Saltar ao contido

Jay Rodriguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jay Rodriguez
, e
Información persoal
Nome Jay Enrique Rodriguez
Nacemento 29 de xullo de 1989
Lugar de nacemento Burnley
Altura 1,85 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Burnley
Número 19
Carreira xuvenil
–2007 Burnley
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2007–2012 Burnley 105 (31)
2008Stirling Albion (cedido) 11 (3)
2010Barnsley (cedido) 6 (1)
2012–2017 Southampton 104 (26)
2017–2019 West Bromwich Albion 82 (29)
2019– Burnley 124 (21)
Selección nacional
2011 Inglaterra sub-20 1 (0)
2013 Inglaterra 1 (0)
Na rede
Twitter: JayRodriguez9 UEFA: 250015790 Editar o valor en Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 1 de xuño de 2023.
Selección: actualizado a 25 de maio de 2021.editar datos en Wikidata ]

Jay Enrique Rodriguez, nado en Burnley o 29 de xullo de 1989, é un futbolista inglés, de orixe galega, que xoga como dianteiro no Burnley da Premier League.

Comezou a súa carreira no propio Burnley, da súa cidade natal, onde xogou 128 partidos e marcou 41 goles entre 2007 e 2012, antes de ser traspasado ao Southampton. As súas actuacións cos Saints levárono á selección inglesa, pouco antes de sufrir unha grave lesión que o afastou dos terreos de xogo durante máis dun ano. Posteriormente pasou polo West Bromwich antes de regresar ao Burnley en 2019.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Os seus avós paternos, Salvador e María del Carmen, emigraran dende A Coruña a York a comezos dos anos 60, instalándose finalmente en Burnley. Seu pai Kiko naceu en Burnley e pasou parte da súa infancia en Galicia, onde chegou a facer unha proba para entrar no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña.[1] De volta en Inglaterra xogou durante anos como dianteiro no fútbol semi-profesional e chegou a militar no filial do Burnley FC.[2][3] Súa nai, Carol, é inglesa.[4]

É o máis vello de dous irmáns e asistiu á escola de Primaria de Heasandford e ao Instituto Barden, ambos en Burnley.[3]

Entrou no Burnley FC aos 10 anos e ascendeu ata o primeiro equipo, ao que chegou ao final da tempada 2006/07. Foi o único xuvenil que subiu o adestrador Steve Cotterill, dos sete dispoñibles naquel momento.[5]

Debutou co primeiro equipo do Burnley no Championship (segunda categoría do fútbol inglés) o 29 de decembro de 2007 no estadio de Turf Moor, cando entrou como substituto de Stephen Jordan na derrota por 1-0 contra o Bristol City. Rematou a tempada 2007-08 cedido no Stirling Albion, da Primeira División escocesa (o torneo de segundo nivel, trala Premier) tras asinar en xaneiro de 2008. Debutou co Albion o 12 de xaneiro fronte ao Celtic na Copa Escocesa en Celtic Park.[6] Marcou o primeiro gol como profesional o 1 de marzo fronte ao Morton FC.[7] Anotou dous goles máis no que restaba de tempada, insuficientes para manter en Primeira o Albion, que acabou descendendo á Segunda escocesa (a competición do terceiro nivel).[8]

De volta no Burnley, xogou o seu primeiro partido da tempada o 23 de setembro de 2008, na Copa da Liga contra o Fulham, entrando no minuto 85 con 0-0 no marcador e anotando o gol da vitoria no minuto 88.[9][10] Comezou a aparecer regularmente no primeiro equipo como substituto e en xaneiro anotou un gol no último minuto da prórroga na eliminatoria da FA Cup fronte ao Queens Park Rangers, clasificando ao equipo para 1/16 de final. Unha semana despois, nas semifinais da Copa da Liga contra o Tottenham Hostpur, marcou o gol que forzou a prórroga, aínda que logo o Burnley perdeu a eliminatoria tras os goles de Jermain Defoe e Roman Pavliuchenko nos derradeiros minutos da prórroga.[11] O seu primeiro gol en liga co Burnley chegou o 11 de marzo de 2009 nunha vitoria por 4-2 sobre o Crystal Palace en Turf Moor.[12] Tres días despois marcou un espectacular gol na vitoria por 5-0 sobre o Nottingham Forest, que máis tarde lle valeu o recoñecemento ao mellor gol da tempada do Burnley.[13][14] A súa primeira titularidade cos Clarets chegou un mes despois, o 11 de abril de 2009, no partido de liga contra Queens Park Rangers, con vitoria por 1-0. Xogou logo os play-offs, ascendendo finalmente á Premier League.[15]

Co club na máxima categoría Rodriguez non dispuxo de minutos e a comezos de 2009 saíu cedido ao Barnsley FC. Marcou un gol no seu debut contra o Preston North End.[16]

Na tempada 2010-11 explotou definitivamente no Burnley, que de novo estaba na segunda división, e converteuse no máximo goleador do equipo con 15 goles, 14 goles deles en liga. Ao final da tempada, foi elixido mellor xogador do club.[17]

O 9 de agosto de 2011 anotou catro goles nun partido da Copa da Liga contra o Burton Albion. Os dous primeiros foron de penalti no tempo regulamentario, mentres que os outros dous marcounos no tempo extra para deixar o marcador en 6-3.[18] Os seus primeiros goles da tempada en liga logrounos na vitoria por 5-1 contra o Nottingham Forest, abrindo o marcador e engadindo un segundo gol 10 minutos despois.[19] Rematou a tempada como o máximo goleador de Burnley con 21 goles en todas as competicións, o que lle valeu para ser elixido no equipo do ano da PFA.[20]

Southampton

[editar | editar a fonte]
Rodriguez co Southampton en 2013

No verán de 2012 varios equipos da Premier League interesáronse polo xogador fichando finalmente polo Southampton, que acababa de ascender á máxima categoría.[21] Asinou un contrato por catro anos e o seu traspaso cifrouse nuns 7 millóns de libras esterlinas.[22]

Debutou na Premier League na xornada inaugural da tempada 2012-13, xogando de titular fronte ao Manchester City.[23] Marcou os seus dous primeiros goles oficiais co Southampton o 25 de setembro, na vitoria por 2-0 contra o Sheffield Wednesday na Copa da Liga.[24] Marcou o seu primeiro gol na Premier League co Southampton nun partido fronte ao Tottenham Hotspur o 28 de outubro de 2012.[25][26] O 30 de xaneiro abriu o marcador nunha derrota por 2-1 contra o Manchester United en Old Trafford, antes de que dous goles de Wayne Rooney lle deran a volta ao encontro.[27] O 16 de marzo marcou o gol final na vitoria por 3-1 contra o Liverpool.[28] Continuou a súa boa xeira de goles na vitoria por 2-1 contra o Chelsea campión de Europa [29] e na vitoria por 2-0 contra o Reading.[30]

O 2 de decembro de 2013 marcou o gol máis rápido da tempada 2013/14 da Premier League. Foi no partido contra o Chelsea en Stamford Bridge, no que marcou cando pasaran só 14 segundos dende o saque inicial.[31]

En marzo de 2014 anotou cinco goles en catro partidos, acadando os 15 goles en liga esa tempada.[32] O 5 de abril sufriu unha lesión no xeonllo no partido fronte ao Manchester City, sendo retirado en padiola.[33][34] Tres días despois, sóubose que rompera o ligamento cruzado anterior e que estaría de baixa durante once meses, o que lle impedía disputar o Mundial de Fútbol de 2014.[35] Non xogou ningún partido durante a tempada 2014-15 como resultado desta lesión.

En maio de 2015 asinou un novo contrato de catro anos co Southampton.[36] Reapareceu en competición despois de 16 meses de baixa o 6 de agosto de 2015, substituíndo a Graziano Pellè nos últimos 18 minutos dunha vitoria por 2-0 contra o Vitesse Arnhem na terceira rolda de clasificación para a UEFA Europa League.[37] Dúas semanas despois marcou o primeiro gol desde o seu regreso, facendo de penalti o empate 1-1 co FC Midtjylland na ida do play-off.[38] Anotou o seu primeiro gol na Premier League en case dous anos o 27 de agosto de 2016 contra o Sunderland, en St. Mary's, rescatando un punto para o Southampton nun empate a 1.[39] Disputou tamén os derradeiros instantes da final da Copa da Liga que o seu equipo perdeu fronte ao Manchester United no estadio de Wembley o 26 de febreiro.[40]

West Bromwich Albion

[editar | editar a fonte]

O 2 de xullo de 2017 asinou co West Bromwich Albion, tamén da Premier League, un contrato de catro anos. O traspaso tivo un custo de 12 millóns de libras esterlinas [41][42] Un mes despois xogou por primeira vez en Galicia, terra dos seus avós paternos, onde se enfrontou ao Deportivo da Coruña en Riazor, na disputa do Trofeo Teresa Herrera, que foi finalmente para o equipo galego (2-0).[43]

Debutou en partido oficial na xornada inaugural da tempada 2017-18, vencendo por 1-0 ao Bournemouth.[44] O seu primeiro gol co West Brom chegou dez días despois na segunda rolda da Copa EFL, na vitoria por 3-1 sobre o Accrington Stanley.[45] O equipo rematou na derradeira posición e descendeu á EFL Championship. Na tempada seguinte Rodriguez fixo 22 goles en 48 partidos, e o seu equipo quedou cuarto en liga, xogando a promoción de ascenso, onde caeu eliminado contra o Aston Villa.

Regreso a Burnley

[editar | editar a fonte]

En xullo de 2019 regresou ao Burnley cun contrato de dous anos, pagando o equipo uns 10 millóns de libras polo seu traspaso.[46] Foi o segundo máximo goleador do Burnley durante a campaña 2019/20, con 11 dianas, 8 delas na Premier League, só por detrás do neozelandés Chris Wood. O 21 de setembro de 2021 marcou catro goles nun mesmo partido por segunda vez na súa carreira. Foi de novo na Copa da Liga, desta vez contra o Rochdale, nun encontro que o Burnley gañou por 4-1.[47] O equipo acabou descendendo ao Championship esa tempada, pero regresou á Premier League na seguinte, ao proclamarse campión da segunda categoría con 7 xornadas de antelación, contribuíndo Jay Rodriguez con 10 goles.[48]

Selección inglesa

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2011 foi convocado para a selección sub-21 de Inglaterra. O 8 de febreiro de 2011 fixo o seu debut internacional nun amigable contra Italia, substituíndo no minuto 60 a James Vaughan.[49]

Recibiu a súa primeira convocatoria para a selección inglesa absoluta de Inglaterra o 7 de novembro de 2013, xunto cos seus compañeiros do Southampton Rickie Lambert e Adam Lallana, para dous amigables contra Chile e Alemaña.[50][51] Debutou o 15 de novembro contra Chile no estadio de Wembley.[52]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Burnley
  1. "El West Bromwich Albion aterrizó en A Coruña con 21 futbolistas para disputar esta noche el Teresa Herrera" (en castelán). 5 de agosto de 2017. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  2. "From Barrowford Celtic to Carling Cup hero for Burnley striker" (en inglés). 25 de setembro de 2008. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  3. 3,0 3,1 "At home with Burnley star Jay Rodriguez and family" (en inglés). 28 de xuño de 2011. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  4. Lestón, Antón (2 de agosto de 2017). "La conexión gallega del West Brom". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 15 de febreiro de 2021. 
  5. "Jay gets Burnley deal" (en inglés). 29 de abril de 2007. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  6. "Celtic 3-0 Stirling Albion". BBC (en inglés). 12 de xaneiro de 2008. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  7. "Jay back with his first goal" (en inglés). 3 de marzo de 2008. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  8. "Livingston vs Stirling Albion". football.co.uk (en inglés). 29 de marzo de 2008. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  9. "Burnley teenager Jay Rodriguez turfs out lacklustre Fulham". The Times (en inglés). 24 de abril de 2008. Consultado o 16 de febreiro de 2021. 
  10. "Burnley vs. Fulham 1 - 0". soccerway.com (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2021. 
  11. "Burnley 3-2 Tottenham (agg 4-6)". 21 de xaneiro de 2009. Consultado o 16 de febreiro de 2021. 
  12. "Burnley 4-2 Crystal Palace". 11 de marzo de 2009. Consultado o 16 de febreiro de 2021. 
  13. "Burnley 5-0 Nott'm Forest". BBC (en inglés). 15 de maio de 2011. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  14. "Grezza, Robbie and the Beast" (en inglés). 29 de abril de 2009. Consultado o 16 de febreiro de 2021. 
  15. "Burnley 1-0 Sheff Utd". BBC (en inglés). 25 de maio de 2009. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  16. "Preston 1 - 4 Barnsley" (en inglés). 2 de febreiro de 2010. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  17. "Jay Rod: The title is in Burnley's sights next year" (en inglés). 10 de maio de 2011. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  18. "Burnley 6-3 Burton Albion (aet)". BBC (en inglés). 9 de agosto de 2011. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  19. "The pressure grew on Nottingham Forest manager Steve McClaren as his team were thrashed by fellow strugglers Burnley.". BBC (en inglés). 27 de setembro de 2011. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  20. "Spurs defender Kyle Walker wins PFA Young Player award". BBC (en inglés). 22 de abril de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  21. "Clarets agree record fee with Saints for striker Rodriguez". Lancashire Telegraph (en inglés). 29 de maio de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  22. "Jay Rodriguez completes Southampton move from Burnley". BBC (en inglés). 10 de xuño de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  23. "Man City 3-2 Southampton". BBC (en inglés). 19 de agosto de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  24. "Southampton 2-0 Sheffield". BBC (en inglés). 25 de setembro de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  25. "Southampton 1-2 Tottenham". BBC. 28 de outubro de 2012. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  26. "Southampton 1-5 Chelsea". BBC (en inglés). 5 de xaneiro de 2013. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  27. "Manchester United 2-1 Southampton". BBC (en inglés). 30 de xaneiro de 2013. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  28. "Southampton 3 -1 Liverpool". BBC (en inglés). 16 de marzo de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  29. "Southampton 2-1 Chelsea". BBC (en inglés). 30 de marzo de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  30. "Reading 0-2 Southampton". BBC (en inglés). 6 dea abril de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  31. "GIF: Southampton's Jay Rodriguez Scores in 14 Seconds Against Chelsea" (en inglés). 1 de decembro de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  32. "Saints thump Newcastle on Pardew return" (en inglés). 30 de marzo de 2014. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  33. "Man City 4–1 Southampton". BBC (en inglés). 5 de abril de 2014. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  34. "Jay Rodriguez: England & Southampton striker injured". BBC (en inglés). 5 de abril de 2014. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  35. "Jay Rodriguez: Southampton & England striker out for six months". BBC (en inglés). 7 de abril de 2014. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  36. "Jay Rodriguez: Southampton striker signs new contract". BBC (en inglés). 12 de maio de 2015. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  37. "Vitesse 0-2 Southampton". BBC (en inglés). 6 de agosto de 2015. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  38. "Southampton 1-1 FC Midtjylland". BBC (en inglés). 20 de agosto de 2015. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  39. "Southampton 1-1 Sunderland". premierleague.com (en inglés). 27 de agosto de 2016. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  40. "Manchester United 3-2 Southampton". BBC (en inglés). 26 de febreiro de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  41. "Jay Rodriguez explains why he has left Southampton to sign for West Brom". Birmingham Mail (en inglés). 2 de xullo de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  42. "Jay Rodriguez: West Brom sign striker from Southampton in £12m deal". BBC (en inglés). 2 de xullo de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  43. "Pasión deportivista del 'coruñés' Jay Rodríguez". La Opinión A Coruña (en castelán). 5 de agosto de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  44. "West Bromwich Albion 1-0 AFC Bournemouth". BBC (en inglés). 12 de agosto de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  45. "Accrington Stanley 1-3 West Bromwich Albion". BBC (en inglés). 22 de agosto de 2017. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  46. "Jay Rodriguez: Burnley re-sign West Brom striker on two-year deal". BBC (en inglés). 9 de xullo de 2019. Consultado o 23 de maio de 2021. 
  47. "Burnley's Jay Rodriguez scored all four goals as the Clarets secured their place in the fourth round of the Carabao Cup with an ultimately comfortable win over Rochdale." (en inglés). 21 de setembro de 2021. Consultado o 1 de xuño de 2023. 
  48. "El Burnley regresa a la Premier League tras una temporada de récord". Marca (en castelán). 7 de abril de 2023. Consultado o 1 de xuño de 2023. 
  49. "First cap for Jay Rod in Italy defeat" (en inglés). 8 de febreiro de 2011. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  50. "England squad: Southampton striker Jay Rodriguez called up". BBC (en inglés). 7 de novembro de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  51. "Jay Rodriguez: England striker's rise from modest beginnings". BBC (en inglés). 7 de novembro de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 
  52. "England 0–2 Chile". BBC. 15 de novembro de 2013. Consultado o 24 de maio de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]