Historia de Fukuoka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Xermolo do Xapón[editar | editar a fonte]

A situación xeográfica privilexiada de Fukuoka convertiuna, dende séculos antes da nosa era, en porta de entrada da civilización e cultura chinesas vía Corea no que, por esa mesma influencia, terminaría por amalgamarse coa indíxena (Jomon) no nacemento e conformación dunha cultura xaponesa propia.

Por iso considérase a Fukuoka coma a cidade máis antiga do Xapón. O certo é que na área aparecen os primeiros asentamentos dunha nova cultura, a Yayoi, que no primeiro milenio antes da nosa era pódese considerar a nai de Yamato, que será o inicio da dinastía imperial nipona. O sitio arqueolóxico de Yoshinogari (a 20 quilómetros ao sur) pode ter sido unha protocapital. E na mesma cidade de Fukuoka, o de Itazuke (a carón do aeroporto), datado ao redor do ano 400 a.C., dá conta do elemento primordial que supuxo a revolución: a introdución no Xapón do cultivo do arroz. Tratábase dunha aldea protexida por un amplo foxo fóra do cal estendíanse os campos do cereal[1].

O progreso que reportou o novo cultivo consolidou no lugar nos séculos seguintes un estado vasalo da dinastía Han (do ano 57 d.C. achouse un valioso selo imperial de ouro), chamado Nakoku, que para a terceira centuria, segundo textos dos Tres Reinos, contaba con 20.000 fogares (hai varios asentamentos espallados por todo o área metropolitana [2][3]).

Hakata[editar | editar a fonte]

En 663, xa no período imperial xaponés (Yamato), a capitalidade da illa de Kyushu (e de todo o suoeste do Xapón) foi trasladada por seguridade uns quilómetros ao interior, a Dazaifu. O seu porto vai ser Hakata, primeira denominación de Fukuoka e barrio actual na beira oriental da desembocadura do río Naka.

Alí constrúese o Korokan, institución diplomática e mercantil para os intercambios co continente [4]. Hakata vai ser no período Heian (s. VIII-XII) o porto máis importante do arquipélago converténdose nun centro cosmopolita cunha gran colonia chinesa e grandes importacións de cerámica Tang e Song. Moitos templos de diferentes confesións foron erixidos arredor da baía (shintoístas, budistas, zen).

Muro defensivo en Hakata contra os mongois

Na metade do século XII liberalízase o comercio. O máis poderoso samurai do tempo, Kiyomori Taira, constrúe en 1161 unha illa artificial (Okinohama) coma peirao para o tráfico portuario no que ata entón era só un excelente fondeadeiro natural. É o comezo do moderno porto de Hakata (Sodeno Minato). Á illa únense aos templos-monasterio mediante pontes[5][6].

O comercio co continente frorece inda máis e a afluencia de novos continxentes de estranxeiros increméntase dando lugar a barrios (xeralmente de chineses) coñecidos coma daitougai. Non se reducirá, mesmo ao contrario crecerá despois de que en 1274 a nova dinastía mongola que goberna China, os Yuan de Kublai Khan tentan invadir o Xapón. O punto de entrada será a baía de Hakata. Os xaponeses constrúen unha liña de fortificacións ao longo da baía (1276)[7]. Pero será un vento divino (kamikaze) o que destrúe a frota inimiga o que salvará ao país (1281).

Fukuoka[editar | editar a fonte]

En 1587, tralas guerras civís que provocaron o incendio e devastación de Hakata, Toyotomi Hideyoshi, o unificador do país, reconstrúe a cidade cun plan urbano coñecido coma Taiko Machi-wari ou división en doce bloques (nagare)[8]. Ademais a declara cidade autónoma libre de impostos, gobernada polos cidadáns e prohibida aos samurais.

O daimyo herdeiro do distrito, Kuroda Nagamasa, establece en 1601-7 na outra beira do Naka un novo asentamento arredor dun castelo[9] (no mesmo lugar do antigo Korokan, e cun foxo inundado polas augas do río), Fukuoka (polo seu lugar de orixe). Nace así a cidade dual: portuaria e comercial ao leste; señorial dos samurai a oeste[10]. A illa que existía na metade do río desenvólvese, pola súa ambigua posición de fronteira, no hoxe chamado distrito vermello (Nakasu)[11].

Esa estrutura vaise manter ata o fin do período Edo[12]. Coa nova era Meiji (1868), unha reorganización administrativa comporta a unión de ámbalas dúas cidades nunha soa municipalidade (1899, con polémica na elección de Fukuoka coma nome definitivo). O castelo feudal desmantélase en 1871. Tamén é o tempo da chegada do ferrocarril (Estación de Hakata).

O crecemento da cidade no século XX vén da man do de seu porto mediante recheos na baía[13]. A urbe esténdese primeiro ao longo da súa beira, cara o leste e oeste[14]; e despois cara o interior seguindo o val do río Naka[15].

Bombardeada na II Guerra Mundial, a cidade recuperou o pulo á vez do país, tentando dende o sur acadar a importancia que tivo, e competir coas grandes metrópoles xaponesas[16].

Notas[editar | editar a fonte]