Historia de Ilves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Primeira camisola de Ilves en 1932.

Ilves é un equipo profesional de hóckey sobre xeo fundado o 10 de abril 1931 na cidade de Tampere, Finlandia. Ilves xogou o seu primeiro partido o 24 de xaneiro de 1932 no xeo do lago Näsijärvi, e conquistaron o seu primeiro campionato finlandés en 1936. En total o equipo proclamouse campión de Finlandia 16 veces, quince delas antes da profesionalización da liga, sendo o segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés por detrás dos seus rivais locais de Tappara, que conta cun campionato máis.[a]

Os primeiros partidos de Ilves disputáronse sobre o xeo dos lagos da cidade de Tampere. En 1945 construíuse a primeira pista exterior de hóckey sobre xeo de Finlandia, a Pista de xeo de Koulukatu, onde Ilves comparpartu feudo cos seus veciños de Tappara e Koovee ata a inauguración do primeiro estadio cuberto de Finlandia, o Tampereen jäähalli (máis coñecido como Hakametsä), o 29 de xaneiro de 1965. En decembro de 2021 o equipo se trasladará ao moderno Tampereen Kannen Areena, situado no centro da cidade e con capacidade para 13 330 persoas.

O Museo do hóckey sobre xeo finlandés introduciu ao redor de 50 personalidades relacionadas con Ilves no seu Salón da Fama (coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat, en galego Leóns do hóckey sobre xeo finlandés). O equipo retirou sete números en honor a outros tantos xogadores, e honrou a 24 personalidades do club no chamado "Ilves Hockey Legends".

Fundación e primeiras tempadas[editar | editar a fonte]

O Tampereen lyseo, onde naceu Ilves en 1931.

O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[1] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[1][2]

Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes.[3][4][5] Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0).[6] En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.[7]

En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade.[8] Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.[7]

O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre.[9] Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.[7]

Primeiros títulos[editar | editar a fonte]

Os irmáns Jussi e Risto Tiitola (con camisetas a raias) durante un partido entre Ilves e HJK disputado na pista de Koulukatu-Mariankatu (Tampere) o 30 de xaneiro de 1937. Os membros da familia Tiitola foron pezas chave na consecución dos primeiros títulos do equipo.

En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia. Esa tempada o daquela único equipo representante de Tampere gañou tres dos seus seis encontros, empatando os outros tres. Entre as caras novas do equipo, que perdera a tres dos cinco irmáns Tiitola que xogaran a tempada anterior, salienta o turco Murat Ahsen-Böre, que se uniu a seu irmán. Á vitoria inicial fronte a HSK (5-0) seguíronlle outras dúas fronte a HJK en Kamppi (Helsinqui) Poor 3-4, e outra nova vitoria na casa fronte a KIF (3-0). Nos tres últimos partidos o equipo colleitou tres empates fronte a HSK e KIF (1-1) en Helsinqui fronte a KIF en Tampere (6-6), un partido trepidante que non se puido decidir sequera logo da prórroga. Deste xeito Ilves e KIF finalizaron empatados a puntos na clasificación. Se ben estaba preparado para que se xogara o partido de desempate en Tampere[b] o domingo 3 de marzo. O equipo de Helsinqui considerou que o lugar no que se debía disputar o encontro non era axeitado, e aínda que se propus atrasar a hora do mesmo, KIF negouse a jogar por diversos motivos. Finalmente o campionatoo resolveuse de xeito infrecuente mediante votación da Asemblea de Hóckey, que finalizou cun resultado de 22-19 favorable a Ilves. A nivel individual volveu salientar Jussi Tiitola, que conseguiu un rexistro de 10+0 puntos, así como o maior rexistro de goles nun único partido (catro), pola súa banda o seu irmán Risto conseguiu o maior rexistro de puntos nun único partido con catro.[10][11]

Na tempada seguinte Ilves conquistou de novo o campionato nacional sen perder ningún partido. O equipo comezou a tempada adestrando durante o verán e o outono, mantendo case o mesmo bloque que se proclamara campión a tempada precedente, coas únicas baixas de Matti Tiitola, que deixou o equipo, e Lasse Melart, que morrera no exército, e coa chegada de Seppo Jaakkola. A tempada volveu estar marcada pola loita entre Ilves e KIF polo campionato, e de feito os dous partidos que xogaron contra o equipo de Helsinqui foron os únicos que non gañaron, rexistrando dous empates: 3-3 no primeiro choque da tempada disputado na capital finlandesa, e no que os de Tampere remontaron un 2-0 en contra para poñerse cun 2-3 que acabaría sendo neutralizado por un disparo dende 20 metros do xogador local Sjöberg; e 2-2 en Tampere. Ese ano o equipo logrou a maior goleada da súa daquela curta historia logo de derrotar a Åbo IFK (ÅIFK) de Turku en Helsinqui.[c] A pesar da igualdade entre KIF e Ilves, o título caeu do lado de Ilves logo de que HJK sorprendera a KIF (3-2) no derbi da capital no derradeiro partido da tempada. Novamente Jussi Tiitola volveu ser o xogador máis salientable da tempada, ao rexistrar 14 puntos e 11 goles en total, liderando o seu equipo en ambas facetas.[12]

Equipo de Ilves campión de Finlandia en 1938.

Tan só catro partidos se xogaron na tempada 1937-38, que Ilves contou por vitorias. Logo de que Niilo Tammisalo deixara o cargo de adestrador ao final da tempada precedente, Risto Lindroos fíxose cargo dun equipo que tan só contou coa baixa de Jaakku Huhti. Durante a tempada, que comezou como local en Tampere fronte a ÅIFK, o equipo gañou todos os seus partidos por canto menos dous goles de diferenza. No segundo partido, disputado tamén en Tampere, o equipo rexistrou unha audiencia récord, con en torno a 600 persoas nas bancadas da pista de Koulukatu-Mariankatu para presenciar o encontro fronte ao gran rival de Ilves nas dúas tempadas anteriores, KIF Helsinqui, nun partido que os linces remontarían logo do 0-2 inicial dos capitalinos. Logo da vitoria en Turku fronte a Riento Turku, Ilves chegaba á derradeira xornada igualado co HJK de Helsinqui, co cal o equipo que gañara o partido proclamaríase campión. Ilves acabaría gañando o encontro por catro goles a un, e con el o campionato. Matti Wasama liderou esa tempada o equipo en goles (5) e puntos (7).[13]

O 23 de febreiro de 1938 Ilves xogou o seu primeiro partido internacional ao enfrontarse na casa ao Telefon Club Romania de Bucarest, caendo por 3-5 ante un equipo que na práctica era o combinado nacional de Romanía.[13]

Tempos de guerra[editar | editar a fonte]

En 1942, logo de permanecer invicto durante catro anos, o Ilves perdeu un partido en Hämeenlinna, onde o Tarmo puxo fin a unha xeira de 34 vitorias consecutivas. En 1945 o Ilves alzouse novamente como campión finlandés, revalidándoo novamente os dous anos seguintes, e conseguindo novamente entre 1950 e 1952 outros tres títulos consecutivos sen perder ningún partido.

En 1965 construíuse en Tampere o primeiro estadio cuberto de hóckey sobre xeo de Finlandia, o Hakametsän jäähalli, converténdose o moderno estadio na casa do Ilves.[14]

En 1970 finaliza na segunda posición por terceiro ano consecutivo. O equipo consegue estar entre as tres primeiras posicións durante nove anos seguidos, conseguindo dúas medallas de ouro, catro de prata e tres de bronce entre 1963 e 1970. O 15º título do equipo chegou en 1972, coa superestrela canadense Len Lunde (primeiro xogador estranxeiro do Ilves e que tamén adestraría ao equipo).

Entre 1976 e 1982 o equipo sofre unha crise de resultados, non conseguindo ningunha medalla nestes anos, mais en 1985 chegaría o 16º título nacional tras derrotar ao TPS nunha emocionante final ao mellor de cinco partidos na que os de Turku gañaron os dous primeiros partidos e o Ilves conseguiu remontar a final na mellor remontada vista nunca no hóckey finlandés. En 1990 rematou na segunda posición, gañando na final o TPS por catro partidos a dous. En 1998, tras non conseguir ningunha medalla nas sete tempadas anteriores, o Ilves chegou unha vez máis á final baixo a dirección do adestrador ruso Vladimir Jursinov, onde o HIFK de Helsinqui dominou a serie e gañou o título tras vencer en tres partidos (3-0). A última medalla gañada ata o momento polo equipo chegou en 2001, cando conseguiu unha sorprendente terceira posición, mais tan só dous anos despois o equipo viviría a súa tempada máis triste logo de finalizar na derradeira posición na liga, conseguindo porén ao ano seguinte unha meritoria sexta praza baixo a dirección do adestrador checo Vaclav Sykora. En 2005, logo dunha mala tempada de outono, a tripla do canadense Steve Kariya, o checo ex de Atlanta Thrashers Patrik Stefan, e Hannes Hyvönen axudou ao Ilves a conseguir unha meritoria sétima posición, mellorando ao ano seguinte cunha sexta praza.

No 2008 retirouse un dos mellores xogadores do Ilves, Raimo Helminen, rematando a tempada nos cuartos de final fronte ao Oulun Kärpät, que finalmente se faría co título de liga. Con todo, no 2010 o equipo finaliza a liga regular na última posición, gañando a permanencia nos playoffs. Ao ano seguinte, no 2011, o equipo integrado principalmente por xogadores xoves conseguiu unha meritoria oitava posición.

O 26 de xaneiro de 2021 o Museo do Hóckey sobre xeo Finlandés inaugurou unha exposición adicada ao club con motivo do seu 90º aniversario.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os tres primeiros títulos de Tappara foron conquistados baixo a denominación de Tammerfors Bollklubb.
  2. A decisión de xogar o partido decisivo en Tampere fora tomada atendendo ao feito de que Ilves se desprazara tres veces a Helsinqui durate a tempada, mentres que KIF só visitara unha vez Tampere.[10]
  3. Ambos partidos fronte ao equipo de Turku se disputaron en campo neutral, o primeiro deles por non haber xeo abondo no campo do IFK.[12]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Seuran esittely" (en finés). Ilves ry. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  2. "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de xullo de 2021. 
  3. "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  4. "Reino Lahtinen" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  5. "Kausi 1931-32" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  6. "Kausi 1932-33" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Wacklin 2006, p. 23.
  8. "KAUSI 1933-34" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021. 
  9. "KAUSI 1934-35" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de setembro de 2021. 
  10. 10,0 10,1 "KAUSI 1935-36" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de novembro de 2021. 
  11. Wacklin 2006, p. 24.
  12. 12,0 12,1 "KAUSI 1936-37" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de novembro de 2021. 
  13. 13,0 13,1 "KAUSI 1937-38" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de novembro de 2021. 
  14. Kauhala, Hannu (5 de outubro de 2016). "Perinnesarja, osa 1: Jääkiekkoilu modernisoitui ennen SM-liigaa" (en finés). Liiga.fi. Consultado o 16 de novembro de 2021. 
  15. "Ilves 90 -näyttely Jääkiekkomuseossa" (en finés). VisitTampere.fi. Consultado o 12 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mustonen, Olli (2001). Veijareita & virtuooseja: tarina legendaarisesta jääkiekkoseurasta 1980-2001 (en finés). Tampere: Poika kotiin Oy. ISBN 952-91-3862-8. 
  • Wacklin, Matti (2006). Sydämenasiana Ilves. Tampere: Ilves. ISBN 952-92-0783-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]