Sá de Miranda
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de agosto de 1481 Coímbra, Portugal |
Morte | década de 1550 (>17 de maio de 1558) (76/86 anos) Amares, Portugal |
Lugar de sepultura | Mosteiro de Santa Cruz |
Educación | Universidade de Coímbra |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, dramaturgo |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Obálky knih, The Nuttall Encyclopædia >>>:Miranda, Francesco de |
Francisco de Sá de Miranda, nado en Coímbra o 28 de agosto de 1481 e finado en Amares o 15 de marzo de 1558, foi un poeta portugués, introdutor do soneto e do Dolce Stil Nuovo na lingua portuguesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Francisco de Sá de Miranda naceu en Coímbra: posibelmente o 28 de agosto de 1481 (data en que D. João II subiu ao trono, din os biógrafos). Outros autores apuntan para o 27 de outubro de 1495.[1][2] Medio irmán de Mem de Sá, era fillo de Gonçalo Mendes de Sá, cóengo da Sé de Coímbra e de Inês de Melo, solteira, nobre de Barcelos, orago que contemplaría Dúas Igrexas hoxe en día pertencente ao municipio de Vila Verde. Neto paterno de João Gonçalves de Crecente, cabaleiro fidalgo da Casa Real, e da súa muller Filipa de Sá que viviron en San Salvador do Campo en (Barcelos) e en Coímbra, no episcopado de D. João Galvão. Estudou Gramática, Retórica e Humanidades na Escola de Santa Cruz, onde posibelmente estudou Luís de Camões. Frecuentou despois a Universidade, ao tempo estabelecida en Lisboa, onde fixo os estudos de Leis alcanzando o grao de doutor en Dereito, pasando de alumno aplicado a profesor considerado e frecuentando a Corte até 1521, datándose de entón a súa amizade con Bernardim Ribeiro, para o Paço, compuxo cantigas, vilancetes e espalladas, ao gusto dos poetas do século XV. O Cancioneiro Xeral de Garcia de Resende, impreso en 1516, publica trece poesías do Doutor Francisco de Sá. Os seus versos, á maneira dos trobadores da época, xa revelan o carácter do home e a vivacidade e cultura do seu espírito. Sá de Miranda comezou imitando os poetas do Cancioneiro General de Hernan Castillo, impreso en 1511, glosando, en castelán, os motes ou cantigas de Jorge Manrique e de Garcia Sanchez. Nunca abandonou as formas tradicionais da redondilla, antes e despois de coñecer e aceptar a escola italiana, e de introducir en Portugal o verso decasílabo. Casou con D. Briolanja de Azevedo, filla de Francisco Machado, 2º Señor das Terras de Entre Homem e Cávado (Amares) até ao ano de 1518 en que faleceu. Sá de Miranda e súa esposa D. Briolanja de Azevedo aparecen na adquisición dunha propiedade, cuxa escritura de venda foi asinada na Casa de Castro (freguesía de Carrazedo) no 3 de maio de 1530, polo tabelión e escudeiro da Casa Real Diogo de Arantes.[3] Viviron na Casa da Tapada, da que Francisco Sá de Miranda foi 1º Señor até á súa morte, sita na freguesía de Fiscal en Amares.
Para Sá de Miranda, a poesía non é unha ocupación para oócios de intelectual ou de salóns, como para os poetas que o antecederon, é unha misión sagrada. O poeta é como un profeta, debe denunciar os vicios da sociedade, sobre todo da Corte, o abandono dos campos e a preocupación esaxerada do luxo, que todo corrompe, debe propor a vida sa en contacto coa «madre» natureza, a simplicidade e a felicidade dos labregos.
A el aplícanse perfectamente os seus versos da Carta a D. João III: «Homem de um só parecer, / dum só rosto e d'ua fé, / d'antes quebrar que torcer / outra cousa pode ser, mas da corte homem não é.»
A súa linguaxe é elíptica, sobria, densa, forte, traballada, hermética, difícil de entender e ás veces demasiado dura. Mesmo así, Sá de Miranda é o escritor do século XVI máis lido despois de Camões. A súa verticalidade e a súa coherencia impuxéronse.
Sá de Miranda concibiu as primeiras comedias clásicas portuguesas (Estrangeiros e Vilhalpandos), cuxa recepción polo público, habituado aos autos (de Gil Vicente sobre todo), non foi das mellores. Se os aspectos criticados por Sá de Miranda e a súa intención moralizadora o aproximan moito de Gil Vicente, o escritor afástase deste último polas formas e o ton en que baleira as súas críticas.
Sá de Miranda deixou unha importante obra epistolográfica e unha serie de églogas, entre outros textos. A súa obra foi publicada postumamente, en 1595.
Influenciou decisivamente escritores contemporáneos seus e posteriores, como António Ferreira, Diogo Bernardes, Pero Andrade de Caminha, Luís de Camões, D. Francisco Manuel de Melo ou aínda, máis recentemente, Jorge de Sena, Gastão Cruz e Ruy Belo, entre outros, manifestando algúns textos destes autores nítida intertextualidade con textos mirandinos, sobre todo co tan coñecido soneto «O Sol é grande, caem co'a calma as aves».
Anticipa temáticas como a dos conflitos do eu, de maneira un pouco semellante ao que faría Fernando Persoa, como nos versos: Comigo me desavim,/Sou posto em todo perigo;/Não posso viver comigo/Nem posso fugir de mim
Obra
[editar | editar a fonte]Foi amigo e admirador de Garcilaso de la Vega e lamentou a súa prematura morte na égloga Nemoroso. As súas poesías son sentenciosas e ricas en filosofía moral; o seu estilo correcto e a súa frase pura, como corresponde ao estilo do Renacemento. Introduciu, coa súa égloga Alexo e a Fábula de Mondego, os procedementos do Petrarquismo en Portugal. Non abandonou os metros tradicionais polos italianos e seguiu utilizando ambas as métricas. A maior parte da súa obra está escrita en castelán e deixou setenta e cinco composicións neste idioma. Destacan, ademais da xa citada égloga Nemoroso, a égloga Celia, que contén alusións ao grande poeta toledano. Tamén son excelentes as elexías á morte do príncipe D. João de Portugal, a Antonio Ferreira etc. Entre as cancións sobresae a escrita en portugués Canção a Nossa Senhora e outra dedicada á Anunciación. Ademais escribiu dúas obras escénicas: Comédia de Vilhalpandos (1560) e Comédia dos estrangeiros (1569); nesta última atacou os procedementos de Gil Vicente; a pesar das datas, a última en editarse foi compoesta bastante antes cá anterior. Ambas as dúas foron postas no Índice de libros prohibidos en 1624. As súas comedias seguen a tradición de Plauto e Terencio e usan unha linguaxe nobee e elevada. Sobresaen as súas oito Églogas, seis delas escritas en castelán. Das obras de Sá de Miranda fixéronse numerosas edicións (1595, 1614, 1632, 1651, 1677...).[4] Unha das mais conhecidas de teatro e Cleópatra, unha traxedia.[5]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sá de Miranda |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Da Silva, Inocéncio Francisco (1859). Diccionario Bibliographico Portuguez (en portugués). Imprensa Nacional. p. 53.
- ↑ Da Costa e Silva, José Maria (1851). Ensaio Biographico-Critico sobre os Melhores Poetas Portuguezes (en portugués). Imprensa Silviana. p. vol. 2, cap. II, p. 8.
- ↑ Machado, José Sousa (1929). O Poeta do Neiva (en portugués). Braga: Livraria Cruz.
- ↑ "Francisco Sa de Miranda" (en castelán). 2019-09-07.
- ↑ "Sá de Miranda - Biografia". InfoEscola (en portugués). Consultado o 2020-03-19.