Historia do Ilves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeira camisola de Ilves en 1932.

Ilves é un equipo profesional de hóckey sobre xeo fundado o 10 de abril 1931 na cidade de Tampere, Finlandia. Ilves xogou o seu primeiro partido o 24 de xaneiro de 1932 no xeo do lago Näsijärvi, e conquistaron o seu primeiro campionato finlandés en 1936. En total o equipo proclamouse campión de Finlandia 16 veces, quince delas antes da profesionalización da liga, sendo o segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés por detrás dos seus rivais locais de Tappara, que conta cun campionato máis.[a]

Os primeiros partidos de Ilves disputáronse sobre o xeo dos lagos da cidade de Tampere. En 1945 construíuse a primeira pista exterior de hóckey sobre xeo de Finlandia, a Pista de xeo de Koulukatu, onde Ilves comparpartu feudo cos seus veciños de Tappara e Koovee ata a inauguración do primeiro estadio cuberto de Finlandia, o Tampereen jäähalli (máis coñecido como Hakametsä), o 29 de xaneiro de 1965. En decembro de 2021 o equipo se trasladará ao moderno Tampereen Kannen Areena, situado no centro da cidade e con capacidade para 13 330 persoas.

O Museo finlandés do hóckey sobre xeo introduciu ao redor de 50 personalidades relacionadas con Ilves no seu Salón da Fama (coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat, en galego Leóns do hóckey sobre xeo finlandés). O equipo retirou sete números en honor a outros tantos xogadores, e honrou a 24 personalidades do club no chamado "Ilves Hockey Legends".

Fundación e primeiras tempadas[editar | editar a fonte]

O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931.

O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[1] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[1][2]

Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes.[3][4][5] Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0).[6] En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.[7]

En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade.[8] Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.[7]

O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre.[9] Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.[7]

Primeiros títulos[editar | editar a fonte]

Os irmáns Jussi e Risto Tiitola (con camisetas a raias) durante un partido entre Ilves e HJK disputado na pista de Koulukatu-Mariankatu (Tampere) o 30 de xaneiro de 1937. Os membros da familia Tiitola foron pezas chave na consecución dos primeiros títulos do equipo.

En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia. Esa tempada o daquela único equipo representante de Tampere gañou tres dos seus seis encontros, empatando os outros tres. Entre as caras novas do equipo, que perdera a tres dos cinco irmáns Tiitola que xogaran a tempada anterior, salienta o turco Murat Ahsen-Böre, que se uniu a seu irmán. Á vitoria inicial fronte a HSK (5-0) seguíronlle outras dúas fronte a HJK en Kamppi (Helsinqui) Poor 3-4, e outra nova vitoria na casa fronte a KIF (3-0). Nos tres últimos partidos o equipo colleitou tres empates fronte a HSK e KIF (1-1) en Helsinqui fronte a KIF en Tampere (6-6), un partido trepidante que non se puido decidir sequera logo da prórroga. Deste xeito Ilves e KIF finalizaron empatados a puntos na clasificación. Se ben estaba preparado para que se xogara o partido de desempate en Tampere[b] o domingo 3 de marzo. O equipo de Helsinqui considerou que o lugar no que se debía disputar o encontro non era axeitado, e aínda que se propus atrasar a hora do mesmo, KIF negouse a jogar por diversos motivos. Finalmente o campionatoo resolveuse de xeito infrecuente mediante votación da Asemblea de Hóckey, que finalizou cun resultado de 22-19 favorable a Ilves. A nivel individual volveu salientar Jussi Tiitola, que conseguiu un rexistro de 10+0 puntos, así como o maior rexistro de goles nun único partido (catro), pola súa banda o seu irmán Risto conseguiu o maior rexistro de puntos nun único partido con catro.[10][11]

Na tempada seguinte Ilves conquistou de novo o campionato nacional sen perder ningún partido. O equipo comezou a tempada adestrando durante o verán e o outono, mantendo case o mesmo bloque que se proclamara campión a tempada precedente, coas únicas baixas de Matti Tiitola, que deixou o equipo, e Lasse Melart, que morrera no exército, e coa chegada de Seppo Jaakkola. A tempada volveu estar marcada pola loita entre Ilves e KIF polo campionato, e de feito os dous partidos que xogaron contra o equipo de Helsinqui foron os únicos que non gañaron, rexistrando dous empates: 3-3 no primeiro choque da tempada disputado na capital finlandesa, e no que os de Tampere remontaron un 2-0 en contra para poñerse cun 2-3 que acabaría sendo neutralizado por un disparo dende 20 metros do xogador local Sjöberg; e 2-2 en Tampere. Ese ano o equipo logrou a maior goleada da súa daquela curta historia logo de derrotar a Åbo IFK (ÅIFK) de Turku en Helsinqui.[c] A pesar da igualdade entre KIF e Ilves, o título caeu do lado de Ilves logo de que HJK sorprendera a KIF (3-2) no derbi da capital no derradeiro partido da tempada. Novamente Jussi Tiitola volveu ser o xogador máis salientable da tempada, ao rexistrar 14 puntos e 11 goles en total, liderando o seu equipo en ambas facetas.[12]

Equipo de Ilves campión de Finlandia en 1938.

Tan só catro partidos se xogaron na tempada 1937-38, que Ilves contou por vitorias. Logo de que Niilo Tammisalo deixara o cargo de adestrador ao final da tempada precedente, Risto Lindroos fíxose cargo dun equipo que tan só contou coa baixa de Jaakku Huhti. Durante a tempada, que comezou como local en Tampere fronte a ÅIFK, o equipo gañou todos os seus partidos por canto menos dous goles de diferenza. No segundo partido, disputado tamén en Tampere, o equipo rexistrou unha audiencia récord, con en torno a 600 persoas nas bancadas da pista de Koulukatu-Mariankatu para presenciar o encontro fronte ao gran rival de Ilves nas dúas tempadas anteriores, KIF Helsinqui, nun partido que os linces remontarían logo do 0-2 inicial dos capitalinos. Logo da vitoria en Turku fronte a Riento Turku, Ilves chegaba á derradeira xornada igualado co HJK de Helsinqui, co cal o equipo que gañara o partido proclamaríase campión. Ilves acabaría gañando o encontro por catro goles a un, e con el o campionato. Matti Wasama liderou esa tempada o equipo en goles (5) e puntos (7).[13]

O 23 de febreiro de 1938 Ilves xogou o seu primeiro partido internacional ao enfrontarse na casa ao Telefon Club Romania de Bucarest, caendo por 3-5 ante un equipo que na práctica era o combinado nacional de Romanía.[13]

Tempos de guerra[editar | editar a fonte]

Na 1938-39 tan só se disputaron seis partidos, dos cales Ilves perdeu en dous, fronte a KIF e HJK, ambos partidos foron disputados en Tampere e finalizaron co mesmo marcador (1-2). Feyzi e Murat Ahsen-Böre e Naim Nasib deixaron o equipo, e chegaron o desfensa Henry Kvist, así como os defensas Heikki Lahdelma e Osmo Huhti, mentres que Teuvo Hellén completou a portería dos linces. A primeira derrota do equipo chegou o 6 de xaneiro de 1939, cando KIF acabou coa xeira de vitorias de Ilves, que se prolongara dende o 19 de xaneiro de 1936. Todas as opcións de revalidar o título por cuarto ano consecutivo acabáronse na penúltima xornada da competición, coa derrota fronte a HJK. Ese ano Erkki Rintala converteuse, con cinco goles e seis puntos, no máximo goleador e puntuador do equipo.[14] Logo de finalizar a liga, o equipo xogou dous partidos amigables contra os seus veciños do TBK, aos que xa derrotaran no ano anterior, perdendo o primeiro deles (1-2) e gañando o segundo, disputado no mes de marzo, por 4-0.[13][14]

Co estalido da Guerra de Inverno que enfrontou a Finlandia e a Unión Soviética o 30 de novembro de 1939,[15] suspendeuse a competición de hóckey sobre xeo no país e o equipo non disputou ningún outro encontro. Durante a contenda, o que fora tres veces máximo goleador do campionato finlandés e que daquela ocupaba o posto de presidente do club, Jussi Tiitola, así como o dianteiro internacional Erkki Rintala (que viña de ser o máximo goleador do equipo) faleceron na fronte. Co falecemento de Tiitola, o seu posto foi ocupado por Väinö Teivaala.[11][16]

O ano seguinte, coa guerra xa concluída, Ilves volveu á competición. Á morte de Rintala sumóuselle a lesión de Seppo Jaakola, que impediu a súa participación. Con todo, o equipo viu o regreso de Feyzi Ahsen-Böre e Naim Nasib, aos que se uniron Matti Majanen e Matti Rintakoski, ademais Ilves trasladouse á pista de Eteläpuisto. O primeiro partido logo da contenda celebrouse o 20 de decembro de 1940, cando o equipo perdeu fronte a TBK (4-2). Esa tempada, de novo, os linces non foron capaces de superar a KIF e HJK, fronte aos que caeu con contundencia na casa nas dúas primeiras xornadas (1-4 e 1-5 respectivamente). Logo de dúas vitorias consecutivas na casa fronte a Tarmo e TPS, e outra a domicilio en Turku fronte a Riento, Ilves pechou a tempada con dous empates como visitante de novo en Turku (2-2 ante ÅIFK), e na capital (0-0 fronte a HSK), asegurándose a medalla de bronce. Ese ano Osmo Huhti foi o máximo goleador e puntuador (7 goles e outros tantos puntos), mentres que Matti Wasama foi o máximo asistente con catro.[17]

O campionato suspendeuse de novo na tempada 1941-42 a causa da Guerra de Continuación. Con todo, o equipo puido disputar dous partidos amigables fronte a TBK durante o mes de febreiro de 1942, gañando ambos por catro goles a tres.[18] Con todo, o ano seguinte disputouse unha liga non oficial durante a guerra na que o lince finalizou na terceira posición cun rexistro de catro vitorias, dous empates e unha derrota, sendo ademais o segundo equipo máis goleador[d] e o equipo menos goleado,[19] a pesar de perder ao seu porteiro Teuvo Castren, que perdeu a vista na guerra.[20] A causa da guerra moitos xogadores tiveron de defender as cores doutros equipos, como foi o caso de Teuvo Hellén, que se converteu no primeiro xogador en vestir a camisola de dous equipos distintos de Tampere.[21][19]

Aarne Honkavaara debutou co equipo na tempada 1943-44.

A tempada 1943-44 foi a derradeira afectada pola guerra e non puido disputarse por completo.[22] Ese ano debutou Aarne Honkavaara, que non o puidera facer o ano anterior ao terse roto unha perna durante un partido de fútbol durante o verán.[19][22] O equipo, integrado principalmente por xogadores mozos da cidade, finalizou na terceira posición e tan só puido disputar cinco partidos, xa que a pista de Helsinqui estaba moi danada e non puido xogar os seus partidos, polo que decidise que Ilves xogara os seus partidos fronte a Tarmo (26 de febreiro) e KIF (27 de febreiro) para decidir o campionato: se gañaba ambos se faría co mesmo, mais se ben derrotou a Tarmo no primeiro (8-1), o segundo non se chegou disputar, o mesmo que pasou co partido que debían ter disputado contra Karhu-Kissat de Helsinqui, e que contouse como empate (1-1). Durante esta tempada os xogadores tiveron que seguir defendo as cores doutros equipos.[22]

Durante a Guerra de Continuación tamén faleceron na fronte Erkki Rintala, Olli Lahtinen e Heikki Lahdelma.[23]

Primeiros títulos en Koulukatu[editar | editar a fonte]

En decembro de 1945 Ilves pasou a xogar os seus partidos como local na pista de xeo de Koulukatu.

Na primeira tempada logo da guerra Ilves conseguiu un novo campionato finlandés. As baixas de Matti Wasama e Seppo Jaakkola, o equipo reforzouse coa incorporación de varios xogadores do seu equipo júnior. O campionato comezou cun derbi fronte a TBK, no que o lince se impuxo 0-2, ao que seguiron outras dúas vitorias máis fronte a TPS e Tarmo, reunindo por primeira vez a máis de mil persoas fronte aos primeiros. A pesar dos empates fronte a HJK e HSK, as vitorias nas tres últimas xornadas fronte a K-Kissat (3-1), ÅIFK (7-2) e KIF (7-2) na casa foron abondo para sumar 14 puntos e así superar ao Tarmo de Hämeenlinna (que conseguiu un punto menos), e proclamarse campións por cuarta vez na súa historia nun final de liga moi igualado que non se decidiu ata a derradeira xornada. Osmo Huhti e Aarne Honkavaara lideraron o equipo con 10 puntos cada un, se ben Honkavaara tan só disputou tres encontros nos que anotou 7 goles, un menos que Huhti, o máximo goleador do equipo na tempada.[24]

Ilves revalidou o título os dous anos seguintes. A tempada 1945-46 foi a primeira que o equipo disputou na pista de Koulukatu, a onde se trasladaron o 14 de decembro de 1945 e que inicialmente tiña capacidade para 4 500 persoas. Os linces gañaron os oito partidos que disputaron esa tempada. A pesar das baixas dalgúns xogadores, o equipo mantivo a mesma base que a tempada anterior. Ilves comezou de xeito brillante a tempada con dúas goleadas en Turku fronte a ÅIFK (2-21) e TPS (3-12), e outras dúas na casa fronte aos outros dous equipos de Tampere: TaPa (12-2),[e] que regresaba ese ano ao campionato de Finlandia, e TBK (19-4). O campionato decidiuse na penúltima xornada, na que se enfrontaron os únicos equipo que optaban ao título no momento: Ilves e Tarmo. O partido, marcado pola igualdade e que se decidiu a favor do equipo de Tampere (7-5) no último terzo, bateu o récord de asistencia con 3 000 persoas nas bancadas de Koulukatu. Esa tempada salientou a figura de Aarne Honkavaara liderou o equipo en goles (25), asistencias (10) e puntos (35), superando todos os rexistros individuais ata a data.[26]

Tamén en 1946 o equipo xogou o seu primeiro partido internacional logo da guerra fronte ao IK Göta de Estocolmo en Koulukatu ante 2 000 persoas o 14 de xaneiro, nun partido no que os suecos se fixeron coa vitoria por seis goles a tres.[26]

En 1947 chegou o sexto título do equipo, e terceiro consecutivo. Antes do inicio da tempada Ilves xogou a súa primeira xira no estranxeiro, disputando cinco partidos en Suecia, dos cales gañou dous e perdeu tres. O equipo experimentara poucas mudanzas respecto ao bloque que gañara o campionato a tempada precedente. A pesar do bo inicio do equipo na competición doméstica, no que marcaron 81 goles nos cinco primeiros encontros, o 19 de febreiro dese mesmo ano na súa visita a Tarmo en Hämeenlinna, Ilves encaixou a súa primeira derrota dende o 21 de febreiro de 1943. Ilves e Tarmo, xunto con TBK, finalizaron empatados na cabeza da clasificación, polo que os dous primeiros (que contaban coa mellor diferenza de goles) disputaron un desempate no que se acabou impoñendo o equipo de Tampere con contundencia (10-2) en Koulukatu ante 3 000 persoas. Unha vez máis Honkavaara liderou o equipo en todas as facetas, case igualando os rexistros da tempada anterior.[f][27]

As dúas tempadas seguintes Ilves conseguiu dúas medallas de prata, no que foron os dous únicos títulos de Tarmo. No inicio da tempada 1947-48 o equipo conseguiu un récord "eterno" logo de impoñerse a TPS por 31-0 en Tampere, nun partido no que Honkavaara anotaría sete goles. A pesar das goleadas seguinte fronte a TBK (10-1) e ÅIFK (21-5), dúas derrotas consecutivas fronte a HSK (4-3) en Helsinqui e 1-8 na casa fronte a Tarmo ante 4 000 persoas, impediron o cuarto título consecutivo dos linces a pesar de ser o equipo máis goleador con 77 goles en seis partidos. Grazas á diferenza de goles o equipo conseguiu a prata por diante de TBK, e Honkavaara foi o máximo goleador e puntuador da liga por segundo ano.[28] Na tempada seguinte o equipo, liderado novamente por Honkavaara, foi de novo o máis goleador. Logo de vencer a Arsenal, TuPK, TBK e HJK, o campionato decidesse de novo fronte a Tarmo, desta vez en Hämeenlinna, onde o equipo local se impuxo (5-2) ante un Ilves no que Kalle Havulinna e Aarne Honkavaara non se encontraban recuperados de distintas doenzas. Ese día un grupo dunas 700 persoas desprazouse dende Tampere para ver o partido equipadas con trombóns, saxofóns e matracas. Ilves finalizou a tempada con dúas goleadas na casa fronte a HSK (16-1) e K-Kissat (17-1), mais Tarmo non fallou e o equipo tivo que conformarse un ano máis coa medalla de prata.[29]

Na tempada 1949-50 Ilves gañou todos os seus partidos e conquistou un novo título nacional. O bloque mantívose coa única ausencia do segundo porteiro, Keijo Heinonen, que deixou o equipo, e recuperou a Pentti Isotalo. Un ano máis, o enfrontamento con Tarmo marcou o rumbo da competición, a pesar de ser o cuarto partido dunha tempada de sete. Tarmo chegaba a Tampere co mesmo número de vitorias que Ilves, que finalmente se impuxo grazas a un gol de Honkavaara logo dunha asistencia de Kalle Havulinna no minuto 49 de partido. Os tres últimos partidos da tempada fronte a HIFK, TBK e TuPK non foron máis que un trámite, impoñéndose en todos eles con rendas de catro goles ou máis.[30]

En 1951 Ilves converteuse no primeiro equipo en erguer a Kanada-malja.

O formato de competición mudou na tempada 1950-51, pasando a disputarse en dous grupos de cinco equipos cada un, e o campión sairía dunha final a dobre partido entre os campións de cada grupo.[31] Outra novidade da tempada foi a introdución da Kanada-malja (en galego "Copa Canadá"), un trofeo doado pola comunidade finlandesa no Canadá para ser o trofeo entregado ao equipo campión de Finlandia.[32] Ilves finalizou como primeiro clasificado do grupo A logo de gañar todos os seus partidos cunha marxe de canto menos dous goles.[31] Deste xeito o equipo dirixido por Risto Lindroos,[33] clasificouse para a disputa da final fronte a Tarmo, que comezou o 4 de marzo de 1951 na pista de Koulukatu ante 1 750 persoas, e que finalizou con empate (1-1) no marcador. No partido de volta, disputado en Hämeenlinna, Ilves impúxose por 4-3. A nivel individual, Aarne Honkavaara foi unha vez máis o máximo puntuador da competición con 35 puntos nos dez partidos que disputou, e xunto con Keijo Kuusela estableceu un novo récord de asistencias nunha tempada (14).[31]

O noveno campionato do equipo non tardou en chegar, e na tempada seguinte o equipo volveu asinar unha tempada con pleno de vitorias. A pesar da marcha do porteiro Juhani Linkosuo e os xogadores Kalle Havulinna, Tapani Jänne e Tero Jaakkola, o equipo reforzouse coa chegada do defensa Erkki Koisolla e os dianteiros Reino Mäkinen, Räshid Hakimsan e Heikki J. Salminen. Logo de finalizar na primeira posición do grupo A, Ilves enfrontouse na final ao campione do grupo B, HPK. No partido de ida, disputado na pista de HPK, os linces se impuxeron de xeito contundente (1-6), nnun partido no que o xogador de HPK Eero ”Luiro” Salisma agrediu a Honkavaara, polo que logo do partido, a Federación de Hóckey decidiu suspender a Salisma durante todo o partido se volvía repetirse unha situación similar. Poucos minutos despois do inicio do partido de volta en Tampere, Salisma cometeu unha acción ilegal e foi suspendido o resto do partido. A pesar do esforzo realizado polo equipo de Hämeenlinna, o segundo partido caeu tamén de lado de Ilves, que alzou a Kanada-malja por segunda vez consecutiva.[34]

Declive e descenso[editar | editar a fonte]

A pesar dos tres títulos conseguidos as tempadas anteriores, Ilves acusou o cambio de ciclo que se produciu na tempada seguinte, na que o equipo non conseguiu ningunha medalla por primeira vez en 19 anos. O bloque que mantivera o equipo durante anos rompeu cando algúns xogadores cambiaron de equipo ao mudarse a outras cidades, outros finalizaron as súas carreiras, como foi o caso da estrela do equipo, Aarne Honkavaara, quen se retirou prematuramente logo de sufrir unha grave lesión co combinado nacional. O equipo foi reconstruído cos porteiros Ville Jänne e Kalevi Lieke, o defensa Juhani Ruusunen e os dianteiros Aarne Keidasto, Lennart Jaala, Reino Parviainen, Juhani Räsänen e Mönäyver Saadetdin, así como Juhani Linkosuo e Kalle Havulinna, que volveron ao equipo a pesar de que xa se retiraran.[35]

Deste xeito, o equipo finalizou a tempada 1952-53 na terceira posición do grupo A con sete puntos menos que o segundo clasificado, HIFK, e nove menos que Tarmo. Nas catro primeiras xornadas de competición o equipo non coñeceu a vitoria, e mesmo perdeu co pechacancelas, Lukko na casa (1-6) na terceira xornada. Ilves ademais non foi quen de marcar ningún gol nos seus dous enfrontamentos contra Tarmo, encaixando sendas goleadas (5-0 en Hämeenlinna e 0-10 en Tampere).[35] Ao final da tempada, os seus veciños de TBK alzáronse como campións da Kanada-malja por primeira vez na súa súa historia logo de derrotar na final a Tarmo, comezando un ciclo de tres anos como mellor equipo finlandés.[36][37] No plano extradeportivo, o club creou Ilveksen Tuki r.y. para mellorar as súas finanzas, da que Ilkka Poijärvi foi nomeado presidente, e que construíu un hotel-restaurante, e posteriormente, na década de 1960, unha gasoliñeira ao carón do estadio.[35]

Na seguinte tempada Ilves continuou a perder xogadores. Á chegada de Timo Harjunen, Jukka Havulinna, Raimo Kilpiö e Kalevi Rassa sumouse o regreso ao equipo de Tapani Jänne e Lotfi Nasib, sumando todas estas incorporacións unha cifra récord de 19 xogadores para a tempada 1953-54. Se ben o inicio da competición non foi de todo malo, colleitando dúas derrotas (3-1 en Helsinqui fronte a K-Kissat, e 3-2 fronte os seus veciños de TK-V) dúas vitorias na casa fronte a TPS (6-4) e K-Kissat (9-2), e un empate fronte a Tarmo (5-5), as tres derrotas sufridas no tramo final de competición levaron o equipo á última posición do grupo A, e a descender de categoría por primeira e única vez na súa historia.[g] Ademais no derradeiro partido da tempada, na casa de Tarmo, o equipo non foi quen de anotar ningún gol, caendo finalmente por 8-0 ante o penúltimo clasificado do seu grupo.[38]

Volta á elite[editar | editar a fonte]

Un ano durou a travesía do equipo na segunda categoría, xa que o renovado cadro de xogadores, composto por moitos xogadores mozos, evolucionou máis rápido do esperado e gañou o seu grupo e conseguiu o ascenso na tempada 1954-55. Ilves gañou a categoría nunha tempada case impecable na que tan só cedeu puntos na súa visita a Jääpeikot en Valkeakoski (5-5). Na primeira rolda das eliminatorias de ascenso derrotou a ÅIFK (2-6), seguiulle na segunda rolda Kärpät, ao que tamén derrotou con comodidade (4-9), e finalmente na terceira rolda derrotou a Töölön Vesa (7-0). Ademais, na primeira edición da Suomen Cup o equipo conseguiu chegar a final logo de eliminar consecutivamente a Tiikerit, Epilän Esa e HJK, con todo perderon a final fronte a TPS (1-4).[39][40]

No seu regreso á elite para a tempada 1955-56, Ilves finalizou na cuarta posición logo de caer na serie polo bronce fronte aos seus veciños de Tappara. Antes doo inicio da tempada Lotfi Nasib puxo fin á súa carreira e outros xogadores deixaron o equipo. No seu lugar Juhani Lahtinen, Matti Toivola, así como o xogador procedente da liga profesional inglesa Jorma Salmi, chegaron ao equipo, aos que se uniu no segundo partido da tempada Aarne Honkavaara, que realizou un breve regreso xogando ese único partido na tempada. O inicio da tempada de Ilves no grupo A foi bo, con dúas vitorias (a segunda delas por 9-0 fronte a TPS[h]), mais a estas seguíronlle tres derrotas consecutivas. A pesar de finalizar cos mesmos puntos que TK-V, Ilves quedou por diante na táboa, xa tiña unha mellor diferenza de goles, o que lle permitiu xogar a serie pola medalla de bronce a dobre partido fronte a Tappara,[i] segundo do grupo B. No primeiro partidos os peitos de machada fóronse axiña no marcador anotando cinco goles, a posterior reacción de Ilves sería insuficiente (2-5), así como o empate no partido de volta (2-2). Na segunda edición da Suomen Cup Ilves superou as dúas primeiras roldas, mais na terceira caeu eliminado a mans dos seus veciños de TK-V.[43]

O 22 de novembro de 1956 a pista de Koulukatu converteuse na primeira pista de xeo artificial de Finlandia, ao instalarse tubos de conxelación dende a destilaría Pyynikki Oy baixo a pista de Koulukatu.[44]

A tempada 1956-57 Ilves realizou unha tempada perfecta na SM-sarja, onde contou todos os seus partidos por vitorias. O reforzo máis salientable do equipo foi Teppo Rastio, xogador da selección finlandesa que se trasladou a Tampere procedente de Lukko, ademais Honkavaara volveu disputar outro partido máis en Kokkola fronte a Jymy. Os linces acabaron a fase de grupos con 16 puntos, o dobre que o segundo clasificado, Tarmo. Ilves anotou 53 goles e encaixou tan só 19 nos oito partidos disputados. Na final gañou tanto o partido de ida como o de volta fronte a TPS, ambos por unha diferenza de dous goles, se ben no segundo encontro, disputado en Turku ante 4 125 persoas, os da antiga capital adiantáronse no marcador (3-1 logo do primeiro terzo) e finalmente impúxose por 5-7. Ese ano Jorma Salmi foi o maior puntuador da liga con 25 puntos (15+10).[45][44] A pesar do éxito na SM-sarja, Ilves non foi quen de superar a primeira rolda na Suomen Cup, caendo de novo fronte a TK-V (5-3).[44]

Na tempada seguinte Ilves fixo dobrete logo de gañar o campionato finlandés e a Suomen Cup. Logo de dominar o grupo A cun rexistro de 12 puntos (seis vitorias e dúas derrotas), tres máis que Tarmo, os linces víronse as caras na final cos seus veciños de Tappara na que foi a primeira final entre os dous equipos de Tampere. A pesar de que Tappara conseguiu gañar o primeiro partido (6-4), Ilves derrotou aos seus veciños por un contundente 7-1 no segundo partido e levou a final ao terceiro encontro, no que un gol de Raimo Kilpiö asegurou a vitoria (1-3) para os linces nun partido disputado ante 3 865 persoas nas bancadas de Koulukatu.[46] Logo dunha tempada na que o equipo finalizou na parte media da táboa e perdendo todos os partidos contra os outros dous equipos de Tampere, Tappara e TK-V,[47] alzou de novo a Kanada-malja na tempada 1959-60, na que os equipos da cidade ocuparon os tres caixóns do podio.[j] Raimo Kilpiö estableceu un novo récord de puntos (44) e asistencias (21) no campionato. Esa tempada ademais Ilves estaba a crear unha alianza cos outros dous equipos de Tampere e creou unacordo de cooperación con Helsingin IFK para impulsar as relacións internacionais, cedendo xogadores ao equipo capitalino canto menos para un encontro fronte o Hammarby IF sueco, que gañaría IFK.[48]

Traslado a Hakametsä[editar | editar a fonte]

En 1965 construíuse en Tampere o primeiro estadio cuberto de hóckey sobre xeo de Finlandia, o Hakametsän jäähalli, converténdose o moderno estadio na casa do Ilves.[49]

En 1970 finaliza na segunda posición por terceiro ano consecutivo. O equipo consegue estar entre as tres primeiras posicións durante nove anos seguidos, conseguindo dúas medallas de ouro, catro de prata e tres de bronce entre 1963 e 1970. O 15º título do equipo chegou en 1972, coa superestrela canadense Len Lunde (primeiro xogador estranxeiro do Ilves e que tamén adestraría ao equipo).

Entre 1976 e 1982 o equipo sofre unha crise de resultados, non conseguindo ningunha medalla nestes anos, mais en 1985 chegaría o 16º título nacional tras derrotar ao TPS nunha emocionante final ao mellor de cinco partidos na que os de Turku gañaron os dous primeiros partidos e o Ilves conseguiu remontar a final na mellor remontada vista nunca no hóckey finlandés. En 1990 rematou na segunda posición, gañando na final o TPS por catro partidos a dous. En 1998, tras non conseguir ningunha medalla nas sete tempadas anteriores, o Ilves chegou unha vez máis á final baixo a dirección do adestrador ruso Vladimir Jursinov, onde o HIFK de Helsinqui dominou a serie e gañou o título tras vencer en tres partidos (3-0). A última medalla gañada ata o momento polo equipo chegou en 2001, cando conseguiu unha sorprendente terceira posición, mais tan só dous anos despois o equipo viviría a súa tempada máis triste logo de finalizar na derradeira posición na liga, conseguindo porén ao ano seguinte unha meritoria sexta praza baixo a dirección do adestrador checo Vaclav Sykora. En 2005, logo dunha mala tempada de outono, a tripla do canadense Steve Kariya, o checo ex de Atlanta Thrashers Patrik Stefan, e Hannes Hyvönen axudou ao Ilves a conseguir unha meritoria sétima posición, mellorando ao ano seguinte cunha sexta praza.

No 2008 retirouse un dos mellores xogadores do Ilves, Raimo Helminen, rematando a tempada nos cuartos de final fronte ao Oulun Kärpät, que finalmente se faría co título de liga. Con todo, no 2010 o equipo finaliza a liga regular na última posición, gañando a permanencia nos playoffs. Ao ano seguinte, no 2011, o equipo integrado principalmente por xogadores xoves conseguiu unha meritoria oitava posición.

90º aniversario[editar | editar a fonte]

O 26 de xaneiro de 2021 o Museo do Hóckey sobre xeo Finlandés inaugurou unha exposición adicada ao club con motivo do seu 90º aniversario.[50]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os tres primeiros títulos de Tappara foron conquistados baixo a denominación de Tammerfors Bollklubb.
  2. A decisión de xogar o partido decisivo en Tampere fora tomada atendendo ao feito de que Ilves se desprazara tres veces a Helsinqui durate a tempada, mentres que KIF só visitara unha vez Tampere.[10]
  3. Ambos partidos fronte ao equipo de Turku se disputaron en campo neutral, o primeiro deles por non haber xeo abondo no campo do IFK.[12]
  4. Ilves só foi superado nesta faceta por KIF, que se proclamou campión.
  5. A vitoria fronte a TaPa foi a primeira do equipo na súa nova casa.[25]
  6. Na tempada 1946-47 Honkavaara marcou os mesmos goles (25) que na anterior, mais rexistrou unha asistencia menos (9), e polo tanto un punto menos (34) que na tempada precedente.
  7. Ilves era o único equipo que quedaba na SM-sarja que competira na máxima categoría en todas as edicións dende a súa creación.
  8. TPS acabaría proclamándose campión do grupo A e da SM-sarja.[41]
  9. En 1955 TBK mudou a súa denominación por Tappara.[42]
  10. Tappara finalizou segundo, mentres que TK-V gañou o bronce.[48]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Seuran esittely" (en finés). Ilves ry. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  2. "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  3. "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  4. "Reino Lahtinen" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  5. "Kausi 1931-32" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  6. "Kausi 1932-33" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Wacklin 2006, p. 23.
  8. "KAUSI 1933-34" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  9. "KAUSI 1934-35" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de setembro de 2021. 
  10. 10,0 10,1 "KAUSI 1935-36" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de novembro de 2021. 
  11. 11,0 11,1 Wacklin 2006, p. 24.
  12. 12,0 12,1 "KAUSI 1936-37" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de novembro de 2021. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "KAUSI 1937-38" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de novembro de 2021. 
  14. 14,0 14,1 "KAUSI 1938-39" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 13 de marzo de 2022. 
  15. Rovsing, Jesper; Weper, Torsten (24 de setembro de 2021). "Talvisota: Puolustussota 40 pakkasasteessa". Historianet.fi (en finés). Consultado o 13 de marzo de 2022. 
  16. "KAUSI 1939-40" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 13 de marzo de 2022. 
  17. "KAUSI 1940-41" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 13 de marzo de 2022. 
  18. "KAUSI 1941-42" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 13 de marzo de 2022. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "KAUSI 1942-43" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de marzo de 2022. 
  20. Raevuori, Antero; Honkavaara, Aarne (1981). Pelimiehiä, tulisieluja. Tampereen Ilves 50 vuotta (en finés). Tampere: Ilves ry. p. 15. ISBN 951-99323-7-2. 
  21. "Teuvo Hellén" (en finés). eliteprospects.com. Consultado o 16 de marzo de 2022. 
  22. 22,0 22,1 22,2 "KAUSI 1943-44" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de marzo de 2022. 
  23. Aarne Honkavaara; et al. (1989). Kaukalon leijonat – suomalaista jääkiekkoa 60 vuotta (en finés). US-Mediat Oy. p. 19. ISBN 952-90-1338-8. 
  24. "KAUSI 1944-45" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de marzo de 2022. 
  25. "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 17 de marzo de 2022. 
  26. 26,0 26,1 "KAUSI 1945-46" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de marzo de 2022. 
  27. "KAUSI 1946-47" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 17 de marzo de 2022. 
  28. "KAUSI 1947-48" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 17 de marzo de 2022. 
  29. "KAUSI 1948-49" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 17 de marzo de 2022. 
  30. "KAUSI 1949-50" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 17 de marzo de 2022. 
  31. 31,0 31,1 31,2 "KAUSI 1950-51" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  32. Pienimaa, Eemeli (26 de abril de 2016). "SM-liigan mestaruuspytyllä värikäs historia – tiesitkö tämän Kanada-maljasta?". mtv Uutiset (en finés). Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  33. "VALMENTAJAT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  34. "KAUSI 1951-52" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  35. 35,0 35,1 35,2 "KAUSI 1952-53" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  36. "Championnat de Finlande 1952/53" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  37. "Historia". Sumen jääkiekkokirja 2021 (en finés). Helsinqui: Federación Finlandesa de Hóckey sobre xeo. p. 174. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  38. "KAUSI 1953-54" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  39. "KAUSI 1954-55" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  40. "Jääkiekon Suomen Cup tekee paluun" (en finés). leijonat.fi. 2 de xuño de 2017. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  41. "Championnat de Finlande 1955/56" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 19 de marzo de 2022. 
  42. "HISTORIA" (en finés). Tamhockey. Consultado o 19 de marzo de 2022. 
  43. "KAUSI 1955-56" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de marzo de 2022. 
  44. 44,0 44,1 44,2 "KAUSI 1956-57" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 18 de marzo de 2022. 
  45. "Championnat de Finlande 1956/57" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 19 de marzo de 2022. 
  46. "KAUSI 1957-58" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 20 de setembro de 2022. 
  47. "KAUSI 1958-59" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 20 de setembro de 2022. 
  48. 48,0 48,1 "KAUSI 1959-60" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 20 de setembro de 2022. 
  49. Kauhala, Hannu (5 de outubro de 2016). "Perinnesarja, osa 1: Jääkiekkoilu modernisoitui ennen SM-liigaa" (en finés). Liiga.fi. Consultado o 16 de novembro de 2021. 
  50. "Ilves 90 -näyttely Jääkiekkomuseossa" (en finés). VisitTampere.fi. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2021. Consultado o 12 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mustonen, Olli (2001). Veijareita & virtuooseja: tarina legendaarisesta jääkiekkoseurasta 1980-2001 (en finés). Tampere: Poika kotiin Oy. ISBN 952-91-3862-8. 
  • Wacklin, Matti (2006). Sydämenasiana Ilves. Tampere: Ilves. ISBN 952-92-0783-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]