde, con todo a pementa verde e a negra son máis aromáticas que a pementa branca. Pementa negra, pementa verde e a pementa branca, son diferentes variedades producidas dependendo dos distintos estados de maduración dos grans ao ser recollidos da planta: A pementa negra recóllese cando a maduración está próxima, xusto no momento en que as bagas presentan unha cor amarela-alaranxada. A pementa verde son grans totalmente sen madurar. A pementa branca son grans totalmente maduros desprovistos da casca. Non debemos confundirnos coa mal chamada pementa rosa (Schinus terebinthifolius) que nada ten que ver coa pementa. A pesar da existencia destas 3 variedades, a pementa negra é con diferenza a de maior produción e consumo, a máis apreciada polas súas características organolépticas, pronunciado sabor e intenso aroma. A pementa branca é utilizada principalmente na cociña occidental na elaboración de cremas ou salsas brancas, onde a pementa negra podería quitar a cor (por exemplo na bechamel). Tamén ten cabida naqueles pratos que requiren o sabor da pementa pero sen o marcado aroma da pementa negra. A pementa verde é empregada principalmente na cociña occidental xeralmente como gornición picante e na elaboración de salsas para acompañar asados de carne como o "bisté á pementa verde".

Grans de pementa branca e negra.

Ademais, tamén existen as pementas de:

  • Pementa de Cayena: prepárase pulverizando pementos picantes (Capsicum longum; cayenne pepper) desecadas; forma parte de pratos picantes, salsas de queixo e maionesas aromatizadas. Tamén podemos atopar as pementos picantes enteiras (trátase dunha variedade de tamaño pequeno)..
  • Pementa de Xamaica: úsanse as bagas secas e enteiras ou moídas de Pimenta dioica (malagueta; allspice), en encurtidos, escabeches e outros guisos, así como en pasteis e galletas. Úsase ás veces mesturada con pementa negra. O seu nome en inglés, "todas as especias", fai referencia ao seu aroma e sabor, que parecen unha mestura de especias diferentes.
Pementa de Xamaica.

Cómpre ter en conta que no Brasil, o termo refírese tanto ás especies de Capsicum (os pementos, dos que se pode tirar o condimento avermellado do mesmo nome) como as de Piper (as pementeiras, das que se tira a pementa). En Galiza e Portugal, porén, o termo pementa só designa o condimento e o froito das pementeiras (xénero Piper).

Especies botánicas[editar | editar a fonte]

Xénero Piper
Xénero Polygonum

Propiedades[editar | editar a fonte]

Entre as múltiples propiedades asociadas á piperina (substancia que lle outorga o característico sabor picante á pementa, do nome científico Piper; en contraste coa capsicina do pemento, do seu nome científico Capsicum) favorece o transito intestinal, axuda a mellorar o funcionamento cardiovascular, combate os arrefriados e segundo estudos recentes acelera o metabolismo, contribúe a queimar calorías e diminúe a artrite reumatoidea.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Ditos
  • Ser unha pementa, ser moi vivo ou listo nos seus faceres[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que a Real Academia Galega non recolle a variante pimenta, é a forma, ou polo menos a pronuncia máis común na bibliografía anterior, Dicionario de Dicionarios
  2. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pementa.
  4. "Dicionario de alimentación e restauración" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de abril de 2016. Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pementeira. A Real Academia Galega reserva o termo pementeiro para o lugar onde se cultivan pementos, mais noutras fontes botánicasCales? consideran este termo sinónimo de pementeira.
  6. Termos esenciais de botánica. Universidade de Santiago de Compostela, 2004. "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  7. Juan Cuveiro Piñol (1876): Diccionario Gallego, Barcelona

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]