Diego Abad de Santillán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sinesio Vaudilio García Fernández, coñecido como Diego Abad de Santillán, nado en Reyero (provincia de León) o 20 de maio de 1897 e finado en Barcelona o 18 de outubro de 1983, foi un militante e teórico anarquista e escritor español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de campesiños pobres, aos oito anos de idade emigrou á Arxentina cos seus pais, Donato García Paniagua e Anxela Fernández, en 1913 volveu á España e comezou a estudar o bacharelato en León e marchou posteriormente a Madrid para estudar Filosofía e Letras. Nunha das súas primeiras obras, El derecho de España a la revolución (1916) adoptou o pseudónimo de Diego Abad de Santillán. Participou na folga xeral de 1917 e estivo na cadea ano e medio, alí fixo amizade con Salvador Seguí e comezou a militar no movemento anarquista. Logo de saír do cárcere e para evitar o servizo militar marchou á Arxentina e integrou a Federación Obrera Regional Argentina e dirixiu o seu órgano La Prostesta, Abad de Santillán foi clave para que esa central sindical non caese baixo o influxo das ideas marxistas que se espallaban con enorme forza logo da revolución rusa. En 1922 fuxindo da represión desatada tras a folga de Patagonia marchou para Berlín, estudou medicina e foi un dos fundadores da Asociación Internacional de Traballadores.

En 1927 regresou á Arxentina e en 1930 tras ser condenado a morte tras o golpe de estado de José Félix Uriburu foxe ao Uruguai onde permaneceu ata a proclamación da república na España. Dirixiu o órgano da FAI, Tierra y Libertad e a revista teórica Tiempos Nuevos. Residente en Barcelona cando comezou a Guerra Civil española, participou activamente contra os sublevados na cidade, contribuíndo a organizar o Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña, foi conselleiro de Economía da Generalitat de Cataluña (decembro de 1936-marzo de 1937), crítico co goberno de Juan Negrín e coa actuación do PCE durante a guerra. Tras a derrota da república volveu á Arxentina, fundou varias editoriais, traduciu a Bakunin, editou a Gran Enciclopedia Argentina. En 1976 volveu á España pero decepcionado coa actuación da CNT volveu á Arxentina, regresou, xa enfermo, á España en 1983 morrendo aos poucos meses.