Inspección Técnica de Vehículos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Inspección Técnica de Vehículos (ITV) é un tipo de mantemento legal preventivo en que un vehículo é inspeccionado de forma periódica por un ente certificador, o cal verifica o cumprimento das normas de seguridade e emisións contaminantes que lle sexan aplicables. Nalgunhas lexislacións cómpre que un vehículo aprobe a ITV para poder ser matriculado ou para renovar a licenza ou patente. Dita aprobación acredítase mediante un certificado emitido pola entidade a cargo da inspección, e nalgúns casos adicionalmente adhírese un distintivo no parabrisas, na placa patente ou noutro lugar do vehículo onde resulte visible, a fin de facilitar a fiscalización. Nalgúns países a inspección realízase en talleres ambulantes en diferentes puntos das cidades.

España[editar | editar a fonte]

Sinal de indicación dunha estación ITV.

Está establecido por lei a periodicidade mínima con que os vehículos deben pasar a ITV, así como situacións extraordinarias que obrigan a acudir á revisión. Dependendo da categoría do vehículo (turismo, camión, furgoneta, motocicleta, vehículos de alugueiro, de autoescolas etc) a lei establece unha periodicidade mínima obrigatoria para pasar a ITV. Así, a lexislación española[1] establece que para os turismos de uso privado (a maior parte dos vehículos matriculados) a primeira revisión ha de realizarse ao cabo de catro anos desde a data de matriculación, e deberá repetirse cada 2 anos até que cumpra os 10 anos, momento a partir do cal debe pasarse anualmente. Para as furgonetas a primeira é aos dous anos, e repetirá cada 2 até os 6 anos, despois é anual até os 10 anos, e a partir dos 10 anos cada 6 meses. Os vehículos que sufrisen un dano importante a consecuencia dun accidente que puidese afectar algún elemento de seguridade (dirección, transmisión, freado, suspensión, bastidor ou algunha estrutura de ancoraxe) poden ser obrigados a realizar unha revisión segundo o ditame do atestado, retirándolle nese caso o permiso de circulación ao condutor e enviándoo a Tráfico até que a avaría estea arranxada.

A inspección de vehículos está regulada polo Real Decreto 2042/1994 e as estacións de ITV polo Real Decreto 224/2008. As estacións de ITV son concesións administrativas e o prezo da revisión pode variar en función da comunidade autónoma en que se leve a cabo.

Compróbase que os datos identificativos do vehículo (matrícula, número de bastidor, marca e modelo) coinciden cos datos contidos na documentación do vehículo entregada polo usuario, isto é, o Permiso de Circulación e a Tarxeta de Inspección Técnica de Vehículos.

Despois avalíase o acondicionamento exterior: espellos retrovisores, visibilidade, lúas, placa matrícula etc. O estado xeral da carrocería así como o bastidor, piso e baixos do vehículo. O acondicionamento interior do vehículo: funcionamento das portas, ventás, mecanismos de peche e apertura, cintos de seguridade etc. Sinalización e alumeado: luces de cruzamento, luces de estrada, intermitentes, luz de freo, marcha atrás etc. Eficacia do sistema de freado. Funcionalidade da dirección para detectar se existen folguras. Suspensión e eixos: rótulas, amortecedores e articulacións. Funcionalidade do motor: nivel de ruído, emisión de monóxido de carbono etc.

En base aos resultados da análise, establécense catro resultados posibles no informe de inspección: inspección favorable sen defectos, inspección favorable con defectos leves, inspección desfavorable e inspección negativa. O resultado de inspección favorable sen defectos ou favorable con defectos leves permite circular o vehículo con normalidade até que volva caducar a inspección. Porén, se o resultado é desfavorable los defectos deben ser corrixidos antes de 60 días, e o vehículo non poderá circular agás para ir reparar os defectos e regresar ao centro de ITV.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia a Inspección Técnica de Vehículos é realizada pola empresa Supervisión y Control, que ten a concesión da Xunta de Galicia. En xaneiro de 2016 había 23 estacións fixas para a inspección:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Apartado 1 do artigo 6 do RD 2042/1994 de 14 de outubro, modificado polo RD 711/2006 de 9 de xuño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]