Holaspis
Holaspis | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Holaspis laevis | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||||||
|
Holaspis é un xénero de lagartos africanos ecuatoriais da familia dos lacértidos. Unha característica peculiar é que pode facer voos planados dunha árbore a outra.
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]O termo do latín científico Holaspis procede das raíces gregas "aspis", ἀσπίς (= escudo redondo) e "holos", ὅλος, ὅλως (= todo, completo). Fai referencia ás escamas da cabeza nas que as escamas frontoparietal e occipital están totalmente fusionadas.
H. guentheri recibe ese nome por Albert Günther (1830-1914), un zoólogo do Museo Británico nado en Alemaña. H. laevis procede do latín laevis, que significa "suave".
Nota
[editar | editar a fonte]Cómpre dicir que "holaspis" é tamén o nome que se lle dá a unha fase larvaria dos trilobites, coa que non se debe confundir.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Fixéronse estudos para ver a relación deste xénero con outros lacértidos. En análises de compatibilidade e parsimoria baseada na morfoloxía Arnold (1989) recoñeceu un clado chamado o "grupo africano ecuatorial" incluíndo nel a Adolfus, Gastropholis, e Holaspis. En todos os lacértidos deste clado o forame parietal está sempre ausente, a escama parietal esténdese ata o bordo da táboa parietal e só hai unha escama posnasal.
Descrición
[editar | editar a fonte]O xénero foi descrito en 1863 polo naturalista, botánico, zoólogo e micólogo inglés John Edward Gray,[1]
Especies
[editar | editar a fonte]Recoñécense dúas especies no xénero Holaspis.[1]
- Holaspis guentheri Gray, 1863
- Holaspis laevis Werner, 1895
Nota taxonómica
[editar | editar a fonte]Anteriormente H. laevis era considerado unha subespecie de H. guentheri.[2][3]
Distribución
[editar | editar a fonte]As dúas especies do xénero teñen áreas de distribución separadas:
- Holaspis guentheri vive en África occidental no sur de Serra Leoa, Guinea, Liberia, Ghana, Togo, Benín, Nixeria, e o Camerún. No norte do Camerún existen poboacións residuais na rexión de sabana guineana (a 30 km ao nordeste de Tignère, até os 1 000 m de altitude). En África central pode encontrarse en Guinea Ecuatorial, Gabón, República Centroafricana, República do Congo, norte e oeste da República Democrática do Congo e sur e noroeste de Angola. Esta especie vive tamén en África oriental desde o noroeste de Tanzania (Bukoba) ao sueste de Uganda (bosque de Budongot, e rexións ao oeste do lago Vitoria).[4][5][6][7][8]
- Holaspis laevis está distribuído na África oriental, no nordeste e sueste de Tanzania, no nordeste e no centroleste de Mozambique e no sur de Malaui.[4][5]
Características
[editar | editar a fonte]A cabeza e corpo de Holaspis están moi aplanados, as escamas frontoparietais e occipitais están totalmente fusionadas formando escudos, a cola é aplanada con bordos laterais de escamas e o terceiro e cuarto dedo do pé anterior están fusionados en case toda a súa articulación. Ten dúas ringleiras de escamas como bandas anchas lisas baixo a liña vertebral nas costas e na cola. As escamas ventrais son lisas. O colar está composto por de 9 a 15 pequenas escamas. Presenta de 16 a 24 poros femorais, máis desenvolvidos nos machos. A lonxitude máxima total en ambas as especies do xénero é de 129 mm, a lonxitude fociño-ano máxima é 53 mm e nesta medida non hai dimorfismo sexual. Pero os machos teñen cabezas máis grandes e a súa base da cola é máis ancha.[2][9][10]
Dorsalmente a cor de fondo é negra. Na cabeza desde a punta do fociño á caluga hai unha liña media amarela ou amarelo verdosa. A cada lado das costas fóra das grandes dorsais corre unha raia lonxitudinal turquesa ou azul celeste que se fusionan na base da cola. Desde alí continúase como unha liña azul clara parcialmente interrompida na punta da cola. O patrón dos flancos difire nas dúas especies: En H. guentheri nos flancos hai dúas liñas de marrón amarelado a marrón cincento, mentres que en H. laevis hai só unha liña máis ancha de marrón amarelado a marrón avermellado ou beige desde a punta do fociño á pata posterior. As anchas escamas da cola nos lados son de cor amarela a laranxa.[10]
O número de liñas escuras ou claras é practicamente a única diferenza morfolóxica externa entre as dúas especies. Segundo Arnold (1989): H. guentheri: "Unha liña vertebral escura no corpo e tres liñas escuras a cada lado". H. laevis: "Unha liña vertebral escura e dúas liñas escuras a cada lado".
Ventralmente estes lagartos son de amarelos ou laranxas a laranxas verdosos, parcialmente cun brillo anacarado. Os machos adoitan ter cores máis brillantes. Os individuos xuvenís lembran os seus proxenitores pero as liñas dorsais coloreadas son máis estreitas e menos intensamente coloreadas. Ventralmente os xuvenís son negros en contraste cos adultos.[10]
Hábitat e historia natural
[editar | editar a fonte]Os Holaspis son lacértidos diúrnos, arbóreos, extremadamente áxiles e poden moverse en vertical e en superficies que sobresaen co corpo e a cola moi apertados contra a superficie. Viven en grandes árbores polo menos a 15 m sobre o chan do bosque en bosques primarios, áreas influenciadas polo ser humano e mesmo en bosques de eucaliptos de codia lisa, pero non se encontran en bosques pechados. A cola aserrada que teñen é considerada unha adaptación adicional a gabear para incrementar o agarre.[4][5][10][11]
Son cazadores activos de pequenos insectos e outros artrópodos, como formigas, saltóns e arañas, e a miúdo inspeccionan as gretas onde estes se poden encontrar.[4][10]
Son os únicos lacértidos que poden facer un voo planado botándose dunha árbore a outra en distancias de ata 30 m. Porén, as especies de Holaspis están menos especializadas para o voo que as especies de agámidos do xénero Draco ou os xecónidos do xénero Ptychozoon por exemplo. As adaptacións para planar de Holaspis son o seu corpo e cola aplanado, os dedos fusionados e a súa baixa masa corporal. Os seus ósos teñen moitos espazos cheos de aire, o que fai que o esqueleto sexa moi lixeiro para planar.[5][10][12][13][14][15][16]
Non se sabe moito da súa reprodución na natureza. Producen máis dunha posta por ano. As femias poñen dous ovos baixo a codia de árbore solta ou baixo follas caídas.[5][11][17]
Mantemento en vivarios
[editar | editar a fonte]As especies de Holaspis ocasionalmente téñense en casa como mascotas. Holaspis guentheri e H. laevis son con frecuencia confundidos entre si no comercio de mascotas ou denominados en xeral H. guentheri, porque H. laevis era anteriormente só unha subespecie de H. guentheri. Porén, case todos os Holaspis comercializados son H. laevis. A crianza en catividade serviu para obter máis información sobre a bioloxía de Holaspis.[2][10][18][19]
Un dos aspectos dos que se obtiveron datos en catividade foi a reprodución. No "Acuario de Colonia" unha femia de H. laevis procedente de Tanzania puxo un ou dous ovos varias veces o 14 de novembro, 22 de decembro, 24 de febreiro e 5 de abril. Só un dos ovos chegou a eclosionar despois de 54 días de incubación.[20] A incubación de ovos foi máis exitosa noutros casos. Femias de H. laevis puxeron ovos baixo a codia de árbores. A posta case sempre foi de dous ovos, raramente un, posto por femias novas. Facían postas cada catro ou seis semanas durante o ano. O tamaño do ovo era de 6,0 a 7.2 mm x de 11,3 a 12.9 mm e a súa masa de entre 0,30 e 0,38 g. A 29 °C o tempo de incubación foi de 55 a 57 días. As crías medían de 21 a 24 mm de lonxitude fociño-ano, mentres que a lonxitude da cola era de 30 a 35 mm, e tiñan unha masa de entre 0,23 e 0,25 g. En catividade a madureza sexual acádana entre os 1,5 e 2 anos.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Holaspis Gray, 1863 no GBIF.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Kroniger 2004
- ↑ http://www.lacerta.de/AS/Taxon.php?Genus=52
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Arnold 1989
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Spawls et al. 2002
- ↑ Chirio & Ineich 2006
- ↑ Hoinsoude Segniagbeto et al. 2015
- ↑ LeBreton 1999
- ↑ Boulenger 1921
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 Kroniger & Bosch 2001
- ↑ 11,0 11,1 Dunger 1967
- ↑ "Neon Blue Tailed Tree Lizard Glides". Photo shows H. laevis
- ↑ Vanhooydonck et al. 2009
- ↑ Arnold 2002
- ↑ Schiøtz & Volsøe 1959
- ↑ Schmidt 1919
- ↑ Loveridge 1953
- ↑ "Neon Blue Tailed Tree Lizard". A foto mostra H. laevis
- ↑ Meyer 2000
- ↑ Herrmann 1998
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arnold, E. N. (1989): "Systematics and adaptive radiation of Equatorial African lizards assigned to the genera Adolfus, Bedriagaia, Gastropholis, Holaspis and Lacerta (Reptilia: Lacertidae)". Journal of Natural History 23: 525-555.
- Arnold, E. N. (2002): "Holaspis, a lizard that glided by accident: mosaics of cooption and adaptation in a tropical forest lacertid (Reptilia, Lacertidae)". Bulletin of the Natural History Museum, London (Zoology) 68: 155-162.
- Boulenger, G. A. (1921): Monograph of the Lacertidae. Vol. II. London: British Museum (Natural History). Department of Zoology.
- Broadley, D. G. (2000): "Lacertidae – Holaspis laevis (Werner, 1895). Eastern Serrate-Toed Tree lizard". African Herp News 31: 13-14.
- Chirio, L. & Ineich, I. (2006): "Biogeography of the reptiles of the Central African Republic". African Journal of Herpetology 55 (1) :23-59.
- Dunger, G. T. (1967): "The Lizards and Snakes of Nigeria. Part II: The Lacertids of Nigeria". Nigerian Field 32 (3): 117-131.
- Gray, J. E. (1863): "Descriptions of two new genera of lizards (Holaspis and Poriodogaster A. Smith MS)". Proceedings of the Zoological Society of London 1863: 152-155.
- Greenbaum, E., Villanueva, C. O., Kusamba, C., Aristote, M. M. & Branch, W. R. (2011): "A molecular phylogeny of Equatorial African Lacertidae, with the description of a new genus and species from eastern Democratic Republic of the Congo". - Zoological Journal of the Linnean Society, 163: 913–942.
- Herrmann, H.-W. (1998): "Holaspis guentheri laevis (East African fringe-tailed Forest Lizard). Reproduction". - Herpetological Review, 29: 238.
- Hoinsoude Segniagbeto, G., Trape, J.-F., Afiademanyo, K. M., Rödel, M.-O., Ohler, A., Dubois, A., David, P., Meirte, D., Glitho, I. A., Petrozzi, F. & Luiselli, L. (2015): "Checklist of the lizards of Togo (West Africa), with comments on systematics, distribution, ecology, and conservation". Zoosystema, 37 (2): 381-402.
- Kroniger, M. (2004): "Die Ostafrikanische Sägeschwanzeidechse Holaspis laevis". Art für Art, Münster (NTV). 61 pp
- Kroniger, M. & Bosch, H. A. J. (2001): "Biological data on Holaspis guentheri laevis Werner, 1895 obtained from vivarium keeping". Pod@rcis 2 (3): 72-80.
- LeBreton, M. (1999): "A working checklist of the herpetofauna of Cameroon". IUCN Netherlands, 141 pp.
- Loveridge, A. 1953. "Reptiles from Nyasaland and Tete". Bulletin of the Museum of Comparative Zoology at Harvard College 110: 143-322.
- Meyer, M. (2000): "Die „Fliegende Eidechse“. Haltung und Vermehrung von Holaspis guentheri laevis". Reptilia, Münster 5 (26): 55-57.
- Pauwels, O. S. G. & Itam, S. (2013): "Holaspis guentheri (Günther’s Gliding Lizard). Predation". Herpetological Review, 44 (4): 674.
- Schiøtz, A. & Volsøe, H. (1959): "The gliding flight of Holaspis guentheri, a West African lacertid". - Copeia, 1959: 259-260.
- Schmidt, K. P. (1919): "Contributions to the herpetology of the Belgian Congo based on the collection of the American Congo Expedition, 1909-1915. Pt. I. Turtles, crocodiles, lizards, and chameleons". Bulletin of the American Museum of Natural History 39 (2): 385–624.
- Spawls, S., Howell, K. M., Drewes, R. C. e Ashe, J. (2002): A Field Guide to the Reptiles of East Africa. San Diego, San Francisco, New York, Boston, London: Academic Press, Elsevier Science.
- Vanhooydonck, B., Meulepas, G., Herrel, A., Boistel, R., Tafforeau, P., Fernandez, V. & Aerts, P. (2009): "Ecomorphological analysis of aerial performance in a non-specialized lacertid lizard, Holaspis guentheri". The Journal of Experimental Biology 212: 2475-2482.
- Werner, F. (1895): "Ueber einige Reptilien aus Usambara (Deutsch-Ostafrika)". Verhandl. der k. k. zool. bot. Ges. 45: 190-194, Taf. V.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Holaspis na ADW.
- Holaspis laevis Werner, 1895 na EOL.